DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Xoves, 26 de xuño de 2025 Páx. 35677

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2025, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, pola que se publican os acordos para o persoal adscrito ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, asinados o 25 de xuño de 2025 entre a Administración pública e as organizacións sindicais.

Logo da aprobación do Consello da Xunta de Galicia do 16 de xuño de 2025, asináronse os acordos para o persoal adscrito ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, entre a Administración pública e as organizacións sindicais.

Polo exposto,

RESOLVO:

Publicar os acordos para o persoal adscrito ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia que se xuntan como anexo.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2025

Mª Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ANEXO

Acordos para o persoal adscrito ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia

1) Acordo para equiparación dos niveis dos postos de persoal funcionario creados no ano 2024, adscritos ao servizo do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

No DOG do 24.1.2025 publicouse a Resolución do 16 de xaneiro de 2025 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de decembro de 2024, polo que se aproba a modificación da relación de postos de traballo (RPT) da Administración xeral e de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia elaborada de oficio pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.

A través do dito acordo do Consello da Xunta creáronse os 27 postos do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que non estaban incluídos na relación de postos de traballo (RPT), dos cales 26 están incluídos nos procesos selectivos de estabilización, convocados ao abeiro da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, razón pola cal é necesario crealos na RPT antes da resolución destes procesos. A creación realizouna de oficio a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal polo nivel mínimo ou equivalente de cada grupo, a diferenza do resto dos postos de igual escala/especialidade e grupo/subgrupo existentes na relación de postos da consellería.

Para evitar o desaxuste de niveis entre postos das mesmas escalas/especialidades do persoal de campo e en coherencia coas funcións desenvolvidas polos postos desta natureza no ámbito insular e peninsular, acórdase modificar a relación de postos de traballo publicada no DOG do 24.1.2025, no senso de adaptar os niveis dos postos creados para o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

En virtude do acordo adoptado, o nivel dos postos do parque nacional das seguintes escalas/especialidades será incrementado a través da modificación destes na relación de postos de traballo como segue:

Posto

Nivel actual

Nivel proposto

Mecánico/a naval

16/16

20/20

Patrón/oa de embarcación

16/16

20/20

Capataz

14/14

20/20

Guía intérprete de patrimonio natural

14/14

18/18

Mariñeiro/a-Vixilante

12/12

18/18

Oficial

12/12

18/18

Garda de recursos naturais

12/12

15/16

2) Acordo polo que se establece o réxime de prestación de servizos do persoal que desenvolve a súa actividade laboral no territorio dos arquipélagos do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Primeira. Obxecto e ámbito de aplicación

Este acordo ten por obxecto regular as condicións da prestación de servizo do persoal dependente do centro directivo competente en materia de patrimonio natural, que está adscrito ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e desenvolve a súa actividade exclusivamente nalgún dos arquipélagos que compoñen o territorio do parque, realizando quendas semanais de traballo con pernoita no arquipélago ou illa.

Segunda. Adscrición dos postos de traballo

A adscrición dos postos a un arquipélago realizarase na relación de postos de traballo.

Por necesidades do servizo inaprazables debidamente motivadas, a persoa titular da dirección do parque poderá adscribir temporalmente un/ha empregado/a ás carteleiras dun arquipélago distinto. Para o anterior priorizarase a adscrición ao persoal que voluntariamente acceda a cubrir esa necesidade ou, na súa falta, realizarase de xeito rotatorio entre o persoal.

Terceira. Períodos de actividade durante o ano natural

O período de actividade durante o ano natural divídese, cumprindo coa normativa en prevención de riscos laborais e demais normativa aplicable, nun período fixo e noutro variable.

a) No período fixo a actividade desenvolverase en réxime ordinario ou extraordinario. A actividade extraordinaria será a que se realice na tempada alta de visitantes ao parque, é dicir, do 15 de maio ata o 15 de setembro, así como na Semana Santa, entendendo por esta última dúas quendas que corresponden coa semana anterior e a propia festiva. A actividade ordinaria será a que se realice durante a tempada baixa e durante o tempo que non se define como período extraordinario ou que non estea establecido como variable no punto seguinte.

b) O período variable é o que pode establecer a dirección xeral competente en materia de patrimonio natural, por proposta da dirección do parque, motivado por causas distintas ás da temporalidade. Este período variable, que implicará o desenvolvemento da actividade en réxime extraordinario, terá en todo caso unha duración máxima de catro semanas, que se poderá fraccionar en dous períodos de 14 días. Poderán estar ou non unidos aos de carácter fixo e, en todo caso, a resolución que os determine notificaráselle ao persoal afectado con 15 días de antelación.

CAPÍTULO II

Desenvolvemento da prestación de servizo

Cuarta. Réxime de prestación de servizo

A prestación de servizo do persoal incluído dentro do ámbito de aplicación deste acordo desenvolverase en réxime de «xornada especial do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas» a través de quendas semanais de traballo, o que implicará, debido ao carácter insular do servizo, a permanencia no territorio do arquipélago de destino durante toda a duración da quenda semanal de traballo. A mención da xornada especial incluirase como observación na relación de postos de traballo.

O tempo de traballo efectivo corresponderase coa xornada de traballo determinada no punto seguinte. O tempo de descanso non debe ser inferior a dez horas entre xornadas.

En xeral, as quendas de traballo terán unha secuencia de 7 días consecutivos, aos que sucederá un período doutros 7 días de descanso, dentro do cal se considerarán incluídos os descansos semanais, así como as compensacións polos festivos traballados na quenda de prestación de servizos efectivos. Non se outorgarán descansos adicionais por calquera outra circunstancia.

Cando, por motivos meteorolóxicos adversos ou de forza maior, o persoal non poida saír do arquipélago o día previsto por finalización de quenda, permanecerá nel en quenda de traballo ata poder realizar a substitución con seguridade. Nestes casos, os días de exceso compensaranse preferentemente na quenda seguinte, agás que por circunstancias do servizo deba realizarse noutra posterior.

Quinta. Tempo de traballo efectivo

A duración máxima da xornada diaria de traballo efectivo durante o período fixo ordinario será de 7,30 horas, e a do período fixo en réxime de actividade extraordinaria e a do período variable será de 12 horas. A concreción das franxas de horario correspondentes ao traballo efectivo serán fixadas pola dirección do parque na carteleira de quendas en función das necesidades estacionais.

Sexta. Xornada máxima de traballo

A xornada de traballo máxima en cómputo mensual dependerá de se os servizos se prestan en réxime de actividade ordinaria ou extraordinaria. En todo caso, o máximo de horas de traballo efectivo non excederá o establecido pola normativa vixente en cómputo anual.

As carteleiras de quendas confeccionaranse no último trimestre do ano para todo o exercicio seguinte, serán públicas e dados a coñecer ao persoal afectado antes do 15 de decembro. As carteleiras configuraranse de forma que os/as empregados/as gocen os festivos efectivamente de forma alterna, especialmente os das festas de Nadal. A dirección do parque poderá axustar periodicamente os horarios do tempo de traballo efectivo se o exixen as necesidades do servizo, o que se poñerá en coñecemento do persoal afectado cunha antelación mínima de 7 días hábiles.

Sétima. Funcións do persoal adscrito aos arquipélagos e illas do parque

As funcións do persoal afectado por este acordo serán as que correspondan por escala e especialidade, recollidas na normativa de aplicación.

Todo o persoal se organiza xerarquicamente. Para o desenvolvemento das súas funcións, os/as axentes coordinadores/as e os/as axentes facultativos/as ambientais, así como o persoal da escala técnica de recursos naturais da especialidade de capataces, recibirán instrucións e ordes de servizo da dirección do parque e coordinarán, dirixirán e supervisarán os servizos que teña que realizar o resto do persoal no ámbito insular, sen prexuízo da coordinación, dirección e supervisión superior destes, que queda reservada á dirección do parque.

CAPÍTULO III

Réxime de descansos, compensacións económicas e mobilidade

Oitava. Descansos, vacacións, permisos e licenzas

a) Os/as empregados/as incluídos/as dentro do ámbito de aplicación deste acordo disporán dun descanso entre xornadas dun mínimo de 10 horas de duración.

b) As vacacións a que terán dereito por ano completo de servizo serán as recollidas na normativa de función pública con carácter xeral para os/as empregados/as públicos/as. Sen prexuízo do anterior, o persoal incluído neste acordo terá dereito a un descanso adicional de dúas semanas, polas especiais condicións de prestación dos servizos e como compensación ao tempo de permanencia insular. As vacacións e o descanso adicional teranse que gozar necesariamente por semanas completas coincidentes coas quendas semanais. Durante os períodos en que se desenvolva a actividade de xeito extraordinario só se poderán gozar un período de vacacións ou descanso dun mínimo dunha semana e máximo de dúas, que coincidirán con quendas semanais completas de traballo. A súa distribución entre os efectivos realizarase de forma que se garanta a cobertura do servizo de xeito rotativo. Os restantes períodos de vacacións gozaranse durante o período ordinario, segundo o previsto nas carteleiras de quendas.

Coa finalidade de planificar as quendas de traballo, as vacacións anuais e o descanso adicional estarán previstos na carteleira de quendas confeccionada no último trimestre do ano e serán públicos antes do 15 de decembro. Poderase solicitar a súa modificación antes do 1 de marzo de cada ano natural. Nestes casos, a súa aprobación por parte da dirección do parque poderá determinar unha reorganización das carteleiras aprobadas para o resto do persoal nese ano.

c) As licenzas e permisos serán os establecidos con carácter xeral para os/as empregados/as da Comunidade Autónoma de Galicia.

Novena. Compensacións económicas

a) Compensacións económicas do persoal.

1º. Nos postos da escala de axentes e persoal das distintas escalas de recursos naturais adscritos ao parque, a compensación suporá un incremento de 2.000 € anuais no compoñente singular do complemento específico, coa finalidade de retribuír a insularidade e as especiais condicións de presenza e permanencia en que se desenvolve a prestación de servizo.

2º. Este persoal terá dereito a percibir a cantidade de 201,81 €/semana en concepto de complemento de produtividade por cada unha das quendas semanais de prestación efectiva de servizos en réxime de actividade extraordinaria, xa sexa no período fixo coma no variable, ou a cantidade que proporcionalmente corresponda ao tempo traballado no dito réxime, por razón da actividade extraordinaria que require o servizo na quenda semanal de traballo dos períodos extraordinarios.

b) As contías fixadas nesta orde para o complemento específico e de produtividade experimentarán os incrementos establecidos nas leis de orzamentos para as retribucións do persoal funcionario público da Xunta de Galicia para os sucesivos exercicios.

c) Indemnizacións por razón de servizo.

1º. Todas as viaxes de ida e volta entre a illa de destino e o territorio peninsular serán por conta da Administración.

Inclúense tamén as viaxes ao persoal que, durante a quenda correspondente, o precise por circunstancias de conciliación da vida persoal e familiar acreditadas e sempre que sexa posible polas condicións climatolóxicas existentes ou pola dispoñibilidade dos medios segundo as necesidades do servizo.

2º. O persoal comprendido dentro do ámbito de aplicación deste acordo terá dereito a percibir unha axuda de custo por cada día de traballo efectivo.

3º. En cada un dos arquipélagos e illa de adscrición haberá unhas dependencias acondicionadas para que o persoal as utilice como vivenda durante o tempo de permanencia laboral nelas. Esta ocupación da vivenda por razón do servizo non terá a consideración de residencia habitual e terá carácter extrasalarial.

Décima. Mobilidade funcional

A consellería de adscrición do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas poderá realizar convocatorias específicas de comisións de servizos reguladas no artigo 100 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, nos arquipélagos con necesidades específicas de efectivos. O persoal que se traslade voluntariamente percibirá as retribucións correspondentes ao posto que realmente desempeña, sen prexuízo do dereito a percibir durante o tempo de duración da Comisión de Servizos a retribución correspondente aos conceptos de compoñente singular do complemento específico e de complemento de produtividade previstos neste acordo para o persoal incluído no seu ámbito de aplicación. Tamén terán dereito a percibir as axudas de custo previstas nesta orde.

O persoal das escalas afectadas por este acordo que teña restrinxidas ou non sexa apto para realizar as funcións tal e como se desenvolven no Parque Nacional das Illas Atlánticas poderá ser adscrito, nos termos do artigo 98 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, a un posto da súa escala dependente da consellería competente en materia de patrimonio natural ou do medio rural. Por petición do persoal afectado, priorizarase a adscrición no mesmo concello ou concellos limítrofes, sempre e cando existan postos da escala vacantes.

CAPÍTULO IV

Formación e uniformidade

Décimo primeira

Estableceranse programas formativos específicos dirixidos ao persoal do Parque Nacional das Illas Atlánticas en función das necesidades detectadas. A formación incluirá tanto o persoal da escala de axentes forestais e facultativos/as ambientais coma o resto de especialidades da escala de recursos naturais afectados por este acordo, no que atinxe ás cuestións comúns a ambos, sen prexuízo de que, por razón das súas funcións, se establezan actividades concretas para cada escala ou especialidade. A dita formación será proposta anualmente pola dirección do parque e deberá incluír periodicamente formación sobre seguridade marítima e primeiros auxilios.

Igualmente, o persoal afectado por este acordo poderá acceder ás actividades formativas específicas para o parque que programe o organismo autónomo Parques Nacionais, sempre e cando fose autorizado pola dirección do parque en atención ás necesidades do servizo.

Décimo segunda

O persoal do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas actuará uniformado, agás excepcións e en función das circunstancias do servizo, naqueles casos debidamente xustificados en que se lles poderá autorizar de forma expresa e individualizada o non uso de uniforme. O uniforme será o que corresponda para o persoal da Rede de Parques Nacionais.

Décimo terceira

Créase unha Comisión de Seguimento do disposto neste acordo, que estará integrada por un/ha representante de cada unha das organizacións sindicais asinantes e un número igual de representantes da consellería con competencias en materia de ambiente, designados/as pola Secretaría Xeral Técnica. Estará presidida pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería de adscrición ou persoa en quen delegue.

As súas funcións son as de vixilancia, interpretación e control do contido deste acordo.

Constituirase no prazo de seis meses desde a sinatura do presente acordo e reunirase de forma ordinaria unha vez cada ano natural e adicionalmente de forma extraordinaria cada dous anos coa finalidade de revisar as condicións económicas incluídas neste acordo.

Disposición adicional primeira

O acordo de réxime de prestación de servizos tamén será de aplicación aos/ás funcionarios/as que ingresen a través das ofertas de emprego público correspondentes na nova escala de axentes técnicos/as en xestión ambiental e que ocupen postos da dita escala do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.

Disposición adicional segunda

As compensacións económicas que se regulan do acordo de réxime de prestación de servizos que percibirá a escala de axentes devindicaranse unicamente no incremento que poidan supor ao respecto das compensacións que xa estivesen a percibir na actualidade en aplicación provisional do Acordo sobre as condicións de traballo dos/as axentes forestais e facultativos/as ambientais asinado o 11.10.2018, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 17.1.2019 e publicado no DOG núm. 214, do 11 de novembro.

Disposición adicional terceira

No que atinxe ás escalas incluídas no ámbito de aplicación deste acordo de réxime de prestación de servizos, o fixado neste acordo será o único réxime aplicable para o desenvolvemento do traballo no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, excluíndose a aplicación de calquera outro.

Disposición transitoria común a ambos os acordos

Única

Establécese un complemento persoal transitorio para o persoal laboral adscrito aos postos afectados por estes acordos consistente na diferenza entre as súas retribucións actuais e as que lle correspondería percibir por aplicación das melloras dos acordos de equiparación de niveis e de prestación de servizos. Percibirán este complemento desde a publicación da relación de postos de traballo e publicación dos acordos ata a finalización dos procesos extraordinarios de estabilización que afectan os postos que ocupan.

Disposición derradeira única

Este acordo entrará en vigor o día da súa publicación.