DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Martes, 10 de xuño de 2025 Páx. 32494

III. Outras disposicións

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2025 pola que se publica a oferta de emprego público do persoal docente e investigador para o ano 2025.

Conforme o disposto no artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (BOE núm. 261, do 31 de outubro); no artigo 20.Un.1 da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, prorrogados para o ano 2025 (BOE núm. 308, do 24 de decembro); nos artigos 12 e 37 da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 (DOG núm. 251, do 31 de decembro); no capítulo IV do título IX da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario (BOE núm. 70, do 23 de marzo); nos estatutos da Universidade da Coruña, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio (DOG núm. 100, do 26 de maio), e modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro (DOG núm. 201, do 17 de outubro); do Acordo do Consello de Goberno, do 27 de marzo de 2025, polo que se aproba a oferta de emprego público (OEP) para o ano 2025 de prazas estables de persoal docente e investigador da Universidade da Coruña, despois da negociación cos órganos de representación do persoal docente e investigador e unha vez obtida a autorización da Consellaría de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia do 16 de maio de 2025, tal e como se determina no artigo 37.Un da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar a oferta de emprego público do persoal docente e investigador da Universidade da Coruña para o ano 2025 como anexo.

Segundo. En aplicación do disposto no artigo 20.Dous.3.I) da Lei 31/2022, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, prorrogados para o ano 2025, o 15 % do total das 11 prazas de profesor/a permanente laboral e 22 prazas de titular de universidade (2 de profesor/a permanente laboral e 3 de profesor/a titular) resérvanse para a incorporación de persoal investigador doutor que superasen a avaliación do Programa de incentivación da incorporación e intensificación da actividade investigadora (I3) ou que obtivesen o certificado como investigador/a establecido/a (R3) dentro do Programa Ramón e Cajal. No caso de que non se utilicen todas as prazas previstas nesta reserva, as sobrantes poderán ofertarse a outras persoas investigadoras de programas de excelencia nacionais ou internacionais que obtivesen o certificado I3 ou R3. As prazas obxecto de reserva que quedasen vacantes poderán acumularse á convocatoria común de quenda libre dese mesmo ano.

Terceiro. O artigo 59 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, prevé a reserva de vacantes ofertadas para ser cubertas por persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no artigo 4.2 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social (BOE núm. 289, do 3 de decembro), sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade, así como a compatibilidade no desempeño das súas funcións. Polo que, na oferta de acceso libre, resérvase un número de prazas para persoas con discapacidade que se distribuirá segundo se establece no anexo de prazas obxecto desta oferta.

Os sistemas de selección desenvolveranse de acordo co establecido no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro (BOE núm. 303, de 17 de decembro), polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade.

Nos concursos estableceranse, para as persoas con discapacidade que o soliciten, as adaptacións e os axustes razoables necesarios de tempo e medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño (BOE núm. 140, de 13 de xuño), pola que se establecen os criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade.

As prazas reservadas para as persoas con discapacidade que queden desertas nos procesos selectivos poderanse acumular á quenda xeral.

Cuarto. As convocatorias dos concursos de acceso derivados desta oferta executaranse dentro do prazo máximo previsto no artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015.

Esta oferta de emprego inclúe as necesidades de recursos humanos de carácter permanente no ámbito docente e investigador con asignación orzamentaria que non poden ser cubertas cos efectivos de persoal existentes, segundo se detalla no anexo.

Esta oferta realízase conforme os requisitos establecidos na Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, prorrogados para o ano 2025.

O artigo 12.Dos da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, establece que a oferta de emprego público adaptarase aos límites e aos restantes requisitos que se establezan na normativa básica estatal, así como ao disposto na Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, sen prexuízo das adaptacións que se poidan derivar da normativa básica.

A oferta de emprego público das mencionadas prazas non afecta o cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria establecidos para a Universidade da Coruña, nin os demais límites fixados na Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira (BOE núm. 103, do 30 de abril).

A Coruña, 2 de xuño de 2025

Ricardo Cao Abad
Reitor da Universidade da Coruña

ANEXO

Oferta de emprego público do persoal docente e investigador
da Universidade da Coruña para o ano 2025

1. Sistema de acceso libre.

1.1. Persoal docente e investigador dos corpos docentes universitarios:

Corpo

Quenda xeral

Discapacidade

Número de prazas

Profesor/a titular de universidade

20

2

22

3 das prazas resérvanse para a incorporación de persoal investigador doutor que superase a avaliación do Programa de incentivación da incorporación e intensificación da actividade investigadora (I3), ou obtivese o certificado como investigador/a establecido/a (R3), dentro do Programa Ramón y Cajal. No caso de que non se utilicen todas as prazas previstas nesta reserva, estas poderanse ofertar a outras persoas investigadores de programas de excelencia, nacionais ou internacionais, que obtivesen o certificado I3 ou R3. As prazas obxecto de reserva que quedasen vacantes poderán acumularse á convocatoria común de quenda libre dese mesmo ano.

1.2. Persoal docente e investigador laboral:

Modalidade de contratación

Quenda xeral

Discapacidade

Número de prazas

Profesor/a permanente laboral

10

1

11

2 das prazas resérvanse para a incorporación de persoal investigador doutor que superase a avaliación do Programa de incentivación da incorporación e intensificación da actividade investigadora (I3), ou obtivese o certificado como investigador/a establecido/a (R3), dentro do Programa Ramón y Cajal. No caso de que non se utilicen todas as prazas previstas nesta reserva, estas poderanse ofertar a outras persoas investigadores de programas de excelencia, nacionais ou internacionais, que obtivesen o certificado I3 ou R3. As prazas obxecto de reserva que quedasen vacantes poderán acumularse á convocatoria común de quenda libre dese mesmo ano.

2. Sistema de acceso promoción interna.

2.1. Persoal docente e investigador dos corpos docentes universitarios:

En aplicación do disposto no artigo 71.2 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, inclúense na OEP para o ano 2025 as seguintes prazas polo procedemento de promoción interna:

Corpo

Quenda xeral

Discapacidade

Número de prazas

Catedrático/a de universidade

14

0

14