DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Xoves, 12 de xuño de 2025 Páx. 32986

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 3 de xuño de 2025 pola que se modifica a Resolución do 19 de decembro de 2023 pola que se aproba o Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR701E).

O 19 de decembro de 2023 a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural aprobou o Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (DOG núm. 18, do 25 de xaneiro).

En materia de controis, o marco normativo do Programa de desenvolvemento rural vén determinado polo Regulamento de execución (UE) núm. 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

O artigo 48.5 desta norma establece que os controis administrativos de operacións de investimento incluirán polo menos unha visita ao lugar da operación obxecto de axuda ou ao lugar do investimento para comprobar a súa realización.

Non obstante, a autoridade competente poderá decidir non levar a cabo tales visitas por razóns debidamente xustificadas, tales como que a operación está incluída na mostra de controis sobre o terreo; a autoridade competente considera que a operación é un pequeno investimento, ou ben que o risco de que non se cumpran as condicións para recibir a axuda é escaso, ou que o é o risco de que non se realice o investimento, debendo en todo caso, quedar rexistrada a súa motivación.

A Circular de coordinación 19/2022, pola que se aproba o Plan nacional de controis das medidas de desenvolvemento rural non establecidas no ámbito do sistema integrado para o período 2014-2020 e tamén o Plan galego de controis replican unha redacción na mesma liña, de forma que permiten excepcionar a súa realización por razóns debidamente xustificadas e rexistradas, que deberán comunicarse ao organismo pagador.

Neste contexto figura no expediente un informe asinado polo órgano instrutor do procedemento de concesión das axudas, en que se xustifican as razóns para eximir a realización das visitas in situ ao 100 % das solicitudes de pagamento. As razóns esgrimidas fundaméntanse, en esencia, na condición de Administración pública e carácter de poder adxudicador das entidades beneficiarias que, en canto entidades locais territoriais, actúan con sometemento pleno á lei e ao dereito, así como no alcance do control documental das solicitudes de pagamento. En calquera caso, terase en conta o limiar que para estes efectos establece a normativa autonómica, sen prexuízo de que por debaixo deste se poidan realizar as comprobacións materiais necesarias para constatar de forma suficiente a realización efectiva da actividade subvencionada.

Tendo en conta o anterior, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección da Axencia, do 13 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto),

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 19 de decembro de 2023 pola que se aproba o Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, nos seguintes termos:

O número 2 do artigo 16 do anexo I, que queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 16. Control administrativo da solicitude de pagamento

2. Realizarase unha visita in situ para comprobar o remate dos proxectos subvencionados nos seguintes casos:

– Obrigatoriamente, para todas aquelas operacións cun importe de axuda superior a 60.000 €, de acordo co disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Para aquelas operacións cun importe de axuda inferior a 60.000 €, a Subdirección de Planificación e Dinamización do Medio Rural poderá seleccionar, de xeito aleatorio, unha porcentaxe de expedientes por cada provincia.

– Así mesmo, resérvase a facultade de realizar visitas in situ, de carácter dirixido, naqueles casos en que do control documental do expediente resulten indicios que poidan poñer de manifesto irregularidades no proceso de execución da obra.

Os gastos xustificados deben coincidir cos compromisos adquiridos segundo a resolución de concesión da subvención».

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2025

Mª Paz Rodríguez Rivera
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural