Na sesión que tivo lugar o 28 de maio de 2025, o tribunal nomeado pola Resolución do 7 de maio de 2024 (DOG núm. 97, do 21 de maio) (corrección de erros no DOG núm. 99, do 23 de maio), modificada pola Resolución do 27 de maio de 2024 (DOG núm. 107, do 4 de xuño) e do 28 de xaneiro de 2025 (DOG núm. 21, do 31 de xaneiro), para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, nas categorías 3, 4, 5, 6, 9, 35 e 39 do grupo II de persoal laboral da Xunta de Galicia e de persoal laboral propio do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) (grupo II).
Unha vez aprobada nesta mesma sesión a relación da baremación definitiva complementaria das persoas aspirantes nos procesos selectivos para o acceso á categoría 39 do grupo II do persoal laboral da Xunta de Galicia,
ACORDOU:
Convocar o día 13 de xuño de 2025, no estadio municipal Verónica Boquete de San Lázaro, situado na avenida de Fernando de Casas Novoa, núm. 20, 15703 Santiago de Compostela (A Coruña), para a realización da proba física, de conformidade co disposto na base II.7.2. da Resolución do 20 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro) pola que modifica a Resolución do 22 de decembro de 2022 (DOG núm. 244, do 26 de decembro) pola que se convoca o proceso selectivo, as persoas aspirantes da categoría 39 do grupo II do persoal laboral da Xunta de Galicia que se relacionan no anexo publicado no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal: https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta. A convocatoria realizarase en chamamento único segundo a distribución recollida no referido anexo.
Por tratarse dunha proba física complementaria, este chamamento realizarase única e exclusivamente para as persoas aspirantes que non foron convocadas naquel outro realizado o día 29 de novembro de 2024, segundo a Resolución deste tribunal do 21 de novembro de 2024 (DOG núm. 228, do 26 de novembro). En consecuencia, as persoas aspirantes convocadas para a realización das probas o 29 de novembro de 2024 conservarán o resultado do dito chamamento.
As persoas aspirantes deberán acudir á realización da proba provistos dun certificado médico oficial ou informe sobre o seu estado de saúde asinado por un médico colexiado en exercicio, en que conste que non presenta enfermidade ou discapacidade que impida o correcto desenvolvemento dunha proba de esforzo físico. O dito certificado deberá ter unha antigüidade máxima de tres (3) meses respecto da data de realización da proba. A non presentación do dito documento suporá a exclusión da persoa aspirante do proceso selectivo.
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2025
Víctor Gallego Vincent
Presidente do tribunal
