DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Xoves, 19 de xuño de 2025 Páx. 34149

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 5 de xuño de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR804A).

As políticas de cooperación para o desenvolvemento humano, orientadas a unha real superación da pobreza e as desigualdades, precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade e a equidade, de cara á configuración dunha cidadanía global. Á cooperación internacional propia dos distintos gobernos estatais únese tamén a vontade de cooperación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) para 2030, aprobados pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas o 25 de setembro de 2015, seguindo criterios de eficacia e calidade da axuda. Coa aprobación polo Parlamento de Galicia das sucesivas leis reguladoras da cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e aliviar e corrixir as situacións de pobreza e desigualdade, así como a conformación dunha cidadanía global fomentando a educación para o desenvolvemento e a sensibilización da sociedade galega sobre as realidades dos países empobrecidos, as causas da pobreza, potenciando valores humanistas, de convivencia pacífica, tolerancia, xustiza e igualdade, para a construción dunha cidadanía global, crítica, activa ante as inxustizas e participativa para a construción dun mundo mellor.

No Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, publicado no DOG núm. 101, do 27 de maio, establecéronse no seu artigo 47, punto 1.d), as competencias da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior nesta materia.

Tendo en consideración isto, deben aprobarse as bases reguladoras do ano 2025 para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento de Galicia.

Pola súa vez, procede convocar a concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, de acordo con estas bases reguladoras que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

En atención a estes principios e obxectivos e en uso das atribucións que me confire o Decreto 44/2024, do 14 de abril, polo que se nomean os titulares das consellerías da Xunta de Galicia, e o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo I desta orde para a concesión de subvencións de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento (código de procedemento PR804A).

2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2025 e 2026, de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta orde, por un importe total de 720.000 € (288.000 € no ano 2025 e 432.000 € no ano 2026), que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 05.07.331A.481.0.

3. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras a declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución establecida nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

4. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a orde, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso- Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, de acordo co establecido no artigo 3.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería.

Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición adicional segunda

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO I

Bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento

Axudas a ONGD para proxectos de educación para o desenvolvemento
e a cidadanía global

Artigo 1. Obxecto

Estas bases regulan a concesión de subvencións para proxectos desenvolvidos dentro dalgunha das catro dimensións seguintes (código de procedemento administrativo PR804A):

a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.

b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento, e formación vinculada ao fortalecemento da entidade e da súa base social.

c) Investigación sobre o desenvolvemento.

d) Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade, incluída a elaboración de planificacións, diagnósticos e posicionamentos que fortalezan as organizacións nesta dimensión.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e as agrupacións lideradas por ONGD cos outros axentes de cooperación definidos na lexislación vixente de cooperación para o desenvolvemento.

Non se considerará agrupación de entidades a aquela que estea formada por unha asociación ou federación á que pertenza a devandita organización, ou aquelas en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas. Así mesmo, non terá a condición de entidade agrupada aquela que non participe economicamente na xestión do proxecto, ben con cargo á subvención ou ben con achegas propias.

Artigo 3. Sucesión de entidades

3.1. Con respecto ao cómputo de experiencia en relación cos artigos 4 e 10 destas bases, atenderase ás seguintes regras:

a) Nos supostos de fusión ou absorción, considerarase a suma da experiencia executada por cada unha das entidades preexistentes.

b) No suposto de escisión, considerarase a entidade que conserve a personalidade xurídica preexistente. De non conservarse esta, todas serán consideradas como de nova creación.

c) No suposto de cambio de natureza xurídica, recoñecerase a executada pola entidade orixinaria.

3.2. No caso de se produciren ao longo da vida do proxecto procesos de fusión, absorción ou escisión de entidades solicitantes de subvencións ou calquera outro cambio de natureza xurídica, deberá acreditarse:

a) A disolución das entidades preexistentes.

b) A transferencia de todos os dereitos e as obrigas das entidades preexistentes á/s nova/s entidade/s ou á que permaneza.

c) A constancia nos estatutos da/s nova/s entidade/s ou naquela en que permaneza de que se produciu a mencionada sucesión.

Artigo 4. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes e os proxectos

Non pasarán á fase de valoración as solicitudes presentadas que non cumpran algún dos requisitos seguintes:

4.1. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes e/ou agrupadas:

a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con, polo menos, un ano de antelación ao día de publicación da convocatoria. As comunidades galegas no exterior que consten inscritas no Rexistro de Centros e Comunidades Galegas dependente da Secretaría Xeral da Emigración e as universidades quedan exentas de cumprir este requisito.

b) Ter correctamente xustificadas as axudas recibidas por parte da Xunta de Galicia para as anualidades de 2023 e anteriores doutros proxectos en materia de educación para o desenvolvemento antes da data de presentación da solicitude para esta convocatoria, agás no caso de ter concedida a oportuna ampliación do prazo de xustificación. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso nos casos nos que, sobre as entidades beneficiarias de axudas económicas, recaese resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

c) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4.2. Requisitos dos proxectos:

a) Non estar iniciada a execución do proxecto antes do 1 de xaneiro de 2025, sendo necesario que o seu inicio sexa no propio ano 2025. Nos supostos nos que o proxecto teña carácter anual, deberá executarse, como máximo, ata o 30 de decembro do ano de concesión da subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, deberán executarse, como máximo, ata o 30 de decembro do ano seguinte ao de concesión da subvención.

b) Que se leven a cabo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, os proxectos poderán considerar traballo fóra de Galicia (resto de España, Europa e países prioritarios) sempre que os gastos destas actividades sexan realizados para achegar ás intervencións información e perspectiva dos países do sur e/ou a participación en redes.

c) O orzamento dos proxectos deberá cumprir co que establece o artigo 9. Gastos do proxecto desta convocatoria, en especial, o relativo aos límites máximos establecidos nalgunha das partidas e a imputación adecuada dos gastos.

d) O cofinanciamento do proxecto correspondente á entidade solicitante e a outros financiadores diferentes á Xunta de Galicia non pode ser o 100 % valorizado, ten que existir nalgún caso achega financeira ao proxecto.

e) O emprego dos documentos de formulación normalizados (tanto o técnico como o económico) adaptados á presente convocatoria.

Artigo 5. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

5.1. As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

5.2. As entidades solicitantes poderán presentar un máximo de dous proxectos, ben sexan individuais ou ben en agrupación con outras entidades.

Os proxectos presentados por unha agrupación de entidades contan como un proxecto presentado por cada unha das entidades agrupadas. Polo que respecta ás universidades, esta limitación aplicarase por departamento ou entidade dependente.

Artigo 6. Documentación complementaria

6.1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

Carpeta 1: información relativa á entidade solicitante que, en caso de agrupación de entidades, se deberá xuntar de cada unha das agrupadas.

a) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade. Desta obriga quedarán exceptuadas as universidades no caso das agrupacións de entidades.

b) Memoria da organización en Galicia na que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos. Farase especial mención aos proxectos de educación para o desenvolvemento realizados, así como aos proxectos levados a cabo no ano anterior financiados por entidades galegas, públicas ou privadas.

c) Plan/estratexia de educación para o desenvolvemento en Galicia e/ou plan/estratexia específica nas áreas de educación, formación, sensibilización, investigación, ou incidencia e mobilización social da organización en Galicia para os seguintes anos na que se enmarca o proxecto presentado ou, no seu caso, o Plan continuo de mellora ou de fortalecemento da entidade.

d) A/as entidade/s agrupada/s distinta/s da solicitante deberán xuntar unha declaración de que se atopa ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e coas obrigas de reintegro de subvencións e non estar incursa/s en ningunha das restantes circunstancias previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, segundo o modelo do anexo III.

e) No caso de agrupación de entidades deberá xuntar o contrato ou acordo de colaboración asinado polas persoas que ostenten a representación legal das entidades polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os que se lle concedeu a subvención.

No contrato ou acordo de colaboración entre as entidades agrupadas designarán unha persoa que ostente a representación legal, que necesariamente pertencerá á entidade solicitante, e un enderezo único para os efectos de notificacións. Así mesmo, deberán facer constar, como mínimo, os seguintes aspectos:

– Compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como os importes da subvención e as achegas propias para executar por cada unha delas en cada anualidade.

– Compromiso da entidade solicitante de responsabilizarse do control financeiro e contable unificado do proxecto e de comunicación perante a Xunta de Galicia de todos os ingresos e gastos do proxecto.

A agrupación non poderá disolverse, con respecto ás responsabilidades adquiridas da axuda concedida polo proxecto subvencionado pola presente convocatoria, ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos desde a finalización da execución do proxecto. No caso das universidades o contrato ou acordo de colaboración deberá ser asinado polo seu representante legal.

f) No caso de agrupación de entidades na que participen as universidades, estas incluirán unha certificación, expedida pola persoa que ostente a representación legal segundo o establecido ao respecto na normativa de universidades e nos respectivos estatutos, autorizando a participación no proxecto e autorizando, así mesmo, o compromiso de gasto correspondente.

g) No caso de agrupación de entidades na que participen os axentes de cooperación que pola súa natureza xurídica posúan ánimo de lucro achegarán documento de compromiso de non obter ningún beneficio da operación. O devandito documento estará asinado pola persoa que ostente a representación legal da entidade.

Carpeta 2: información sobre o proxecto de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global.

A información sobre o proxecto presentarase nos seguintes documentos normalizados que poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega https://cooperacion.xunta.gal/

– Formulario de presentación do proxecto, en formato PDF, Word/ou o correspondente en Libreoffice.

– Orzamento do proxecto, en formato Excel/ ou o correspondente en Libreoffice.

Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.gal

6.2. A falta de documentación e/o información nalgunha das carpetas 1 e 2 impedirán a avaliación do proxecto se non se procede á súa emenda dentro do prazo establecido no artigo 11 da presente orde. Quedará excluído de emenda o non envío ou envío noutro formato os documentos normalizados de formulación técnica e económica da carpeta 2 non incorporados coa solicitude inicial.

6.3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

6.4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6.5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número do expediente, se se dispón del.

6.6. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente, tanto da entidade solicitante como da/s entidade/s agrupada/s no seu caso, os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– NIF da entidade solicitante e agrupada, se é o caso.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ao día do pagamento das obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións.

– Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de estar ao día nos pagamentos.

– Certificación da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia de non ter débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

– Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

– Concesión de subvencións e axudas.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo II e III, de ser o caso, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Non obstante o anterior, e en aplicación do establecido no artigo 31.7.i) da Lei 9/2007, do 30 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da anterior, no caso de entidades sen fins lucrativos, bastará coa declaración responsable da persoa solicitante de non estar incursa/s en ningunha das circunstancias previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento, e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, para acreditar atoparse ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e non ser debedor por resolución de procedencia de reintegro, declaración que se considerará suficiente para os efectos de concesión e pagamento da subvención, se é o caso.

Artigo 8. Condicións de financiamento

8.1. Con cargo a esta convocatoria, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE poderá financiar ata un 95 % do orzamento total do proxecto, e non superar en ningún caso a subvención concedida os 37.000 €. Para proxectos que se executen só durante o ano 2025 a subvención máxima concedida será de 26.000 €.

Nos proxectos presentados por varias entidades en agrupación, a subvención concedida non superará o límite dos 47.000 €. Para proxectos en agrupación que se executen só durante o ano 2025, a subvención máxima concedida será de 36.000 €.

8.2. A subvención concedida aos proxectos plurianuais distribuirase do seguinte xeito: o 40 % no ano 2025 e o 60 % no 2026. No caso de que na solicitude de subvención a entidade solicitante non respecte esta porcentaxe, axustarase de oficio pola administración concedente e comunicarase coa resolución de concesión, e entenderase a súa conformidade coa aceptación posterior da subvención da entidade beneficiaria. Esta distribución non será obrigada no caso da última subvención concedida, a cal poderá acadar unhas porcentaxes diferentes en función do crédito que estea dispoñible para cada anualidade.

8.3. A contía mínima que a entidade solicitante deberá achegar a través de fondos propios ou outros nunca poderá comprender financiamento solicitado ou concedido pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, a través de calquera dos medios previstos no V Plan director da cooperación galega. Aceptarase financiamento solicitado ou concedido por outros organismos financiadores que sexan distintos da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, sempre que en ningún caso a totalidade do proxecto quede financiado con fondos da Xunta de Galicia.

As achegas do resto de financiadores non poderán ser na súa totalidade valorizados.

8.4. Os xuros que, se é o caso, xeren os fondos transferidos pola Xunta de Galicia, reinvestiranse en custos directos, de xeito que non poderán ser imputados a custos indirectos.

Artigo 9. Gastos do proxecto

9.1. Gastos subvencionables: todos os gastos do proxecto deberán cumprir as condicións establecidas no presente artigo, con independencia de quen os financie e se considerarán subvencionables tanto os custos directos como os indirectos, agás no suposto de que as entidades solicitantes posúan ánimo de lucro, en cuxo caso se subvencionarán exclusivamente os custos directos.

a) Aqueles derivados da identificación da intervención, ata un máximo de 3.000 € por proxecto, sempre que se realicen tres meses antes da data de presentación da solicitude a esta convocatoria e aqueles gastos derivados do establecemento de liñas de base ata un máximo de 4.000 €.

Para que poidan imputarse á subvención solicitada, tanto a identificación, como a liña de base do proxecto deberán contar coa participación de persoal externo ás organizacións beneficiarias, non podendo ser de carácter interno exclusivamente, neste caso deberán ser financiados coas achegas doutros financiadores.

b) Gastos de alugamento de locais para realizar as actividades incluídas dentro do proxecto (non inclúe aqueles correspondentes á sede da propia organización con cargo á subvención da Xunta de Galicia).

c) Axudas de custo, gastos de desprazamento e seguros de viaxe do profesorado, do persoal adscrito ao proxecto (remunerado e voluntario) e do colectivo destinatario ou participante do proxecto e, cando resulte imprescindible, as remuneracións de profesionais vinculados ás actividades do proxecto: profesorado, conferenciantes, formadores/as, monitores/as, investigadores/as...

O importe máximo a imputar á subvención solicitada á Xunta de Galicia será de 0,26 € por km, de 35 € por axuda de custo completa por manutención e de 18 € para media axuda de custo. No caso de que a organización teña recoñecidos importes superiores, a diferenza deberá ser asumida pola propia organización.

d) Asistencia a seminarios, xornadas e/ou talleres de formación técnica e fortalecemento do persoal, socios/as, voluntariado, xunta directiva da entidade en Galicia, organizados por terceiros. Inclúense matrículas, gastos de viaxe e axudas de custo das persoas asistentes.

e) Gastos propios da actividade de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global, incluíndo a elaboración e o traslado de material vinculado á actividade, así como os gastos de publicidade, e de calquera outro servizo de diagnóstico, sistematización, edición de vídeos ou outros necesarios para a realización da mesma e/ou para actividades de fortalecemento interno da/das entidade/s solicitante/s (non se inclúen os de adquisición de bens inventariables).

f) Gastos de persoal ao servizo do proxecto, debidamente motivados. Poderán incluír salarios, liquidacións proporcionais ao período imputado ao proxecto, seguros sociais a cargo da entidade do persoal afecto á intervención. Queda excluído o persoal da entidade non vinculado á actividade de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global. O persoal vinculado ao proxecto debe ter o seu centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de imputar como gasto as pagas extras, estas deberán computarse en proporción aos meses que o persoal está imputado ao proxecto.

A contía máxima (inclúe o financiamento solicitado á Xunta e máis o doutros financiadores e os valorizados) que se pode imputar a este concepto non superará o 70 % do orzamento total do proxecto, incluído o persoal imputado na partida de custos indirectos.

g) Gastos vinculados ao deseño e elaboración por profesionais externos de plans vinculados coa educación para o desenvolvemento nas súas dimensións de sensibilización, formación, investigación para o desenvolvemento e mobilización social, como de plans de comunicación para o desenvolvemento, plans de igualdade ou de incorporación do enfoque feminista, interseccional e decolonial, que fortalezan as entidades, entre outros.

h) Comisións bancarias producidas na conta do proxecto, derivadas da realización de transferencias como pagamento dos gastos do proxecto.

i) Gastos derivados da avaliación externa da intervención, ata un máximo de 4.000 €. A avaliación externa será obrigatoria no caso dos proxectos que reciban unha subvención igual ou superior a 20.000 €, e naqueles que se desenvolven por fases, a partir da súa segunda fase. A avaliación externa poderá realizarse fóra do prazo de execución do proxecto.

j) Custos indirectos: aqueles gastos da entidade solicitante relacionados co proxecto e asociados á administración, xestión e/ou supervisión, que non poden exceder estes do 10 % do orzamento total do proxecto. Non serán subvencionables no caso de que a entidade sexa unha empresa ou entidade con fin de lucro. O persoal imputado nesta partida computará para o cálculo do límite establecido para gastos de persoal do 70 % do orzamento total.

Estes gastos imputaranse pola entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e coas normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales gastos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

Os gastos correspondentes a teléfono e internet consideraranse incluídos neste punto.

k) En ningún caso se subvencionarán gastos de capital, como adquisición de equipos ou materiais non funxibles, nin gastos en atencións protocolarias (agasallos, xantares, festas, recepcións...), nin gastos derivados de procedementos xudiciais, nin as indemnizacións por despedimento do persoal, nin billetes de avión en primeira clase ou en clase preferente.

l) Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 15.000 € no suposto de prestación de servizos por empresas de consultaría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

9.2. Aceptaranse por parte da entidade solicitante e doutros financiadores (exceptuada a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE) achegas en especie ou valorizacións nos seguintes conceptos:

a) Aqueles derivados da realización da identificación, liña de base do proxecto, sempre que se respecten os prazos e importes establecidos para a súa realización no artigo 9.1, punto a), das presentes bases.

b) Locais para a realización de actividades xustificadas dentro do proxecto (poderanse incluír aqueles correspondentes á propia sede da organización, na proporción que razoablemente corresponda ao desenvolvemento da actividade).

c) Materiais funxibles: poderán valorizarse aqueles directamente adscritos á consecución dos resultados esperados (material funxible que sexa destinado ao exercicio da actividade). Deberase presentar a valorización do achegado, acreditada de forma suficiente a través de facturas, xustificantes de compra ou valorización externa á da entidade solicitante. A valorización do material non poderá exceder o 2 % do orzamento do proxecto.

Os elementos valorizados poderán ter sido adquiridos por motivos diferentes ao proxecto, polo que as facturas e os xustificantes de compra poderán ser anteriores a este. Nestes casos deberase establecer un sistema de depreciación (exclúense materiais inventariables, non subvencionables nesta convocatoria).

d) Poderán valorizarse tamén a elaboración de diagnósticos, planificacións e sistematizacións. A valorización de traballos de diagnóstico, planificación e sistematización incorporaranse na partida de gastos propios da actividade, tendo en conta o custo do servizo total e non as horas de traballo do persoal voluntario encargado.

e) Persoal voluntario: deberase presentar unha estimación xustificada das horas de traballo voluntario que se achegan e o custo suposto, que non deberá exceder de 20 € por hora. Todo traballo voluntario realizarase baixo a forma de contrato privado, no cal se especifiquen as responsabilidades (deberes e dereitos) de cada unha das partes, destacando o papel do/da voluntario/a no proxecto. No contrato debe constar o nome, apelidos e DNI da persoa voluntaria. A valorización do traballo das persoas voluntarias da organización imputarase na partida de persoal.

Artigo 10. Criterios de valoración dos proxectos

Os proxectos que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliados tendo en conta os seguintes criterios:

10.1. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: ata 25 puntos.

1. Experiencia, traxectoria e capacidade de difusión e impacto da entidade en accións de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global en Galicia, suficientemente descrita nas carpetas 1 e 2, para os obxectivos e as características do proxecto. Máximo: 5 puntos.

2. Capacidade de execución e seguimento do proxecto pola entidade (xestión, recursos humanos, técnicos e económicos de que dispón a entidade) para o desenvolvemento do proxecto. Máximo: 5 puntos.

3. Plan/estratexia de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global e/ou de mellora e fortalecemento da entidade en Galicia para os vindeiros anos adecuadamente deseñada, na cal se insire o proxecto proposto e que inclúa a complementariedade coas prioridades da política galega de cooperación. Máximo: 4 puntos.

4. Achega financeira da entidade solicitante ao proxecto, tanto no referido a fondos propios como obtidos doutros financiadores. Esta deberá ser dun mínimo do 5 % para ser puntuada e non se valorarán as achegas en especie ou valorizadas. Máximo: 2 puntos.

5. Contribución da entidade solicitante e establecemento de accións específicas para o fomento do sector galego de cooperación (valorándose a base social, o traballo e a presenza en Galicia, a participación activa en redes galegas e o acomodo a liñas estratéxicas da cooperación das axencias donantes). Máximo: 4 puntos.

6. Proposta presentada en agrupación de entidades. Terase en conta o valor engadido da agrupación ao proxecto, así como a repartición coherente e xustificada da participación de cada unha das entidades agrupadas. Máximo: 3 puntos.

7. Outros méritos que a entidade solicitante queira alegar relacionados coa súa integración en proxectos, campañas ou movementos globais, a súa experiencia de traballo en rede, a súa coordinación con outras institucións, entidades, organizacións da sociedade civil e colectivos sociais a nivel local dos territorios en que traballa. Máximo: 2 puntos.

10.2. Aspectos relacionados co proxecto: ata 75 puntos.

1. Pertinencia do proxecto, con especial atención ao contexto social, económico, político e cultural, en función do lugar/es de realización, do público obxectivo participante e dos resultados que se van conseguir, tomando en consideración o contexto interno de partida da/s organización/s no caso de incluír actividades de fortalecemento. Valorarase especificamente a existencia dun proceso de identificación, ou diagnóstico participativo, DAFO, e tamén dun proceso de avaliación anterior, que apoie a proposta. Máximo: 5 puntos.

2. Coherencia dos obxectivos e resultados formulados no proxecto, así como a calidade do deseño dos indicadores e das fontes de verificación para o seu seguimento e medición. Máximo: 5 puntos.

3. Accións que se van desenvolver e prazo de execución. Coherencia na programación temporal, tendo en conta o/s colectivo/s a que vai dirixido e os resultado e produtos que se queren obter. Valorarase o establecemento de propostas alternativas no caso de producirse situacións ou fenómenos excepcionais que limiten ou dificulten o cumprimento parcial ou total dos obxectivos específicos, resultados e actividades previstas, tales como restricións de mobilidade e contacto social. Máximo: 4 puntos.

4. Contido da acción, enfoque pedagóxico e metodolóxico, segundo os criterios seguintes. Máximo: 25 puntos:

a) Proxectos que fomenten a xeración dunha cidadanía activa, concienciada e crítica que participa para a transformación social positiva a nivel local e global, a través do emprego de metodoloxías transformadoras desde a perspectiva da ética e a gobernanza global, asociadas a procesos de cambio persoal, que permitan a construción de identidades cosmopolitas que recoñezan a interdependencia e a común pertenza á humanidade. Máximo: 3 puntos.

b) Accións educativas de formación e reflexión crítica que desenvolvan ferramentas prácticas, capacidades cognitivas e concienciadoras, e aprendizaxes significativas que permitan entender o modelo cultural en que vivimos e imaxinar outros alternativos máis xustos para construír colectivamente. Máximo: 3 puntos.

c) Iniciativas con posibilidades de xerar efectos multiplicadores por incorporar a diversidade e a riqueza dos distintos espazos educativos existentes (formais, non formais e informais) e/ou por traballar con colectivos cunha alta capacidade de multiplicación e réplica como profesorado, futuros/as docentes, educadores/as de tempo libre e animación sociocultural, profesionais de medios de comunicación, colectivos feministas e/ou de mulleres, así como calquera colectivo que traballe a prol das prioridades da política galega de cooperación. Máximo: 2 puntos.

d) Proxectos que acheguen outras realidades, fomenten a empatía intercultural, o respecto á diversidade cultural ou o intercambio de experiencias e capacidades como medio para o aumento do compromiso persoal e institucional coa transformación social e o desenvolvemento sostible. Máximo 3: puntos.

e) Actuacións que versen sobre a loita contra as causas da pobreza, as desigualdades e a exclusión social, así como as posibilidades reais de superación destas a partir do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e dos sectores máis vulnerables da poboación. Máximo: 2 puntos.

f) Accións destinadas á difusión dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) e á difusión, promoción e defensa dos dereitos humanos. Máximo: 3 puntos.

g) Accións que promovan a igualdade de xénero ou o enfoque feminista, interseccional e decolonial, a sustentabilidade ambiental, o respecto á diversidade cultural e a cultura de paz, a nivel externo e/ou interno. Máximo: 2 puntos.

h) Accións que promovan o comercio xusto, o consumo responsable, a economía solidaria. Máximo: 2 puntos.

i) Accións que inclúan a educación en valores desde unha perspectiva socioafectiva, e dos coidados, tendo en conta o importante papel das emocións como enerxías xeradoras de cambio, que acheguen ferramentas na resolución de conflitos e na xestión das emocións. Máximo: 2 puntos.

k) Intervencións integradas en estratexias ou proxectos dos axentes con marcos de planificación a medio prazo ou que dean continuidade a intervencións previas, superando o carácter puntual e illado das actuacións, sendo necesaria unha descrición precisa do proceso máis amplo que se está apoiando coa iniciativa. Máximo: 3 puntos.

5. Incidencia e impacto previsto das actividades: descrición precisa da poboación destinataria, cuantificación e desagregación, por sexo e idade, das persoas participantes, especificación da forma en que participa no proxecto e da súa pertenza a colectivos con posibilidade de multiplicación e réplica e/ou a colectivos tradicionalmente esquecidos neste tipo de intervencións (ANPA, alumnado de formación profesional e/ou de adultos, colexios profesionais, outros colectivos sociais,…). Valorarase o establecemento de mecanismos de réplica. Máximo: 4 puntos.

6. Ámbito de incidencia e/ou execución en concellos de menos de 50.000 habitantes e/ou concellos de zonas de montaña ou situados en zonas desfavorecidas (de acordo co establecido no Regulamento (CE) 1257/1999, do Consello, sobre a axuda ao desenvolvemento rural a cargo do Fondo Europeo de Orientación e de Garantía Agrícola). Máximo: 3 puntos.

7. Financiamento: coherencia dos gastos orzados cos obxectivos do proxecto. División dos custos por actividade. Máximo: 4 puntos.

8. Recursos humanos (asalariado e voluntario) e técnicos adecuados ás necesidades de execución, seguimento dos obxectivos do proxecto e persoal específico con formación en xénero, en dereitos humanos, en educación para o desenvolvemento e noutras prioridades da política galega de cooperación. Máximo: 3 puntos.

9. No caso de contratación de servizos externos, valorarase a xustificación da súa necesidade, a definición e concreción dos criterios que se empregarán para a súa selección, así como a achega de propostas de servizo concretas. Máximo: 3 puntos.

10. Establecemento dunha liña de base, e/ou o seguimento e medición de impactos vinculados a unha liña de base elaborada nunha fase anterior, que permita coñecer o punto de partida inicial e os avances producidos co proxecto, así como o contexto en que se desenvolve a acción. Máximo: 3 puntos.

11. Seguimento e avaliación previstos (internos e externos). Máximo: 4 puntos.

12. Grao e tipo de impacto esperado coa intervención e ferramentas establecidas para medilo. Máximo: 3 puntos.

13. Integración no proxecto do traballo en rede e a complementariedade con outros axentes e actores, para unha actuación coordinada e complementaria en educación para o desenvolvemento ou para coordinar e compartir estratexias de fortalecemento. Terase en especial consideración o traballo coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para aqueles proxectos que se desenvolvan no ámbito da educación formal, así como para aqueles que xeren vínculos coa comunidade universitaria. Máximo: 3 puntos.

14. Orixinalidade, innovación e valor engadido da intervención. Máximo: 3 puntos.

15. Accións que prevexan a difusión de proxectos en execución ou executados con axuda da Xunta de Galicia, ou a realización de investigacións e sistematizacións aplicadas a eles. Máximo: 3 puntos.

Artigo 11. Instrución

A instrución do procedemento corresponderá á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carecen de documentación, requirirase ás entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, corrixan a falta ou acompañen os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixesen, considerarase que desisten da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos nos artigos 21, 22 e 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 12. Notificacións

12.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos notificaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

12.2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas notificaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

12.3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) para todos os procedementos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

12.4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

12.5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Valoración das solicitudes

14.1. Para a valoración dos proxectos constituirase una comisión avaliadora, que adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no título preliminar, capítulo II, sección 3ª, artigos 15 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. A comisión estará integrada polos seguintes membros:

– Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior.

– Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

– Vogais: dous funcionarios/as da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

A Comisión, para unha mellor valoración dos proxectos e con anterioridade a ditarse a proposta de resolución, poderá solicitar os informes técnicos que se consideren oportunos. Os ditos informes, que en ningún caso serán vinculantes, de encargarse, terán que ser realizados por persoas expertas independentes non vinculadas a ningún dos axentes de cooperación.

As persoas que interveñan na Comisión de Valoración manifestarán de forma expresa a ausencia de conflitos de intereses, non podendo participar nas comisións persoas na que exista o devandito conflito.

14. 2. Para superar a fase de valoración será necesario acadar unha puntuación mínima do 50 % (12,5 puntos) nos criterios establecidos no punto 10.1 da presente orde e do 50 % (37,5 puntos) naqueles establecidos no punto 10.2.

No caso de empate na puntuación total obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:

A maior puntuación obtida na valoración do proxecto.

A maior puntuación obtida na valoración da entidade solicitante.

Unha vez superada a fase de avaliación, establecerase unha listaxe coas puntuacións obtidas en orde descendente para cada un dos proxectos presentados. Serán financiados por orde de puntuación todos aqueles proxectos que sexa posible dentro da contía total asignada a esta convocatoria.

Cando da prelación dos proxectos avaliados resulte que o último proxecto con financiamento non acade a totalidade da subvención solicitada, a Comisión de Avaliación, en virtude do artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, instará ao beneficiario á reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e condicións á subvención outorgable, a cal será novamente avaliada pola dita comisión para os efectos de comprobar que se respecten o obxecto, condicións e finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes ou peticións.

14.3. No suposto de que non se esgotasen os recursos financeiros asignados a esta convocatoria, a Xunta de Galicia empregará os ditos recursos para financiar outras actuacións de cooperación para o desenvolvemento a través dos outros medios previstos no Plan director da cooperación galega e de conformidade co establecido na Lei de réxime orzamentario de Galicia e nas leis anuais de orzamentos.

Artigo 15. Prazo de resolución

O prazo de resolución e notificación será de catro meses como máximo, contados dende o día seguinte ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes. De non notificarse resolución expresa neste prazo, as solicitudes teranse por desestimadas.

Artigo 16. Resolución

En vista da proposta de resolución do instrutor debidamente motivada, o órgano competente por delegación do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes resolverá o procedemento.

Artigo 17. Compatibilidade de subvencións

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de todas as obtidas non supere o custo do proxecto subvencionado.

A entidade beneficiaria obrígase a comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 18. Aceptación da subvención e compromiso de financiamento

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará, nun prazo máximo de dez días, e por vía electrónica, a declaración da súa aceptación na cal conste o seu compromiso de achegar directamente ou cubrir con outras achegas a diferenza entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Transcorrido o dito prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Igualmente, deberán confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan.

Así mesmo, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou presentar unha readaptación á subvención concedida sempre que tecnicamente sexa posible e non altere a finalidade, o obxecto e as condicións da dita subvención. Esta solicitude de readaptación será sometida a unha nova análise para os efectos de comprobar que non afecte a orde de prelación dos proxectos subvencionados. Logo das comprobacións pertinentes ditarase, de novo, unha resolución polo mesmo órgano que ditou a resolución inicial, a cal lle será notificada á entidade no prazo dun mes.

De producírense renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas, os seus importes poderán destinarse a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras e inicialmente non subvencionados, quedasen sen financiación ou esta non acadara a totalidade da subvención solicitada.

Artigo 19. Anticipos

19.1. Con base na disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das subvencións, realizaranse pagamentos anticipados do 100 % da anualidade de que se trate e sen necesidade de exixir garantía, sendo obrigatorio presentar un informe de seguimento cando remate a primeira anualidade e o informe técnico final na segunda anualidade nos termos establecidos no artigo seguinte. Cada unha das anualidades da subvención débese xustificar con gastos executados e pagados dentro da respectiva anualidade.

19.2. Para o pagamento do anticipo da subvención, as entidades beneficiarias deberán presentar o anexo IV desta orde asinado dixitalmente polo/a representante legal da entidade.

No caso de subvencións outorgadas a entidade/s agrupada/s, aquelas distintas da solicitante deberán achegar o anexo III actualizado ou os documentos que acrediten as ditas circunstancias.

19.3. No caso de proxectos plurianuais, para o pagamento da subvención concedida na segunda anualidade, e unha vez xustificada a primeira anualidade de acordo coas previsións do artigo 20.4 destas bases reguladoras, as entidades beneficiarias deberán presentar o anexo IV de solicitude do pagamento anticipado da contía concedida para esta anualidade, asinada dixitalmente polo/a representante legal da entidade.

No caso de subvencións outorgadas a entidade/es agrupada/s, aquelas distintas da solicitante deberán achegar o anexo III actualizado ou os documentos que acrediten as ditas circunstancias.

Artigo 20. Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas

20.1. Con base no que establece a disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a lexislación vixente reguladora da cooperación para o desenvolvemento e co fin de lograr unha maior eficacia e eficiencia dos fondos públicos e considerando a natureza dos proxectos e as características dos destinatarios, a xustificación destas subvencións rexerase polo previsto nos puntos seguintes.

20.2. As subvencións concedidas para proxectos que teñan un período de execución comprendido no exercicio corrente deberán ser xustificadas, coa documentación que se sinala no punto quinto deste artigo, no prazo máximo de tres meses desde a finalización do prazo para a realización das actividades do proxecto subvencionado, conforme co establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e con data límite do 31 de marzo de 2026.

Os proxectos con subvención plurianual xustificarán cada anualidade independentemente e conforme co establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A primeira anualidade dentro do primeiro trimestre do ano seguinte, coa documentación que se sinala no punto cuarto deste artigo e a segunda anualidade coa documentación que se sinala no punto quinto deste artigo e nos prazos indicados nos puntos 1 e 2 do punto 5.

20.3. Para a presentación dos informes técnicos de seguimento e final, deberá utilizarse o modelo facilitado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, que se poderá descargar da páxina web https://cooperacion.xunta.gal/

20.4. Para a xustificación da primeira anualidade a entidade beneficiaria deberá presentar a xustificación no modelo que figura como anexo V acompañado dos seguintes documentos:

a) Certificación da persoa que teña a representación legal da entidade solicitante, acreditativa da execución do proxecto de conformidade ao previsto e da aplicación dos fondos ao fin destinado, asinada dixitalmente pola persoa representante legal da entidade.

b) Informe técnico de seguimento sobre o estado de execución do proxecto, que deberá estar asinado dixitalmente pola persoa responsable da xestión técnica-económica do proxecto en Galicia.

c) Certificación dos gastos do proxecto na primeira anualidade, por partidas orzamentarias e no que se indique as distintas fontes de financiamento, asinada dixitalmente pola persoa que ostente a representación legal da entidade beneficiaria.

d) Certificado desagregado e detallado de custos indirectos, asinado dixitalmente pola persoa que teña a representación legal da entidade beneficiaria.

e) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data, número da factura ou do documento xustificativo, identificación do emisor destas, data e forma de pagamento e descrición do gasto, co seu importe en euros.

f) Para os proxectos cuxa subvención sexa igual ou superior a 30.000 €, deberán presentar os xustificantes dos gastos correspondentes a esta anualidade, facturas ou documentos de valor probatorio no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, e incorporados na relación de gastos á que se fai referencia anteriormente e a documentación acreditativa do seu pagamento.

g) Documento da liña base, se é o caso.

20.5. Para a xustificación final do proxecto e co fin de acreditar a realización total das actividades, así como a finalidade para a que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá presentar tanto a xustificación técnica como a económica nos prazos e coa documentación que se sinala a continuación:

20.5.1. Xustificación técnica. A entidade beneficiaria da subvención deberá presentar, como máximo, ata o 30 de decembro de 2026 o escrito de presentación da xustificación no modelo que figura como anexo VI acompañado dos seguintes documentos:

– Certificación da persoa que teña a representación legal da entidade beneficiaria acreditativa da total realización do proxecto e da aplicación dos fondos ao fin destinado, asinada dixitalmente pola persoa que ostente a representación legal da entidade beneficiaria.

– Informe técnico final de execución asinado dixitalmente pola persoa responsable da xestión técnica económica do proxecto en Galicia sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados polo proxecto, que indicará, co máximo detalle, os obxectivos conseguidos, os resultados obtidos, as actividades realizadas, o proceso de transferencia e a xestión das intervencións logo da súa finalización, así como a análise da súa sustentabilidade futura. Deberá estar asinado dixitalmente pola persoa responsable da xestión técnico-económica do proxecto en Galicia.

Esta xustificación permitirá constatar e verificar o cumprimento dos requisitos técnicos fixados da presente orde de bases, e entenderase suficiente para os efectos do establecido no artigo 45.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

20.5.2. Xustificación económica e de resultados: comprenderá toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida e a de avaliación externa de resultados, no seu caso, tanto aquela obrigatoria ao final da intervención no caso dos proxectos de subvencións superiores a 20.000 €, ou por fases, como outras non obrigatorias, pero que se recollan no documento de formulación que se xunta á solicitude de subvención e o documento da liña base, no caso de non telo achegado na xustificación intermedia. Incorporarase tamén a táboa de medición dos indicadores de rendición de contas (IRC).

A entidade beneficiaria da subvención deberá presentar toda esta documentación ata o 31 de marzo de 2027 xunto co escrito de presentación da xustificación no modelo que figura como anexo VII.

A xustificación económica realizarase mediante a conta xustificativa das actividades realizadas, polo seu custo total e desagregado, e irá xunto con toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida.

A conta xustificativa poderá ser, ben mediante a forma de xustificación simplificada, no caso de proxectos cuxo importe de subvención sexa inferior a 30.000 €, ou ben con entrega de xustificantes, no caso de proxectos cuxo importe de subvención sexa igual ou superior a 30.000 €. Estas contas incluirán:

– Certificación dos gastos co importe total do proxecto distribuídos por partidas orzamentarias e na que se indique as distintas fontes de financiamento, asinada dixitalmente pola persoa que teña a representación legal da entidade beneficiaria.

– Certificado desagregado e detallado de custos indirectos, asinado dixitalmente pola persoa que teña a representación legal da entidade beneficiaria

– Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data, do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do emisor destas, data e forma de pagamento e descrición do gasto co seu importe en euros.

– Para os proxectos cuxa subvención sexa inferior a 30.000 €, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, mediante técnica de mostraxe aleatorio simple, requirirá ás entidades beneficiarias a achega dos xustificantes de gastos directos que considere oportunos, que suporán polo menos o 25 % da cantidade subvencionada.

– Para os proxectos cuxa subvención sexa igual o superior a 30.000 €, deberán presentar os xustificantes dos gastos correspondentes á segunda anualidade, facturas ou documentos de valor probatorio no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na relación de gastos da anualidade correspondente e a documentación acreditativa do seu pagamento.

– Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 15.000 € no suposto de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos por empresas de consultaría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá presentar as tres ofertas solicitadas conforme ao disposto no artigo 9.1.l) destas bases.

20.6. No caso de proxectos executados por una agrupación de entidades na que participen as universidades e conforme ao establecido no artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a xustificación económica da parte executada directamente pola universidade consistirá nunha certificación de gastos asinada dixitalmente pola Intervención ou órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida.

20.7. A entidade beneficiaria terá que conservar todos os comprobantes de gasto e de pagamento durante un período de 4 anos, desde a presentación da xustificación final do proxecto. Nestes supostos, os xustificantes quedarán á disposición das actuacións e comprobación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e dos órganos de control establecidos pola normativa vixente.

Os gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. No orixinal da factura ou do documento xustificativo do gasto é obrigatoria a impresión dun selo dilixencia en todos os documentos orixinais (facturas, recibos ou outros) de gastos. Nela debe figurar a convocatoria anual da subvención xustificada, número de expediente, así como a referencia «Proxecto subvencionado pola Xunta de Galicia», indicando ademais o tanto por cento de financiamento que lle imputa a cada unha das entidades financeiras do proxecto. No suposto de documentos de gasto nos que resulte imposible a impresión de tal selo dilixencia, como consecuencia do seu tamaño, xuntarase unha relación destes en que se faga constar a mencionada dilixencia.

Os pagamentos acreditaranse coa presentación do comprobante bancario de acordo co previsto no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e, con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en efectivo por importes inferiores a 1.000 €, conforme establece o artigo 42.3 do devandito Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Non se aceptarán pagamentos en efectivo en gastos superiores a 1.000 €.

Todos os comprobantes de gasto e pagamento deberán referirse expresamente a actividades comprendidas no período de execución, é dicir, a actividades realizadas entre a data de inicio e a de remate do prazo de execución dos proxectos, coa excepción dos gastos de identificación que poderán realizarse no prazo dos tres meses anteriores á data de presentación da solicitude a esta convocatoria e os gastos da avaliación externa que poderá realizarse fóra do prazo de execución do proxecto.

No caso de non xustificar a totalidade do proxecto, o importe da subvención concedida reducirase na mesma proporción en que se reduza a cantidade xustificada respecto do orzamento total presentado. O importe resultante poderá ser devolto á Administración de forma voluntaria consonte o establecido no artigo 23 destas bases.

Artigo 21. Obrigas da entidade beneficiaria, seguimento, avaliación e control dos proxectos

21.1. As entidades beneficiarias deberán realizar a intervención para a que se lles concedeu a axuda no período de tempo determinado no documento de formulación, axustándose ao custo concedido para cada anualidade. Para estes efectos considérase vinculante o orzamento e a documentación presentada no documento de formulación do proxecto e na solicitude ou, de ser o caso, da reformulación de terse efectuado.

As entidades beneficiarias das axudas estarán obrigadas a xustificar a totalidade dos gastos do proxecto, non só a parte correspondente á axuda recibida.

21.2. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o desenvolvemento adecuado do proxecto subvencionado. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

21.3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitarlle ao órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos proxectos subvencionados. Asemade, as entidades beneficiarias obríganse a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

21.4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en todas as accións derivadas do proxecto subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) os logotipos oficiais da Xunta de Galicia e da Cooperación Galega, todo isto en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención, conforme o Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da Xunta de Galicia e o da Cooperación Galega deberán figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguridade. Ambos os dous logotipos poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega https://cooperacion.xunta.gal/

21.5. Os documentos e o material divulgativo publicados, tanto en papel como en soporte audiovisual e/ou electrónico, que sexan resultado de actuacións financiadas pola Xunta de Galicia, ademais de conter o logotipo e o nome da Xunta de Galicia como financiadora, deberan incluír o seguinte paragrafo, traducido ás linguas en que se publiquen os documentos ou materiais divulgativos: «Esta publicación realizouse co apoio financeiro da Xunta de Galicia. O contido da dita publicación é responsabilidade exclusiva de <NOME ENTIDADE> e non reflicte necesariamente a opinión da Xunta de Galicia».

21.6. No proceso continuo de homoxeneizar os procedementos, a metodoloxía e os formularios de xestión do ciclo dos proxectos cos da Cooperación Oficial Española e da Unión Europea, o seguimento e a avaliación dos proxectos rexerase polos criterios básicos de pertinencia, eficacia, eficiencia, impacto e sustentabilidade, seguindo a metodoloxía do marco lóxico e a xestión do ciclo do proxecto establecidos polo Comité de Axuda ao Desenvolvemento (CAD) e a propia Unión Europea.

21.7. A xestión dos proxectos poderá ser examinada durante a súa execución ou unha vez finalizada por representantes da Xunta de Galicia con competencias en materia de cooperación exterior ou por empresas avaliadoras contratadas para o efecto, para o que a entidade beneficiaria facilitará o acceso ás contas e aos documentos xustificativos requiridos, así como a calquera outra documentación relevante na execución do proxecto.

21.8. O control financeiro interno correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Artigo 22. Modificación das condicións

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto, entendendo por tal aquela que afecte os seus obxectivos, resultados, persoas beneficiarias, lugar e prazo de execución e xustificación. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e seren formuladas por escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Artigo 23. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria poderá realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 87 3110063172 de titularidade Xunta de Galicia, situada na entidade Abanca, en concepto de devolución voluntaria da subvención, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na disposición adicional terceira da Lei 1/2023, do 20 de febreiro, de cooperación para o desenvolvemento sostible e a solidariedade global.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe, o motivo da devolución e o número do expediente e a denominación da subvención concedida.

Artigo 24. Reintegro por incumprimento

24.1. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

24.2. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o importe que haberá que reintegrar por posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación:

a) O incumprimento total das obrigas e dos fins para os que se outorgou a subvención e o incumprimento total das obrigas de xustificación dará lugar ao reintegro da totalidade da cantidade concedida.

b) A cantidade que se vaia reintegrar no caso de incumprimento parcial na execución das accións ou gastos e no caso de incumprimento parcial na xustificación será determinada, de acordo co criterio de proporcionalidade, polo volume e grao de incumprimento das condicións impostas con motivo da concesión da subvención.

c) No caso de demora na presentación da documentación xustificativa da subvención e sempre que o cumprimento pola entidade beneficiaria se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e sexa acreditado por estes unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, solicitarase a devolución do 10 % da subvención concedida.

Artigo 25. Información aos órganos fiscalizadores

As entidades beneficiarias estarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

26.1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

26.2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 27. Recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, no caso de que o acto for expreso. Se este non o for (acto presunto), o solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñelo en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que este se produza, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto.

Artigo 28. Remisión normativa

Para o non previsto nestas bases será de aplicación a Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia; o Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento; a Lei 1/2023, do 20 de febreiro, de cooperación para o desenvolvemento sostible e a solidariedade global; a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 29. Información ás persoas interesadas

29.1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

29.2. Por outra banda, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, deberáselle transmitir á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola dita base de datos.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file