DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Martes, 24 de xuño de 2025 Páx. 35220

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 2025, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal sanitario e de xestión e servizos no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2025, e se aproba a oferta de destinos nas categorías de médico/a de familia de atención primaria e facultativo/a especialista de atención primaria.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, do 20 de novembro de 2017 (DOG núm. 227, do 29 de novembro), aprobáronse as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia, as cales foron modificadas pola Resolución do 25 de abril de 2023 (DOG núm. 86, do 5 de maio).

Na base 3.4 da resolución de bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente establécese que as persoas interesadas poderán presentar a solicitude de participación no concurso de traslados aberto e permanente en calquera momento, sen suxeición a prazo, desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. En cada ciclo anual de adxudicación incluiranse as solicitudes de participación que consten rexistradas en Fides/expedient-e e formalmente presentadas ata o 15 de xaneiro do ano en curso.

Na súa base 7.1 disponse que, dentro do prazo dos quince días naturais seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da oferta de prazas correspondente a cada ciclo anual de adxudicación, o/a concursante poderá modificar a través de Fides/expedient-e, no seu formulario de participación, a selección de prazas efectuada.

Esta resolución limítase á oferta de destinos no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2025 para as categorías de médico/a de familia de atención primaria e facultativo/a especialista de atención primaria, ao teren sido tratadas as prazas na Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, dada a necesidade de resolver con axilidade este ciclo de adxudicación, para poder incorporar as prazas que resulten vacantes na relación que se oferte ás persoas participantes no proceso selectivo en curso no ámbito da medicina de familia.

A aprobación da oferta de destinos no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2025 para o resto das categorías de persoal sanitario e de xestión e servizos será publicada nunha resolución posterior, logo da súa negociación na correspondente mesa sectorial.

Finalizado o prazo de presentación de solicitudes do ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2025, e de conformidade coa Resolución do 20 de novembro de 2017, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a relación provisional de solicitantes admitidos/as e excluídos/as no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2025 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos.

As listas coa relación provisional de admitidos/as e excluídos/as en cada unha das categorías están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

De conformidade coa base oitava da Resolución de bases do 20 de novembro de 2017, as persoas excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen corrixir, se é o caso, o defecto que motivou a exclusión, mediante solicitude que deberán dirixir á unidade de validación á cal se dirixise a solicitude de participación no concurso.

As persoas que, tendo presentado debidamente a súa solicitude de participación para este ciclo, non consten como admitidas nin excluídas disporán do mesmo prazo para formularen a súa reclamación.

A estimación ou desestimación das emendas solicitadas entenderanse implícitas na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se declaren con carácter definitivo os/as admitidos/as e excluídos/as.

As persoas solicitantes que, dentro do prazo indicado, non emenden os defectos motivo da exclusión serán definitivamente excluídas da participación neste ciclo.

Segundo. Aprobar a oferta de destinos correspondente ao ciclo de adxudicación do ano 2025 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas nas categorías de médica/o de familia de atención primaria e facultativo/a especialista de atención primaria.

A relación de prazas ofertadas por categoría e centros nos cales poden existir resultas está publicada na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), na sección emprego público/concurso de traslados/concurso de traslados aberto e permanente 2025.

Ademais, poderá ser consultada polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. Os/as profesionais das categorías de médica/o de familia de atención primaria e facultativo/a especialista de atención primaria que figuren na relación de participantes deste ciclo disporán dun prazo de quince días naturais, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen modificar, a través de Fides/expedient-e, no seu formulario de participación, a selección de destinos efectuada, se así o desexan.

As modificacións que se realicen na selección de destinos deberanse presentar por rexistro electrónico e non requirirán a entrega de ningunha documentación. Terase en conta a última modificación presentada por rexistro electrónico, dentro do prazo indicado.

De igual forma, os/as aspirantes que, resultando admitidos/as con carácter provisional neste proceso nas categorías de médica/o de familia de atención primaria e facultativo/a especialista de atención primaria, non seleccionasen na instancia de participación ningún destino disporán do prazo de quince días naturais, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución, para efectuaren a través de Fides/expedient-e, mediante o oportuno rexistro electrónico, a selección de destinos que consideren.

De conformidade coa base 3.5.1 da Resolución do 20 de novembro de 2017 pola que se aproban as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente, aquelas solicitudes de participación que, logo do prazo anteriormente sinalado, non conteñan a selección de, polo menos, un destino non terán a consideración de solicitude validamente presentada e quedarán excluídas automaticamente do ciclo de adxudicación en curso.

Cuarto. Os/as profesionais das categorías de médica/o de familia de atención primaria e facultativo/a especialista de atención primaria que opten a algún dos destinos que exixen habilitacións específicas para o seu desempeño deberán rexistrar, dentro do prazo de quince días naturais seguintes ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a posesión de tal competencia en Fides/expedient-e, na epígrafe «Outros méritos», e deberán acreditar documentalmente no mesmo prazo, mediante certificación orixinal ou copia compulsada ou auténtica dirixida á mesma unidade de validación en que presentaron a solicitude de participación, a posesión de tal habilitación.

Os/as profesionais que optaron a algún destes postos pero que non acreditaron, na forma e no prazo expostos, as condicións exixidas para o seu desempeño non poderán resultar adxudicatarios/as deles.

Quinto. A adxudicación dun destino neste proceso de mobilidade voluntaria suporá a obriga para o/a profesional adxudicatario/a do cumprimento dos requisitos e condicións do posto que se detallan na relación de prazas ofertadas, que se fai pública mediante esta resolución. En caso contrario, o/a profesional decaerá do dereito a obter ou, de ser o caso, manter tal destino con carácter definitivo.

Sexto. De conformidade co previsto no artigo 8.3 do Decreto 48/2023, do 20 de abril, de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada na Comunidade Autónoma de Galicia, na relación de prazas que se fai pública mediante esta resolución figuran destinos ofertados cun requisito de docencia (prazas con titorías).

Consonte o mesmo precepto, o/a profesional que opte a tales prazas deberá estar acreditado/a como titor ou titora no prazo máximo dun ano desde a súa toma de posesión, e exercer como tal unha vez acreditado/a. E no caso de que non obteña a dita acreditación nese período, perderá o destino definitivo e deberá participar no seguinte ciclo anual do concurso de traslados.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2025

María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos