DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Xoves, 19 de xuño de 2025 Páx. 34249

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2025, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se aproba a oitava actualización do Plan básico autonómico de Galicia.

I. Antecedentes.

O Plan básico autonómico de Galicia (PBA) foi aprobado polo Decreto 83/2018, do 26 de xullo, e publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) núm. 162, do 27 de agosto, así como nos catro boletíns oficiais provinciais (BOP da Coruña núm. 186, do 28 de setembro; BOP de Lugo núm. 224, do 28 de setembro; BOP de Ourense núm. 224, do 28 de setembro, e BOP de Pontevedra núm. 188, do 28 de setembro).

O Plan básico autonómico foi obxecto de sete actualizacións e a última delas foi aprobada pola Resolución do 16 de decembro de 2024, da directora xeral de Urbanismo (DOG núm. 6, do 10 de xaneiro de 2025), coa corrección de erros do 10.3.2025 (DOG núm. 53, do 18 de marzo).

II. Normativa.

Na actualización do Plan básico autonómico tense en conta a seguinte normativa:

– Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, LSG).

– Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, RLSG).

– Decreto 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico.

III. Consideracións xurídicas e técnicas.

Segundo o artigo 90.4 do RLSG, o Plan básico autonómico debe actualizarse en función dos cambios derivados das modificacións das afeccións sectoriais e da aprobación dos instrumentos de ordenación do territorio.

De conformidade co artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, estes cambios resultarán directamente vinculantes desde a súa entrada en vigor e prevalecerán sobre a información reflectida na cartografía do Plan básico autonómico. Porén, isto enténdese sen prexuízo da necesidade de que a cartografía do Plan básico autonómico se actualice por resolución administrativa e se faga a publicación do correspondente anuncio no DOG cunha periodicidade mínima anual.

De conformidade co disposto no artigo 90.4 do RLSG, no artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, e no artigo 13 do Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, en relación co Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, a competencia para a actualización do Plan básico autonómico correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Urbanismo.

En virtude do exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a oitava actualización cartográfica do Plan básico autonómico de Galicia resultante da información recompilada e da memoria de cambios que se integran como anexo I e anexo II desta resolución.

A documentación desta actualización poderá consultarse nas seguintes ligazóns:

https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo

http://mapas.xunta.gal/visores/pba/

Segundo. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo.

Terceiro. De conformidade co artigo 88 da LSG e cos artigos 212.1 e 213 do RLSG, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a actualización do Plan básico autonómico de Galicia no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

Cuarto. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2025

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo

ANEXO I

Información recompilada para a 8ª actualización
cartográfica do PBA (ACT2025_06)

1. De conformidade co previsto no artigo 90.4 do RLSG e no artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, a Dirección Xeral de Urbanismo solicitou dos diferentes organismos que acheguen a información da súa competencia que vincula ao PBA. Asemade, atendeu todas as alegacións recibidas sobre o documento e reenviounas ao organismo sectorial competente por razón da materia.

2. Consta no expediente administrativo da oitava actualización do PBA (ACT2025_06) a seguinte información recompilada a 27.5.2025:

– Administración estatal:

• Instituto Xeográfico Nacional.

• Dirección Xeral de Aviación Civil.

– Administración autonómica:

• Consellería do Medio Rural.

• Dirección Xeral de Defensa do Monte.

• Cámara Oficial Mineira de Galicia.

• Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

• Retegal.

• Instituto de Estudos do Territorio.

– Alegacións de administracións ou particulares:

• Unha alegación relativa a un novo asento rexistral nas liñas límites municipais entre o concello de Monforte de Lemos e o concello de Sober.

• Unha alegación relativa a unha estrada autonómica localizada no concello de Narón que foi oportunamente trasladada ao órgano sectorial competente na materia para a súa valoración e corrección, se procede.

• Unha alegación relativa aos elementos da listaxe de bens do Catálogo do Patrimonio cultural de Galicia que consta no anexo IX do PBA que foi oportunamente trasladada ao órgano sectorial competente na materia para a súa valoración e corrección, se procede.

Pola súa parte, a Dirección Xeral de Urbanismo, no ámbito das súas competencias en ordenación do territorio, achegou a información respecto dos instrumentos de ordenación do territorio aprobados desde a última actualización do documento.

Tamén forma parte do expediente administrativo da oitava actualización do PBA (ACT2025_06) a información descargada desde as fontes de acceso á información dixital actualizada que foron facilitadas polos organismos sectoriais e que figuran no anexo II de fontes de información do PBA.

ANEXO II

Memoria de cambios da 8ª actualización
cartográfica do PBA (ACT2025_06)

1. Cambios na infraestrutura do visor do PBA:

1.1. Impleméntase a conexión coa base de datos da infraestrutura espacial da Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable no relativo á información das delimitacións das zonas das servidumes e das afeccións acústicas aeronáuticas estatais (https://plinur.transportes.gob.es/; https://geoserver.mitma.es/geoserver/plinur/ows?service=wfs&version=2.0.0; https://geoserver.mitma.es/geoserver/plinur/ows?service=wms&version=1.3.0&request=GetCapabilities&), co obxecto de amosar en todo momento a súa información xeográfica actualizada.

Para coñecer o historial de cambios desta información debe acudirse á infraestrutura de datos espaciais do dito organismo sectorial.

1.2. Impleméntase a conexión coa base de datos da infraestrutura espacial da Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural no relativo á información das delimitacións das faixas secundarias de xestión da biomasa de 50 m de protección arredor dos núcleos e das edificacións illadas (https://mapas.xunta.gal/visores/faixas/), co obxecto de amosar en todo momento a súa información xeográfica actualizada.

Para coñecer o historial de cambios desta información debe acudirse á infraestrutura de datos espaciais do dito organismo sectorial.

2. Cambios na información xeográfica do PBA:

2.1. Modelo de asentamento.

Engádense tres entidades tipo punto derivadas dos instrumentos de planeamento urbanístico aprobados nos seguintes concellos:

• Ares: Loureiros; San Roque; O Pombal.

Elimínanse catro entidades tipo punto con uso global industrial que foron erradamente incluídas na información dos asentamentos derivados dos instrumentos de planeamento nos seguintes concellos:

A Coruña: Pocomaco.

• Boqueixón: parque empresarial de Boqueixón.

• Ponteceso: polígono industrial da Tella.

• Mondoñedo: parque empresarial de Mondoñedo.

2.2. Instrumentos de ordenación do territorio.

Engádese a delimitación do seguinte instrumento de ordenación do territorio que acadou a súa aprobación definitiva:

• OT-23-055_Proxecto de interese autonómico da Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, nos concellos de Mos e Vigo (aprobación definitiva do 14.4.2025, DOG núm. 91, do 14 de maio de 2025).

2.3. Enerxía.

Actualízase a información da capa relativa á posición das infraestruturas (aeroxeneradores; torres de medición; CT/SUB) dos parques eólicos en funcionamento autorizados ou en obras, de acordo coa información descargada o 6.5.2025 do xeovisor do Rexistro Eólico de Galicia (https://www.arcgis.com/apps/webappviewer/index.html?id=4bae3fad95b6439bacef9d1a316765e9).

2.4. Transportes.

Actualízase a información das capas relativas á Rede de estradas da Comunidade Autónoma e a súa área de afección, de acordo coa información elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio que foi achegada o 27.5.2025.

Para a elaboración desta capa tívose en conta a información descargada o 13.5.2025 do Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia (https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega) e a información descargada o 14.5.2025 do Centro Nacional de Información Xeográfica (https://centrodedescargas.cnig.es/CentroDescargas/index.jsp), no tocante ás estradas estatais en construción.

Actualízase a información das capas relativas á Rede de ferrocarril da Comunidade Autónoma e a súa área de afección, de acordo coa información descargada o 20.5.2025 da URL facilitada polo organismo sectorial (http://ideadif.adif.es/).

2.5. Telecomunicacións.

Actualízase a información da capa relativa á posición das antenas xestionadas por Retegal, de acordo coa información facilitada o 16.5.2025 polo organismo sectorial.

2.6. Portos.

Actualízase a capa de información relativa ás sinalizacións dos Portos do Estado de acordo coa información descargada o 20.5.2025 da URL facilitada polo organismo competente (https://portalaton.puertos.es/portalAton/facesanonimo/app/incidencias/lookup/listadoIncidencia.xhtml).

2.7. Agropecuaria.

De acordo coas instrucións da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, actualízase a información das concentracións parcelarias firmes e non firmes segundo a información descargada o 6.5.2025 da base de datos territoriais do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia (I:\304LU\ZonasConcentracionParcelaria).

2.8. Depuración das augas.

Actualízase a información relativa ás posicións das EDAR no ámbito litoral da CC.AA., de acordo coa información elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio para o Proxecto PIMA Adapta Costa que foi achegada o 21.2.2025.

2.9. Patrimonio cultural.

Actualízase a información xeográfica de varias capas relativas ao patrimonio cultural de acordo coa información achegada polo órgano competente o 29.4.2025 e o 8.5.2025, que foi tratada segundo as indicacións dadas polo persoal da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

En todo caso, os bens recollidos nos catálogos dos instrumentos de planeamento teñen para todos os efectos a consideración de bens catalogados desde a data de aprobación definitiva do dito instrumento.

2.10. Costas.

Actualízase a información da capa relativa á zona de influencia, de acordo coa información descargada o 12.5.2025 da URL facilitada polo organismo competente (https://www.miteco.gob.es/es/cartografia-y-sig/ide/descargas/costas-medio-marino/default.aspx).

Calculouse unha zona de influencia estimada de 500 m. En todo caso, prevalecerá a zona de influencia resultado da medición desde a LRM publicada en tempo real polo organismo sectorial competente.

2.11. Minaría.

Actualízase a información da capa aos dereitos mineiros vixentes na CC.AA., de acordo coa información facilitada o 26.2.2025 pola Cámara Oficial Mineira de Galicia.

2.12. Acústica.

Actualízase a información da capa de información relativa ás áreas de incidencia acústica estimada de 200 m arredor da posición real dos aeroxeneradores dos parques eólicos en funcionamento, de acordo coa información descargada o 6.5.2025 do xeovisor do Rexistro Eólico de Galicia (https://www.arcgis.com/apps/webappviewer/index.html?id=4bae3fad95b6439bacef9d1a316765e9).

2.13. Varios.

De acordo coas instrucións da Dirección Xeral de Defensa do Monte, actualízase a información dos lumes relativos ao ano 2024 segundo a información facilitada polo Instituto de Estudos do Territorio o 11.3.2025.

3. Información xeográfica actualizada do PBA en formato vectorial.

A información xeográfica actualizada do PBA en formato vectorial shapefile está contida nun arquivo comprimido que se identifica coa seguinte pegada dixital (algoritmo SHA-256 e formato hexadecimal en ASCII (base 16):

CE8255785B5E14DBC3462728A13F503FD008B6655DAD8739C108B993071D3A19h

Non se inclúe neste arquivo comprimido a información xeográfica incorporada ao PBA mediante conexión con plataformas ou bases de datos de organismos sectoriais que posúen unha infraestrutura de datos espaciais propia.

4. Cambios nos documentos do PBA.

Como resultado da información recibida e dos cambios feitos na información xeográfica do PBA, actualízanse os seguintes documentos do PBA, todos eles accesibles desde o visor cartográfico do PBA:

– Anexos:

• Anexo I. Marco legal.

• Anexo II. Fontes de información.

• Anexo III. Instrumentos de ordenación do territorio.

• Anexo VIII. Listaxe de núcleos derivados dos instrumentos de planeamento aprobados (non recollidos no anexo VII).

• Anexo IX.I. Listaxe de Bens de interese cultural de Galicia.

• Anexo IX.II. Listaxe de bens do catálogo de patrimonio cultural de Galicia.

– Planos:

• Planos de delimitación dos ámbitos de aplicación dos instrumentos de ordenación do territorio.

• Planos de delimitación das afeccións sectoriais.

No caso dos planos deben entenderse actualizadas todas as series cartográficas do PBA xeradas en formato PDF desde a ferramenta «Imprimir» do visor PBA (escala 1:10.000 e escala libre).

A identificación dos asentamentos de poboación existentes intégrase nos planos de delimitación dos ámbitos de aplicación dos instrumentos de ordenación do territorio e das afeccións sectoriais.

– Catálogo:

Actualízase a información do Catálogo do PBA.