Exposición de motivos
O Consello de Goberno da Uvigo, na súa sesión do 26 de maio de 2025, aprobou o Regulamento de estudos de mestrado da Universidade de Vigo.
Por isto, este reitorado
RESOLVE:
Ordenar a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do Regulamento de estudos de mestrado universitario da Universidade de Vigo, aprobado polo Consello de Goberno da Uvigo na súa sesión do 26 de maio de 2025.
Vigo, 11 de xuño de 2025
Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo
Acordo do Consello de Goberno, do 26 de maio de 2025, polo que se aproba o Regulamento de estudos de mestrado universitario da Universidade de Vigo
O Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da súa calidade, ten por obxecto establecer a organización e a estrutura das ensinanzas universitarias, a partir dos principios xerais que definen o Espazo europeo de educación superior (EEES). O seu ámbito de aplicación son as ensinanzas universitarias oficiais de grao, mestrado universitario e doutoramento, así como outras ensinanzas universitarias.
O obxectivo deste regulamento é actualizar a normativa dos estudos de mestrado da Universidade de Vigo a este real decreto, establecendo as directrices xerais e as estruturas das ensinanzas, os órganos responsables, o procedemento para novas propostas, modificacións, supresión e extinción, e o seguimento e renovación da acreditación das titulacións oficiais de mestrado universitario. Ao mesmo tempo, faise referencia ao procedemento de matrícula, modificación e anulación desta, así como ao regulamento relativo ás probas de avaliación, actas de cualificación e tribunais de avaliación.
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
Esta normativa ten por obxecto regular a organización e a estrutura dos estudos oficiais de mestrado universitario conducentes á obtención do título de mestrado universitario pola Universidade de Vigo, que terá carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, con base nos principios xerais que definen o EEES e nas normas estatais e autonómicas que o desenvolven.
Así mesmo, desenvolve o procedemento de aseguramento da calidade das titulacións de mestrado universitario.
Artigo 2. Definicións
Nesta normativa enténdese por:
a) Ciclo VSMA. Procedementos de aseguramento da calidade das ensinanzas universitarias (verificación, seguimento, modificación e renovación da acreditación).
b) Universidade responsable. No caso de títulos conxuntos entre universidades do Sistema universitario galego (SUG), a universidade encargada da tramitación da solicitude do título ante a Comunidade Autónoma e da xestión do ciclo VSMA. No caso de títulos conxuntos con participación de universidades externas ao SUG, a universidade do SUG responsable da tramitación do expediente de solicitude ante a Comunidade Autónoma.
c) Universidade coordinadora académica. No caso de títulos conxuntos, tanto do SUG coma con participación de universidades externas ao SUG, a universidade responsable da coordinación académica do título. A universidade coordinadora académica dun título non ten que coincidir coa universidade responsable e pode rotar entre as universidades participantes.
d) Centro responsable. Centro a que se adscribe o título de mestrado universitario e ao cal lle corresponderá a tramitación da memoria e a xestión do ciclo VSMA. Só pode haber un centro responsable de cada título.
e) Centro de impartición: centro (facultade ou escola) en que o título se imparte. Poden existir varios centros de impartición de cada título.
Artigo 3. Obxectivos das titulacións de mestrado universitario
Os títulos oficiais de mestrado universitario teñen como obxectivo a formación avanzada do estudantado, de carácter especializado ou multidisciplinar, orientada á especialización académica ou profesional do ou da estudante e a promover a súa iniciación en tarefas investigadoras.
Artigo 4. Principios reitores xerais dos títulos de mestrado universitario
1. Os principios que deben inspirar o desenvolvemento de títulos de mestrado universitarios son o rigor académico do proxecto formativo, o cariz especializado, a coherencia entre os obxectivos formativos, as competencias que se deben adquirir e os sistemas de avaliación e a súa comprensibilidade social.
2. Así mesmo, deben ter como referencia os principios e valores democráticos e os obxectivos de desenvolvemento sustentable: o respecto aos dereitos humanos e dereitos fundamentais, o respecto á igualdade de xénero, a non discriminación por calquera circunstancia persoal ou social, o respecto aos principios de accesibilidade universal e o tratamento da sustentabilidade.
3. Estes principios deberán incorporarse, na medida posible, segundo a natureza do título e co formato que o centro responsable ou a universidade decida, como contidos ou competencias de carácter transversal.
Artigo 5. Requisitos xerais
1. Os títulos oficiais deben garantir unha oferta equilibrada de calidade e con pertinencia para Galicia, e cumprir cos requisitos xerais que defina a Comunidade Autónoma.
2. Ademais destes requisitos xerais, o desenvolvemento da normativa autonómica e os diversos acordos coas universidades do SUG poderán incorporar outros requisitos específicos e outras prioridades.
Artigo 6. Memorias dos títulos
As memorias dos títulos oficiais estruturan os obxectivos formativos, os coñecementos e contidos que se adquirirán, as competencias e habilidades que se deben conseguir, as prácticas externas que se realizarán para reforzar o proxecto formativo e o sistema de avaliación do estudantado matriculado na titulación.
Artigo 7. Adscrición a ámbitos de coñecemento
Todos os títulos de mestrado universitario se deberán adscribir, a través dunha declaración explícita na memoria de verificación, a un dos ámbitos de coñecemento recollidos no anexo I do Real decreto 822/2021.
Artigo 8. Límite de prazas
A aprobación dun mestrado implicará a determinación inicial do límite de prazas ofertadas. A Comisión de Organización Académica e Profesorado estudará anualmente as propostas de límite de prazas recibidas das comisións académicas dos mestrados1, e enviaralle a proposta ao Consello de Goberno para a súa aprobación.
No caso de titulacións conxuntas, especificarase a totalidade das prazas do programa e, de ser o caso, as que corresponden a cada universidade.
Artigo 9. Títulos conxuntos
1. Poderán desenvolverse mestrados conxuntos impartidos por varias universidades, conducentes á obtención dun título único. Estes títulos terán unha única denominación e un único plan de estudos, e estarán regulados por un convenio de colaboración académica que se incorporará á memoria da titulación.
2. No convenio que regule os títulos conxuntos acordarase que universidade será a responsable do título e, polo tanto, a encargada de presentar a memoria nos diversos procedementos de aseguramento da calidade establecidos no Real decreto 822/2021, a universidade coordinadora académica e a composición da Comisión de Seguimento. Tamén se regularán as normativas académicas e de avaliación que se seguirán, a responsabilidade na emisión do título e a xestión dos expedientes do estudantado matriculado. Ademais, tratará a composición e as funcións da Comisión Interuniversitaria, a xestión da mobilidade do alumnado e do profesorado (de ser o caso), os mecanismos de transferencia de prazas vacantes entre universidades participantes, a achega económica de cada universidade (de ser o caso) e a modificación e extinción do propio convenio.
De non existir unha regulación expresa, o réxime será o seguinte:
a) As universidades ofrecerán de xeito independente o número de prazas, tanto para o primeiro curso coma para o acceso ao segundo, de ser o caso.
b) En calquera dos accesos, o alumnado poderá presentar unha solicitude de ingreso independente en cada unha das universidades ou en todas á vez, e deberá optar, no caso de ser admitido en máis dunha, por unha delas no momento de formalizar a matrícula.
c) Unha vez admitidos cos mesmos criterios de selección, consideraranse estudantes dun único curso e non poderán formalizar a matrícula en máis dunha universidade á vez, mais poderán realizar módulos ou materias en calquera das universidades ou modificar a universidade que xestione o seu expediente, de conformidade coa alínea f).
d) A matrícula formalizarase mediante os procedementos, as normas de liquidación de prezos e os prazos establecidos pola universidade en que se matricule. A matrícula será única e comprenderá todas as materias que pretenda cursar o alumnado nalgunha ou en todas as institucións. Para estes efectos, o/a alumno/a deberá indicar, no momento de formalizar a matrícula, as materias que pretenda cursar na outra ou nas outras institucións, sempre que así figure na oferta. Poderán establecerse requisitos de matrícula ou convocatorias para cursar materias non superadas noutra das universidades participantes no programa, tomando en consideración as convocatorias a que, de ser o caso, concorrese en calquera delas.
e) Tras finalizar os prazos de modificación de matrícula establecidos por cada universidade e, no caso de existiren modificacións que afecten as materias da outra universidade en que haxa alumnado inscrito, comunicaranse os cambios no prazo máximo de dez días.
f) O alumnado matriculado nunha universidade conforme a alínea d) poderá solicitar trasladar a xestión do seu expediente a outra con carácter anual, sen que teña a consideración xurídica de traslado, polo que non se deberán aboar prezos públicos por este concepto.
g) En ningún suposto o exercicio do dereito de matrícula establecido nestas normas obrigará a modificar o réxime de horarios e o calendario de exames en ningunha das universidades.
h) Cada universidade remitiralles ás outras, a través do/da seu/súa coordinador/a local, a acta ou a certificación académica por cada materia ou módulo en que exista alumnado inscrito das outras universidades, unha vez finalizada cada unha das convocatorias oficiais, segundo o procedemento establecido.
i) As materias e as actividades cursadas polo alumnado e recollidas no seu expediente serán recoñecidas nas outras universidades sen que se someta a ningún tipo de proceso de adaptación ou validación. A transcrición do expediente será literal e sen textos engadidos, notas ou aclaracións.
j) Para obter o título, o alumnado deberá ter superados todos os créditos establecidos, independentemente da universidade en que os superase.
k) O alumnado aboará os dereitos de expedición do título na universidade onde efectuase a última matrícula, que será a encargada da súa expedición en todo o relacionado coas certificacións, cos duplicados, co rexistro e coa custodia.
3. Se a universidade responsable do título conxunto non é española, as universidades españolas participantes acordarán que institución será a responsable da tramitación do título e do ciclo VSMA en España.
4. Se nun título conxunto participan varias universidades do SUG e ningunha é a responsable do título, os/as representantes destas universidades acordarán que institución do SUG será a encargada da tramitación do título ante a Comunidade Autónoma.
5. Nos títulos conxuntos internacionais en que participe a Universidade de Vigo, corresponderalle a custodia dos expedientes do estudantado á que lle expida o título, así como o mantemento dunha copia dos expedientes do resto do alumnado que curse o título. Os mestrados internacionais Erasmus Mundus rexeranse pola súa normativa específica.
6. En xeral, as titulacións universitarias conxuntas internacionais deberán ter en conta o establecido nas disposicións adicionais sexta, sétima e oitava do Real decreto 822/2021.
Artigo 10. Traballo académico do/da estudante
O crédito ECTS enténdese como a medida do haber académico e representa a cantidade de traballo do/da estudante para cumprir cos obxectivos do programa de estudo, consonte o establecido pola normativa da Universidade de Vigo. A partir deste punto, calquera referencia a créditos neste regulamento entenderase referida a créditos do Sistema europeo de transferencia de créditos (ECTS).
CAPÍTULO II
Órganos responsables das titulacións
Artigo 11. Órganos competentes na tramitación e xestión dos títulos
1. Os estatutos da Universidade de Vigo establecen as competencias dos centros no relacionado cos títulos oficiais de mestrado universitario. Así mesmo, regulan a participación das xuntas de centros nos procesos relacionados cos títulos oficiais de mestrado universitario.
2. Correspóndelle ao Consello de Goberno a aprobación de novas propostas e modificacións das titulacións oficiais de mestrado universitario.
Artigo 12. Coordinador/a de título
1. O/a coordinador/a do título será a persoa responsable de lideralo. Deberá ser un/unha docente doutor/a, con dedicación a tempo completo e docencia no título.
Tamén poderá ser coordinador/a o/a director/a ou decano/a do centro, na súa calidade de responsable de todos os títulos deste.
2. A Xunta de Centro, por proposta da Comisión Académica de Mestrado (CAM), aprobará a proposta do/da coordinador/a do título, que se lle enviará ao Vicerreitorado competente en materia de titulacións, que o levará á comisión correspondente para a súa ratificación, se procede.
A primeira persoa coordinadora, tras a declaración de interese inicial, dun título de mestrado será por proposta directa da Xunta de Centro, xunto coa aprobación da Comisión de Redacción.
3. No caso de titulacións que se impartan en varios centros, o/a coordinador/a do título será o/a do centro responsable e existirá un/unha docente responsable da implantación e desenvolvemento do título en cada un dos centros participantes.
4. Os títulos conxuntos terán un/unha coordinador/a xeral, que corresponderá á universidade responsable coas competencias que figuren no convenio interuniversitario. Se a Universidade de Vigo non é universidade responsable do título, deberá nomear un/unha coordinador/a de título, elixido/a da mesma forma que no caso dos títulos exclusivos e coas mesmas competencias, ademais das que estableza o convenio da titulación.
Cada título debe ser coordinado por unha soa persoa e ningunha persoa poderá coordinar máis dun título, coa excepción da posibilidade de coordinar un título de mestrado e un título de doutoramento cando estean directamente relacionados.
5. O/a coordinador/a deixará de exercer as súas funcións por algún dos seguintes motivos: dimisión, baixa ou proposta de cesamento pola CAM ou pola persoa responsable do centro. Cando un/unha coordinador/a deixe de exercer as funcións de coordinación por algún dos motivos expostos, o/a decano/a ou director/a designará un/unha coordinador/a interino/a por un período máximo dun mes. Antes do remate dese período, nomearase un/unha novo/a coordinador/a segundo o artigo 12.2.
Artigo 13. Funcións do/da coordinador/a de título
Serán funcións do/da coordinador/a de título:
– Actuar en representación do título.
– Coordinar os procesos de calidade de acordo co sistema de garantía de calidade aplicable e trasladar a información que proceda á Comisión do centro con competencias en calidade.
– Coordinar os procesos de organización académica do título e enviar a información que proceda á Dirección do centro.
– Ser o/a interlocutor/a do mestrado cos servizos e órganos de goberno da Universidade de Vigo.
– Ser o/a responsable de decidir as actividades que se van desenvolver e que teñan repercusión orzamentaria.
– Ser o/a último/a responsable de cubrir e pechar as actas de cualificación.
– Calquera outra función asignada polo regulamento de réxime interno ou o sistema de garantía de calidade do centro.
Artigo 14. Comisión Académica do Mestrado, Comisión Académica Intercentros e Comisión Interuniversitaria
1. A Comisión Académica do Mestrado é o órgano colexiado de xestión ordinaria dos títulos oficiais implantados e ten como misión ocuparse das cuestións que atinxan ao normal desenvolvemento do programa de estudos establecido na memoria do título. Funcionará de acordo co regulamento de réxime interno do centro ou centros onde se imparte o título e co sistema de garantía de calidade do centro responsable. Por Comisión Académica do Mestrado poderá entenderse calquera comisión do centro que exerza, segundo indique o seu regulamento de réxime interno, as competencias recollidas nesta normativa para a Comisión Académica do Mestrado. No caso de que o centro non conte con regulamento de réxime interno ou este non especifique que comisión exercerá as competencias da Comisión Académica do Mestrado, observarase o que determine o sistema de garantía de calidade do centro responsable.
2. As xuntas de centro aprobarán a composición da Comisión Académica do Mestrado e enviaranlle esta información ao Vicerreitorado con competencias en titulacións.
3. A renovación dos membros da Comisión Académica do Mestrado efectuarase consonte determine o regulamento de réxime interno do centro. No caso de que o centro non conte con regulamento de réxime interno ou o regulamento non prevexa o procedemento para a renovación dos membros da Comisión, este determinarase mediante un acordo específico da Xunta de Centro. Para o caso da representación do estudantado, a súa renovación farase consonte a duración dos seus estudos en canto manteñan tal condición no título.
4. No caso de titulacións que se impartan en varios centros, deberá existir unha comisión académica intercentros do mestrado con sede no centro responsable do título. As competencias da Comisión Académica do Mestrado serán exercidas pola Comisión Académica Intercentros. As xuntas de centro respectivas aprobarán unha proposta consensuada de composición da Comisión Académica Intercentros. Esta información será enviada polo centro responsable do título ao Vicerreitorado con competencias en titulacións.
5. No caso de títulos conxuntos, o convenio de colaboración académica deberá prever a existencia dunha comisión interuniversitaria, as súas normas de composición e os seus criterios de renovación. Este convenio poderá prever que as competencias da Comisión Académica do Mestrado sexan exercidas pola Comisión Interuniversitaria.
6. Ademais, poderán crearse comités consultivos para un ou varios títulos dun centro, se así o establece o seu sistema de garantía de calidade, co fin de ter en consideración, de forma regular, a opinión de egresados/as, colexios profesionais, empresas e, en xeral, grupos de interese relacionados co correspondente título ou títulos.
Artigo 15. Composición da Comisión Académica do Mestrado
1. A Comisión Académica do Mestrado estará composta por:
a) Un/unha presidente/a, que será o/a coordinador/a do título.
b) O/a responsable de calidade do centro.
c) Unha representación de membros do PDI do título, tendo en conta as áreas de coñecemento a que está adscrito o dito profesorado, que será elixida segundo determine o regulamento de réxime interno do centro. No caso de que o centro non conte con regulamento de réxime interno ou o regulamento non prevexa o procedemento de elección, este determinarase mediante un acordo específico da Xunta de Centro.
d) Unha persoa da Área de Estudos de Mestrado do centro responsable do título.
e) Un mínimo dun/dunha estudante do título.
f) Outros membros específicos recollidos no regulamento de réxime interno do centro.
2. A Comisión Académica do Mestrado terá un/unha secretario/a elixido/a entre os seus membros, que será responsable da redacción das actas cos acordos acadados.
3. Poderán participar como invitados/as, con voz pero sen voto, representantes doutros grupos de interese cuxa opinión considere relevante a Comisión.
4. De conformidade co recollido na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, relativo ás medidas que se deben adoptar para lograr a paridade en todos os órganos de goberno e representación, as comisións de título deberán ter unha composición equilibrada de mulleres e homes, salvo xustificación motivada.
Artigo 16. Composición da Comisión Académica Intercentros
1. A Comisión Académica Intercentros estará composta por:
a) Un/unha presidente/a, que será o/a coordinador/a do título.
b) Os/as responsables do título en cada un dos centros de impartición.
c) O/a responsable de calidade do centro de adscrición do título.
d) Unha representación de membros do PDI do título, tendo en conta as áreas de coñecemento a que está adscrito o dito profesorado, que será elixida segundo determine o regulamento de réxime interno do centro. No caso de que o centro non conte con regulamento de réxime interno ou o regulamento non recolla o procedemento de elección, este determinarase mediante un acordo específico da Xunta de Centro.
e) Unha persoa da Área de Estudos de Mestrado do centro responsable.
f) Un mínimo dun/dunha estudante por centro de impartición.
g) Outros membros específicos recollidos no regulamento de réxime interno do centro responsable.
2. A Comisión Académica Intercentros terá un/unha secretario/a elixido/a entre os seus membros, que será responsable de redactar as actas cos acordos acadados.
3. Poderán participar como invitados/as, con voz pero sen voto, representantes doutros grupos de interese cuxa opinión a Comisión considere relevante.
4. De conformidade co recollido na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, relativo ás medidas que se deben adoptar para lograr a paridade en todos os órganos de goberno e representación, as comisións intercentros deberán ter unha composición equilibrada de mulleres e homes.
Artigo 17. Funcións da Comisión Académica do Mestrado e da Comisión Académica Intercentros
1. Serán funcións da Comisión Académica do Mestrado as seguintes:
– Elaborar e, de ser o caso, modificar o regulamento de réxime interno da propia Comisión, o cal deberá ser remitido á Comisión de Organización Académica e Profesorado para que o aprobe.
– Realizar a proposta do/da coordinador/a do título.
– Velar polo cumprimento do proxecto de título formulado na memoria de verificación.
– Velar polo cumprimento no título do sistema de garantía de calidade do centro responsable.
– Formular propostas para a organización académica do título.
– Seleccionar os/as estudantes admitidos/as no mestrado.
– Emitir un informe para o recoñecemento de créditos conforme a normativa da Universidade de Vigo.
– Elaborar a/o PDA/POD do mestrado no prazo especificado pola Universidade, segundo a súa normativa.
– Aprobar a distribución do orzamento asignado ao mestrado.
– Elaborar e propor as guías docentes da titulación segundo o procedemento e prazos establecidos pola Universidade e o centro de adscrición.
– Calquera outra asignada polo regulamento de réxime interno ou o sistema de garantía de calidade do centro.
Non será necesaria a elaboración dun regulamento de réxime interno no caso de que a Comisión Académica xa estea regulada no regulamento de réxime interno do centro.
2. No caso de mestrados universitarios intercentros, as funcións descritas no parágrafo anterior para a Comisión Académica do Mestrado serán asumidas pola Comisión Académica Intercentros.
CAPÍTULO III
Directrices xerais das titulacións de mestrado universitario
Artigo 18. Duración dos estudos de mestrado universitario
Os títulos oficiais de mestrado universitario terán unha duración global de 60, de 90 ou de 120 créditos e un nivel equivalente ao MECES 3.
Artigo 19. Estrutura por curso
A distribución de créditos por curso queda fixada en 60 créditos, agás nas titulacións conxuntas internacionais. No caso de mestrados cunha carga total de 90 créditos, un dos cursos será, necesariamente, de 30 créditos. O plan de estudos garantirá que a distribución de créditos entre os diferentes semestres sexa equilibrada.
Para o cómputo dos créditos dos programas aplicarase a unidade de crédito ECTS, regulada no Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro.
Artigo 20. Especialidades
1. As memorias dos plans de estudos de mestrados universitarios poderán incluír especialidades que supoñan unha formación complementaria e específica nun ámbito temático ou profesional.
2. Cada especialidade terá como máximo un 50 % da carga de créditos total do correspondente título de mestrado universitario. No caso de ofertar máis dunha especialidade, todas deberán ter un número igual de créditos.
Artigo 21. Tipos e tamaño das materias
1. O deseño do plan de estudos deberá explicitar toda a formación que o/a estudante debe adquirir e estará estruturado mediante materias obrigatorias, materias optativas e o traballo de fin de mestrado. Ademais, poderá incorporar prácticas externas, así como outras actividades académicas.
2. As materias serán de duración cuadrimestral e terán unha carga de traballo dun mínimo de 3 créditos ECTS e, preferentemente, entre 3 e 6 créditos ECTS, excepto o traballo de fin de mestrado e prácticas externas, que terá os mínimos fixados nos artigos 24 e 25.
3. Os módulos defínense como o conxunto de materias relacionadas entre si e poderán estar constituídos por materias obrigatorias ou materias optativas.
4. Para cada materia establecerase unha guía docente, que deberá incluír as metodoloxías, os resultados de aprendizaxe e os criterios de avaliación, e o sistema de cualificación de acordo coa lexislación vixente.
Artigo 22. Distribución de créditos
A suma de créditos correspondentes a materias obrigatorias e optativas (excluídas as prácticas externas e o traballo de fin de mestrado) será, como mínimo, dun 50 % do total de créditos do título.
Artigo 23. Créditos optativos e oferta de optatividade
1. Os plans de estudos terán un máximo dun 25 % de créditos optativos, non vinculados a especialidades, do total do título.
2. O número de créditos que conformen unha especialidade non poderá superar o 50 % do número total de créditos que compoñen o plan de estudos do mestrado.
3. A oferta de créditos en materias optativas, na memoria de verificación, non superará o dobre dos créditos optativos que deba cursar o/a estudante.
En casos excepcionais, debidamente xustificados, poderá superarse este límite.
4. As prácticas externas de carácter optativo non computarán no cálculo do límite de optatividade.
Artigo 24. Traballo de fin de mestrado
1. O traballo de fin de mestrado terá carácter obrigatorio e a súa superación será imprescindible para obter o título oficial. Deberá desenvolverse na fase final do plan de estudos.
2. Terá un mínimo de 6 créditos e un máximo de 30 créditos.
Artigo 25. Prácticas externas
1. No caso de que o plan de estudos incorpore a realización de prácticas externas, estas terán unha extensión máxima dun terzo do total de créditos do título e deberán ofrecerse preferentemente na segunda metade do plan de estudos.
2. No caso de incorporar prácticas externas, deberase garantir a oferta para todo o estudantado e xustificar a súa viabilidade na memoria da titulación.
Artigo 26. Excepcións
1. Os plans de estudos de mestrados universitarios que habiliten para o desenvolvemento de actividades profesionais reguladas deberán organizarse atendendo ao disposto polas correspondentes ordes ministeriais.
2. Os títulos de mestrados conxuntos poderán ter unha estrutura de créditos diferente, segundo o disposto nas normativas de rango superior e o establecido no correspondente convenio do título.
CAPÍTULO IV
Modalidades docentes das titulacións de mestrado universitario
Artigo 27. Modalidades docentes
As titulacións de mestrado universitario da Universidade de Vigo poderán impartirse en modalidade presencial, en modalidade híbrida ou en modalidade virtual. As memorias que recollen os plans de estudo deberán reflectir as modalidades docentes do título.
Artigo 28. Porcentaxe de actividade presencial segundo o tipo de modalidade docente
1. Na modalidade docente presencial, toda a actividade lectiva se desenvolverá interactuando o/a docente e o/a estudante no mesmo espazo físico. No caso de títulos intercentros ou de títulos conxuntos impartidos en distintas sedes, seguiranse as directrices establecidas pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e pola Secretaría Xeral de Universidades (SXU).
2. Na modalidade docente híbrida, entre o 40 % e o 60 % da actividade lectiva das materias desenvolverase interactuando o/a docente e o/a estudante no mesmo espazo físico. O resto da actividade lectiva das materias desenvolverase de forma non presencial.
Debe manterse a unidade do proxecto formativo entre as actividades presenciais e as non presenciais.
3. Na modalidade docente virtual, a actividade lectiva desenvolverase maioritariamente de xeito non presencial. Enténdese como maioritariamente non presencial cando menos do 20 % da actividade lectiva se desenvolva interactuando o/a docente e o/a estudante no mesmo espazo físico.
Artigo 29. Cálculo da porcentaxe de actividade presencial dun título
1. A porcentaxe de actividade presencial dun título de mestrado universitario pode especificarse nas memorias dos títulos, ben de xeito global para todo o título, ben de xeito detallado para cada materia.
2. No caso de indicar a porcentaxe de actividade presencial de xeito global, esta expresarase a través dun valor único. A dita porcentaxe aplicarase en todas as materias obrigatorias e optativas incluídas no plan de estudos.
3. No caso de indicar a porcentaxe de actividade presencial de xeito detallado, sinalarase a porcentaxe para cada unha das materias obrigatorias e optativas incluídas no plan de estudos. A porcentaxe de actividade presencial do título determinarase mediante a suma dos créditos presenciais das materias obrigatorias e das materias optativas dividido polo número de créditos de materias obrigatorias e de materias optativas que debe cursar o/a estudante. Para a estimación da suma dos créditos presenciais das materias optativas, empregarase unha media ponderada sobre a oferta de optatividade aplicada sobre o número de créditos de materias optativas que debe cursar o/a estudante.
Artigo 30. Aspectos que cómpre considerar nas modalidades híbrida e virtual
As modalidades docentes híbrida e virtual deberán prestar especial atención a todos os aspectos metodolóxicos e técnicos que presenten diferenzas segundo que as actividades lectivas sexan presenciais ou non presenciais. Por exemplo, medidas que se utilizarán, canles de comunicación, coordinación do calendario académico presencial e non presencial, dispoñibilidade de materiais formativos, adquisición de competencias prácticas, verificación da identidade na avaliación non presencial, etc.
CAPÍTULO V
Estruturas curriculares específicas e de innovación docente
Artigo 31. Mención dual en titulacións de mestrado universitario
1. As memorias de título de mestrado universitario poderán incorporar unha mención dual que conforme un proxecto formativo común entre o centro universitario responsable do título e unha entidade colaboradora, que poderá ser unha empresa, unha organización social, unha organización sindical, unha institución ou unha administración.
A supervisión e o liderado formativo serán por conta do centro universitario responsable.
2. Para obter a mención dual, será condición necesaria que se desenvolvan na entidade colaboradora entre o 25 % e o 50 % dos créditos do título no caso dos mestrados universitarios. Dentro destas porcentaxes deberá incluírse o traballo de fin de mestrado.
3. O desenvolvemento da mención dual debe seguir as condicións contidas no artigo 22 do Real decreto 822/2021 e na normativa da Comunidade Autónoma.
Artigo 32. Programa de simultaneidade en titulacións de mestrado universitario
1. Poderán ofertase programas de simultaneidade de dúas titulacións de mestrado universitario para obter cada un dos títulos que o conforman, co obxectivo de sumar sinerxías formativas de títulos que se complementan desde o punto de vista educativo ou profesional.
2. O desenvolvemento dos programas de simultaneidade de titulacións debe seguir as condicións contidas no artigo 24 do Real decreto 822/2021, na normativa da Comunidade Autónoma e na normativa específica da Universidade de Vigo.
Artigo 33. Programas académicos con percorridos sucesivos (PAPS) no ámbito da enxeñaría e da arquitectura
Poderá ofertarse un título de grao e un título de mestrado universitario orientado á especialización profesional, mantendo a súa diferenciación e independencia estrutural coa finalidade de reforzar a formación integral do estudantado.
O PAPS non constitúe unha nova titulación, senón que proporciona itinerarios curriculares específicos que permiten cursar as dúas titulacións oficiais vencelladas preexistentes de forma parcialmente simultánea para, unha vez finalizados os estudos, obter ambos os títulos, consonte o establecido na normativa reguladora de Universidade de Vigo.
Artigo 34. Outras estruturas curriculares específicas
As memorias de título poderán incorporar outras estruturas curriculares específicas nos seus plans de estudo. A referencia a estas estruturas curriculares reflectirase no suplemento europeo ao título.
Artigo 35. Estratexias metodolóxicas de innovación docente
1. As memorias de título poderán incorporar estratexias metodolóxicas de innovación docente específicas e diferenciadas que impliquen a totalidade das materias que configuran un título. Por exemplo, aula invertida, aprendizaxe baseada no traballo por proxectos ou casos prácticos, desenvolvemento de traballo colaborativo e cooperativo, aprendizaxe baseada na capacidade de resolución de problemas, competencias multilingües, docencia articulada no uso intensivo das tecnoloxías dixitais da información e da comunicación, e outras iniciativas de carácter similar impulsadas pola Universidade ou os seus centros.
O obxectivo destas estratexias singulares será mellorar o ensino e a aprendizaxe. A referencia a estas estratexias metodolóxicas reflectirase no suplemento europeo ao título.
Tamén lles poderán ser recoñecidas aos/ás estudantes mediante a emisión dun certificado, co fin de as por en valor.
2. A incorporación de propostas de innovación docente globais debe seguir as condicións contidas no artigo 21 do Real decreto 822/2021.
CAPÍTULO VI
Procedemento para novas propostas, modificacións, supresión e extinción
de titulacións de mestrado universitario
Sección 1ª. Novas propostas, modificacións, supresión e extinción de títulos
Artigo 36. Novas propostas de títulos
A iniciativa na formulación de novas propostas de titulacións poderá ser tomada polo equipo de goberno da Universidade de Vigo, polos centros, polos departamentos e polos centros e institutos de investigación.
Artigo 37. Modificacións de títulos
1. As propostas de modificación dos títulos oficiais de mestrado universitario, por iniciativa das comisións de título, das comisións intercentros ou das comisións de calidade dos centros responsables ou de impartición serán froito dos procesos de seguimento e renovación da acreditación do ciclo VSMA. O equipo de goberno da Universidade de Vigo tamén poderá realizar propostas de transformación ou fusión das titulacións de mestrado universitario.
2. A proposta de modificación deberá ser aprobada pola xunta do centro responsable do título e, de ser o caso, contar cos correspondentes informes razoados das xuntas de centro dos restantes centros de impartición.
3. No caso de títulos conxuntos, a proposta deberá ser aprobada nos centros correspondentes de cada universidade participante.
4. No caso de centros adscritos que compartan titulacións de mestrado con centros propios da Universidade de Vigo, estes últimos elaborarán as propostas de modificación da memoria do título, tras oír as suxestións dos centros adscritos. Os centros adscritos ateranse ao acordado finalmente polos órganos de goberno da Universidade de Vigo.
5. Non se poderán tramitar modificacións de títulos cando estas coincidan cos procesos de renovación da acreditación ou non estea totalmente implantado.
Artigo 38. Supresión, suspensión e extinción de títulos
1. O centro de adscrición dun mestrado pode enviarlle unha proposta de suspensión do título ao Vicerreitorado con competencias en titulacións.
2. A suspensión non poderá ser superior a dous cursos académicos consecutivos, agás no suposto de que sexa ordenada polo Goberno e a Comunidade Autónoma de Galicia por calquera das causas previstas na lexislación vixente.
Unha vez transcorrido un curso en suspensión, o centro deberá pronunciarse sobre a súa reactivación no curso académico seguinte, agás nos casos en que a suspensión sexa acordada polo Goberno ou a Comunidade Autónoma. No caso de que non se produza esta comunicación, extinguirase de oficio o título.
3. A Universidade de Vigo, mediante a aprobación do Consello de Goberno, poderá acordar a supresión de titulacións oficiais, co informe favorable do Consello Social.
4. A iniciativa para a supresión dun título tamén poderá ser adoptada polo centro responsable da titulación, por proposta da comisión responsable do título e co informe favorable da comisión do centro con competencias en calidade.
5. A extinción dun título tamén pode ser consecuencia da non renovación da acreditación do título a través dunha resolución do Consello de Universidades.
Tamén se poderá extinguir cando non exista demanda suficiente de matrícula en función do número mínimo necesario establecido pola normativa vixente.
6. A proposta de supresión deberá incluír as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos/das estudantes que se encontren cursando os estudos. En particular, e sen prexuízo das normas de permanencia que sexan de aplicación, a Universidade de Vigo garantirá o seguinte:
a) Os plans de estudos correspondentes a títulos oficiais de mestrado terán unha duración temporal mínima equivalente ao número de cursos académicos de que consten. A impartición da docencia extinguirase temporalmente curso por curso e tendo en conta a posibilidade da existencia de matrícula a tempo parcial dos estudantes.
b) No caso de que se suspenda ou extinga un mestrado, todo o alumnado afectado deberá ser informado da dita suspensión ou extinción antes de que remate o curso académico correspondente.
c) A suspensión e a extinción producirá os seguintes efectos:
• Non se poderá matricular de novo alumnado da titulación afectada.
• A suspensión ou a extinción acordada non afectará os estudantes matriculados con anterioridade e que se encontren cursando a titulación no momento da adopción da decisión de suspensión ou extinción.
• O estudantado non matriculado dalgunha das materias terá dereito á docencia a primeira vez que se matricule no período temporal marcado na alínea a).
• Unha vez extinguida a docencia, os/as estudantes que non superasen todos os créditos do mestrado terán dereito a ser avaliados nas datas previstas no calendario académico dos créditos pendentes durante o curso seguinte ao da extinción da docencia.
d) Unha vez extinguido totalmente o mestrado, o estudantado que non superase os créditos non poderá obter o título oficial de mestrado, pero poderá solicitar unha certificación de todos os créditos superados.
Artigo 39. Convocatoria anual de novas propostas e modificacións de titulacións
O Consello de Goberno da Universidade de Vigo, por proposta do Vicerreitorado con competencias en titulacións e logo do informe da Comisión de Organización Académica e Profesorado, delegada do Consello de Goberno, aprobará anualmente os formatos de documentos, os procedementos e os prazos para presentar novas propostas ou modificacións de títulos oficiais de mestrado universitario.
Sección 2ª. Declaración de interese de novas propostas
de titulacións de mestrado universitario
Artigo 40. Proposta inicial da declaración de interese
1. A proposta inicial de declaración de interese de novos proxectos de titulacións conterá a información que se especifique na convocatoria anual. Para a súa tramitación ante o Vicerreitorado con competencias en titulacións, deberá contar cos informes das xuntas dos centros incluídos na proposta.
2. No caso de titulacións interuniversitarias, deberá presentarse un compromiso dos/das reitores/as ou dos vicerreitorados con competencias en titulacións das universidades participantes.
Artigo 41. Comunicación a centros e departamentos
O Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao informará os centros e departamentos das declaracións de interese presentadas, co obxecto de que lles poidan achegar as súas consideracións aos/ás promotores/as do título.
Artigo 42. Proposta definitiva da declaración de interese
Á vista das alegacións presentadas, os/as promotores/as elaborarán a proposta definitiva da declaración de interese, que terá que ser aprobada polas xuntas dos centros participantes na proposta.
Artigo 43. Selección de propostas
1. A Comisión de Organización Académica e Profesorado, delegada do Consello de Goberno, emitirá un informe sobre a pertinencia académica do título e o seu aliñamento coas liñas estratéxicas e coa programación plurianual da Universidade de Vigo en vigor. Para tal fin, a Comisión poderá solicitarlles aos/ás promotores/as do título cantas aclaracións considere oportunas.
2. Á vista do informe da Comisión de Organización Académica e Profesorado, o Consello de Goberno aprobará, se procede, a viabilidade das novas propostas e autorizará a elaboración do proxecto de memoria.
Artigo 44. Difusión
O Vicerreitorado con competencias en titulacións informará a comunidade universitaria das propostas aprobadas polo Consello de Goberno para a elaboración dos proxectos de memorias de titulacións.
Sección 3ª. Comisión de redacción das memorias das novas propostas
das titulacións de mestrado universitario
Artigo 45. Comisión de Redacción
As comisións de redacción das memorias de título figurarán nas declaracións de interese aprobadas polas xuntas dos centros responsables e dos centros de impartición aprobadas polo Consello de Goberno. Mentres non se aprobe o título, esta comisión actuará como unha comisión académica de mestrado.
Artigo 46. Composición da Comisión
1. As comisións de redacción das memorias de títulos terán unha composición mínima de cinco membros. Deberá xustificarse a adecuación dos membros propostos.
2. As comisións de redacción de títulos interuniversitarios terán unha composición paritaria no número de membros que representan cada institución participante.
3. A Comisión de Redacción terá unha composición que reflicta a presenza dos diferentes sectores da comunidade universitaria (PDI, PTXAS e estudantado), segundo o que estableza a xunta do centro responsable da titulación.
4. A Comisión de Redacción terá un/unha secretario/a elixido/a de entre os seus membros, que será responsable da redacción das actas cos acordos acadados.
5. De conformidade co recollido na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, relativo ás medidas que se deben adoptar para lograr a paridade en todos os órganos de goberno e representación, as comisións de redacción deberán ter unha composición equilibrada de mulleres e homes, salvo xustificación motivada.
6. No caso de titulacións que habiliten para profesións reguladas, deberá contarse con representación do colexio profesional ou, de non ser posible, de profesionais de recoñecido prestixio no ámbito da titulación. No caso doutras titulacións, poderán participar, por proposta do centro, persoas alleas á Universidade de Vigo para o asesoramento da Comisión. Esta comisión poderá contar con egresados/as de títulos relacionados, colexios profesionais, empresas, empregadores/as do ámbito e, en xeral, calquera grupo de interese considerado de relevancia para o deseño do título. En todos os casos, estas persoas participarán con voz e sen voto en calidade de asesores/as.
Sección 4ª. Memorias de novas propostas das titulacións
de mestrado universitario
Artigo 47. Memoria do título
A memoria da titulación é o proxecto que define o título oficial que a Universidade de Vigo presentará para a súa verificación. Constitúe o compromiso da institución coas características do título e coas condicións en que se desenvolverán as ensinanzas.
Artigo 48. Proxecto inicial de memoria de verificación do título
1. O proxecto inicial da memoria de verificación de novas propostas de titulacións deberá seguir a estrutura, contido e extensión que se recolle no anexo II do Real decreto 882/2021, e deberá contar coa aprobación das xuntas dos centros que participan na proposta.
2. Na súa redacción deberá terse en conta que, nos procesos do ciclo VSMA de seguimento e de renovación de acreditación, a Universidade de Vigo deberá xustificar que a implantación do título coincide co proxecto verificado.
Artigo 49. Proposta de participación de áreas de coñecemento
Co proxecto de memoria de titulación deberase achegar un informe cunha proposta inicial de participación de áreas de coñecemento da Universidade de Vigo que permita analizar os recursos docentes que suporía a implantación do título.
Artigo 50. Memoria xustificativa e memoria económica
1. O proxecto de memoria deberá xustificar o cumprimento dos principios e requisitos, xerais e específicos, indicados nos artigos 3, 4 e 5 do Decreto 222/2011 ou normativa que o substitúa.
2. Co proxecto de memoria da titulación deberanse achegar a documentación, memoria xustificativa e memoria económica que establece o artigo 5 da Orde do 20 de marzo de 2012, pola que se desenvolve o Decreto 222/2011 ou normativa que o substitúa. A memoria xustificativa e a memoria económica deben seguir a estrutura indicada nos anexos I e II, respectivamente, da citada orde.
Artigo 51. Exposición pública
O Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao informará a comunidade universitaria do proxecto inicial das memorias presentadas co fin de que calquera membro da Universidade de Vigo poida achegarlles suxestións ás comisións de redacción para a elaboración da versión definitiva do proxecto de memoria de verificación.
Artigo 52. Aprobación na Xunta de Centro do proxecto definitivo de memoria
O proxecto definitivo da memoria debe contar coa aprobación e co correspondente informe razoado da xunta do centro responsable do título e, de ser o caso, das xuntas dos centros de impartición.
Artigo 53. Aprobación da memoria
1. A Comisión de Organización Académica e Profesorado, delegada do Consello de Goberno, emitirá un informe sobre a pertinencia académica do deseño do título. Para tal fin, a citada comisión poderá solicitarlle á Comisión redactora cantas aclaracións considere. Así mesmo, poderá convocar a quen considere oportuno ou solicitar o apoio de avaliadores/as externos. Tamén poderá formular suxestións de mellora, que deberá recoller no seu informe para que a Comisión redactora considere a súa incorporación na memoria antes do pronunciamento do Consello de Goberno.
2. A Comisión de Organización Académica e Profesorado tamén emitirá un informe de viabilidade sobre a capacidade docente dos departamentos implicados na docencia do título, á vista da proposta de adscrición a áreas de coñecemento. No caso de ter previsto contar con persoal académico que non sexa profesorado universitario, a proposta deberá xustificar explicitamente a necesidade deste persoal, así como os custos e a adecuación da súa participación.
3. O Consello de Goberno, á vista dos informes, aprobará, coas modificacións que considere oportuno, ou rexeitará a memoria do título para a súa tramitación ante o órgano competente da Comunidade Autónoma.
4. O Consello Social emitirá un informe respecto das memorias aprobadas polo Consello de Goberno con carácter previo á tramitación ante o órgano competente da Comunidade Autónoma.
Sección 5ª. Implantación das titulacións
de mestrado universitario
Artigo 54. Solicitude de verificación
1. Logo da emisión do informe previo por parte dos órganos da Comunidade Autónoma, a Universidade de Vigo tramitará, de ser o caso, a memoria ante o Consello de Universidades para verificala.
2. Unha vez obtida a resolución favorable de verificación dunha titulación de mestrado universitario, solicitaráselle a autorización para a súa implantación ao departamento da Comunidade Autónoma con competencias en materia de universidades. Tras a resolución de verificación, as xuntas dos centros participantes no título deberán elaborar as propostas dos órganos responsables das titulacións segundo os artigos 11 a 17 deste regulamento.
3. De acordo co artigo 27 do Real decreto 822/2021, unha vez autorizada a implantación dun título, o Consello de Ministros é o responsable de acordar e de publicar no BOE a declaración do seu carácter oficial e de ordenar a súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT).
4. Correspóndelle á Universidade de Vigo ordenar a publicación do plan de estudos do título no Boletín Oficial del Estado (BOE) e no Diario Oficial de Galicia (DOG).
5. Desde o momento da publicación oficial, a Universidade de Vigo disporá dun máximo de dous cursos académicos para implantar e iniciar a docencia da titulación. No caso de non se producir tal inicio, o título perderá a súa acreditación inicial.
Sección 6ª. Modificacións das memorias de titulacións
de mestrado universitario
Artigo 55. Modificacións non substanciais
Enténdese por modificacións non substanciais as que non supoñan un cambio na natureza, obxectivos e características fundamentais do título.
Artigo 56. Modificacións substanciais
Enténdese por modificacións substanciais as que afecten a natureza, obxectivos e características do título. O Real decreto 822/2021 establece no seu artigo 32 que, como mínimo, deben ter esta consideración as seguintes: incorporación ou modificación de mencións ou especialidades e a súa distribución de créditos, cambio nas modalidades de impartición, incorporación ou modificación de complementos de formación, distribución de materias de formación obrigatoria, cambios no número de créditos ECTS do traballo de fin de mestrado, cambio no número de prazas ofertadas e modificación parcial na denominación do título.
Só se poderán presentar solicitudes de modificación dun título unha vez finalizada a súa implantación.
Artigo 57. Clasificación da ACSUG
A ACSUG, de acordo coa Rede de axencias de calidade universitaria (Reacu), regulará con detalle que aspectos da memoria son susceptibles de ser clasificados como substanciais ou non substanciais.
Artigo 58. Procedemento de modificación na Universidade de Vigo
O Vicerreitorado con competencias en titulacións ditará as resolucións e as instrucións correspondentes, de acordo coa normativa estatal e autonómica, así como conforme as directrices da ACSUG.
En calquera caso, só se poderán presentar solicitudes de modificación dun título unha vez finalizada a súa implantación.
Artigo 59. Procedemento para modificacións non substanciais
As propostas de modificacións non substanciais de titulacións conterán a información especificada na convocatoria anual.
Serán aprobadas polo Consello de Goberno, logo do informe das comisións con competencias en calidade dos centros e da Comisión de Organización Académica e Profesorado, delegada do Consello de Goberno. A tramitación das modificacións seguirá o procedemento descrito nos artigos 30 e 31 do Real decreto 822/2021, segundo que os centros teñan acreditación institucional ou non.
Artigo 60. Procedemento para modificacións substanciais
O procedemento para as modificacións substanciais de títulos será o mesmo que para a proposta de novas titulacións, recollido no capítulo VI, sección 2ª deste regulamento.
CAPÍTULO VII
Seguimento e renovación da acreditación das titulacións
oficiais de mestrado universitario
Artigo 61. Seguimento dos títulos
1. Os títulos implantados na Universidade de Vigo serán obxecto dun seguimento por parte da ACSUG, de acordo cos procedementos establecidos na normativa estatal, autonómica e as directrices da ACSUG.
2. O Vicerreitorado con competencias en titulacións ditará as resolucións e as instrucións correspondentes para a súa execución, de acordo coa normativa estatal e autonómica e conforme as directrices da ACSUG.
Artigo 62. Renovación da acreditación dos títulos
1. Os títulos implantados na Universidade de Vigo serán obxecto da renovación da acreditación por parte do Consello de Universidades, de acordo cos procedementos establecidos na normativa estatal e autonómica e nas directrices da ACSUG.
2. O Vicerreitorado con competencias en titulacións ditará as resolucións e as instrucións correspondentes para a súa execución, de acordo coa normativa estatal e autonómica e conforme as directrices da ACSUG.
CAPÍTULO VIII
Matrícula en estudos de mestrado
Artigo 63. Procedemento
O estudantado debe formalizar a matrícula nas ensinanzas de mestrado na Universidade de Vigo segundo o establecido na convocatoria de matrícula para cada curso académico. Nesta regúlanse os prazos e os procedementos relacionados con ela.
Artigo 64. Modificación e anulación total da matrícula
1. Modificación da matrícula.
O alumnado poderá solicitar a modificación da matrícula, que poderá consistir en:
a) Ampliación das materias de que se matriculou inicialmente.
b) Cambio dunha ou varias materias por outra ou outras.
c) Anulación dunha ou varias materias das cales se matriculou inicialmente.
d) Cambio da inscrición das convocatorias de exame.
Delégase nos/nas decanos/as e directores/as dos centros a resolución das solicitudes de modificación da matrícula.
2. Anulación total da matrícula.
No que respecta á anulación total da matrícula, só procederá cando se solicite dentro do prazo establecido ou nos seguintes supostos para solicitudes presentadas fóra de prazo:
a) A non prestación do servizo por causa imputable á Universidade.
b) Cando, de xeito excepcional e unha vez iniciado o curso, unha circunstancia sobrevida grave debidamente xustificada impida cursar os estudos.
c) Calquera das circunstancias indicadas na convocatoria anual de matrícula.
As normas económicas derivadas da xestión académica de titulacións oficiais de cada curso académico determinará as contías que se devolverán en cada caso.
As solicitudes de anulación total da matrícula serán resoltas polo/a reitor/a e tramitaranse no Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao.
CAPÍTULO IX
Probas de avaliación, actas de cualificación e tribunais
Artigo 65. Probas de avaliación, actas de cualificación e tribunais
No relativo ás probas de avaliación, actas de cualificación e tribunais de avaliación aplicarase o disposto no Regulamento sobre a avaliación, a cualificación e a calidade da docencia e do proceso de aprendizaxe do estudantado, ou normativa que o substitúa.
Disposición transitoria primeira
As comisións académicas dos mestrados e as comisións académicas intercentros disporán do prazo dun ano para adaptar a súa composición ao establecido neste regulamento, a partir da súa publicación no DOG.
Disposición transitoria segunda
As CAM dispoñen dun período de tres (3) anos desde a publicación deste regulamento para adaptaren a súa memoria, normativa interna e os convenios asinados ao establecido nel.
Disposición derrogatoria
Queda derrogada calquera norma de igual ou inferior rango que se opoña ao establecido neste regulamento. En particular, quedan derrogados o Regulamento de estudos oficiais de posgrao e a Normativa de suspensión e extinción de estudos oficiais de mestrado da Universidade de Vigo.
Disposición derradeira
Este regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
