Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación STL, con domicilio no parque empresarial do Pereiro de Aguiar, vía 3, número 2, no Pereiro de Aguiar (Ourense).
Feitos:
1. O 6 de febreiro de 2025, Pablo Lago Almeida, en representación do Padroado da fundación, presentou a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A Fundación STL constituíuna a entidade Sociedade Textil Lonia, S.A., representada por Josefina Domínguez Fernández mediante escritura pública outorgada o 30 de xaneiro de 2025, ante a notaria de Ourense María Teresa Fernández Carrera, co número de protocolo 189.
Logo do requirimento do 5 de marzo de 2025, a Fundación achega unha dilixencia de emenda da escritura anterior, outorgada o 26 de marzo de 2025 no mesmo lugar e ante a mesma notaria, que corrixe o artigo 25 dos seus estatutos.
3. A Fundación, consonte os artigos 6 e 7 dos seus estatutos, ten por obxecto a promoción, o fomento, o desenvolvemento, a execución e o financiamento de todo tipo de actividades que coadxuven á difusión e extensión da cultura, da arte, da educación, da acción social e asistencial en calquera das súas manifestacións, e pode realizar as seguintes actividades neste sentido:
– A promoción, o desenvolvemento, a protección e o fomento de toda clase de estudos e actividades de carácter cultural e artístico, con especial inclinación cara aos campos da fotografía, o deseño e aqueloutros obxectivos que o Padroado poida decidir no futuro.
– A promoción, o ensino, a difusión e o desenvolvemento da artesanía, traballos tradicionais e oficios dentro da industria da moda.
– A realización de actividades que promovan a sustentabilidade da industria da moda, tanto desde unha perspectiva social como ambiental, en todas as súas etapas da cadea de valor.
– A promoción e realización de actividades de interese educativo, de formación, de desenvolvemento e de integración dos colectivos máis vulnerables e desfavorecidos.
– A promoción do benestar das persoas e da súa contorna, desenvolvendo accións no ámbito dos servizos sociais, asistenciais ou ambientais, co fin de mellorar a súa calidade de vida.
– A cooperación con persoas, organizacións e institucións que destaquen pola súa contribución ao logro dos fins propios da fundación.
– A investigación e o estudo, tanto na súa fase especulativa como na da técnica aplicada, de todas as ciencias, as letras e as artes.
4. O Padroado inicial da fundación está formado pola entidade Sociedade Textil Lonia, S.A., representada por Josefina Domínguez Fernández, como presidenta; Berta Domínguez Rodríguez, como vicepresidenta; Ana Ramos Domínguez, como vogal, e Miguel Ángel Piñón Gamallo, como secretario sen dereito a voto.
5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como mixta da Fundación STL, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.
6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.
7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Consideracións legais:
1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.
2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.
De conformidade co exposto e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 13 de maio de 2025,
DISPOÑO:
Clasificar como mixta a Fundación STL, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; e poderase interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
