BDNS (Identif.): 842578.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/842578
Primeiro. Persoas beneficiarias
Alumnado que finalizase as ensinanzas profesionais de música, de danza ou de ciclos formativos de grao superior de artes plásticas e deseño no curso 2024/25, nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de Música ou de Danza, ou cunha nota media final igual ou superior a 8,75 no ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño cursado.
No caso dos ámbitos de música e de danza, para o cálculo da nota media indicada no parágrafo anterior, as materias validadas non serán tidas en conta. No caso de que a persoa aspirante ingresase en sexto curso, a nota media calcularase tendo en conta unicamente as materias do dito curso.
No caso do ámbito de artes plásticas e deseño, a nota media obterase da media aritmética das cualificacións dos módulos que teñan expresión numérica, sen se teren en conta no dito cálculo as cualificacións de «apto», «exento» ou «validado». No cálculo da nota media non se incluirá a cualificación do proxecto integrado ou proxecto final.
Segundo. Obxecto
Convocar, en réxime de concorrencia competitiva, os premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, de danza, e de artes plásticas e deseño para o alumnado que finalizou as ensinanzas profesionais de música, de danza ou de ciclos formativos de grao superior de artes plásticas e deseño, no curso 2024/25, nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 13 de xuño de 2025 pola que se convocan os premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, de danza, e de artes plásticas e deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao curso 2024/25 (código de procedemento ED311F).
Cuarto. Importe
A dotación total é de 6.000 euros, que se distribuirán entre os premiados na mesma contía e non poderá exceder os 1.000 euros por premio. Ademais, cada premiado recibirá un diploma acreditativo e poderá optar aos premios nacionais de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, de danza e de artes plásticas e deseño, segundo o disposto no artigo 9 da Orde ECD/1611/2015, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, do 29 de xullo, pola que se crean e regulan os premios nacionais ao rendemento académico do alumnado de educación secundaria obrigatoria e de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, danza e artes plásticas e deseño.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de xullo de 2025.
Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
