DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Venres, 27 de xuño de 2025 Páx. 35892

I. Disposicións xerais

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO 48/2025, do 16 de xuño, polo que se modifica o Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

O Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, regula unha estrutura organizativa que aposta por converter a vivenda, a rexeneración urbana e a planificación do territorio nos eixes fundamentais da acción política deste departamento, procurando unha maior eficacia e eficiencia no seu funcionamento que permita desenvolver todas as iniciativas na materia dun xeito máis áxil, e en resposta ao reto urxente de favorecer a citada planificación territorial e, en especial, o desenvolvemento de solo residencial para a execución de vivenda protexida.

Para afrontar ese reto, e tentar dar resposta á demanda social de medidas que faciliten o acceso á vivenda, o Consello da Xunta aprobou, o 10 de xuño de 2024, a Estratexia galega de solo residencial para a construción de vinte mil vivendas protexidas.

A programación da estratexia desenvólvese en dúas fases; nunha primeira abórdase a planificación e determinación de ámbitos, os acordos cos concellos ao respecto destes, a tramitación dos proxectos e a adquisición dos terreos, para, nunha segunda fase, proceder á execución das obras de urbanización, comercialización das parcelas e execución das edificacións.

Para permitir unha tramitación máis áxil, simplificando o procedemento sen menoscabar a seguridade xurídica, as actuacións de desenvolvemento de solo residencial executaranse ao abeiro de proxectos de interese autonómico (PIA).

A Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que recolle no capítulo X do seu título II unha serie de medidas extraordinarias en materia de vivenda, establece que a tramitación destes proxectos de interese autonómico, se axustará ás previsións contidas na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, para os de tipo non previsto, pero cunha serie de especialidades que favorezan esa maior axilidade na tramitación.

Para afondar no anterior, cómpre acometer unha reorganización administrativa que reforce a estrutura coa que conta a Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo para tramitar e xestionar os citados proxectos.

Por outra banda, a citada Lei 5/2024 modificou a Lei 9/2013, do 19 de decembro, de emprendemento e da competitividade económica de Galicia, atribuíndo á consellería competente en materia de urbanismo as funcións relativas á autorización e rexistro das entidades de certificación de conformidade municipal (ECCOM), así como a correspondente competencia sancionadora.

É preciso, polo tanto, concretar esta competencia no decreto de estrutura da consellería.

Finalmente, introdúcense modificacións que tratan de clarificar as competencias da consellería en materia de estradas.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de xuño de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

O Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, queda modificado como segue:

Un. O artigo 4 queda redactado como segue:

«A persoa titular da consellería é a autoridade superior da consellería e, con tal carácter, está investida das atribucións enumeradas no artigo 34 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e daqueloutras que lle atribúa a lexislación sectorial.

Así mesmo, sen prexuízo das competencias e funcións atribuídas á persoa titular da consellería pola normativa vixente no seu sector de actividade administrativa, corresponderanlle especificamente as seguintes atribucións:

a) Aquelas que a normativa en materia de estradas lle atribúe á consellería competente nesa materia.

b) Aquelas que a normativa en materia de estradas lle atribúe á Administración titular da Rede autonómica de estradas de Galicia ou, de ser o caso, á Administración promotora da actuación, en particular as seguintes:

1. Exercer as competencias que se atribúen regulamentariamente á Administración titular da rede no procedemento de tramitación dos plans sectoriais de estradas e das súas modificacións.

2. Acordar con outras administracións cambios na titularidade das estradas.

3. Resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informe das administracións territoriais afectadas, agás nos casos en que a súa resolución lle corresponda ao Consello da Xunta de Galicia.

4. Aprobar definitivamente os estudos informativos ou, de ser o caso, os anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función, agás nos casos cuxa aprobación lle corresponda ao Consello da Xunta de Galicia, segundo o previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

5. Emitir informe sobre as propostas de redacción, revisión ou modificación de instrumentos de planeamento que afecten as estradas existentes ou actuacións previstas nos plans de estradas vixentes.

6. Establecer medidas ou procedementos compensatorios que, nos tramos das estradas onde se estableza un pagamento de peaxe ou taxa polo seu uso, reduzan ou anulen o pagamento directo polas persoas usuarias.

7. Aprobar o establecemento de contribucións especiais.

8. Aprobar a redución excepcional das distancias establecidas con carácter xeral para a liña límite de edificación.

9. Resolver os expedientes que se tramiten para os cambios de clase das estradas.

10. Resolver os expedientes que se tramiten para a delimitación de treitos urbanos.

11. Resolver os expedientes que se tramiten para a aprobación e modificación dos catálogos de estradas.

c) O exercicio das facultades que o ordenamento xurídico lle atribúe á Administración expropiante en materia de expropiación forzosa».

Dous. O artigo 11 queda redactado como segue:

«Baixo a superior dirección da persoa titular da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo exercerá a coordinación das competencias e funcións en materia de vivenda, rehabilitación, rexeneración urbana, habitabilidade, urbanismo e planificación territorial, e as restantes que lle atribúa o ordenamento xurídico, entre estas, as seguintes:

a) A coordinación e, de ser o caso, o desenvolvemento e a promoción da política en materia de vivenda, rehabilitación, rexeneración urbana, habitabilidade, urbanismo e planificación territorial dentro da Comunidade Autónoma de Galicia en colaboración cos distintos departamentos da Xunta de Galicia.

b) A coordinación do exercicio das competencias da Dirección Xeral de Urbanismo e das entidades adscritas a través da Secretaría Xeral e a proposta e formulación dos seus obxectivos, estratexias e plans de actuación.

c) A materialización e posta en práctica da política territorial e de utilización racional do solo coa finalidade de favorecer o desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio; contribuír a elevar a calidade de vida e a cohesión social da poboación e protexer e potenciar o patrimonio natural e cultural, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos.

d) O impulso da política da Xunta de Galicia en materia de vivenda, rehabilitación, rexeneración urbana, habitabilidade, urbanismo e planificación territorial, realizando informes, estudos e outros traballos técnicos, coordinando as actuacións en materia de planificación e propoñendo e impulsando as melloras respecto das ditas actuacións, así como a colaboración e coordinación con outras entidades públicas e privadas para o desenvolvemento de plans e accións, análises, informes e investigacións referidas ás materias da súa competencia.

e) Impulso da cooperación con todas as administracións públicas con competencia no territorio, especialmente coas administracións locais, co fin de promover o desenvolvemento de políticas comúns, debidamente coordinadas e programadas, que aseguren o cumprimento dos fins de protección, xestión, planificación do territorio e promoción da vivenda.

f) A elaboración dos informes respecto dos instrumentos de ordenación do territorio previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, que se formulen por iniciativa desta consellería, relativas ao desenvolvemento de solo residencial e á implantación de vivendas, cando así se exixa de acordo coa dita lei e a normativa e instrumentos que a desenvolvan.

g) O impulso da participación, nas materias de competencia da Secretaría Xeral, dos diferentes axentes, tanto públicos como privados, a través do Observatorio da Vivenda de Galicia.

h) A proposta de convenios de colaboración, cooperación e concertos referentes ás actividades da consellería, dentro do seu ámbito competencial.

i) A xestión do Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia.

j) E, en xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas».

Tres. O artigo 12 queda redactado como segue:

«A Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nos seguintes órganos e unidades:

1. Dirección Xeral de Urbanismo.

2. Subdirección Xeral de Coordinación e Planificación.

2.1. Servizo de Apoio Técnico.

2.2. Servizo de Coordinación Administrativa».

Catro. O artigo 14 queda redactado como segue:

«1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo, a Subdirección Xeral de Coordinación e Planificación exercerá as funcións de apoio e asesoramento á persoa titular da Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo e, en particular, as seguintes:

a) O impulso da cooperación con todas as administracións públicas con competencia no territorio, especialmente coas administracións locais, co fin de promover o desenvolvemento de políticas comúns, debidamente coordinadas e programadas, que aseguren o cumprimento dos fins de protección, xestión, planificación do territorio e promoción da vivenda.

b) A programación, elaboración de informes e seguimento das materias competencia da Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo que se lle encomenden.

c) A elaboración dos informes respecto dos instrumentos de ordenación do territorio previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, que se formulen por iniciativa desta consellería, relativas ao desenvolvemento de solo residencial e á implantación de vivenda cando así se exixa de acordo coa dita lei e a normativa e instrumentos que a desenvolvan.

d) O estudo, impulso e elaboración de propostas normativas, plans e programas dentro do ámbito das competencias da Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo que se lle encomenden.

e) A participación como vogal na Comisión Permanente da Xunta Consultiva en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

f) A xestión do Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en relación con estas funcións.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, esta subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Apoio Técnico.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A elaboración dos informes técnicos respecto dos instrumentos de ordenación do territorio previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, que se formulen por iniciativa desta consellería, relativas ao desenvolvemento de solo residencial e á implantación de vivendas, cando así se exixa de acordo coa dita lei e a normativa e instrumentos que a desenvolvan.

b) A colaboración técnica coas entidades adscritas á Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral de Coordinación e Planificación no que incumbe a esta área técnica.

2.2. Servizo de Coordinación Administrativa.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A emisión de informes xurídicos nas materias de competencia da Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo.

b) A colaboración xurídica e administrativa coas entidades adscritas á Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo.

c) A tramitación das solicitudes de inscrición no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia e dos procedementos relativos ao dito rexistro.

d) O apoio na tramitación dos expedientes relativos aos instrumentos de ordenación do territorio previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, que se formulen por iniciativa desta consellería, relativas ao desenvolvemento de solo residencial e á implantación de vivendas.

e) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral de Coordinación e Planificación no que atinxe á área xurídica e administrativa».

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao establecido neste decreto ou o contradigan.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas

O Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas, queda redactado como segue:

Engádese o parágrafo s) ao punto 1 do artigo 7 do Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas, coa seguinte redacción:

«s) Aqueloutras que a normativa en materia de estradas lle atribúa á Administración titular da Rede autonómica de estradas de Galicia, e non estean expresamente atribuídas ao Consello da Xunta ou á consellería con competencias en materia de estradas».

Disposición derradeira segunda. Disposicións de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para ditar as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas