O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, establecen que unha vez finalizadas as obras e realizadas as verificación e inspección iniciais, a empresa instaladora deberá emitir un certificado de instalación segundo o modelo establecido pola Administración pública competente.
A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas é competente na planificación, ordenación e fomento da enerxía e as infraestruturas enerxéticas segundo o Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.
De acordo co exposto,
RESOLVO:
Aprobar o modelo oficial de certificado de instalación eléctrica en alta tensión, que se recolle como anexo desta resolución.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2025
Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas
