A produción alimentaria de Galicia destaca no conxunto de España tanto pola variedade da súa oferta como pola calidade dos seus produtos. Por iso, unha das razóns que máis moven a vir os visitantes da nosa comunidade autónoma é esa rica e variada gastronomía, baseada tanto en produtos de orixe agraria como da pesca. A razón desa ampla variedade de materias primas e de pratos está tanto nas especiais condicións do noso medio natural como no saber facer secular dos nosos produtores e produtoras.
Para a protección destes produtos típicos dun territorio e a súa promoción foron creadas as denominacións de orixe protexidas (DOP) e as indicacións xeográficas protexidas (IXP). Este sistema de protección, que inicialmente foi deseñado para os viños, tivo nas últimas dúas décadas un importante desenvolvemento en toda a Unión Europea e actualmente acolle un gran repertorio de produtos de todo o ámbito alimentario.
Estes indicativos de calidade constitúen unha importante ferramenta no desenvolvemento rural por múltiples razóns. Por unha parte, delimitan unha zona concreta do territorio onde se pode producir e elaborar o produto acollido, coincidindo coa zona na que tradicionalmente se viña facendo, o que favorece que todo o valor engadido e a riqueza xerada quede nesa zona. Por outra parte, o seu recoñecemento impide que a denominación poida ser empregada por aqueles operadores que non teñen dereito ao seu uso, ademais de prestixiar e dar a coñecer a zona de produción, potenciando outras actividades económicas que se desenvolvan nese territorio, entre as que o turismo rural sería o exemplo paradigmático.
Socialmente, as DOP e as IXP obrigan a ter unha organización de produtores e industrias que favorece o dinamismo da zona e potencia o traballo integrador de todo o sector. Por último, hai que sinalar que, a través da elaboración destes produtos diferenciados e do uso dunha marca ou contramarca conxunta, se poden facer viables producións, que, polo seu escaso volume, doutro xeito terían moito máis difícil o acceso aos mercados.
En resumo, o establecemento dunha denominación de orixe ou unha indicación xeográfica nunha zona pode considerarse como unha oportunidade que se abre para dar viabilidade a certos tipos de producións agroalimentarias, e permite o desenvolvemento ou a consolidación da agricultura e a agroindustria da zona e facilita a xeración de riqueza e dinamismo social nela.
O goberno autonómico é moi consciente do valor que, para o desenvolvemento do noso medio rural e, en xeral, da nosa economía, teñen as denominacións de orixe protexidas e as indicacións xeográficas protexidas. Por iso, ten feito durante moitos anos un importante labor de impulso destas figuras de protección da calidade. Froito dese esforzo é a existencia de ata trinta e seis DOP e IXP. Esta cifra coloca Galicia como a terceira comunidade autónoma con máis DOP e IXP de España, ocupando ese posto xunto con Cataluña e só por detrás de Andalucía (60) e Castilla y León (37), comunidades que teñen un tamaño moi superior ao da nosa comunidade autónoma.
Unha destas indicacións xeográficas protexidas é Faba de Lourenzá, que foi inscrita no rexistro europeo de denominacións de orixe protexidas e indicacións xeográficas protexidas mediante o Regulamento (CE) núm. 965/2019 da Comisión, do 15 de outubro de 2009 (DOUE L 271, do 16.10.2009).
A indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá protexe os feixóns da variedade local Faba Galaica (pertencente á especie Phaseolus vulgaris, L.) producidos nas comarcas da Mariña luguesa. Estas fabas presentan unhas características cualitativas que as diferencian das producidas noutros territorios debido á súa calidade culinaria excepcional relacionada coa súa escasa proporción de pel (entre o 8 e o 10 %), á súa elevada capacidade para a absorción de auga (superior ao 100 % do peso) e ao seu comportamento na cocción, de xeito que ao final do proceso se conseguen grans enteiros e completos nos que destaca a pastosidade da súa polpa, exenta de grumos e escasamente diferenciada da pel.
Para conseguir as características ás que se refire o parágrafo anterior, o prego de condicións desta indicación xeográfica protexida obriga a cumprir determinados requisitos mínimos para así acadar unha calidade por riba da establecida con carácter xeral para as fabas pola normativa de obrigado cumprimento. Así, só se admiten feixóns das categorías extra ou primeira (na práctica, as persoas produtoras seleccionan case en exclusiva produto coa categoría extra) e os grans teñen que estar enteiros e limpos, sans, exentos de mofos, podremias e de insectos e parasitos. Tamén deben estar exentos de olores e de sabores estraños e de defectos externos, manchas, feridas, deformacións ou coloracións.
Estas especiais características de calidade fan que unha parte da produción teña que ser desbotada para seleccionar o produto que cumpre os requisitos do prego de condicións, o que implica unha menor rendibilidade.
Por outra parte, nos últimos anos téñense producido malas colleitas derivadas de condicións meteorolóxicas adversas e das enfermidades vexetais asociadas a elas, que son seguramente unha manifestación máis do cambio climático que se está a producir a nivel global. Especialmente graves foron os efectos das choivas da primavera de 2024, que fixeron aparecer ataques fúnxicos que estragaron unha boa parte da colleita. Segundo os datos dos que dispón a axencia, a porcentaxe da produción total que cumpre os requisitos do prego de condicións da IXP Faba de Lourenzá foi nos últimos dous anos sensiblemente inferior á dos anos precedentes e, polo tanto, a cantidade de faba que houbo que desbotar foi moi grande na colleita de 2023 e moito maior na de 2024.
A situación que acabamos de describir está a pór en risco a viabilidade da IXP Faba de Lourenzá e entre as persoas produtoras –actualmente non chegan á vintena– está a haber un desánimo para continuar con esta actividade. Na campaña 2024-2025 estas persoas sementaron menos de 36 hectáreas, valor que está moi por debaixo da potencialidade comercial deste cultivo. Son precisas, polo tanto, medidas de apoio que sirvan para animar estas persoas a continuar con esta actividade, que é –e debe seguir sendo– unha importante fonte de ingresos para as comarcas da Mariña luguesa.
Entre estas medidas debe estar a promoción do consumo deste produto de calidade e o impulso desde esta axencia tanto de actividades formativas dirixidas ás persoas titulares das explotacións como de liñas de investigación para acadar plantas máis resistentes ás pragas e enfermidades. Pero ademais, con base nas consideracións anteriores, tamén parece procedente establecer unha liña de axudas ás explotacións agrarias inscritas na IXP Faba de Lourenzá, para cubrir parcialmente os sobrecustos derivados da produción dun produto de calidade superior á estándar, sobrecustos que neste momento son de difícil traslado ás persoas consumidoras.
De acordo co establecido na Lei 1/2024, do 11 de xaneiro, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria é o instrumento básico de actuación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de protección da calidade alimentaria diferenciada, así como en materia de promoción do consumo dos produtos agroalimentarios en xeral e, en particular, dos acollidos ás distintas figuras de protección da calidade diferenciada e ten atribuídas funcións relacionadas co control, o fomento e a posta en valor da produción agroalimentaria de calidade de Galicia e, en particular, a elaboración das liñas estratéxicas que permitan o impulso do conxunto da calidade alimentaria diferenciada galega como unha actividade que dea rendibilidade aos diferentes elos das respectivas cadeas de valor, procurando o desenvolvemento dunha actividade no territorio que sexa económica, social e ambientalmente sustentable.
De acordo co anterior, o obxecto desta resolución é a aprobación das bases reguladoras dunha liña de axudas ás persoas titulares de explotacións agrícolas produtoras de Faba de Lourenzá e a súa convocatoria para 2025. Estas axudas outórganse ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE nº L 352, do 24.12.2013), e quedan condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.
En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas aos titulares de explotacións agrarias inscritas no rexistro de plantacións da indicación xeográfica protexida (IXP) Faba de Lourenzá, para compensar parcialmente os sobrecustos de produción destas explotacións, e proceder á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento MR302C).
Artigo 2. Ámbito de aplicación
Esta resolución será de aplicación ás explotacións rexistradas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia e inscritas na IXP Faba de Lourenzá, que tivesen feito a preceptiva declaración de sementeira durante o ano 2024.
Artigo 3. Réxime das axudas
1. Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE nº L 352, do 24.12.2013) e quedan condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.
2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.
Artigo 4. Requisitos das persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas e xurídicas titulares de explotacións agrarias situadas na área xeográfica delimitada para a IXP Faba de Lourenzá e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser titulares dunha explotación inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia que estivese en estado de alta con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2025, agás quen iniciase a actividade a través dun cambio de titularidade de explotacións en estado de alta con anterioridade a esa data.
b) Que a explotación estea inscrita no rexistro de plantacións da IXP Faba de Lourenzá e teña feita a declaración de sementeira correspondente ao ano 2024.
c) Cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.
Artigo 5. Contía da axuda
1. A contía individualizada da axuda para cada persoa física ou xurídica beneficiaria será, como máximo, de 2.000 € por hectárea sementada con fabas destinadas á comercialización como Faba de Lourenzá.
2. Serán subvencionables as superficies cultivadas polas persoas inscritas no rexistro de plantacións da IXP Faba de Lourenzá que fosen obxecto de declaración de sementeira durante o ano 2024.
3. Non se concederán axudas superiores aos 20.000 € por persoa titular e, no caso eventual de persoas titulares que teñan varias explotacións, computaranse na axuda o total das hectáreas declaradas no conxunto das explotacións.
4. No caso de que o crédito dispoñible non sexa suficiente para facer fronte ás axudas solicitadas por todas as persoas beneficiarias, procederase ao rateo, segundo o establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. En todo caso, o importe máximo que se percibirá, xunto coas restantes axudas de minimis recibidas durante o período dos tres anos previos non poderá ser superior a 50.000 euros, de acordo co establecido no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola.
Artigo 6. Solicitudes
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e que figura como anexo I desta resolución.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e contrasinal da Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
2. A falsidade do declarado na solicitude determinará a imposibilidade de percibir, se fose o caso, a axuda concedida, desde o momento en que se teña constancia da falsidade, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan.
Artigo 8. Documentación complementaria
1. Para este procedemento non é preciso achegar documentación complementaria xa que esta pode ser obxecto de consulta ás administracións públicas se a persoa solicitante dá o seu consentimento á dita consulta. En caso de que a persoa solicitante non dese o seu consentimento, a documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
3. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 9. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante (de ser o caso).
c) NIF da entidade solicitante.
d) NIF da entidade representante (de ser o caso).
e) Rexistros da IXP Faba de Lourenzá.
f) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.
g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
h) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
i) Concesións de subvencións e axudas.
j) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
k) Concesións pola regra de minimis.
l) Datos e estado das explotacións das persoas solicitantes no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.
Os datos da letra e) xa figuran en poder da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e serán comprobados de oficio polo órgano xestor.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 11. Tramitación e resolución
1. O órgano competente para a instrución e a tramitación do procedemento é a Área de Calidade Alimentaria da Axencia. Unha vez recibidas as solicitudes, serán examinadas polo órgano xestor que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda á persoa solicitante, concedéndolle un prazo de dez días, consonte o artigo 68 da Lei 39/2015. Transcorrido este prazo sen que se producise a emenda ao expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.
2. Recibidas e examinadas as solicitudes, o órgano xestor comprobará que as persoas solicitantes son titulares de explotacións agrarias inscritas tanto no Reaga como no Rexistro de plantacións da IXP Faba de Lourenzá, e que teñen feita a declaración de sementeira correspondente ao ano 2024.
3. Efectuadas as comprobacións e análises pertinentes, para a avaliación das solicitudes presentadas constituirase un órgano colexiado, integrado por tres persoas funcionarias da Área de Calidade Alimentaria da Axencia con categoría non inferior a xefatura de negociado, unha das cales actuará na función de secretaría, e que estará presidido pola persoa responsable da citada área, que emitirá un informe, que conterá unha relación das persoas solicitantes para as que se propón a concesión de subvención e a contía, así como daquelas para as que se propón a denegación da subvención solicitada. De acordo co dito informe, a Área de Calidade Alimentaria da Axencia elaborará a proposta de resolución e elevaraa ao órgano competente para resolver.
4. A resolución do expediente correspóndelle á persoa titular da dirección da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de cinco meses desde o día seguinte ao da publicación desta resolución de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 23 da Lei 9/2007.
5. Informarase a persoa beneficiaria sobre o importe da axuda e sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE nº L 352, do 24.12.2013).
Artigo 12. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou no teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único, a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 13. Publicación dos actos
Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións de concesión e de denegación das axudas, o que producirá os efectos da notificación.
Artigo 14. Réxime de recursos
As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta resolución non porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse recurso de alzada ante a presidenta da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.
Artigo 15. Xustificación e pagamento das axudas
Tendo en conta a natureza e os fins das axudas reguladas nesta resolución, non se precisa un prazo de xustificación da subvención por parte da persoa beneficiaria, xa que todos os datos necesarios son achegados polo solicitante na súa solicitude de axuda, ou están en poder da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.
A xustificación da subvención operará de maneira automática coa comprobación dos requisitos de admisibilidade das persoas solicitantes da axuda. Deste xeito, despois de analizar e validar as solicitudes, resolverase e pagarase a axuda.
Artigo 16. Modificación das resolucións de concesión
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 17. Financiamento
1. O financiamento das axudas recollidas nesta resolución efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 15.A2.713D.770.1, código de proxecto 2011.765, dos orzamentos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, cunha dotación de setenta e dous mil euros (72.000 €).
2. Segundo o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o crédito dispoñible para o financiamento destas axudas poderá ampliarse, previamente á resolución do expediente, se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
Artigo 18. Reintegro da axuda, infraccións e sancións
As persoas interesadas teñen a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, xunto cos xuros de demora xerados desde o seu pagamento, nos supostos previstos no artigo 37 da Lei 38/2003.
Artigo 19. Incumprimentos
No caso de incumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita lei, a persoa ou entidade beneficiaria comprométese a reintegrar as cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora que deba aquela, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.
Artigo 20. Control
As persoas beneficiarias deberán someterse ás actuacións de comprobación do cumprimento dos requisitos e das finalidades das axudas acollidas a estas bases, así como ao control financeiro realizado polas entidades competentes e, en particular, pola Consellería do Medio Rural, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, e ás que realice calquera órgano nacional ou comunitario de inspección ou control.
Artigo 21. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 22. Compatibilidade das axudas
A percepción das subvencións previstas nesta resolución será incompatible coa de calquera outra que, para a mesma finalidade e obxecto, puidesen establecer outras administracións públicas ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.
Disposición adicional primeira. Normativa aplicable
En todas aquelas cuestións non previstas nesta resolución será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da citada lei e nas súas normas de desenvolvemento, sen prexuízo da aplicación das normas de organización e procedemento dispostas na Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009.
Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional terceira. Protección de datos
De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos, e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Disposición derradeira primeira. Instrucións para a aplicación desta resolución
A Dirección da Axencia Galega da Calidade Alimentaria ditará as instrucións que sexan necesarias para a aplicación desta resolución.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2025
Martín Alemparte Vidal
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria
