DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Luns, 23 de xuño de 2025 Páx. 34976

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2025, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Cerdedo-Cotobade (expediente IN407A 2025/074-4).

Expediente: IN407A 2025/074-4.

Promotora: Eléctrica de Moscoso, S.L.

Denominación: recuamento LMT derivación a Corredoira.

Concello: Cerdedo-Cotobade.

Feitos:

1. O 2 de abril de 2025, a empresa Eléctrica de Moscoso, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada Recuamento LMT derivación a Corredoira.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Rodríguez Fernández, colexiado 3859 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e no cal figura un orzamento total de 14.279,57 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade o soterramento da liña de media tensión aérea existente que sobrevoa os terreos onde se vai construír unha residencia para a terceira idade no lugar da Chan, na parroquia de Carballedo, no concello de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra). Para isto proxéctanse:

– Dous novos apoios (torres metálicas) baixo a LMT existente (LMT Derivación a Corredoira).

– Para conectar o tendido existente, realízase un retensado no apoio proxectado que se numerará como 4EM00169 e téndese un van de condutor LA-56 entre o apoio proxectado que se numerará como 4EM00170 e o apoio existente 4EM00171.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Cerdedo-Cotobade. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido.

3. O 7 de maio de 2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe en que concluen que non hai impedimento para continuar coa tramitación das autorización administrativas previa e de construción sempre que se cumpra coas condicións e cos requisitos establecidos.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación a este expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Instalación de dous apoios na liña de media tensión aérea (LMTA) Derivación a Corredoira, un C-3000/14 (4EM00170) e un C-3000/12 (4EM00169), nos cales se realizan senllos pasos aerosubterráneos para conexión da liña de media tensión subterránea (LMTS) que alimentará o centro de transformación da residencia da terceira idade.

Tendido de 123,5 metros de condutor LA-56 entre os apoios C-3000/14 (4EM00170) e 4EM00171 (existente), e retensado do van comprendido entre o apoio C-3000/12 (4EM00169) e o 4EM00168 (existente).

A instalación está situada na Chan, Carballedo, no concello de Cerdedo-Cotobade.

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Outorgarlle á empresa Eléctrica de Moscoso, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Recuamento LMT derivación a Corredoira, expediente IN407A 2025/074-4.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se encontren afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación, ante este departamento territorial, xunto coa seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado de dirección final de obra, no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada, ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 22 de maio de 2025

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra