DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Luns, 9 de xuño de 2025 Páx. 32300

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2025, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Bueu (expediente IN407A 2025/025-4).

Expediente: IN407A 2025/025-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS, CS para peche CT36CJC9 desde LMTS CII817.

Concello: Bueu.

Feitos:

1. O 3.2.2025, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS, CS para peche CT36CJC9 desde LMTS CII817.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Victoriano González Lemos, colexiado 2980 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e no que figura un orzamento total de 149.147,40 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade realizar o peche do centro de transformación Montemogos (36CJC9) no lugar de Montemogos, na parroquia de Beluso, no concello de Bueu (Pontevedra). Para isto, serán necesarias as seguintes actuacións:

– Proxéctase un novo centro de seccionamento compacto de manobra exterior 3L con envolvente prefabricada de formigón.

– Instalación dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 434 metros de lonxitude desde a LMTS CII817 ata o centro de seccionamento proxectado.

– Instalación doutra LMTS de 448 metros de lonxitude desde o centro de seccionamento proxectado ata o centro de transformación Montemogos (36CJC9).

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Bueu, a Axencia Galega de Infraestruturas e a Deputación Provincial de Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Concello de Bueu.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose, en consecuencia, a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

3. O 29.4.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe concluíndo que non hai impedimento para continuar coa tramitación das autorización administrativas previa e de construción, sempre que se cumpran coas condicións e requisitos establecidos.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3x(1x240), de 434 metros de lonxitude (2x217 m), con orixe e final nos empalmes proxectados na LMTS CII817, facendo entrada e saída no centro de seccionamento proxectado.

– LMTS a 20 kV, con condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3x(1x240), de 448 metros de lonxitude, con orixe no centro de seccionamento proxectado e final no centro de transformación existente Montemogos (36CJC9).

– Centro de seccionamento compacto de manobra exterior 3L, 2 telecontroladas, con envolvente prefabricada de formigón, situado en Montemogos nº 140, na parcela con referencia catastral 36004A012000170001WO.

– A instalación está situada en Montemogos, parroquia de Beluso, no concello de Bueu (Pontevedra).

Conforme ao indicado,

RESOLVO:

Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, CS para peche CT36CJC9 desde LMTS CII817, expediente IN407A 2025/025-4.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE nº 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparamenta eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado dirección final de obra no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 9 de maio de 2025

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra