DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 30 de xuño de 2025 Páx. 36317

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 24 de xuño de 2025 pola que se amplía o prazo máximo de execución dos proxectos establecido na Resolución do 18 de setembro de 2023 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento para infraestruturas locais (Programa centros de fabricación avanzada), cofinanciadas no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se convocan en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408C).

Mediante a Resolución do 18 de setembro de 2023 publicouse a Resolución pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección do Igape que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento para infraestruturas locais (Programa centros de fabricación avanzada), cofinanciadas no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se convocan en réxime de concorrencia competitiva (DOG núm. 185, do 28 de setembro de 2023).

No segundo parágrafo do punto cuarto da devandita resolución establécese que o prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 30 de xuño de 2026. Así mesmo, no quinto parágrafo do devandito punto cuarto indícase que o prazo para xustificar os gastos efectuados en 2026 rematará o 30 de xullo de 2026.

Dado o carácter estratéxico dos proxectos obxecto destas axudas, de creación de infraestruturas en Galicia que contribúan a mellorar a contorna das empresas e dos consumidores e a modernizar e desenvolver a base industrial, cun investimento global para a creación da infraestrutura inferior a 20.000.000 €, ocasiónanse, entre outros, tramitacións necesarias para a adquisición de parcelas, trámites administrativos para a súa legalización, obtención de licenzas e considerables atrasos para o inicio dos proxectos de investimento aprobados, que poñen en risco a implantación dos proxectos aprobados no prazo establecido.

Como consecuencia destes atrasos, existe un risco moi elevado e unha alta probabilidade de que non se poidan acadar os fitos exixidos na resolución de concesión antes do 30 de xuño de 2026, o que podería comprometer a implantación dos proxectos aprobados no prazo inicialmente fixado, polo que, tendo en conta que non existen terceiros afectados, de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas,

RESOLVO:

Artigo 1

Ampliar ata o 15 de decembro de 2026 o prazo máximo de execución dos proxectos, previsto nos parágrafos segundo e quinto do punto cuarto do Resolvo da Resolución do 18 de setembro de 2023 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento para infraestruturas locais (Programa centros de fabricación avanzada), cofinanciadas no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se convocan en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2025

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica