DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Xoves, 19 de xuño de 2025 Páx. 34325

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 28 de maio de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos premios Axentes TIC da Rede CeMIT e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento AP401A).

BDNS (Identif.): 840385.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/840385

Primeiro. Beneficiarias

1. Poderán participar nesta convocatoria todas as persoas que desenvolvan labores de dinamización no ámbito dunha aula CeMIT (axentes TIC e responsables de aula da Rede CeMIT) mediante a realización de cursos, charlas etc., e que, mediante declaración responsable, acrediten levar a cabo os ditos labores na aula que corresponda durante o ano en curso.

2. A forma de participación realizarase a título individual, agás nos casos en que existan varias persoas responsables da dinamización da aula, que poderán conformar un equipo de traballo. O número máximo de persoas para conformar unha candidatura é de tres persoas e, neste caso, indicarase expresamente a persoa física designada como voceira do equipo, que será a encargada das comunicacións.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Segundo. Obxecto

1. Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras para os premios Axentes TIC da Rede CeMIT (código de procedemento AP401A).

2. A finalidade deste premio é recoñecer o compromiso e o labor dos/das axentes TIC e responsables de aula, xa que fan posible unha Rede CeMIT máis eficiente e moderna que asegura que a cidadanía conte coas capacidades dixitais para poder participar de forma máis efectiva no novo contexto dixital.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 28 de maio de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos premios Axentes TIC da Rede CeMIT e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento AP401A).

Cuarto. Importe

1. Para o financiamento desta convocatoria está prevista unha dotación orzamentaria máxima de 12.000 euros, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.571A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.

2. Segundo o disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a dotación orzamentaria poderase incrementar sen que se realice unha nova convocatoria, no caso de xerar, ampliar ou incorporar crédito, ou coa existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ás bases reguladoras e ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 18 de xullo de 2025.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2025

Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia