Expediente: IN407A 2022/260-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación do proxecto: Modificado 1 a proxecto de Regulamentación LMT BOI808 entre apoios 9RR7IU8W//64-A6 e 9RU5S76B//64-A8.
Concello: Rianxo.
Feitos:
1. O día 30.8.2022, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de realizar a regulamentación nun tramo da liña de distribución de media tensión LMT BOI808. O proxecto foi autorizado por resolución do 31.7.2023.
O 30.10.2024 presentan Modificado 1 e Anexo 1 ao proxecto coa finalidade de dar resposta ás peticións do Concello de Rianxo de mellora na infraestrutura da zona.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado Modificado 1 a proxecto de Regulamentación LMT BOI808 entre apoios 9RR7IU8W//64-A6 e 9RU5S76B//64-A8, asinado o día 28.10.2024 por Javier Fernández Pazos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, número colexiado 502 de Ourense e anexo 1, asinado por Javier Fernández Pazos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, número colexiado 502 de Ourense, o 24.1.2025.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Rianxo e Deputación Provincial da Coruña. Non consta no expediente, a día de hoxe, contestación dos organismos á solicitude de condicionado.
4. O día 21.5.25 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación.
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas.
As instalacións obxecto deste expediente están situadas no lugar da Barraca, no concello de Rianxo, e as súas características técnicas son as seguintes:
• Desmonte do CT Intemperie A Barraca de 250 kVA (15AAQ7) con expediente de industria IN407A 2015/444-1 e a súa substitución por un CT prefabricado compacto 2L1P de 250 kVA de potencia, no lugar da Barraca, na parcela de propiedade pública próxima ao CT actual (6040602NH1253N).
• Desmonte de 145 metros de condutor LA-30 entre os apoios 9RR7EU8W//64-A6 e 9RU5S76B//64-A8, retirada de 49 m de condutor RS95 entre este último apoio e o CT A Barraca (15AAQ7) e retirada dos apoios de formigón con matrícula 9RSTN34T//64-A7, 9RU5S76B//64-A8 e 9RV700KO//64-A10.
• Substitución do apoio 9RR7EU8W//64-A6 retirando un apoio 2B/14 e instalando un novo apoio metálico C-2000/18. Proxéctase a instalación de 10 m de condutor LA 56 entre o apoio proxectado e o apoio 9RR7EU8M//64-A6-1.
• Instalación dun reconectador no apoio proxectado C-2000/18.
• LMTS a 20 kV, de 260 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1x150 mm2 Al, con orixe no PA/S proxectado no apoio nº 64-A6 de formigón a substituír por un de tipo C-2000/18 e remate no novo CT proxectado.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
2. A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) nº 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello do 7 de febreiro de 2024, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937, e se derroga o Regulamento (UE) nº 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro de 2024), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparamenta eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro, ou cuxo funcionamento dependa de eles, nun medio illante ou de rotura.
3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles as persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 27 de maio de 2025
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
