Mediante a Resolución do 14 de xuño de 2021 fíxose pública a composición dos consellos sociais das universidades do Sistema universitario de Galicia.
A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do sistema universitario de Galicia, establece que o Consello Social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas membros.
O artigo 77.2 da citada Lei 6/2013 establece que «son membros natos do Consello Social o reitor/a da universidade, o secretario/a xeral e o/a xerente da universidade. Así mesmo, serán membros un profesor ou profesora, un o unha estudante e un ou unha representante do persoal de administración e servizos, elixidos e elixidas polo consello de goberno da universidade entre os seus membros na forma que determinen os seus estatutos».
O Consello da Xunta de Galicia, en sesión do día dezaseis de xuño de dous mil vinte e cinco, aprobou a designación dos representantes da Xunta de Galicia no Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.
De acordo co establecido no artigo 78 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, xúntase a declaración xurada de compatibilidade dos novos membros.
A condición de persoa membro do Consello Social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.
O artigo 77.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que «os acordos de designación de membros do consello social seranlle comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería».
Por todo iso,
DISPOÑO:
Artigo único
Nomear a Antonio Agrasar Cascallar, Dolores Martínez García e José Manuel Pol González membros do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, como representantes da Xunta de Galicia.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2025
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades
e Formación Profesional
