DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Xoves, 19 de xuño de 2025 Páx. 34398

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2025, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello da Illa de Arousa (expediente IN407A 2024/261-4).

Expediente: IN407A 2024/261-4.

Promotora: Compañía de Electrificación, S.L.

Denominación: LMTS, CS EDAR Testos.

Concello: A Illa de Arousa.

Feitos:

1. O 16.7.2024, a empresa Compañía de Electrificación, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS, CS EDAR Testos.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Iago Calviño Fuentes, colexiado 4278 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e en que figura un orzamento total de 102.803,76 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a instalación dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) e un centro de seccionamento con interruptor automático para dar subministración eléctrica á nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) que se instalará na zona de Testos, no concello da Illa de Arousa (Pontevedra).

O 13.12.2021, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico ditou unha resolución pola que se formulou o informe de impacto ambiental do proxecto da nova EDAR da Illa de Arousa (Pontevedra), promovido pola Sociedad Mercantil Estatal de las Cuencas de España, S.A. (Acuaes).

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Illa de Arousa, o Servizo do Patrimonio Natural e o Servizo do Litoral.

O Concello da Illa de Arousa prestou a súa conformidade co trazado proxectado non establecendo reparos.

O Servizo do Patrimonio Natural informou que o proxecto proposto non afecta materias competencias dese servizo, sen prexuízo das limitacións, servidumes e demais dereitos derivados ou que se poidan derivar de calquera outra disposición legal.

O Servizo do Litoral informou que as obras solicitadas estaban recollidas no proxecto da nova EDAR da Illa de Arousa e foron informadas favorablemente o 12.2.2024 pola Dirección Xeral do Territorio e Urbanismo no expediente promovido por Acuaes (referencia SAIS-A-PO-24/035).

A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes e condicionados emitidos polos organismos consultados.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Retirada dos apoios, ferraxes e condutor LA-30 do actual tramo da liña de media tensión aérea (LMTA) XX00000047 entre o centro de transformación Testos e o centro de seccionamento Niño do Corvo.

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240) mm² Al, de 480 metros de lonxitude, con inicio no centro de transformación Testos (CEC008) e final no centro de seccionamento Niño do Corvo (CEC061).

– Centro de seccionamento con protección automática e tres celas de liña, con illamento en SF6.

A instalación está situada en Niño do Corvo, Testos, no concello da Illa de Arousa (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Outorgar á empresa Compañía de Electrificación, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, CS EDAR Testos, expediente IN407A 2024/261-4.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE nº 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 16 de maio de 2025

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra