O Real decreto 524/2023, do 20 de xuño, polo que se aproba a norma básica de protección civil, establece no anexo o catálogo de riscos que deben ser obxecto de planificación de protección civil, entre os que se encontra o risco derivado de accidentes en instalacións ou procesos en que se utilicen ou almacenen substancias químicas, biolóxicas, nucleares ou radioactivas.
O artigo 15 da Lei 17/2015, do 9 de xullo, do Sistema nacional de protección civil, determina que son plans especiais os que teñen por finalidade facer fronte, entre outros, aos riscos de accidentes en instalacións ou procesos en que se utilicen ou almacenen substancias nucleares ou radioactivas. Así mesmo, segundo o artigo 14 da dita lei, os plans de protección civil son os instrumentos de previsión do marco orgánico-funcional e dos mecanismos que permiten a mobilización dos recursos humanos e materiais necesarios para a protección das persoas e dos bens en caso de emerxencia, así como do esquema de coordinación das distintas administracións públicas chamadas a intervir.
O Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, sinala no artigo 39 que lle corresponde á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a planificación e coordinación das políticas de protección civil e emerxencias, no marco das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.
Baixo estas premisas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior elaborou un proxecto do Decreto polo que se aproba o Plan especial de protección civil ante o risco radiolóxico (Perrgal).
De conformidade co previsto no artigo 83.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas,
RESOLVO:
Primeiro. Someter ao trámite de información pública por un período de trinta (30) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, o proxecto de Decreto polo que se aproba o Plan especial de protección civil ante o risco radiolóxico (Perrgal), en orde á presentación de cantas alegacións se consideren oportunas.
Para os efectos de formalizar o previsto no parágrafo anterior, o proxecto estará dispoñible na sede da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, na rúa Roma, 25-27, do polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela, e poderá ser tamén consultado na epígrafe de Participación en plans e programas do Portal de transparencia da Xunta de Galicia, no seguinte enderezo web:
https://transparencia.xunta.gal/participacion-plans-programas
Segundo. En igual prazo poderán presentarse alegacións a través do devandito portal, nas oficinas de Rexistro e Atención á Cidadanía, ou en calquera das formas previstas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dirixíndoas á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, na rúa Roma, 25-27, do polígono das Fontiñas, 15781 Santiago de Compostela.
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2025
Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral de Emerxencias e Interior
