DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Venres, 27 de xuño de 2025 Páx. 35958

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

EXTRACTO da Resolución do 17 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás explotacións agrícolas pertencentes á indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR302C).

BDNS (Identif.): 842301.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/842301

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas e xurídicas titulares de explotacións agrarias situadas na área xeográfica delimitada para a IXP Faba de Lourenzá e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser titulares dunha explotación inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia que estivese en estado de alta con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2025, agás quen iniciase a actividade a través dun cambio de titularidade de explotacións en estado de alta con anterioridade a esa data.

b) Que a explotación estea inscrita no rexistro de plantacións da IXP Faba de Lourenzá e teña feita a declaración de sementeira correspondente ao ano 2024.

c) Cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas ás persoas titulares de explotacións agrarias inscritas no rexistro de plantacións da indicación xeográfica protexida (IXP) faba de Lourenzá, para compensar parcialmente os sobrecustos de produción destas explotacións, e proceder á súa convocatoria para o ano 2025.

Serán subvencionables as superficies cultivadas polas persoas inscritas no rexistro de plantacións da IXP Faba de Lourenzá que fosen obxecto de declaración de sementeira durante o ano 2024.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 17 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás explotacións agrícolas pertencentes á indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá e se convocan para o ano 2025.

Cuarto. Importe

1. Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola.

2. A contía individualizada da axuda para cada persoa física ou xurídica beneficiaria será, como máximo, de 2.000 € por hectárea sementada con fabas destinadas á comercialización como Faba de Lourenzá. Non se concederán axudas superiores aos 20.000 € por persoa titular.

3. A dotación orzamentaria da convocatoria é de setenta e dous mil euros (72.000 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2025

Martín Alemparte Vidal
Director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria