O día 3 de xuño de 2025 tivo lugar a sesión do tribunal nomeado pola Resolución do 29 de maio de 2024 (DOG núm. 108, do 5 de xuño) para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso na agrupación profesional de persoal funcionario da Xunta de Galicia, na escala de persoal subalterno da Xunta de Galicia e na escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais da Xunta de Galicia e para o ingreso nas categorías 10B, 10C, 14 e 14A do grupo V do persoal laboral da Xunta de Galicia, convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (DOG núm. 244, do 26 de decembro). Esta resolución de convocatoria foi modificada pola Resolución do 20 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro) e pola Resolución do 6 do febreiro de 2023 (DOG núm. 26, do 7 de febreiro) (corrección de erros DOG núm. 64, do 31 de marzo, e DOG núm. 87, do 8 de maio).
Mediante a Resolución do 21 de novembro de 2024 (DOG núm. 227, do 25 de novembro), este tribunal acordou a publicación da baremación definitiva da fase de concurso de determinadas categorías profesionais. Este baremo configurouse en función do número de prazas convocadas e das puntuacións declaradas previamente polas persoas aspirantes, e avaliáronse, nun primeiro momento, soamente aquelas solicitudes de participación que, dada a puntuación obtida no autobaremo, foron susceptibles de obter unha das prazas convocadas.
Durante o desenvolvemento dos procesos selectivos producíronse varias decisións xudiciais que afectaron a aplicación da regra de cómputo da experiencia profesional para o persoal que tivese prestado servizos de carácter descontinuo e que non foron tidas en conta polas persoas participantes no momento de configurar o seu autobaremo, o que comporta a necesidade de realizar un baremo complementario que inclúa o resto das solicitudes de participación que non foron baremadas provisionalmente, coa finalidade de evitar prexuízos de difícil ou imposible reparación e provocar indefensión para as persoas aspirantes.
Polas razóns expostas, este tribunal acordou mediante a Resolución do 23 de abril de 2025 (DOG núm. 80, do 28 de abril) facer pública unha baremación provisional complementaria do concurso de méritos para o ingreso nas categorías profesionais 10B, 10C, 14 e 14A do grupo V de persoal laboral da Xunta de Galicia, con indicación da puntuación obtida polas persoas aspirantes que non foron baremadas provisionalmente na antedita resolución. A base III.3 da Resolución do 22 de decembro de 2022 establece que, contra a baremación provisional, as persoas aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación ante o propio tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no DOG da dita baremación.
Engade a convocatoria que, á vista das reclamacións presentadas e realizadas, de ser o caso, as oportunas correccións á baremación inicialmente asignada a cada aspirante, o tribunal publicará no DOG a baremación definitiva da fase de concurso.
De conformidade co exposto, examinadas e resoltas as reclamacións das persoas aspirantes ás categorías profesionais 10B, 10C, 14 e 14A do grupo V de persoal laboral da Xunta de Galicia, en sesión do 3 de xuño de 2025, este tribunal
ACORDOU:
Primeiro. Facer pública a baremación definitiva complementaria do concurso de méritos nas categorías profesionais 10B, 10C, 14 e 14A do grupo V de persoal laboral da Xunta de Galicia que se relacionan no anexo desta resolución, con indicación da puntuación obtida polas persoas aspirantes que foron baremadas de acordo coas regras contidas na base III.3 da convocatoria.
A puntuación definitiva obtida polas persoas baremadas reflíctese no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal: https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta
As persoas aspirantes que formularon alegacións á baremación provisional a través de Fides poderán consultar en fides.xunta.gal as respostas motivadas ás súas alegacións.
Segundo. De acordo co disposto na base IV.13 da resolución de convocatoria, contra este acordo poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro competente en materia de emprego público, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2025
José Luis Soto Campos
Presidente do tribunal
ANEXO
Categorías profesionais de persoal laboral en que se publica o baremo definitivo complementario
|
Grupo V. V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia |
|
Cat. 10B. Vixilante fixo de defensa contra incendios forestais |
|
Cat. 10C. Emisorista de defensa contra incendios forestais. Escoita incendios |
|
Cat. 14. Bombeiro forestal |
|
Cat. 14A. Bombeiro forestal condutor |
