DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Xoves, 19 de xuño de 2025 Páx. 34297

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos premios Axentes TIC da Rede CeMIT e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento AP401A).

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten por obxectivo recoñecer aquelas iniciativas e dinamizadores (en diante, axentes TIC ou responsables de aula) vinculados á Rede de centros para a modernización e inclusión tecnolóxica (Rede CeMIT) mediante a concesión dos premios Axentes TIC da Rede CeMIT, dado que desenvolven accións de transformación dixital, contribuíndo a reducir a fenda de acceso e uso das tecnoloxías dixitais e mellorando a empregabilidade e as competencias dixitais da cidadanía.

A Rede CeMIT, como espazo en que conflúen os esforzos da Administración autonómica, das entidades locais e da Fegamp, constitúe un entramado de recursos fundamental para a consecución destes obxectivos. O avance das tecnoloxías e dos servizos dixitais fai que as persoas requiran dunha Rede CeMIT que ofreza un servizo de atención personalizado segundo as súas necesidades, así como novos espazos e equipamento tecnolóxico en que poder experimentar, polo que será necesario continuar evolucionando a Rede CeMIT ampliando e adaptando o catálogo de servizos dixitais e transformando e modernizando os espazos das aulas para ofrecer un servizo completo e profesional.

Con base no anterior, e en uso das competencias atribuídas no Decreto 9/2021, do 21 de xaneiro, polo que se suprime o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) e se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Bases reguladoras e convocatoria

1. Constitúe o obxecto desta resolución a aprobación das bases reguladoras para a concesión dos premios Axentes TIC da Rede CeMIT, as cales se xuntan como anexo I a esta resolución (código de procedemento AP401A).

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse os citados premios para o ano 2025.

Artigo 2. Solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 18 de xullo de 2025.

Así mesmo, as solicitudes serán presentadas polas persoas interesadas ou, no caso de presentar candidatura en grupo, pola persoa física designada como voceira do equipo, tendo en conta que o anexo IV desta convocatoria deberá ser presentado por cada unha das terceiras persoas solicitantes.

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos, requirirase a persoa interesada para que a emende no prazo máximo de dez (10) días, indicándolle que, se non o fixese, se dará por desistida a súa candidatura, de acordo co establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Procedemento de concesión

1. Unha vez terminado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento de concorrencia competitiva establecido nas bases reguladoras.

2. O prazo máximo para ditar resolución expresa e notificala ás persoas interesadas será de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao de remate do prazo para a presentación de solicitudes.

3. Transcorrido o prazo sen ditar resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender como desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, de conformidade co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Crédito e normativa reguladora

1. Para o financiamento desta convocatoria está prevista unha dotación orzamentaria máxima de 12.000 euros, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.571A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.

2. Segundo o disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a dotación orzamentaria poderase incrementar sen que se realice unha nova convocatoria, no caso de xerar, ampliar ou incorporar crédito, ou coa existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ás bases reguladoras e ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición adicional primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para que dite as instrucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2025

Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos premios Axentes TIC da Rede CeMIT (código de procedemento AP401A)

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras para os premios Axentes TIC da Rede CeMIT (código de procedemento AP401A).

2. A finalidade deste premio é recoñecer o compromiso e o labor dos/das axentes TIC e responsables de aula, xa que fan posible unha Rede CeMIT máis eficiente e moderna que asegura que a cidadanía conte coas capacidades dixitais para poder participar de forma máis efectiva no novo contexto dixital.

Artigo 2. Procedemento

1. Os premios concederanse por concorrencia competitiva, de acordo co procedemento establecido no artigo 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública.

3. Os premios Axentes TIC serán compatibles con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

1. Poderán participar nesta convocatoria todas as persoas que desenvolvan labores de dinamización no ámbito dunha aula CeMIT (axentes TIC e responsables de aula da Rede CeMIT) mediante a realización de cursos, charlas etc., e que, mediante declaración responsable, acrediten levar a cabo os ditos labores na aula que corresponda durante o ano en curso.

2. A forma de participación realizarase a título individual, agás nos casos en que existan varias persoas responsables da dinamización da aula, que poderán conformar un equipo de traballo (na categoría Axente TIC só se permite a presentación de xeito individual). O número máximo de persoas para conformar unha candidatura é de tres persoas e, neste caso, indicarase expresamente a persoa física designada como voceira do equipo, que será a encargada das comunicacións.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 4. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias deberán cumprir as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as contidas nestas bases, as que se determinen en cada convocatoria e as que figuren na resolución de concesión dos premios.

Artigo 5. Categorías dos premios Axentes TIC da Rede CeMIT

a) Espazo maker: premiarase o/a axente/s TIC ou responsable/s de aula que levase/n a cabo a iniciativa máis creativa, orixinal e mellor desenvolta destinada á infancia, xuventude e/ou adultos. Poderanse presentar iniciativas en que se empreguen algúns dos seguintes complementos tecnolóxicos punteiros: lentes de realidade virtual, drons, kits de robótica, impresoras 3D ou kits de placas de comunicación e programación.

b) Maiores dixitais: premiarase os/as axente/s TIC ou responsable/s de aula que levase/n a cabo a iniciativa máis creativa, orixinal e mellor desenvolta destinada a persoas maiores. Poderanse presentar iniciativas en que se empreguen complementos tecnolóxicos punteiros (lentes de realidade virtual, drons, kits de robótica, impresoras 3D ou kits de placas de comunicación e programación), ou calquera outra iniciativa cunha temática creativa e orixinal.

c) Axente TIC: premiarase o/a axente TIC que supoña un referente polo desempeño dun papel fundamental no proceso de capacitación e apoderamento da cidadanía dentro das aulas da Rede CeMIT. Con esta categoría preténdese recoñecer a dedicación profesional e pór en valor o esforzo e dedicación dos formadores, dado que desenvolven accións fundamentais de transformación dixital, contribuíndo a reducir a fenda dixital e mellorando a empregabilidade e as competencias dixitais da cidadanía. Esta categoría só permite a presentación de solicitudes con carácter individual.

As iniciativas que se presenten para calquera das tres categorías terán que ter sido executadas no período que abarca desde o 1 de xaneiro do ano en curso ata a fin do prazo de presentación de solicitude indicado na convocatoria.

Co obxectivo de facilitar o labor de verificación da data de execución destas, na solicitude deberá indicarse o ID da iniciativa ou proxecto rexistrado na ferramenta de xestión XEA.

Só se admitirá unha actividade ou proxecto para as categorías de Espazo maker e Maiores dixitais, entendendo por proxecto o conxunto de actividades, realizadas cun ou varios materiais, que conten co mesmo fío condutor ou temática única e uns obxectivos comúns. Polo tanto, non se terán en conta listaxes de actividades realizadas que non conformen un proxecto singular, tal e como se indica anteriormente.

Artigo 6. Premios

1. Establécense os seguintes premios para cada categoría:

– Categorías de Espazo maker e Maiores dixitais:

Primeiro premio: as persoas gañadoras recibirán un premio en metálico por importe de:

a) 2.000 euros se se trata dunha solicitude individual.

b) 3.000 euros se a solicitude é dun equipo.

Segundo premio: as persoas gañadoras recibirán un premio en metálico por importe de:

a) 1.000 euros se se trata dunha solicitude individual.

b) 1.500 euros se a solicitude é dun equipo.

– Categoría de Axente TIC:

Primeiro premio: a persoa gañadora recibirá un premio en metálico por importe de 2.000 euros.

Segundo premio: a persoa gañadora recibirá un premio en metálico por importe de 1.000 euros.

2. Todas as persoas premiadas das diferentes categorías do premio gozarán de recoñecemento público a través do acto de entrega, entrevistas para publicación e diploma acreditativo de tal condición.

3. No caso de incumprimento das condicións para a concesión dos premios, suporá a perda do dereito ao cobramento total ou parcial do premio, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades recollida na letra j) do artigo 14.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Instrución

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que se encargará de comprobar que as solicitudes e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta resolución. No suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días. Se non o fixer, terase por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 en relación co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Unha vez que o órgano instrutor verifique as solicitudes e a documentación presentada e feitas as emendas, aquelas candidaturas que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán trasladadas a unha comisión de valoración para o desenvolvemento das súas funcións. Unicamente o anexo III que contén a información relativa aos cursos presentados será trasladado á Comisión de Valoración, de modo que se manteña custodiada a identidade da persoa autora ata que se resolva o procedemento, e será valorado en réxime de concorrencia competitiva conforme os criterios previstos nestas bases.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata a fin do prazo indicado no artigo 2.1 desta.

Artigo 9. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Segundo recolle o artigo 14.3 da Lei 39/2015: «Regulamentariamente, as administracións poderán establecer a obriga de relacionarse con elas a través de medios electrónicos para determinados procedementos e para certos colectivos de persoas físicas que, por razón da súa capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos, quede acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios». Considérase que os/as axentes TIC e responsables de aula da Rede CeMIT, pola súa condición de dinamizadores en competencias dixitais, dispoñen da capacidade e medios electrónicos necesarios para relacionarse coa Administración no marco deste procedemento, polo que se impón a obriga de tramitación electrónica a todas as persoas solicitantes neste procedemento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán cubrir o formulario de solicitude (anexo II).

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

– Ficha de postulación (anexo III).

– Pluralidade de persoas solicitantes (anexo IV), se aplica na súa solicitude.

– De xeito opcional, unha memoria que proporcione máis información sobre a súa candidatura.

– Para a categoría Axente TIC, a persoa interesada deberá presentar unha memoria en que resuma a súa traxectoria como axente TIC da Rede CeMIT.

3. A ficha de postulación (anexo III) contará coas seguintes epígrafes:

– Na categoría Espazo maker: a/s persoa/s interesada/s en participar nesta categoría deberá/n indicar un breve resumo da iniciativa incluíndo ID da actividade, número total de horas e persoas formadas, complemento/s tecnolóxico/s punteiro/s empregado/s, xustificación do fomento das vocacións Steam, xustificación das características como proxecto con carácter interxeracional, xustificación do carácter inclusivo da iniciativa ou proxecto, explicación do impacto social da iniciativa sobre a vida das persoas formadas, e xustificación da orixinalidade da actividade realizada.

– Na categoría Maiores dixitais: a/s persoa/s interesada/s en participar nesta categoría deberá/n describir a iniciativa realizada indicando ID da actividade, competencias dixitais desenvoltas, número total de horas e persoas formadas e, se for o caso, o/s complemento/s tecnolóxico/s punteiro/s empregado/s, xustificación da promoción do envellecemento activo e conexión social, xustificación das características como proxecto con carácter interxeracional; xustificación do carácter inclusivo da iniciativa ou proxecto, explicación do impacto social da iniciativa sobre a vida das persoas formadas, e xustificación das características que outorgan carácter creativo e orixinal á iniciativa.

As epígrafes indicadas anteriormente para cada unha das categorías valoraranse segundo os criterios de avaliación indicados no artigo 16. O non cumprimento dalgún destes criterios non suporá a exclusión deste proceso de valoración.

4. Co obxecto de garantir o anonimato, no anexo III non figurará ningún dato persoal da persoa ou equipo de persoas autoras das propostas.

5. No caso de que se trate dunha candidatura en equipo, os seus membros, exceptuando o representante, deberán cubrir o anexo IV referente á pluralidade de persoas solicitantes.

6. A/s persoa/s interesada/s poderá/n achegar, xunto coa solicitude (anexo II), unha memoria opcional en formato libre que proporcione máis información sobre a súa candidatura. Esta memoria ten que cumprir o seguinte formato: tipografía Arial, tamaño 11 puntos, entreliña de 1,5 e extensión non maior a dez páxinas. A memoria non deberá conter ningún dato identificativo que permita identificar o/a solicitante ou aula CeMIT en que realiza o labor de axente TIC. Aquelas candidaturas que non cumpran con estes requirimentos non serán tidas en conta.

7. A persoa interesada en presentar a súa solicitude na categoría Axente TIC deberá presentar unha memoria obrigatoria co seguinte contido mínimo: número de actividades realizadas, número de persoas formadas en competencias dixitais, principais colectivos a que van dirixidas as actividades, resumo das actividades realizadas (incluíndo ID das actividades) máis innovadoras ou cun maior impacto sobre a cidadanía, xustificación das metodoloxías empregadas, explicación do impacto social da iniciativa sobre a vida das persoas formadas. Adicionalmente, esta memoria ten que cumprir o formato indicado no punto 6 deste artigo. Non se terá en conta, en ningún caso, a información relativa a actividades externas. Aquelas candidaturas que non cumpran con estes requirimentos non serán tidas en conta.

O contido da memoria indicado anteriormente valorarase segundo os criterios de avaliación indicados no artigo 16.

8. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

9. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

10. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

• Candidaturas individuais (anexo II):

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, segundo o caso.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social da persoa solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT da persoa solicitante.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia da persoa solicitante.

f) Certificado de non estar inhabilitado para obter subvencións e axudas.

• Candidaturas en grupo (anexo IV):

a) DNI ou NIE das persoas integrantes do equipo que non actúen como solicitantes.

b) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social das persoas integrantes do equipo que non actúen como solicitantes.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia das persoas integrantes do equipo que non actúen como solicitantes.

d) Certificado de non estar inhabilitado para obter subvencións e axudas.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT das persoas integrantes do equipo que non actúen como solicitantes.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Resolución e réxime de recursos

1. A adxudicación dos premios realizarase mediante resolución do director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, á vista da proposta formulada polo órgano de instrución de acordo coa valoración feita pola Comisión de Valoración.

2. O prazo máximo para ditar resolución expresa e notificala aos interesados será de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao de remate do prazo para a presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución do director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou ben de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido nos artigos 8.2.a) e 14 e 46, respectivamente, da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 16, así como de propoñer a concesión ou denegación dos premios Axentes TIC da Rede CeMIT ás persoas interesadas.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidente: persoa titular da dirección da Área de Sociedade Dixital, ou a persoa que a substitúa.

b) Dous vogais nomeados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia de entre os seus membros.

c) Secretario: persoal funcionario da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

3. Os suplentes serán designados polo presidente da Comisión de Valoración.

4. A Comisión poderá estar asistida por expertos externos que estarán suxeitos ao mesmo réxime de confidencialidade e ás mesmas causas de abstención que os traballadores públicos.

5. Non poderán formar parte da Comisión de Valoración aquelas persoas que participen na verificación das solicitudes, co fin de manter custodiada/s a/as identidade/s da/das persoa/s autora/s ata que se resolva o procedemento.

6. A indicación das persoas concretas que comporán a Comisión de Valoración, así como dos expertos que a asistirán, publicarase antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes na páxina web da Rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal).

7. A proposta de adxudicación dos premios realizarase nun prazo non superior a dous meses contados desde o último día do prazo de presentación.

8. A Comisión de Valoración poderá propoñer deixar deserto o premio, cando ningunha das postulacións presentadas reúna os requisitos exixibles.

9. O funcionamento da Comisión de Valoración regularase polas normas contidas na sección 3ª (órganos colexiados das distintas administracións públicas) do capítulo II, título preliminar, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

10. Os membros da Comisión de Valoración deberán absterse de intervir cando neles concorra algunha das causas previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. Así mesmo, as persoas interesadas poderán promover a recusación de membros da Comisión de Valoración nos casos previstos no parágrafo anterior, de conformidade co establecido no artigo 24 da lei citada.

Artigo 16. Criterios de avaliación

No proceso de avaliación, a Comisión de Valoración terá en conta os seguintes criterios de valoración, segundo as diferentes categorías:

– Na categoría Espazo maker:

1. Fomento das vocacións Steam (competencia científica e matemática): 30 puntos.

2. Proxecto con carácter interxeracional (de avós a netos, pais a fillos ...): 20 puntos.

3. Carácter inclusivo da actividade: tendo en conta colectivos en risco de exclusión social ou con algún tipo de discapacidade e perspectiva de xénero: 20 puntos.

4. Impacto social: como cambiou a vida das persoas formadas, resultados da formación (mellora da calidade de vida, empregabilidade): 20 puntos.

5. Orixinalidade da actividade realizada (tendo en conta a innovación e a creatividade no seu desenvolvemento): 10 puntos.

– Na categoría Maiores dixitais:

1. Promoción do envellecemento activo e a conexión social: como a iniciativa promove a participación activa das persoas formadas no contexto dixital, e como facilita a comunicación con familiares e amigos, así como a participación en comunidades en liña: 30 puntos.

2. Proxecto con carácter interxeracional (de avós a netos, pais a fillos...): 20 puntos.

3. Carácter inclusivo da actividade: tendo en conta colectivos en risco de exclusión social ou con algún tipo de discapacidade e perspectiva de xénero: 20 puntos.

4. Impacto social: como cambiou a vida das persoas formadas, resultados da formación (mellora da calidade de vida, empregabilidade): 20 puntos.

5. Orixinalidade da actividade realizada (tendo en conta a innovación e a creatividade no seu desenvolvemento): 10 puntos.

• Na categoría Axente TIC:

1. Orixinalidade das actividades (tendo en conta a innovación e a creatividade no seu desenvolvemento): 30 puntos.

2. Maior número de actividades realizadas nos últimos doce (12) meses, así como número de persoas formadas en competencias dixitais (non se terán en conta as actividades externas): 20 puntos.

3. Habilidades pedagóxicas e uso de metodoloxías innovadoras: experiencia demostrada en educación dixital e apoderamento da cidadanía para que empregue novas tecnoloxías, enfoques únicos e innovadores aplicados ao ensino: 20 puntos.

4. Impacto social: como as actividades realizadas cambiaron a vida das persoas formadas, resultados da formación (mellora da calidade de vida, empregabilidade): 20 puntos.

5. Orixinalidade na postulación e presentación da candidatura: 10 puntos.

Artigo 17. Publicidade e entrega do premio

1. Publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das persoas beneficiarias dos premios e o importe destes, así como a relación das persoas non beneficiarias, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal).

2. Así mesmo, a Amtega incluirá igualmente os referidos premios nos correspondentes rexistros públicos, incluído o Rexistro Público de Subvencións, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Con todo, as persoas interesadas poderán pedir que non se fagan públicos os seus datos cando poidan afectar a honra e a intimidade persoal e familiar das persoas físicas, segundo o establecido na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio.

3. Os premios entregaranse no transcurso dun acto público que se celebrará para o efecto.

4. A aceptación do premio leva implícito o consentimento para que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia difunda nos medios de comunicación os gañadores dos premios.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas por aquela previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Información e control

1. As persoas beneficiarias do premio quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou polo Consello de Contas, segundo a súa normativa propia.

2. Os premiados estarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 20. Aceptación dos termos da convocatoria e normativa reguladoras

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file