DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Xoves, 26 de xuño de 2025 Páx. 35675

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 18 de xuño de 2025 pola que se suprime a oficina de rexistro de Augas de Galicia.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 33.3 que as oficinas da Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro se crearán, modificarán e suprimirán mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de administracións públicas. De conformidade co artigo 8.2 do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, tramitaranse logo da proposta da consellería ou entidade correspondente, logo de informe da Oficina de Rexistro Xeral.

O Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, regula no seu artigo 12 as funcións da Subdirección Xeral de Coordinación do Rexistro e Atención á Cidadanía, dependente da Secretaría Xeral Técnica, entre as cales consta a de dirección, coordinación e control das oficinas de rexistro e atención á cidadanía.

No anexo I do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, figura, entre outras, a oficina de rexistro de Augas de Galicia, sita na praza Camilo Díaz Baliño de Santiago de Compostela.

O día 20 de maio de 2025, o director da entidade pública empresarial Augas de Galicia solicitou a supresión da dita oficina de rexistro. A supresión recibiu o informe favorable da Subdirección Xeral de Coordinación do Rexistro e Atención á Cidadanía.

Tendo en conta a necesidade de optimización dos recursos públicos e o principio de eficacia que rexen a actuación da Xunta de Galicia, considérase conveniente suprimir a oficina de rexistro de Augas de Galicia, sita na praza Camilo Díaz Baliño de Santiago de Compostela.

Polo exposto, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Suprímese a oficina de rexistro de Augas de Galicia, sita na praza Camilo Díaz Baliño de Santiago de Compostela.

Disposición derradeira primeira.

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Nesa mesma data actualizarase para a cidadanía a relación de oficinas de rexistro existente na páxina web institucional.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes