A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal recibiu un oficio da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Sección Primeira, polo que solicita o emprazamento de cantos aparezan como interesados no recurso contencioso-administrativo P.O. 81/2025, en relación coa Resolución do 23 de setembro de 2024 (DOG núm. 194, do 8 de outubro) e a Resolución do 4 de outubro de 2024 (DOG núm. 197, do 11 de outubro) polas que se fai pública a baremación definitiva da fase de concurso de determinados corpos, escalas e especialidades, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, (subgrupo A2); escala de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidade de servizos ao buque, máquinas e produción e especialidade de traballos técnicos de mergullo.
En consecuencia, esta dirección xeral acordou nesta data, de conformidade co disposto no artigo 49 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, a achega do correspondente expediente administrativo. O que se notifica para xeral coñecemento de todas as persoas interesadas no procedemento, que son emprazadas para que poidan comparecer como parte nos autos na referida sala, no prazo de nove días contados dende o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2025
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
