DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Xoves, 12 de xuño de 2025 Páx. 32880

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 2 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a recría das razas autóctonas de ruminantes ameazadas de Galicia e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR536C).

As razas autóctonas de Galicia desempeñaron un papel fundamental na gandaría tradicional galega, adaptándose ás condicións climáticas e xeográficas da rexión, e contribuíndo á sustentabilidade dos sistemas de produción agropecuaria durante séculos. Actualmente representan un patrimonio xenético, cultural e produtivo de gran valor para a comunidade. Con todo, nas últimas décadas experimentaron un declive debido a diversos factores, entre os que destacan a intensificación dos sistemas de produción, a falta de substitución xeracional no sector agrogandeiro, a preferencia por razas comerciais de maior rendemento produtivo e as dificultades económicas que enfrontan os pequenos e medianos gandeiros. Como consecuencia, estas razas atópanse ameazadas, o que pon en risco a nosa biodiversidade gandeira e a resiliencia do sector agropecuario.

Conscientes desta problemática, a nivel autonómico estanse a promover diversas iniciativas para a protección do noso patrimonio gandeiro xa que a súa preservación é un obxectivo fundamental para a Consellería do Medio Rural. Os plans de conservación de razas autóctonas establecen medidas para garantir a viabilidade destas poboacións e un dos piares básicos dun programa deste tipo é a reprodución planificada e en pureza destas razas, xa que axuda a ampliar o seu acervo xenético e manter a súa diversidade, claves para a mellora xenética e, polo tanto, para o seu crecemento. Neste contexto, resulta imprescindible instaurar novos mecanismos de apoio aos gandeiros que manteñen e fomentan a recría de animais pertencentes a estas razas, asegurando a súa continuidade e favorecendo a diversificación do sector gandeiro.

Con base no exposto, faise necesario establecer unha liña de axudas específicas destinadas a fomentar a recría das razas autóctonas de ruminantes de Galicia ameazadas. Estas axudas teñen como finalidade incentivar a conservación e recuperación destas poboacións, garantindo a súa viabilidade económica e xenética a longo prazo, e promovendo un modelo de produción sustentable e adaptado á realidade agrogandeira da comunidade.

Por outra banda, as axudas desta orde outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE nº L 352, do 24.12.2013), modificado polo Regulamento (UE) nº 2024/3118 da Comisión, do 10 de decembro de 2024 (DOUE nº L 3118, do 13.12.2024), e quedan condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas destinada a fomentar a recría de femias e machos das razas autóctonas de Galicia indicadas no anexo I desta orde e proceder á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento MR536C).

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta orde será de aplicación ás explotacións gandeiras que estean inscritas nos libros xenealóxicos das razas autóctonas de Galicia indicadas no anexo I na data de finalización do prazo de solicitude.

Artigo 3. Réxime das axudas

1. Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE nº L 352, do 24.12.2013), modificado polo Regulamento (UE) nº 2024/3118 da Comisión, do 10 de decembro de 2024 (DOUE nº L 3118, do 13.12.2024), que quedarán condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 50.000 € durante calquera período de tres anos.

2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario destinado para cada especie.

Artigo 4. Requisitos das persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas físicas e xurídicas titulares de explotacións gandeiras situadas en Galicia, con exclusión das administracións ou entidades do sector público, que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ser titulares dunha explotación que estea inscrita no libro xenealóxico das razas autóctonas de Galicia indicadas no anexo I na data de finalización do prazo de solicitude.

No caso de que se produza un cambio de titularidade durante o transcurso do prazo de solicitude, a persoa que debe solicitar a axuda é o novo titular da explotación.

En caso de fusión de explotación xa existentes, considerarase a data de inicio da actividade a do titular con maior antigüidade.

As persoas solicitantes deberán sinalar no anexo de solicitude a raza ou razas para as que solicita axuda.

2. Deberán estar ao día no pagamento das cotas establecidas pola asociación de criadores oficialmente designada para levar o libro xenealóxico.

3. Ser explotación colaboradora do programa de cría e cumprir coas obrigas do libro xenealóxico e do citado programa.

4. Que a explotación estea de alta no Rexistro de Explotacións Gandeiras de Galicia na data de finalización do prazo de solicitude.

5. Comunicar á súa asociación as incidencias de todos os animais incluídos do libro xenealóxico relacionadas coas anotacións nos rexistros xenealóxicos e no programa de cría.

6. Rexistrar as femias e os machos nados na súa explotación do libro xenealóxico da raza, cumprindo coas obrigacións que fixa a súa regulamentación.

7. Cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

8. Declarar no anexo II (anexo de solicitude) as axudas de minimis recibidas no período dos tres anos previos.

Artigo 5. Requisitos dos animais

1. Os animais subvencionables terán un compromiso de permanencia na explotación durante polo menos 12 meses desde a data de finalización do prazo de solicitude.

2. Para o caso do gando vacún, os animais deben dispoñer de xenotipado e parentesco comprobado pola asociación de criadores. As persoas solicitantes dispoñen dun prazo máximo de 3 meses desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia para enviar esta información directamente ás asociacións.

3. Non son subvencionables, pola perda da condición de reprodutores, os animais castrados.

4. Son causas de exención do compromiso de permanencia citado no punto 1 anterior:

– O falecemento da persoa beneficiaria.

– A incapacidade laboral de longa duración da persoa beneficiaria.

– Catástrofe natural ou accidente que afectase gravemente a explotación.

– Epizootia, recoñecida pola autoridade competente, que afectase unha parte ou a totalidade do gando da persoa beneficiaria.

– Episodios de depredación dos animais da explotación por parte da fauna silvestre ou salvaxe, ou accidentes que impliquen a morte ou sacrificio do animal, cuxa xustificación deberá realizarse dentro do mes seguinte á data do suceso.

– Venda a outra explotación en que concorran os mesmos requisitos que os da explotación beneficiaria da axuda.

Artigo 6. Contía da axuda

1. A contía individualizada da axuda para cada persoa física ou xurídica beneficiaria será, como máximo, de 350 € por animal subvencionable pertencente a algunha das razas de vacún relacionadas no anexo I ou de 60 € por animal subvencionable das razas de pequenos ruminantes relacionadas no anexo I.

2. Serán subvencionables os animais de raza rexistrados no libro xenealóxico correspondente e presentes na explotación na data de finalización do prazo de solicitude da axuda, cunha idade entre 12 e 24 meses para o caso do gando vacún e de idade entre 6 e 18 meses para o caso do gando ovino e cabrún, identificados segundo o recollido no Real decreto 787/2023, do 17 de outubro, polo que se ditan disposicións para regular o sistema de rastrexabilidade, identificación e rexistro de determinadas especies de animais terrestres en catividade.

3. Non se concederán axudas superiores aos 15.000 € por persoa titular, e no caso de persoas titulares que teñan varias explotacións, computaranse na axuda os animais rexistrados subvencionables existentes en todas elas.

4. No caso de que o crédito dispoñible non sexa suficiente para facer fronte ás axudas solicitadas por todas as persoas beneficiarias, procederase ao rateo, segundo o establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. En todo caso, o importe máximo que se percibirá, xunto coas restantes axudas de minimis recibidas, para o período dos 3 anos previos, non poderá ser superior ao establecido no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola, modificado polo Regulamento (UE) nº 2024/3118 da Comisión, do 10 de decembro de 2024 (DOUE nº L 3118, do 13.12.2024).

Artigo 7. Solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. A falsidade do declarado na solicitude determinará a imposibilidade de percibir, se é o caso, a axuda concedida, desde o momento en que se teña constancia da falsidade, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante (de ser o caso).

c) NIF da persoa xurídica solicitante.

d) NIF da entidade representante (de ser o caso).

e) Rexistros das asociacións de criadores oficialmente recoñecidas para levar o libro xenealóxico, así como a información relativa ao cumprimento dos requisitos dos artigos 4 e 5 que deben acreditar estas asociacións.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Concesións de subvencións e axudas.

j) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

k) Concesións pola regra de minimis.

l) Datos e estado das explotacións gandeiras das persoas solicitantes e dos animais no Rexistro de Explotacións Gandeiras de Galicia.

Os datos da letra l) xa figuran en poder da Administración. Comprobaranse de oficio polo órgano xestor mediante a consulta realizada á aplicación Regan da Consellería do Medio Rural.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, excepto a comunicación dos datos de xenotipado sinalada no punto 2 do artigo 5 que as persoas solicitantes deben realizar directamente á asociación de criadores correspondente.

Artigo 11. Tramitación e resolución

1. O órgano competente para a instrución e tramitación do procedemento é a Subdirección Xeral de Gandaría. Unha vez recibidas as solicitudes, serán examinadas polo órgano instrutor que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao/á solicitante, concedéndolle un prazo de 10 días, consonte o artigo 68 da Lei 39/2015. Transcorrido este prazo sen que se producise a emenda ao expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

2. Recibidas e examinadas as solicitudes, o órgano instrutor solicitará ás asociacións de criadores oficialmente recoñecidas para levar os libros xenealóxicos das razas indicadas no anexo I a certificación de que as explotacións das persoas solicitantes cumpren os requisitos, así como do número de animais rexistrados que dan dereito á axuda. Coa solicitude de axuda presentada entenderase que as persoas físicas ou xurídicas titulares posibles beneficiarias autorizan a Administración para realizar a consulta e as asociacións de criadores para facilitar a mencionada información.

3. Efectuadas as comprobacións e análises pertinentes, para a avaliación das solicitudes presentadas constituirase un órgano colexiado constituído para o efecto, integrado por tres persoas funcionarias da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias con categoría non inferior a xefatura de negociado, unha das cales actuará na función de secretaría, e estará presidido pola persoa titular da xefatura do Servizo ou por unha das xefaturas de Área do Servizo de Producións Gandeiras e Benestar Animal, que emitirá un informe que conterá unha relación das persoas solicitantes para as que se propón a concesión de subvención e a contía, así como daquelas para as que se propón a denegación da subvención solicitada. Á vista deste informe, a persoa titular da Subdirección Xeral de Gandaría elevará a proposta de resolución ao órgano administrativo competente, que resolverá as solicitudes presentadas.

4. A resolución do expediente correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de 5 meses desde o día seguinte ao da publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 23 da Lei 9/2007.

5. Informarase a persoa beneficiaria sobre o importe da axuda e sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE nº L 352, do 24.12.2013), modificado polo Regulamento (UE) nº 2024/3118 da Comisión, do 10 de decembro de 2024 (DOUE nº L 3118, do 13.12.2024).

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións de concesión e de denegación das axudas, que producirá os efectos da notificación.

Artigo 14. Recursos administrativos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 10.4, non lle é notificada a resolución á persoa interesada, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpor un recurso potestativo de reposición contra a desestimación por silencio administrativo en calquera momento, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, como sinala o artigo 124 da Lei 39/2015, ou o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Sen prexuízo do anterior, as persoas interesadas poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 15. Xustificación e pagamento das axudas

Tendo en conta a natureza e os fins das axudas reguladas na presente orde, non se precisa de prazo de xustificación da subvención por parte da persoa beneficiaria, xa que todos os datos necesarios son achegados pola persoa solicitante na súa solicitude de axuda, figuran nas bases de datos oficiais do rexistro de explotacións gandeiras ou son certificados polas asociacións de criadores oficialmente recoñecidas para levar os libros xenealóxicos das razas indicadas no anexo I.

A xustificación da subvención operará de maneira automática coa comprobación dos requisitos de admisibilidade das persoas solicitantes da axuda e coa certificación emitida polo mencionadas asociacións. Deste xeito, despois de analizar e validar as solicitudes de axuda e a referida certificación, resolverase e pagarase a axuda.

Artigo 16. Modificación das resolucións de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Financiamento

1. O financiamento das axudas recollidas na presente orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 15.04.713C.770.4 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, na cal existe crédito adecuado para o ano 2025 de 390.000 € (trescentos noventa mil euros). Destes, destinaranse 350.000 € para o pagamento das axudas ás persoas titulares das explotacións de gando bovino e 40.000 € para o pagamento das axudas ás persoas titulares das explotacións de gando ovino e cabrún.

Así mesmo, a distribución de fondos sinalada poderá axustarse segundo a evolución da concesión das axudas, á vista das solicitudes recibidas para cada especie e sempre sen incrementar o importe total.

2. Segundo o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o crédito dispoñible para o financiamento destas axudas poderá ampliarse, previamente á resolución do expediente, se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 18. Reintegro da axuda, infraccións e sancións

A persoa interesada ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, xunto cos xuros de demora xerados desde o seu pagamento nos supostos previstos no artigo 37 da Lei 38/2003.

Artigo 19. Incumprimentos

No caso de incumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita lei, a persoa ou entidade beneficiaria comprométese a reintegrar as cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora que deba aquela, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.

Artigo 20. Control

As persoas beneficiarias deberán someterse ás actuacións de comprobación do cumprimento dos requisitos e das finalidades das axudas acollidas a estas bases, así como ao control financeiro realizado polas entidades competentes e, en particular, pola Consellería do Medio Rural, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano nacional ou comunitario de inspección ou control.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 22. Compatibilidade das axudas

A percepción das subvencións previstas nesta orde será incompatible coa de calquera outra que, para a mesma finalidade e obxecto, puidesen establecer outras administracións públicas ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Disposición adicional primeira. Normativa aplicable

En todas aquelas cuestións non previstas na presente orde será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da citada lei, e nas súas normas de desenvolvemento, sen prexuízo da aplicación das normas de organización e procedemento dispostas na Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional terceira. Protección de datos

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos, e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para ditar instrucións

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar as instrucións precisas para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2025

Mª José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural

ANEXO I

Razas autóctonas de ruminantes de Galicia ameazadas

Gando bovino:

1. Cachena.

2. Caldelá.

3. Frieiresa.

4. Limiá.

5. Vianesa.

Pequenos ruminantes:

1. Ovella Galega.

2. Cabra Galega.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file