DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Xoves, 5 de xuño de 2025 Páx. 31471

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 36/2025, do 26 de maio, polo que se aproba o cambio de denominación do Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña, que pasa a denominarse Ilustre Colexio Oficial da Profesión Veterinaria da Coruña.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A propia Lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade, Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo a estrutura establecida no Decreto 42/2024, do 14 de abril).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón, no seu artigo 13, que o cambio de denominación dun colexio profesional será por iniciativa do propio colexio, e a súa aprobación realizarase mediante decreto do Consello da Xunta.

Dando cumprimento á dita disposición, o Colexio acordou na asemblea xeral extraordinaria que tivo lugar o 28 de novembro de 2024, conforme o quórum e as maiorías previstos nos seus estatutos, o cambio da denominación.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de maio de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1. Cambio da denominación

Aprobar o cambio de denominación do Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña, que pasa a denominarse Ilustre Colexio Oficial da Profesión Veterinaria da Coruña.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais e os seus Consellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de maio de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes