A Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. (en diante, CRTVG) é unha sociedade mercantil pública autonómica do artigo 102 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que ten encomendada a xestión do servicio público de comunicación audiovisual competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.
As resolucións do 18 de decembro de 2023 e do 4 de decembro de 2024, do director xeral da CRTVG (DOG núm. 242, do 22 de decembro de 2023, e DOG núm. 250, do 30 de decembro de 2024), aprobaron as ofertas de emprego público correspondentes aos anos 2023 e 2024. A enumeración das prazas que se incluíron nas ofertas, e que son obxecto desta convocatoria, recolleuse nos anexos de ambas as resolucións.
As bases do proceso selectivo están expostas na páxina web da Corporación (http://www.crtvg.gal/). O prazo de presentación de solicitudes abrirase o día seguinte ao da publicación deste anuncio e terá unha duración de vinte (20) días hábiles. Todas as publicacións e notificacións que a partir deste momento se orixinen como consecuencia deste proceso selectivo faranse públicas na indicada páxina web.
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2025
Alfonso Sánchez Izquierdo
Director xeral da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A.
