DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Mércores, 11 de xuño de 2025 Páx. 32717

IV. Oposicións e concursos

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2025 pola que se publica a oferta de emprego público de prazas de persoal técnico, de xestión e de administración e servizos para o ano 2024.

Tanto o artigo 70 do Estatuto básico do empregado público (Lei 7/2007, do 12 de abril, texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro; BOE núm. 261, do 31 de outubro) como o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (DOG núm. 82, do 4 de maio), establecen a oferta de emprego público como o instrumento de planificación das necesidades de recursos humanos no sector público.

A Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, recolle o seguinte no punto dous do artigo 20: «A oferta de emprego público articularase a través das seguintes taxas de reposición de efectivos: a) Nos sectores prioritarios a taxa será do 120 por cento e nos demais sectores do 110 por cento». No punto 3 do mesmo artigo a Lei sinala os sectores prioritarios para os efectos do cálculo da taxa de reposición: «I) Prazas dos corpos de catedráticos de universidade e de profesores titulares de universidade, de profesores contratados doutores de universidade regulados no artigo 52 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e as prazas de persoal de administración e servizos das universidades, sempre que as administracións públicas de que dependan autoricen as correspondentes convocatorias».

O artigo 36 da Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, establece a oferta de emprego público ou outro instrumento similar de xestión da provisión de necesidades de persoal do Sistema universitario de Galicia:

Un. As universidades públicas integrantes do Sistema universitario de Galicia, respectando as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I dos correspondentes orzamentos de gastos, aplicarán a taxa de reposición máxima establecida na normativa básica ditada ao respecto e con suxeición aos límites e requisitos establecidos para os corpos de catedráticas e catedráticos de universidade e de profesores e profesoras titulares de universidade e mais ás prazas de persoal de administración e servizos.

As correspondentes ofertas de emprego público deberaas autorizar a Consellería de Facenda e Administración Pública, logo de acreditar que a oferta de emprego público das mencionadas prazas non afecta o cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria establecidos para a correspondente universidade nin dos demais límites fixados na Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.

Dous. Dentro das contías máximas autorizadas no artigo 34 desta lei e de acordo co que dispón a normativa básica en materia de taxa de reposición de efectivos, as universidades do Sistema universitario de Galicia poderán proceder de xeito excepcional á contratación de persoal laboral temporal para cubrir necesidades docentes urxentes e inaprazables.

Neste marco, tendo en conta os postos de traballo vacantes da relación de postos de traballo (RPT) vixente, cómpre aprobar a oferta de emprego público para o ano 2024 e establecer os criterios en que debe enmarcarse, de conformidade co previsto no artigo 36 da Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, e no artigo 20 da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023.

O cálculo da taxa de reposición fíxose ao abeiro do disposto no artigo 20.3 da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, aplicando a porcentaxe máxima. Resultou, polo tanto, unha taxa de reposición do 120 %. Así as cousas, na oferta de emprego público xeral do ano 2024 pódense convocar 26 prazas pola quenda libre, das cales o 25 % pode cubrirse por promoción interna (no caso de non facelo, tales prazas pasan á quenda libre). Outras cinco prazas ofértanse pola quenda única de promoción interna.

O artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, apunta os criterios xerais en que se enmarca a oferta de emprego público, sen prexuízo das especificidades que se poidan establecer nas convocatorias respectivas. Deste xeito, o obxectivo da planificación dos recursos humanos no ámbito do emprego público é contribuír á consecución da eficacia na prestación dos servizos públicos e da eficiencia na utilización dos recursos económicos dispoñibles, mediante a determinación dos efectivos precisos e a mellora da súa distribución, formación, promoción profesional e mobilidade.

A oferta de emprego público para 2024 da Universidade da Coruña (UDC) inclúe as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que se deben prover mediante a incorporación de persoal de novo ingreso, tendo en conta o número de xubilacións, excedencias, baixas definitivas e reingresos producidos durante o ano 2023. As prazas especifícanse no anexo I desta resolución. Tamén se recollen prazas de promoción interna para o persoal funcionario de carreira.

Pola súa banda, a oferta de promoción interna independente constitúe un plan de promoción para persoal funcionario que ten en conta a reserva de prazas que derivarían da aplicación da reserva legal e convencional correspondente.

O artigo 59 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, prevén a reserva dunha cota non inferior ao 7 % das prazas convocadas para seren cubertas por persoas con discapacidade, de maneira que cando menos o 2 % das prazas ofertadas sexa para ocupalas persoas que acrediten discapacidade intelectual e o resto das prazas ofertadas sexan para cubrilas persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade.

Considéranse persoas con discapacidade as definidas no número 2 do artigo 4 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social. Deben superar as probas selectivas e acreditar non só a súa discapacidade, senón tamén a compatibilidade desta co desempeño das tarefas e funcións da praza, de xeito que se alcance progresivamente o 2 % dos efectivos totais de cada Administración pública.

De conformidade con todo o exposto, e logo da negociación cos órganos de representación do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos; emitida a preceptiva autorización pola Consellería de Facenda da Xunta de Galicia e conforme o Acordo do Consello de Goberno do 19.12.2024, polo que se aproba a oferta de emprego público de prazas de persoal funcionario técnico, de xestión e de administración e servizos para o ano 2024, a Xerencia da UDC, no uso das atribucións que lle son conferidas no artigo 40 dos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio (DOG núm. 100, do 26 de maio), modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro (DOG núm. 201, do 17 de outubro), e na Resolución do 10 de xullo de 2024 pola que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais da UDC e as competencias dos seus órganos directivos,

RESOLVE:

Primeiro

Publicar a oferta de emprego público do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos para o ano 2024 que se recolle nos anexos desta resolución.

Segundo. Determinar a oferta de emprego público

O anexo I recolle as prazas vacantes con asignación orzamentaria que se ofertan para cubrir as necesidades de recursos humanos mediante a incorporación de persoal de novo ingreso con cargo ao 120 % da taxa de reposición de efectivos prevista para o ano 2024, xunto coa oferta de promoción interna, cuxas prazas pasarán á quenda libre no caso de non cubrirse.

O anexo II contén a oferta de promoción interna separada, de conformidade co artigo 94 dos estatutos da UDC. Esta oferta establece a promoción interna para o persoal funcionario prevista na Lei do emprego público de Galicia.

Terceiro. Acumulación de prazas correspondentes a ofertas de anos anteriores.

As prazas ofertadas de persoal funcionario relacionadas nos anexos desta oferta, xunto coas derivadas das ofertas de emprego público correspondentes aos anos 2022 e 2023 que estean pendentes de convocar, poderán convocarse nun único proceso selectivo.

Cuarto

As convocatorias dos procesos selectivos e as súas bases publicaranse no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado para garantir a publicidade exixida no artigo 91.2 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario.

A Coruña, 2 de xuño de 2025

O reitor da Universidade da Coruña
P.D. (Resolución do 10.7.2024)
María Jesús Grela Barreiro
Xerente da Universidade da Coruña

ANEXO I

Prazas de acceso libre/promoción interna:

Denominación

Escala

Subescala

Subgrupo

Nº de prazas de quenda libre

Nº de prazas de promoción interna

Técnico/a de comunicación

Técnica

Comunicación

A2

1

Auxiliar técnico/a de biblioteca

Axudante/auxiliar

Axudante/auxiliar

C1

3

1*

Posto base administrativo

Xeral

C1

11

3*

Auxiliar de servizos

Técnica

Conserxe/auxiliar de servizos

C2

4

Técnico/a de laboratorio

Técnica

Química

C1

3

1*

Técnico/a de informática

Técnica

Informática

C1

2

Técnico/a de prevención de riscos laborais

Técnica

Prevención riscos laborais

A2

1

Técnico/a de atención á diversidade

Técnica

A2

1

Total de prazas de acceso libre/promoción interna

26

5

* No caso de non cubrirse pasan á quenda libre.

ANEXO II

Prazas de promoción interna:

Denominación

Escala

Subescala

Promoción ao subgrupo

Nº de prazas

Conserxe

Técnica

Conserxe/auxiliar de servizos

C1

5