DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Luns, 16 de xuño de 2025 Páx. 33561

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de maio de 2025, do Departamento Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, dunha instalación eléctrica no concello de Bande (expediente IN407A 2025/018-3).

Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica que se describe a seguir:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio social: avenida San Luis, 77, 28033, Madrid.

Denominación: soterramento da LMT CCH802 no tramo entre os apoios número 128 e número 135.

Situación: lugar de Bande, concello de Bande.

Orzamento: 201.240,97 €.

Características principais do proxecto, que foi asinado o 19.12.2024 polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez, colexiado núm. 2233 do Coeticor.

• Substitución na LMTA CCH802 dos apoios número 128 e número 135 por novos apoios de celosía metálica, do tipo C-14/7000 e do tipo C-16/7000, respectivamente, que realizarán a función de remate de liña. Retensado dos condutores existentes do tipo LA-110 sobre os novos apoios.

• Desmonte do tramo da LMT CCH802 existente entre os apoios proxectados número 128 e número 135.

• Substitución do centro de transformación denominado Grupo Escolar Bande-32CS71 por un novo centro de transformación do tipo prefabricado compacto en superficie de manobra exterior con envolvente de formigón 2L+1P, con transformador de 250 kVA e r/t 20.000/400 V, que se sitúa na mesma localización ca o existente.

• LMTS, a 20 kV, de 1.295 m de lonxitude, en condutor RHZ1-2 OL-12/20 kV 3 (1X240) mm² Al, con orixe no apoio proxectado número 128 e remate no apoio proxectado número 135 da LMT CCH802, despois de realizar entrada/saída no centro de seccionamento existente CCL Bande-32CQ06 e no centro de transformación proxectado que se indica no punto anterior.

A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo deste Departamento Territorial do 11.3.2025, que foi inserido no DOG do 2.4.2025 e no xornal La Región de Ourense do 20.3.2025. O proxecto tamén estivo en exposición pública neste departamento territorial e no portal de transparencia desta consellería durante o prazo regulamentario. Dentro do prazo establecido para iso non foron presentadas alegacións.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta dirección territorial

RESOLVE:

Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública ás devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada persoa interesada se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto arriba sinalado.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 21 de maio de 2025

Alicia María López Míguez
Directora territorial de Ourense