Expediente: IN407A 2024/379-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: Ampliación de potencia do CT Atios (36CRL3).
Concello: O Porriño.
Feitos:
1. O 23.12.2024, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada Ampliación de potencia do CT Atios (36CRL3).
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado pola enxeñeira técnica industrial Susana Casais Pérez, colexiada 2033 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña, e no cal figura un orzamento total de 22.628,47 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade dotar de subministración eléctrica un novo punto de recarga de vehículos mediante a ampliación de potencia do centro de transformación Atios (36CRL3) de 250 kVA a 400 kVA. As actuacións están previstas no lugar da Casilla, na parroquia de Atios, no concello do Porriño (Pontevedra).
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello do Porriño, a Demarcación de Estradas do Estado e a Axencia Galega de Infraestruturas. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello do Porriño e pola Demarcación de Estradas do Estado.
A Axencia Galega de Infraestruturas non emitiu o condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
– Ampliación de potencia do centro de transformación Atios (36CRL3) a 400 kVA, con relación de transformación 15 kV/400 V, alimentado pola liña de media tensión ATI703 procedente da subestación Atios.
– A instalación está situada no lugar da Casilla, Atios, no concello do Porriño (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Ampliación de potencia do CT Atios (36CRL3), expediente IN407A 2024/379-4.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:
1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.
2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE nº 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparamenta eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado dirección final de obra no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 21 de maio de 2025
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
