O Pleno do Concello, na sesión ordinaria realizada o 8 de maio de 2025, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:
«Primeiro. Aprobar definitivamente o documento denominado Estudo de detalle de cubrición de pista exterior do IES Salvador de Madariaga. Febreiro 2025, promovido pola Vicesecretaría Xeral da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e asinado por Juan R. Iglesias Babío e Iván López Veiga, colexiados do COAG números 2663 e 2714, respectivamente.
Segundo. Ordenar a realización dos trámites administrativos recollidos nos artigos 82 e 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e concordantes do regulamento de desenvolvemento desta lei, para procurar a eficacia do acto de aprobación definitiva e a entrada en vigor do estudo de detalle aprobado.
Terceiro. Notificar este acordo ao promotor do documento e aos departamentos municipais interesados na tramitación do expediente».
O contido íntegro do estudo de detalle aprobado pódese consultar fisicamente nas dependencias da Área Municipal de Urbanismo; e de forma dixital na sede electrónica deste concello, na páxina web https://www.coruna.gal/urbanismo, na epígrafe planeamento/planeamento vixente; ou ben, desde a mesma páxina web, a través do visor desenvolvemento do planeamento.
Contra este acordo, con carácter de disposición administrativa de carácter xeral, pódese interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (artigo 84.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 201.1 do seu regulamento), no prazo máximo de dous meses que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de interpoñer calquera outro recurso que se entenda máis procedente e sexa conforme dereito.
Mediante o Decreto 42/2024, do 14 de abril, e o Decreto 49/2024, do 22 de abril, fíxase a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, en virtude do cal a referencia á Vicesecretaría Xeral da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades enténdese referida á Vicesecretaría Xeral da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
A Coruña, 21 de maio de 2025
A alcaldesa
P.D. (Decreto 3531/2024, do 19 de xuño; BOP núm. 123, do 27 de xuño)
Francisco Dinís Díaz Gallego
Concelleiro delegado responsable da Área de Urbanismo,
Rehabilitación e Vivenda
