DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Martes, 24 de xuño de 2025 Páx. 35136

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 23 de xuño de 2025, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural sete moedas históricas de Galicia.

I

O artigo 1.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia proclama que a Comunidade Autónoma, a través de institucións democráticas, asume como tarefa principal a defensa da identidade de Galicia e dos seus intereses. Así mesmo, o artigo 32 imponlle á Comunidade Autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

É nese horizonte e con esas finalidades coas que hai que entender as competencias asumidas no artigo 27.18 sobre o patrimonio, histórico, artístico, arquitectónico e arqueolóxico. A identidade de Galicia, os seus intereses e os seus valores culturais son os principios reitores que impelen á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a actuar xurídica e administrativamente en consecuencia.

O patrimonio numismático é un dos principais testemuños materiais da contribución histórica do pobo galego no seu devir como comunidade con identidade propia desde antigo. A protección e o enriquecemento deste patrimonio constitúen, como parte sobranceira do patrimonio colectivo, obrigas fundamentais que vinculan a todos os poderes públicos segundo o mandato que aos mesmos dirixe o artigo 46 da Constitución española. Acoller e protexer o positivo legado daqueles que reuniron boa parte destes elementos é unha esixencia á altura dos protagonistas da nosa mellor tradición intelectual. O amparo e a custodia de pezas de singular significación histórica entra de cheo nas obrigas constitucionais e estatutarias que atinxen á Xunta de Galicia.

No marco do obxecto e das definicións fundamentais do artigo 1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG), o acrecentamento, a difusión e a valorización destes elementos, vinculados notoria e claramente coa Comunidade Autónoma de Galicia, reclama unha resposta xurídico administrativa ineludible que permita o seu estudo, investigación, interpretación científica e transmisión ás xeracións futuras, en canto materialización dun valor histórico con derivadas nos eidos artísticos, científicos, técnicos, arqueolóxicos e documentais que deben ser considerados como de sobranceiro interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.

O patrimonio numismático con raíz e vinculación en Galicia, como singular reflexo do patrimonio histórico, é unha riqueza colectiva que contén expresións significativas transcendentais no evoluir político e económico das distintas formas de autoorganización social dignas de aprecio para entender a forxa de Galicia ata hoxe. Este tipo de pezas son fundamentais na análise e no estudo da súa participación activa na configuración do mundo occidental, desde a romanidade, a paulatina desintegración desta nos reinos xermánicos e, sobre esa base, a súa participación destacada e protagonista na configuración das monarquías peninsulares. Isto provoca unha estima para a sensibilidade da cidadanía e e comunidade científica galegas que determina un proceso de patrimonialización con clara raigame en Galicia que debe ser salvagardado, defendido e protexido. É nesta perspectiva como o exercicio das competencias, e a súa execución, instrumentalizada a través das figuras legais previstas, cobran pleno sentido.

II

A LPCG establece no seu artigo 1.2 que «O patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo». Así mesmo, integran o patrimonio cultural de Galicia todos aqueles bens ou manifestacións inmateriais de interese para Galicia nos que concorra algún dos valores enumerados no parágrafo anterior e que se encontren en Galicia, con independencia do lugar no que fosen creados».

O artigo 8.2 da LPCG determina que: «[...] terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter, máis sobranceiro no ámbito no ámbito da Comunidade Autónoma sexan declarados como tales por ministerio da Lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta Lei». Máis adiante este artigo establece que os bens poden ser inmobles, mobles ou inmateriais.

O artigo 9.2 da LPCG expón que «[...] para os efectos desta Lei , terán a consideración de bens mobles, ademais dos enumerados no artigo 335 do Código civil, aqueles susceptibles de ser transportados non estritamente consubstanciais coa estrutura do inmoble, calquera que sexa o seu soporte materialidade».

Ademais o artigo 11 da LPCG, sobre especialidades dos bens mobles, considera que estes poderán ser declarados bens de interese cultural de forma individual ou como colección. A estes efectos, considérase que as sete moedas históricas de Galicia, para as que se incoa o procedemento de declaración de ben de interese cultural, non forman parte dunha colección, polo que se entenden como obras individuais.

III

A análise do contido da documentación que contén o expediente administrativo, realizada polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, conclúe que as sete moedas históricas descritas polo miúdo no Anexo I, desta resolución, posúen un valor cultural sobranceiro da Comunidade Autónoma de Galicia e, por tanto, son susceptibles de ser declaradas ben de interese cultural do patrimonio cultural de Galicia.

Tendo en consideración todo o exposto, e o contido da documentación do expediente administrativo tramitado no Servizo de Inventario, e por resultar as sete moedas históricas de Galicia referidas uns bens sobranceiros do patrimonio cultural de Galicia, o director xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias establecidas no artigo 14 do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e en virtude do disposto no título I da LPCG e no Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia

RESOLVE:

Primeiro. Incoación do procedemento administrativo

Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural as sete moedas históricas de Galicia denominadas «Tremissis Suevo de Honorio, Ceca Gallaecia», «Tremissis Suevo de Valentiniano, Ceca Gallaecia», «Tremissis Suevo serie Latina Mvnita, Ceca Gallaecia», «Tremissis Visigodo de Wamba, Ceca Tui», «1/4 de excelente dos Reis Católicos, Ceca A Coruña», «1/2 de excelente da granada dos Reis Católicos, Ceca A Coruña» e «1/2 real de Felipe II, Ceca A Coruña», conforme o descrito no anexo I desta resolución e proceder cos trámites administrativos precisos para a súa declaración.

Segundo. Prazo de resolución e caducidade

O procedemento deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses a partir da data desta resolución. Transcorrido este prazo, sen que se emita resolución expresa, produciríase a caducidade do procedemento e o remate do réxime provisional de protección establecido.

Terceiro. Anotación preventiva

Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se lle comunique á Administración Xeral do Estado para os efectos da súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado e no Inventario de Bens Mobles do Estado.

Cuarto. Réxime de protección

Aplicar de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para os bens mobles en particular.

Quinto. Publicación

Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Sexto. Notificación

Notificar esta resolución ás persoas e ás entidades interesadas.

Sétimo. Información pública

Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que comezará a contar dende o día seguinte ao da publicación, co fin de que as persoas que poidan ter interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente. A consulta realizaríase nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, situada no Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, 3º bloque, 2º piso, Santiago de Compostela, despois da correspondente petición da cita.

Oitavo. Solicitude informes dos órganos consultivos

Solicitar o ditame dos órganos consultivos relativos á concorrencia dun valor cultural sobranceiro nos bens obxecto desta resolución.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2025

Ángel Miramontes Carballada
Director xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominacións:

• Tremissis Suevo de Honorio, Ceca Gallaecia.

• Tremissis Suevo de Valentiniano, Ceca Gallaecia.

• Tremissis Suevo serie Latina Mvnita, Ceca Gallaecia.

• Tremissis Visigodo de Wamba, Ceca Tui.

• 1/4 de excelente dos Reis Católicos, Ceca A Coruña.

• 1/2 de excelente da granada dos Reis Católicos, Ceca A Coruña.

• 1/2 real de Felipe II, Ceca A Coruña.

2. Natureza e condición:

• Natureza: material.

• Condición: moble.

• Clase: individual.

• Tipoloxía: moeda.

• Localización: os bens pertencen a unha colección particular.

3. Descrición das moedas.

3.1. Tremissis Suevo de Honorio, Ceca Gallaecia.

As características principais da moeda son as seguintes: REINO SUEVO. Tremissis. A nome de Honorio. AU 1,35 g. 16 mm. C&M-lám.6.1, similar; Orol-SU.1, mesmo exemplar. MBC/MBC+. Rara.

3.2. Tremissis Suevo de Valentiniano, Ceca Gallaecia.

Os aspectos máis relevantes da moeda son os seguintes: REINO SUEVO. Tremissis. A nome de Valentiniano. AU 1,35 g. 14,1 mm. C&M-lám. 10.1, mesmo exemplar; Orol-SU.5, mesmo exemplar. Grafito X en rev. EBC. Rara.

3.3. Tremissis Suevo serie Latina Mvnita, Ceca Gallaecia.

Trátase dunha emisión única, que se saiba ata o momento, que constitúe unha testemuña material e documental da existencia do Reino Suevo en Galicia, e que amosa no só un período de estabilidade económico-político, senón tamén unha declaración de intencións formais, como se da sinatura dun tratado se tratase, no cal se expón que en Galicia se declara a paz, sendo a moeda dun material nobre. A moeda declara que: GALLICA MVNITA PAX.

En consecuencia, a moeda constitúe un exemplo palpable e excepcional dentro da numismática alto medieval hispana, ao configurarse como unha testemuña directa do Reino Suevo de Galicia, a primeira entidade política xurdida na Europa medieval. Como consecuencia disto, o sistema monetario Galaico-Suevo foi o primeiro en diferenciarse do conxunto do Imperio Romano de Occidente. Neste sentido, esta moeda, como elemento para a lexitimación do Reino Suevo de Galicia, é unha das poucas testemuñas materiais auténticas. Ditas testemuñas seguen os estándares iconográficos das moedas romanas dos séculos III e IV, que se caracterizan pola súa esquematización e ao uso do ouro, o que acredita un certo desenvolvemento monetario nesta etapa histórica de Galicia.

Así mesmo, a moeda ten un valor cultural senlLei ro polo seu valor artístico, nesa demostración estilística de representación do poder rexio, así como a simboloxía e a iconografía empregadas na época nunha preciosa e coidada cuñación en ouro.

As características principais da moeda son as seguintes: REINO SUEVO. Tremissis. Serie LATINA MVNITA. Ley. MVNITA GALLICA PAX. AU 1,24 g. 16,1 mm. C&M-lám. 17.4, mesmo exemplar; Orol-SU.8, mesmo exemplar. EBC-/EBC. Rarísima: posiblemente única.

3.4. Tremissis Visigodo de Wamba, Ceca Tui.

As pegadas das emisións do rei Wamba na ceca de Tude (Tui), ao día de hoxe, non son tan habituais, como, por exemplo, o das cuñacións en Bracara Augusta. De feito, son poucas as emisións que se coñecen, aínda que estas son testemuñas oficiais nas que se recoñece a importancia xeográfica e política de Tui, cidade que ata o século XIX, tivo o recoñecemento de ser unha das sete capitais de Galicia. Así mesmo, as emisións de tremissis do rei Wamba, en comparación a outros reis visigodos anteriores, foi escasa.

En consecuencia, ao tratarse a moeda dun exemplar pertencente ao reinado deste rei e nunha ceca con menos actividade que outras existentes en dito período, achega datos de vital relevancia. Por un lado, a importancia xeopolítica de Tui neste período e, por outra, a posible entrada en recesión dunha monarquía foránea instalada en Galicia que está comenzando a perder nivel adquisitivo.

As principais características da moeda son as seguintes: REIS VISIGODOS. WAMBA. Tremissis. Tude. AU 1,35 g. 20,4 mm. CNV-477, mesmo exemplar ilustrado; Orol-VI.16, mesmo exemplar. EBC-. Única.

3.5. Analízanse neste apartado dúas moedas conxuntamente.

3.5.1. 1/4 de excelente dos Reis Católicos, Ceca A Coruña.

3.5.2. 1/2 de excelente da granada dos Reis Católicos, Ceca A Coruña.

Trátase de dúas pezas cuñadas en Galicia, en concreto na Coruña, de gran valor cultural e de rara cuñación nesa ceca.

Galicia foi un enclave fundamental na política de unificación da Coroa de Castela, e a cuñación deste tipo de elementos en ouro pretende reforzar o papel de autoridade dos monarcas fronte aos señores feudais que ata entón controlaban todo o territorio galego e desafiaban o poder do rei (os Andrade, os Moscoso ou os Fonseca, entre outros). Se ben é certo que a ceca da Coruña seguiu tendo un papel moi activo na cuñación de maravedís e outros tipos habituais de Castela en circulación, non tivo o nivel de actividade de outras cecas, como, por exemplo, Toledo ou Segovia. Por este motivo, son raros e moi valorados entre os coleccionistas os exemplares de ouro designados como «Excelentes», «Medio Excelente» e derivados, dos Reis Católicos nunhas condicións de conservación tan boas, e máis se foron acuñados na Coruña. Ningún museo de Galicia conserva entre as súas coleccións numismáticas un exemplar de ditas emisións, o que supón un importante vacío ao tempo de documentar o poder de Galicia, como unha das emisoras oficiais de numerario monetal.

As principais características da moeda denominada «1/4 de excelente dos Reis Católicos, Ceca A Coruña» son as seguintes: REIS CATÓLICOS. 1/4 de excelente o 1/2 castelán. Coruña. A/ Cruz de puntos, QUOS : DEUS : CUNGUN. R/ FERNANDUS: ET: E:. AU 2,24 g. 20,7 mm. AC-584, mesmo exemplar; Orol-MO.1, mesmo exemplar. EBC-. Única.

Os aspectos máis importantes da moeda coñecida como «1/2 de excelente da granada dos Reis Católicos, Ceca A Coruña» son os seguintes: REIS CATÓLICOS. 1/2 excelente da granada. Coruña. A/ + QVS DEVS : CONGUNGIT : HOMO : NON : SEP. R/ FERNANDUS ET ELISAVT RC. AU 3,48 g. 21,7 mm. AC-636; Orol-MO.7, mesmo exemplar. MBC/MBC+. Rarísima.

3.6. 1/2 real de Felipe II, Ceca A Coruña.

O ben é un medio real de Felipe II acuñado na Coruña e trátase dunha peza rarísima e excepcional. En efecto, deste exemplar de prata acuñado en 1590 non se tiñan noticias, pois non había constancia documental de acuñacións de prata na Coruña durante o reinado de Felipe II.

Constitúe, por tanto, este exemplar, a mostra real e material de emisións de prata por este valor emitidas na ceca galega; unha testemuña única e que ratifica unha vez máis a importancia deste centro fabril.

As principais características desta moeda son as seguintes: FELIPE II. 1/2 real. Coruña. 1590. AR 1,59 g. 18,5 mm. AC-no; Orol-MO.292, mesmo exemplar. MBC. Única e de maior interese histórico.

4. Marco histórico.

Galicia rexistra unha tradición histórica, de certa singularidade no panorama estatal, de posuír a autorización e o dereito para labrar moeda. Xa nos tempos do imperio romano as emisións de moeda localízanse na veciñanza de Lugo mediante cecas ambulantes que cobren a demanda dos diferentes exércitos nas súas ofensivas de expansión.

Posteriormente, a etapa do Reino Suevo de Galicia deixa pegadas de recursos auríferos e técnicos, cuxa materialización leva a sinatura de cidades galegas como Tui o Santiago de Compostela.

Andando no tempo, a relevancia de Galicia durante o período medieval, en parte polo descubrimento dos restos do Apóstolo Santiago, converten a Galicia nun enclave relevante nos eidos relixioso e político para boa parte das monarquías cristiás europeas. Por este motivo, na actualidade pódese documentar un dereito realmente singular: o dereito do propio clero para poder emitir moeda.

Na Idade Moderna, as continuas guerras civís nos espazos fronteirizos de Castela, Galicia e Portugal deixan testemuños da importancia que exercía o territorio galego para pactos de estado, alianzas políticas e declaracións de guerra. Todos estes sucesos históricos deixan a súa pegada nas emisións de moeda galegas, nun primeiro momento na Ceca da Coruña e, posteriormente, nos reinados de Fernando VII e Isabel II na Ceca de Xuvia en Neda.

5. A Colección Orol.

A coñecida como «Colección Orol» foi realizada no seu día polo empresario galego Antonio Orol Pernas, natural de Ferreira (O Valadouro). Ao longo da súa vida, a parte de ir conformando a súa colección de moedas, participou en diversos foros numismáticos o que o levou a ser vicepresidente da Asociación Numismática Madrileña, membro do comité executivo dos Congresos Nacionais de Numismática e secretario da Sociedad Iberoamericana de Estudios Numismáticos. Así mesmo, publicou no ano 1982 Acuñaciones de Alfonso IX, un libro que incorpora os estudos metalográficos e as micrografías a análise das moedas peninsulares.

A colección de Orol Pernas tivo como tivo como principal obxectivo cubrir todas as emisións monetarias realizadas en Galicia desde o Imperio Romano á actualidade, co fin de tecer un relato que desvelase a importancia de Galicia ao longo da súa historia, co emprego da moeda, como elemento documental e oficial.

A arela de Antonio Orol Pernas foi confeccionar a colección de moedas pensando en que algún día puidese permanecer unida nalgunha institución pública galega, deixando así para Galicia e para o conxunto dos galegos e galegas, unha historia monetaria de Galicia desde os comezos ata a actualidade.

6. Valoración cultural.

As sete moedas históricas de Galicia, que se referencia neste texto xurídico, son emisións raras e únicas das cales non se coñece ata o momento outros exemplares iguais e que, ademais, non están presentes en ningún museo galego, español ou do mundo.

Esta serie de sete moedas da historia de Galicia posúen, por tanto, un valor cultural sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que son merecentes de ser declarados bens de interese cultural do patrimonio cultural de Galicia.

7. Estado de conservación.

A totalidade das moedas históricas de Galicia, obxecto desta resolución, presentan un excelente estado de conservación.

8. Réxime de protección e salvagarda: a incoación para declarar ben de interese cultural as sete moedas históricas de Galicia, obxecto desta resolución, determina a aplicación inmediata, aínda que provisional, do réxime de protección previsto na presente Lei para os bens xa declarados, segundo o artigo 17.4 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia e co que se establece na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español en materia de exportación e espolio.

Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección. Este réxime implica:

• Autorización: as intervencións que se pretendan realizar nos bens terán que ser autorizadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens, están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens están obrigadas a permitirlle o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador e ao persoal técnico da Administración nas condicións legais establecidas. Este acceso poderá ser substituído para o caso de investigación, polo seu depósito na institución ou entidade que sinale a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, e que non poderá superar os dous meses cada cinco anos.

• Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre os bens, deberán permitir a visita pública nas condicións establecidas na normativa vixente, que poderá ser substituída polo depósito para a súa exposición durante un período máximo de cinco meses cada dous anos.

• Transmisión: toda pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute deberalle ser notificada á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, con indicación do prezo e das condicións nas que se propoña realizala e a Administración poderá exercer os dereitos de tenteo ou retracto nas condicións legais establecidas.

• Expropiación: o incumprimento das obrigas de conservación será causa de interese social para a expropiación forzosa por parte da Administración competente.

• Traslado: calquera traslado deberá ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural con indicación da orixe e destino, carácter temporal ou definitivo e condicións de conservación, seguridade, transporte e, se é o caso, aseguramento, exceptuando os casos de exportación.

• Exportación: segundo o artigo 5 da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español «queda prohibida a exportación dos bens declarados de interese cultural».