Ao abeiro do Convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Concello de Pontevedra para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,
RESOLVO:
Convocar o curso que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2025
Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública
ANEXO I
Primeira. Requisitos do persoal participante
Poderán participar nas accións formativas convocadas nesta resolución o persoal directivo, os funcionarios con habilitación de carácter nacional, o persoal da escala de Administración xeral e o persoal da escala administración especial do Concello de Pontevedra cuxo posto de traballo teña relación coa materia impartida, que se encontren en situación de servizo activo (incluído permiso por maternidade ou do proxenitor distinto da nai biolóxica por nacemento, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou familiar) e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.
Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación
As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para estas actividades se indique na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.
Terceira. Solicitudes e prazos
1. O prazo de presentación de solicitudes empezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 18 de xuño de 2025.
2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14:00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.
4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, ao tratarse de actividades impartidas na modalidade de telepresenza, deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:
– Un computador con conexión á internet.
– Un navegador web actualizado.
Para as actividades impartidas na modalidade de telepresenza contarán ademais cun manual de usuario na páxina web da EGAP no seguinte ligazón <https://egap.xunta.gal/formulariosrecursos> onde se indica como acceder a esta plataforma de telepresenza e os compoñentes que o equipamento necesita para un funcionamento básico da plataforma.
6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade etc.) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.
7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 63 35, 981 54 62 53, 981 54 62 54, 981 54 62 57, 981 54 62 73 e 881 99 70 44 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal> en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas).
Cuarta. Protección de datos persoais e comprobación de datos
1. Os datos persoais proporcionados polas persoas interesadas para a xestión das solicitudes de participación na acción formativa convocada a través desta resolución, así como aqueles outros que se recollan ou elaboren con motivo do desenvolvemento desta, serán tratados pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP) na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a selección do alumnado, a impartición da formación e a xestión xeral desta.
A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público conforme ao disposto no artigo 6.1 e) do Regulamento xeral de protección de datos (RXPD), con base no disposto na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública e fundamentada nun interese público esencial (artigo 9.2.g) do RXPD). Os datos identificativos das persoas seleccionadas para participar nesta acción formativa serán publicados conforme o detallado na base sexta desta resolución. Así mesmo, os datos dos alumnos e alumnas relativos a súa participación nesta acción formativa poderán ser comunicados aos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias.
As sesións dos cursos impartidos na modalidade de telepresenza serán gravadas coa finalidade de ofrecer ao alumnado a posibilidade do seu visionado posterior como material de estudo, así como para a resolución de posibles reclamacións. En todo caso, o alumnado, se o considera oportuno, poderá desactivar a súa cámara e/ou micrófono e participar a través do chat de acordo coas indicacións da persoa docente. As devanditas gravacións conservaranse á disposición do alumnado e profesorado durante o tempo que dure a acción formativa ou, de ser o caso, ata que finalice a avaliación do alumnado. A retransmisión das sesións formativas, e a gravación destas, poderá ser accesible unicamente ao profesorado e alumnado a que van dirixidas e ao persoal da EGAP autorizado.
Prohíbese expresamente a descarga, a difusión, a distribución ou a divulgación das gravacións, e, particularmente, a súa compartición en redes sociais xa que estes usos poden conculcar o dereito á protección de datos, o dereito á propia imaxe e os dereitos de propiedade intelectual, e poderían xerar responsabilidade disciplinaria, administrativa ou civil. As gravacións non poderán ser usadas para outros fins fóra do ámbito docente.
As persoas interesadas poderán solicitar ante a persoa responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento por motivos relacionados coa súa situación particular, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e nos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos
2. Conforme ao disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso. Neste caso, a persoa interesada deberá indicalo incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar ademais unha copia dos documentos a cuxa consulta se opón a través do seguinte enderezo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.
3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
5. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.
Quinta. Criterios de selección
Unha vez recibidas as solicitudes correctamente, asignaranse as prazas no curso por orde de inscrición ata esgotar o total de prazas entre os solicitantes que cumpran os requisitos establecidos na base primeira «persoal participante» do anexo I desta resolución.
Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado
dA EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas admitidas, en reserva e excluídas para participar en cada curso, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
Sétima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e o seguimento da actividade de telepresenza
1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.
2. A renuncia.
a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.
Para formalizar a renuncia poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.
O prazo para presentar escrito de renuncia iniciarase a partir da publicación da listaxe de persoas admitidas, en reserva e excluídas e finalizará tres días antes do inicio da actividade formativa.
b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:
1º. Por causa de forza maior suficientemente acreditada.
2º. Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.
3º. Por razóns de conciliación familiar.
4º. Por outras causas xustificadas documentalmente.
O feito de non contar co software correspondente a cada actividade e indicado no anexo II desta resolución non se considerará causa xustificada para renunciar fóra de prazo á actividade formativa.
3. A asistencia e o seguimento das actividades formativas:
3.1. Seguimento das actividades presenciais e telepresenciais:
a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e máis a puntualidade.
b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.
c) As faltas de asistencia:
1.Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais ou telepresenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.
2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais ou telepresenciais pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.
Oitava. Superación da actividade formativa
Para poder superar a actividade é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:
– A asistencia ás sesións de telepresenza.
– A adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final.
– Superar unha proba de avaliación que se realizará ao final dela.
Novena. Certificados
Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.
Décima. Facultades da EGAP e o Concello de Pontevedra
1. A EGAP e o Concello de Pontevedra poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.
2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Concello de Pontevedra reserva para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.
3. A EGAP e Concello de Pontevedra garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.
ANEXO II
Código: CV25078.
Actualización en dereito local.
1. Obxectivos.
Formar o persoal do Concello de Pontevedra en determinadas cuestións de actualidade en dereito local, particularmente en materia de expediente electrónico, arquivo electrónico e xestión de documentos electrónicos, e sistemas de racionalización da contratación pública.
2. Destinatarios/as.
Persoal directivo, funcionarios con habilitación de carácter nacional, persoal da escala de Administración xeral e persoal da escala de Administración especial cuxo posto de traballo teña relación coa materia impartida do Concello de Pontevedra.
3. Desenvolvemento.
Modalidade: telepresenza.
Duración: 21 h.
Edicións: unha.
Datas: 16, 18, 23, 25 e 30 de setembro de 2025 e 2 de outubro de 2025 das 16.30 ás 20.00 horas.
Prazas: 50.
4. Contido.
Módulo I. Expediente electrónico. Cara ao arquivo electrónico único. Xestión de documentos electrónicos. (10,5 horas) -Rexistro electrónico. Relacións electrónicas interadministrativas: SIR, GEISER e ORVE. Rexistro electrónico de apoderamentos. Rexistro de funcionarios habilitados. Oficinas de asistencia e rexistro. -Acto, documento e expediente electrónico. Política de xestión documental e arquivo electrónico. -Intermediación de datos. Da xestión de documentos á xestión de datos -Aplicacións da intelixencia artificial nas entidades locais. Esquema nacional de seguridade e Esquema nacional de interoperabilidade no ámbito da administración electrónica.
Módulo II. Sistemas de racionalización da contratación pública (10,5 horas) -Introdución aos sistemas de racionalización da contratación. A creación e tramitación dun acordo marco. Contratos baseados nun acordo marco. -Deseño e articulación dos sistemas dinámicos de adquisición. Implementación dos sistemas dinámicos de adquisición. -Centrais de contratación. Funcionamento. Adhesión. Funcionamento da contratación centralizada do Estado. -As centrais de contratación das deputacións provinciais. Unha visión desde a perspectiva local.
Proba final: 2 de outubro ás 19.30 horas.
5. Valoración.
Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 25 de xaneiro de 2022 (BOE núm. 26, do 31 de xaneiro), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración de cursos de formación e perfeccionamento a efectos do baremo de méritos xerais do persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,40 puntos.
