DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Luns, 16 de xuño de 2025 Páx. 33445

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 2 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para a realización de rodaxes audiovisuais en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT207G).

BDNS (Identif.): 838932.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/838932

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas (traballadoras autónomas) ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes, dadas de alta cunha antigüidade mínima, e sen interrupcións, dun ano na epígrafe IAE 961.1, e cun centro de traballo ou oficina permanente de polo menos un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea. Cando a persoa xurídica sexa unha agrupación de interese económico (AIE), os requisitos citados deberán ser cumpridos polo menos por unha das empresas que a integran no momento da súa constitución.

Segundo. Finalidade

A finalidade desta convocatoria é estimular e impulsar a execución de rodaxes audiovisuais en Galicia para, por un lado, fomentar a cadea de valor da industria do sector audiovisual galego co obxectivo de mellorar a súa competitividade, o crecemento sustentable, o mantemento do emprego de calidade das empresas e por outro, situar Galicia como escenario de rodaxes audiovisuais de nivel internacional.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 2 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para a realización de rodaxes audiovisuais en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT207G).

Cuarto. Importe

O importe global máximo para o financiamento da presente convocatoria será de 2.200.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.A1.432B.770.2, código de procedemento 2024-00002 do orzamento de gastos da Axencia Galega das Industrias Culturais, coa seguinte distribución por anualidades:

2025: 900.000 euros.

2026: 1.300.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase aos sete días naturais contados desde o seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 1 de outubro de 2025.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2025

José López Campos
Presidente do Consello Reitor
da Axencia Galega das Industrias Culturais