Expediente: IN407A 2025/069-4.
Promotora: Sociedad Electricista de Tui Distribuidora, S.L.
Denominación: LMTS e reforma CT Prado.
Concello: Gondomar.
Feitos:
1. O 25.3.2025, a empresa Sociedad Electricista de Tui Distribuidora, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS e reforma CT Prado.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Rubén Francisco Fernández Vayo, colexiado 2880 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e en que figura un orzamento total de 106.641,86 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade garantir a longo prazo o subministración de enerxía no lugar de Prado, na parroquia de Morgadáns, no concello de Gondomar. Para isto proxéctanse:
• A instalación dunha liña de media tensión subterránea en substitución da liña de media tensión aérea que alimenta o centro de transformación Prado.
• A reforma do centro de transformación Prado coa instalación dun novo embarrado de alta tensión e a ampliación da potencia actual de 160 kVA a 250 kVA.
• A substitución de dous apoios existentes por un C-3000/16 (coordenadas X=524928,3 e Y=4661300,82) e C-3000/14 (coordenadas X=524885,6 e Y=4661355,9), así como o retensado dos vans contiguos a eses apoios.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Gondomar e Augas de Galicia. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos.
3. O 13.5.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe en que conclúen que non hai impedimento para continuar coa tramitación das autorizacións administrativas previa e de construción, sempre que se cumpran coas condicións e requisitos establecidos.
Consideracións legais e técnicas.
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
• Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3x240, en dúas actuacións. A primeira é de 22 metros de lonxitude, coa orixe no apoio proxectado C-3000/16, mediante un paso aéreo subterráneo, e final no centro de transformación Prado. A segunda é de 58 metros de lonxitude, coa orixe no centro de transformación Prado e final no apoio proxectado C-3000/14, mediante un paso aéreo subterráneo.
• Reforma do centro de transformación Prado consistente na instalación dun novo embarrado de alta tensión e na substitución do transformador existente por un de 250 kVA.
• A instalación está situada en Prado, parroquia de Morgadáns, no concello de Gondomar (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
Outorgar á empresa Sociedad Electricista de Tui Distribuidora, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS e reforma CT Prado, expediente IN407A 2025/069-4.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:
1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se encontren afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.
2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE nº 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 22 de maio de 2025
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
