DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Martes, 24 de xuño de 2025 Páx. 35147

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 17 de xuño de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras dos premios de Artesanía de Galicia, se convocan para o ano 2025 e se autoriza a Fundación Pública Artesanía de Galicia para a súa concesión (código de procedemento IN200A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.17, atribúelle á nosa Comunidade Autónoma competencias exclusivas en materia de artesanía. A Lei 8/2023, do 14 de decembro, de artesanía de Galicia, establece o marco legal de actuación do sector artesán.

En Galicia, as actividades artesanais supoñen unha gran reserva desde o punto de vista cualitativo e cuantitativo. Forman parte do tecido produtivo básico sobre o cal se constrúe a nosa sociedade, ao tempo que actúan como fío condutor que posibilita a continuidade da nosa identidade e da nosa cultura.

A Fundación Pública Artesanía de Galicia, que forma parte do sector público autonómico, foi constituída como unha organización de natureza fundacional, de interese galego, sen ánimo de lucro, cun patrimonio afecto de maneira duradeira á realización dos fins de interese xeral propios da institución.

A fundación ten por obxecto a promoción da artesanía de Galicia en todas as súas vertentes, sendo os seus principais fins potenciar o desenvolvemento económico do colectivo artesán, recuperar e asegurar a pervivencia das actividades artesanais, dotar o sector artesán de profesionais cualificados mediante unha formación especializada, mellorar a calidade técnica e artística dos produtos artesáns e programar e xestionar as actuacións que desde a Administración autonómica se acometan en materia de formación, arquivamento, información, investigación e promoción da artesanía de Galicia.

A disposición derradeira sétima, número 2, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, dá unha nova redacción ao número 1 da disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que pasa a dispoñer que as fundacións do sector público unicamente poderán conceder subvencións cando así se autorice á correspondente fundación de forma expresa mediante acordo do ministerio de adscrición ou órgano equivalente da Administración ao cal a fundación estea adscrita.

Esta modificación normativa, que segundo a disposición derradeira ten o carácter de lexislación básica, entrou en vigor o 3 de outubro de 2015 de conformidade coa disposición derradeira décimo oitava.2 da citada Lei 40/2015, polo que, a partir desa data, o outorgamento de subvencións pola Fundación Pública Artesanía de Galicia require a autorización expresa da consellería de adscrición; neste caso, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Así mesmo, segundo establece a citada disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, na redacción dada pola disposición derradeira sétima da Lei 40/2015, do 1 de outubro, a aprobación das bases reguladoras será exercida polos órganos de Administración que financien en maior proporción a subvención correspondente.

Conforme o Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, queda adscrita a esta consellería, sen prexuízo da súa personalidade xurídica propia, a Fundación Pública Artesanía de Galicia.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das competencias que me foron atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación das bases reguladoras, convocatoria e autorización

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras dos premios de Artesanía de Galicia que figuran no anexo I, convocar os premios para o ano 2025 e autorizar a Fundación Pública Artesanía de Galicia para a súa concesión.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2025

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración

ANEXO I

Bases reguladoras dos premios de Artesanía de Galicia
(código de procedemento IN200A)

Artigo 1. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios de Artesanía de Galicia co obxectivo de recoñecer a mellora continua no labor dos/das profesionais do sector artesán galego e contribuír ao seu desenvolvemento económico e promocional.

Artigo 2. Modalidades e características dos premios

Os premios de Artesanía de Galicia constan das seguintes modalidades:

1. Premio Artesanía de Galicia 2025.

Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a boa presentación e a calidade da obra tanto nos seus materiais como no desenvolvemento desta.

2. Premio Traxectoria 2025.

Premio honorífico en recoñecemento á traxectoria profesional consolidada dunha persoa artesá galega. O premio será concedido tendo en conta as propostas dos obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, as asociacións profesionais de artesáns e artesás de Galicia, entidades locais e outras entidades públicas ou privadas encargadas de facer a presentación das candidaturas. Valorarase a traxectoria recoñecida da persoa candidata, a súa contribución, posta en valor e promoción da artesanía galega, a calidade dos seus traballos realizados e o compromiso coa divulgación e transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía.

3. Premio Bolsas Eloy Gesto 2025.

Esta modalidade ten a finalidade de potenciar a remuda xeracional na artesanía, o acceso de novos talentos ao sector e a súa profesionalización. Premiaranse ata tres candidaturas que presenten unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e do deseño. Valorarase o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador. Tamén se terá en conta o grao de madurez, calidade na presentación da proposta, así como a colaboración entre as distintas actividades artesanais.

Artigo 3. Participantes

1. Premio Artesanía de Galicia 2025.

Obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia cuxo titular sexa unha persoa artesá de acordo coa Lei 8/2023, do 14 de decembro, de artesanía de Galicia.

2. Premio Traxectoria 2025.

Artesáns/ás en activo ou retirados/as que están ou estiveron inscritos como tales no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos. Os encargados de facer a presentación das candidaturas desta categoría serán os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, as asociacións profesionais de artesáns e artesás de Galicia, entidades locais ou outras entidades públicas ou privadas. Estas propostas serán sempre realizadas por terceiros, é dicir, ningún obradoiro poderá realizar a proposta do titular ou dunha persoa traballadora do propio obradoiro.

3. Premio Bolsas Eloy Gesto 2025.

Obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia cuxo titular sexa unha persoa artesá que acadara unha idade máxima de 45 anos no 2025.

Artigo 4. Solicitudes e prazo de presentación

1. Para a modalidade do Premio Artesanía de Galicia 2025, co fin de avaliar fielmente a calidade, o deseño e a presentación de todas as obras a concurso por parte do xurado que ditaminará a peza gañadora, requírese, excepcionalmente, que a obra xunto coa súa documentación e a solicitude (anexo II) se presenten nas oficinas da Fundación Pública Artesanía de Galicia utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

As persoas interesadas deberán consultar previamente no correo electrónico centro.artesania@xunta.gal o enderezo e o horario de apertura das oficinas. Cando a candidatura se remita por correo, a persoa solicitante deberá xustificar a data de imposición do envío na oficina de Correos (será requisito indispensable que se trate dunha oficina de Correos prestadora do Servizo Postal Universal) e anunciarlle á Fundación Pública Artesanía de Galicia a remisión da candidatura mediante un correo electrónico no mesmo día. Sen a concorrencia de ambos os dous requisitos non será admitida a proposta se é recibida pola fundación con posterioridade á data en que remata o prazo sinalado nestas bases. Transcorridos, porén, os dez días naturais seguintes á data indicada sen recibir a proposta de candidatura, esta non será admitida en ningún caso. Dada a incompatibilidade funcional e loxística derivada do volume das pezas presentadas, non se admitirá a presentación nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. Para as modalidades do Premio Traxectoria 2025 e do Premio Bolsas Eloy Gesto 2025, as solicitudes (anexo II) e a restante documentación presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

3. O prazo de presentación para as tres candidaturas iniciarase a partir das 8.00 horas do 15 de setembro de 2025 e rematará ás 14.30 horas do 26 de setembro de 2025.

4. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude ou documentación presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

5. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

6. De acordo co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, no caso de que a solicitude ou a restante documentación non reúna os requisitos exixidos nestas bases, requiriráselle á persoa solicitante que a complete no prazo de 10 días coa advertencia de que, transcorridos eses días sen que se achegue a documentación requirida, se dará por desistida da súa solicitude, logo de resolución expresa que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 5. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar co anexo II de solicitude a seguinte documentación:

1. Premio Artesanía de Galicia 2025.

A) Presentación da peza orixinal e, no caso de que non poida ser presentada por cuestións de volume, peso ou localización, exixirase unha maqueta cuxo volume non exceda o metro cúbico e os 40 quilogramos de peso, xunto con material fotográfico do orixinal.

B) Sobre pechado A en que figurará o título da proposta e que conterá en papel a seguinte documentación:

a) Anexo II. Solicitude. É obrigatorio que, de ser o caso, leve a sinatura e o selo da empresa.

b) Currículo do obradoiro artesán.

c) Declaración asinada de que a peza presentada é autoría e propiedade da persoa solicitante e non foi presentada a outros concursos nin publicada con anterioridade en ningún tipo de soporte (redes sociais, web, publicacións e outros).

No caso de que a peza presentada sexa resultado dunha colaboración de varios obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía, o sobre deberá conter a documentación sinalada anteriormente cuberta por cada un dos participantes na elaboración da peza.

C) Sobre pechado B en que figurará o título da proposta e conterá en soporte dixital a seguinte documentación:

a) Ficha técnica do proxecto que inclúa o nome ou título da obra, peso, medidas, técnica utilizada, materiais empregados, ano de elaboración e valoración económica.

b) Un mínimo de cinco imaxes da obra presentada en formato.jpg en alta calidade.

c) Memoria descritiva do proceso produtivo e memoria conceptual en que se indique a intencionalidade da peza, as fontes de inspiración e calquera outro dato que axude á comprensión e ao bo entendemento da obra.

Esta documentación non poderá estar asinada nin conter distintivos que a identifique cunha marca ou cunha autoría determinada.

O número máximo de obras por participante será de dous. Asemade, os autores que desexen participar con máis dunha obra deberán cubrir toda a documentación por obra presentada.

Tanto a peza como a memoria que se propón como candidata ao premio non poderán estar asinadas nin conter distintivos que as identifiquen cunha marca ou cunha autoría determinada.

2. Premio Traxectoria 2025.

a) Memoria de presentación na que se sinalen as razóns pola se propón ao premio.

b) Currículo da persoa candidata.

c) Un mínimo de 15 imaxes en formato .jpg, das que un mínimo 5 serán de pezas rematadas e un mínimo de 5 da persoa candidata ao premio.

3. Premio Bolsas Eloy Gesto 2025.

a) Currículo da persoa artesá ou do obradoiro artesán.

b) Memoria descritiva que inclúa o traballo principal da persoa candidata no eido da artesanía, programa ou principais contidos da formación que desexa adquirir a través da bolsa de formación, información principal do centro de formación ou obradoiro de artesanía para o que solicita a bolsa e unha proposta razoada pola que considera que a súa candidatura debe de ser elixida como gañadora nesta categoría.

c) Será preciso aportar un mínimo de 10 imaxes de produto en formato .jpg.

No caso de presentación electrónica obrigatoria, se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Fundación Pública Artesanía de Galicia poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tiver un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade solicitante ou representante.

c) Certificado de estar ao día no cumprimente dos seus deberes coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no cumprimento dos seus deberes coa Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselle solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Financiamento e dotación dos premios

A dotación económica global dos premios de Artesanía de Galicia é de 21.000 euros e financiarase con cargo aos orzamentos da Fundación Pública Artesanía de Galicia, estando suxeitos ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.

A dotación de cada modalidade é a seguinte:

1. Premio Artesanía de Galicia 2025.

Dotación de 9.000 € e trofeo acreditativo.

A persoa gañadora cederalle á Fundación Pública Artesanía de Galicia a propiedade da obra premiada. No caso de que as características físicas ou de propiedade do produto gañador impidan a súa cesión hase substituír por documentación gráfica ou visual deste.

2. Premio Traxectoria 2025.

Trofeo acreditativo e sen dotación económica.

3. Premio Bolsas Eloy Gesto 2025.

Bolsa de formación de 4.000 € e diploma acreditativo para cada unha das persoas gañadoras. As persoas gañadoras deste premio deberán entregarlle á Fundación Pública Artesanía de Galicia unha memoria descritiva e xustificativa dos gastos realizados unha vez completada a formación pola que lles foi concedida a bolsa.

Os premios estarán suxeitos ás retencións vixentes na data de concesión destes.

Artigo 8. Xurado

Constituirase un xurado cuxos/as membros serán nomeados/as pola persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, competente en materia de artesanía, e estará integrada por un/unha presidente/a, un/unha secretario/a e un máximo de cinco vogais.

Actuará como presidente/a a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo ou a persoa en quen delegue, como vogais actuarán profesionais e persoas expertas de recoñecido prestixio no eido da artesanía, do deseño e do comercio e a secretaría recaerá na persoa xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, con voz pero sen voto.

A composición do xurado farase pública antes da resolución dos premios na páxina web https://artesaniadegalicia.xunta.gal/

No seu funcionamento, o xurado aterase ao seguinte:

a) A deliberación do xurado será secreta e a súa decisión inapelable.

b) O xurado proporá nas súas deliberacións unha única persoa gañadora para cada unha das categorías. No caso de empate, decidirá o voto de calidade do/da presidente/a. No momento das votacións, só se terán en conta os votos emitidos polos membros presentes, xa que non se admitirá a delegación do voto.

c) O xurado poderá facer mencións honoríficas sen dotación económica a aquelas persoas candidatas que desexen destacar nalgún aspecto.

d) O xurado poderá propoñer declarar desertos os premios se considera que as obras presentadas non reúnen os méritos necesarios para acadar o galardón.

e) O xurado queda facultado para resolver sobre aspectos non contemplados nestas bases así como todas as cuestións que poidan suscitarse con motivo dos premios.

f) O xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nestas bases e ao disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 9. Resolución de concesión

1. O xurado efectuará a proposta de resolución de concesión, á cal deberá incorporar o contido da avaliación realizada por este.

O órgano competente para ditar a resolución de concesión do procedemento é a xerencia da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

2. As persoas propostas para o premio deberán manifestar a súa aceptación expresa á Fundación Pública Artesanía de Galicia no prazo de 10 días hábiles.

3. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderá suspender unha convocatoria anual cando concorran circunstancias que impidan o normal desenvolvemento do proceso de convocatoria e a concesión do premio.

4. O prazo máximo para ditar e notificarlles ás persoas interesadas a resolución expresa será de tres meses contados a partir do día seguinte á data límite de recepción das candidaturas. Transcorrido o citado prazo sen que se notifique a resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. As persoas ganadoras do Premio Bolsa Eloy Gesto 2025 deberán entregar á Fundación Pública Artesanía de Galicia unha memoria descritiva e xustificativa dos gastos realizados unha vez completada a formación pola que lles foi concedida a bolsa. Esta documentación debe de remitirse ao centro.artesania@xunta.gal nun prazo máximo dun ano contado desde a entrega de premios en que se darán a coñecer publicamente os ganadores. Se por causas de forza maior a formación non se puidese levar a cabo neste prazo, as persoas ganadoras poderán solicitar unha prórroga á Fundación Pública Artesanía de Galicia, que avaliará esta solicitude e será a encargada de autorizar o aprazamento.

O incumprimento desta obrigación por parte das persoas ganadoras será motivo de reintegro íntegro á Fundación Pública Artesanía de Galicia da dotación económica da bolsa.

Artigo 10. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta orde poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa. Se a resolución non é expresa, a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Publicidade

A Fundación Pública Artesanía de Galicia fará publicidade das persoas galardoadas e dos finalistas, se os houber, coa merecida notoriedade nos medios que considere máis axeitados dadas as características dos premios.

Artigo 13. Entrega de premios

A entrega dos premios realizarase nun acto público convocado para tal efecto, ao que se lle dará a publicidade e a transcendencia axeitadas.

Artigo 14. Compatibilidade dos premios

Estes premios serán compatibles con calquera outra subvención, axuda, ingreso ou recurso procedente de calquera Administración, ente público ou privado, galego, estatal ou europeo, ou organismos internacionais, que se lle puider outorgar á persoa beneficiaria despois da concesión do presente galardón.

Artigo 15. Recuperación das pezas presentadas

Os autores que desexen recuperar as pezas presentadas e non premiadas deberán recollelas persoalmente na Fundación Pública Artesanía de Galicia. As obras que non se recollan pasados 30 días desde a publicación das persoas ganadoras na páxina web https://artesaniadegalicia.xunta.gal/ pasarán a ser propiedade da fundación, xa que se entenderá que as persoas candidatas renuncian aos seus dereitos de propiedade sobre estas.

Artigo 16. Aceptación das bases

A participación neste concurso supón a plena aceptación das bases cuxa interpretación corresponde ao xurado.

Artigo 17. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN200A, poderase obter información na Fundación Pública Artesanía de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web da Fundación Pública Artesanía de Galicia https://artesaniadegalicia.xunta.gal/ e da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración https://conselleriaemprego.xunta.gal/

b) Na Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos

c) Nos teléfonos 881 99 91 71 ou 881 99 91 74 da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

d) No enderezo electrónico centro.artesania@xunta.gal

e) Presencialmente na Fundación Pública Artesanía de Galicia, FGHI34 Área Central, 15707 Santiago de Compostela.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Artigo 18. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Para as modalidades do Premio Traxectoria 2025 e o Premio Bolsas Eloy Gesto 2025, todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Respecto á modalidade do Premio Artesanía de Galicia 2025, os trámites con posterioridade ao inicio do expediente débense realizar presencialmente na sede da Fundación Pública Artesanía de Galicia co fin de avaliar fielmente, por parte do xurado que ditaminará a peza ganadora, a calidade, o deseño e a presentación de todas as obras a concurso e a documentación que se xunta. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos para facilitar a realización dos ditos trámites que poderán ser empregados por elas.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file