De conformidade co disposto na Constitución española, o Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.30, atribúe á nosa comunidade autónoma a competencia para aprobar normas adicionais para a protección do ambiente e da paisaxe.
A nivel autonómico, a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza (DOG núm. 171, do 4 de setembro), tiña como obxecto «establecer normas encamiñadas á protección, conservación, restauración e mellora dos recursos naturais e á adecuada xestión dos espazos naturais e da flora e fauna silvestres, ademais da xea da comunidade autónoma galega, á difusión dos seus valores, así como á súa preservación para as xeracións futuras». O seu artigo 9 establecía nove categorías de espazos naturais protexidos, e unha delas é o de espazo natural de interese local (ENIL, en diante), definidos no artigo 17 da dita lei como aqueles espazos integrados nun termo municipal que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais. A responsabilidade e a competencia na xestión destes espazos é municipal e nin se considerarán incluídos na Rede galega de espazos protexidos, nin a súa declaración implicará a asignación de recursos da Comunidade Autónoma.
Dentro dese marco legal aprobouse a Orde do 27 de decembro de 2019 pola que se declara, de xeito provisional, como espazo natural de interese local, o espazo denominado Torre de Hércules, no concello da Coruña (DOG núm. 7, do 13 de xaneiro de 2020). O ENIL ocupa unha superficie que abrangue desde a marxe esquerda da praia das Lapas, pasando pola contorna da Torre de Hércules, punta Herminia e o Campo da Rata, ata a marxe dereita da cala de Durmideiras.
Os valores naturais máis salientables que xustifican a declaración como espazo protexido son de tipo paisaxístico e ecolóxico. A pesar da pequena extensión da área considerada, esta acolle unha extraordinaria mostra de diversidade no contexto do termo municipal da Coruña. Destacan especialmente os cantís, con vexetación costeira atlántica nos que sobresae a presenza da herba de namorar, así como de amplas zonas de mato con predominio do toxo e de distintas especies de breixo. A zona é moi apreciada pola cidadanía coruñesa, así como polas persoas visitantes, por ser o espazo natural máis relevante da cidade para pasear e observar a natureza e a paisaxe.
A Lei 9/2001, do 21 de agosto, derrogouse pola Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, que, igualmente, recolle a figura de ENIL entre as categorías de espazo natural protexido. Na súa disposición transitoria sétima, punto 2, esta lei recolle que os procedementos administrativos en tramitación no momento da súa entrada en vigor seguirán a tramitarse pola normativa vixente no momento do seu inicio.
Segundo o recollido na disposición transitoria segunda da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, a tramitación das normas de xestión e conservación en espazos naturais protexidos declarados ao abeiro da Lei 9/2001, do 21 de agosto, que carezan de instrumentos de planificación e non iniciasen a súa tramitación con anterioridade á entrada en vigor desta lei, realizarase, tras o acordo de inicio da persoa titular da consellería competente en materia de patrimonio natural, mediante o procedemento sinalado no artigo 40.5 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, axustándose o contido ao previsto no artigo 64.
Por tal motivo, o Plan de conservación deste ENIL tramítase ao abeiro da Lei 9/2001, do 21 de agosto, respectando a terminoloxía do dito instrumento de planificación, tendo en conta que a súa tramitación se iniciou coa solicitude de declaración do espazo á Xunta de Galicia, con data do 18 de maio de 2017, tras ser aprobada a proposta no pleno municipal ese mesmo día, tendo entrada o seu instrumento de planificación no rexistro da Xunta de Galicia o 9 de setembro de 2021, antes da entrada en vigor da Lei 7/2022, do 27 de decembro.
En canto ao procedemento de elaboración do decreto, o documento base do plan someteuse ao trámite de participación pública mediante o Anuncio do 4 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se somete a participación pública o documento base do Plan de conservación do espazo natural de interese local Torre de Hércules, pertencente ao concello da Coruña.
Debido a un fallo na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non estivo dispoñible a consulta do documento base durante varios días. Por tal motivo abriuse abrir un novo período de participación mediante o Anuncio do 3 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
Con estes anuncios dáse cumprimento ao establecido no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente e no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Posteriormente, en observancia do artigo 40 da Lei 9/2021, do 21 de agosto, do artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e do artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o proxecto normativo expúxose publicamente entre o 24 de decembro de 2024 e o 23 de xaneiro de 2025 no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia, no cal se indicaban o seu obxecto, o estado de tramitación e a posibilidade de remitir suxestións a través do formulario dispoñible para tal efecto no propio portal. Así mesmo, expúxose o documento na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, na subsección de documentos en información pública do portal de conservación da natureza. Igualmente, remitiuse a distintos organismos dependentes da Xunta de Galicia para o seu informe.
A través destes trámites púxose en coñecemento da cidadanía a necesidade de axustar cartograficamente os lindeiros do espazo coa realidade da zona, axustando o límite exterior á liña de preamar elaborada polo Instituto Hidrográfico da Mariña (Ministerio de Defensa), pasando a superficie total do espazo das 39,48 ha declaradas inicialmente, ás 41,04 actuais. O ámbito do ENIL inclúe terreos de dominio público marítimo-terrestre, e está parcialmente afectado polas servidumes de tránsito e de protección, e totalmente afectado pola zona de influencia de 500 metros de anchura.
Analizáronse as suxestións achegadas e todas aquelas consideradas adecuadas en relación á lexislación estatal básica e autonómica en materia de conservación do patrimonio natural, e incorporáronse ao proxecto de decreto.
Finalmente, o día 5 de maio de 2025 aprobouse a Orde pola que se declara definitivamente como espazo natural de interese local o espazo denominado A Torre de Hércules, no concello da Coruña.
Polo exposto, en uso das atribucións conferidas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático e tras a deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do dezaseis de xuño de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
Artigo 1. Aprobación do Plan de conservación
1. Apróbase o Plan de conservación do ENIL Torre de Hércules recollido no anexo I deste decreto.
2. O ámbito territorial de aplicación do plan de conservación coincide coa extensión e os límites cartografados e coas coordenadas establecidas no anexo I. O ENIL atópase no termo municipal da Coruña, provincia da Coruña, e conta cunha superficie de 41,04 ha.
3. O plan estará á disposición de calquera persoa interesada na páxina web do Concello da Coruña, xestor do espazo https://www.coruna.gal/
4. O réxime sancionador aplicable será o establecido no título VI, Das infraccións e sancións, da Lei 42/2007, do 13 de decembro e, con carácter complementario, no título III, Das infraccións e sancións, da Lei 5/2019, do 2 de agosto.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para desenvolvemento normativo
Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural para ditar, no ámbito das súas competencias, cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.
Disposición derradeira segunda. Vixencia
As determinacións deste plan de conservación estarán en vigor ata que se revise o plan polo cambio significativo e suficiente das circunstancias ou criterios que determinaron a súa aprobación. En calquera caso e a falta de modificacións excepcionais, o plan revisarase pasados seis anos desde a data da súa aprobación, e prorrogarase a súa aplicación ata que se publique a dita revisión.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de dous mil vinte e cinco
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático
ANEXO I
Plan de conservación do ENIL Torre de Hércules
Memoria
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Ámbito territorial e delimitación
1. O ENIL Torre de Hércules localízase na folla 21.III da cartografía 1:25.000 do Instituto Xeográfico Nacional e ocupa unha superficie de 41,04 ha. A delimitación, de oeste a leste, abrangue desde a marxe esquerda da praia das Lapas, pasando pola contorna da Torre de Hércules, punta Herminia e o Campo da Rata, ata a marxe dereita da Cala de Durmideiras:
a) O límite interior é o determinado polo paseo marítimo e a senda que vai desde o antigo Cárcere Provincial ata a rotonda da Torre de Hércules.
b) O límite exterior é o mar, considerando a liña de preamar que forma parte da liña de costa elaborada polo Instituto Hidrográfico da Mariña.
Artigo 2. Efectos
1. Conforme o artigo 39 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, as previsións deste plan de conservación serán vinculantes tanto para as administracións públicas como para as persoas particulares, prevalecerán sobre a planificación urbanística e a súa aprobación levará consigo a revisión dos plans territoriais e sectoriais incompatibles.
2. Será responsabilidade e competencia do Concello da Coruña a xestión do ENIL Torre de Hércules. Por tal motivo, o concello debe consignar, con cargo aos orzamentos municipais anuais, as cantidades necesarias para garantir a conservación do espazo e acometer as medidas de xestión necesarias.
3. Teranse en conta tamén as seguintes consideracións:
a) O ámbito está afectado pola lexislación sectorial de costas e de sinalizacións marítimas, de protección do litoral, de protección do patrimonio cultural, de protección do ambiente e da natureza, de protección da paisaxe e calquera outra que se terá en conta en relación a posibles actuacións, como a lexislación de accesibilidade universal, a protección contra o ruído, a contaminación do aire ou da iluminación.
b) O ámbito do ENIL tamén se atopa afectado polos expedientes de deslindamento DL-181-LC (aprobado por Orde ministerial do 28 de xaneiro de 2004) e DL-106-LC (aprobado por Orde ministerial do 11 de marzo de 2004) e inclúe terreos de dominio público marítimo-terrestre, e está parcialmente afectado polas servidumes de tránsito e de protección, e totalmente afectado pola zona de influencia de 500 metros de largura. Por tal motivo:
1º. As actuacións que se vaian desenvolver sobre terreos de dominio público marítimo-terrestre deberán contar co correspondente título habilitante e estarán suxeitas ao disposto no título III da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas.
2º. Na zona de servidume de protección, os usos axustaranse ao disposto nos artigos 24 e 25 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, e deberase ter en conta que «con carácter ordinario, só se permitirán nesta zona as obras, instalacións e actividades que, pola súa natureza, non poidan ter outra localización, como os establecementos de cultivo mariño, as salinas marítimas ou aqueles que, ou presten servizos, ou sexan necesarios ou convenientes para o uso do dominio público marítimo-terrestre, así como as instalacións deportivas descubertas».
3º. En todo caso, os usos permitidos na zona de servidume de protección estarán suxeitos á autorización da Comunidade Autónoma, sen prexuízo dos informes preceptivos regulados na normativa sectorial de costas.
4º. Deberase garantir o respecto ás servidumes de tránsito e de acceso ao mar establecidas nos artigos 27 e 28 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, e, en calquera caso, haberá que aterse ao disposto no título II da devandita lei.
5º. En canto ás obras e instalacións existentes á entrada en vigor da Lei 22/1988, do 28 de xullo, no dominio público marítimo-terrestre e na súa servidume de protección, estas regularanse polo especificado na disposición transitoria cuarta da Lei 22/1988, do 28 de xullo, debendo ter en conta que tan só «se poderán realizar obras de reparación, mellora, consolidación e modernización sempre que non impliquen aumento do volume, altura nin superficie das construcións existentes, e sen que o incremento de valor que aquelas comporten poidan ser tidos en conta para efectos expropiatorios».
4. Desde o punto de vista da xestión, recoñecidas as relacións existentes entre o interior dos espazos naturais e a súa contorna exterior, non se exclúe a posibilidade de formular propostas fóra dos seus límites sempre que sexa necesario para a ordenación e xestión de usos e actividades, sobre todo do uso público, ou para a mellora da conectividade. En calquera caso, este ámbito só será de aplicación para o desenvolvemento de programas, equipamentos, ofertas de servizos ou actividades de xestión, pero nunca para a aplicación da normativa.
Artigo 3. Propiedade dos terreos
O ENIL consta unicamente de dúas parcelas catastrais, ambas de titularidade municipal: 15900A019000150000YE e 15900A019090020000YR (esta última inclúe a superficie onde se atopa a Torre de Hércules e a súa rampla de acceso).
CAPÍTULO II
Análise do espazo
Artigo 4. Climatoloxía
Segundo o informe remitido por MeteoGalicia, a media da temperatura máxima na cidade é de 18.0 ºC, a media da temperatura media é de 15.0 ºC e a media da temperatura mínima é de 12.0 ºC, cunha tendencia á alza para as tres no período climatolóxico 1991-2020. Os valores medios máis elevados acádanse no verán, 19.2 ºC en xullo e 19.8 ºC en agosto e, pola contra, xaneiro e febreiro son os meses máis fríos, con 10.9 ºC e 11.1 ºC de media, respectivamente.
No referente ás precipitacións e para o mesmo período climatolóxico, o verán, especialmente xullo e agosto, é un período seco, cunha precipitación media mensual preto ou por baixo dos 40 mm. Setembro é un mes de transición cara á fase húmida, que comprende de outubro a xaneiro, con acumulados mensuais por riba dos 100 mm. De febreiro a abril prodúcese un segundo período húmido, con acumulacións arredor dos 80 mm.
En relación á análise dos ventos, construíuse unha rosa dos ventos coa serie de datos de 2008 a 2023 da estación meteorolóxica Coruña-Dique. Destaca, en primeiro lugar, a baixa porcentaxe de períodos de calmas, unicamente un 11 %. Do restante 89 %, o máis frecuente é que o vento sopre do sur, dirección que tamén acada as intensidades máis fortes. As direccións sueste e, sobre todo, leste son atípicas nesta área.
Artigo 5. Xeoloxía
1. Esquema xeolóxico e tectónico.
Segundo o «Mapa Geológico de España 1:50.000 La Coruña 21 5-4», onde se detalla o esquema xeolóxico rexional da zona centro-noroeste galega, a área considerada presenta elementos das series calcoalcalina (dominante, con granodiorita precoz) e alcalinas (con granitos de dúas micas variando en textura e idade, en zonas illadas).
O esquema tectónico correspóndese con granodioritas precoces da interfase I.II con zonas de leucogranitos da sinfase II á tardifase II. A distribución na área considerada destes dous tipos de rochas graníticas hercínicas é a seguinte:
a) Leucogranito. Existen catro zonas:
1º. Veta de orientación NE-SW, con forma de banda estreita, entre a furna dos Touciños e a punta das Eiras.
2º. Área en superficie de contorna redondeada na metade sur do outeiro da Torre de Hércules.
3º. A máis grande, no extremo oriental da área considerada, ao leste da liña imaxinaria entre a furna da Cuarcita e as brañas do rego da Serpe.
4º. Pequena zona no extremo sueste da área considerada, ao sur do areal.
b) Granodiorita precoz. No resto da área considerada.
No referente aos contactos dos materiais, anótase unha aliñación de fluxo en rochas graníticas, con orientación NE-SW, na zona da furna dos Touciños.
2. Aproveitamentos xeolóxicos.
Cómpre subliñar que os leucogranitos da zona foron obxecto de explotación a mediados do século XX, e existen dúas canteiras inactivas:
a) Zona sur do outeiro da Torre de Hércules.
b) Durmideiras, zona occidental da área actualmente urbanizada.
Artigo 6. Edafoloxía
1. No referente ás características do solo, ligadas naturalmente á composición xeolóxica, segundo o Mapa de solos de Galicia proporcionado polo Sistema de Información Ambiental de Galicia (Siam), existen tres tipos de solos na área considerada:
a) Solos antropoxénicos. Antrosoles (inclusións de regosoles antrópicos). Localizados en pequenas zonas no extremo suroeste (suroeste do Areal) e na base da rampla de acceso á Torre de Hércules.
b) Solos sobre materiais graníticos. Leptosoles líticos e úmbricos (inclusións de umbrisoles epilépticos). Presente na zona litoral, desde O Grelle ata a punta Eiras. Illotes costeiros.
c) Solos sobre materiais graníticos. Umbrisoles epilépticos (inclusións de leptosoles úmbricos). Resto da área considerada.
2. As pendentes, segundo a FAO, son de dous tipos:
a) Pendente do 25 ao 55 %, no extremo oeste da área considerada, ao oeste da liña imaxinaria entre A Galera e A Lagoa.
b) Pendente do 2 a 6 %, no resto da área.
Artigo 7. Hidroloxía
O ENIL contén catro grandes bloques hidrolóxicos:
1. O océano Atlántico, que baña a contorna da área considerada.
2. As pozas permanentes e estacionais que se localizan nos rochedos litorais e nos campos, das escasas que se poden atopar actualmente no concello da Coruña.
3. As augas subterráneas, e é sendo especialmente relevante o acuífero da Lagoa que abrolla parcialmente na cabeceira do Areal.
4. Un pequeno curso de auga estacional: o rego da Lagoa é un dos escasos que se conservan no municipio.
Artigo 8. Análise socioeconómica do Concello da Coruña
Nos últimos datos de poboación recollidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE, ano 2023), a cidade da Coruña conta con 247.376 habitantes, dos cales o 53,70 % son mulleres e o 46,30 % son homes. Representan aproximadamente o 22 % da poboación total da provincia da Coruña, calculada en 1.123.426 habitantes, cunha distribución por sexos con porcentaxes moi similares.
A cidade conta cunha poboación lixeiramente máis nova que os datos totais da provincia, atopándose o 61,36 % da poboación no tramo de idade dos 16 aos 64 anos (61,76 % no caso da provincia) e o 25,15 % no tramo de 65 anos en diante (25,46 % para a provincia). Practicamente non hai diferenzas no tramo de 0 a 15 anos, cun 12,4 % para ambas as poboacións. Na idade media de maternidade non se aprecian grandes diferenzas: na cidade da Coruña é de 33,61 anos, cunha media de 1,04 fillos/as por muller, e de 33,27 anos para a provincia, con 1,03 fillos/as de media. Estes datos tampouco difiren moito respecto do contexto galego, onde a idade media da maternidade na comunidade é de 33,19 anos e a media de fillos/as por muller de 1,01.
No referente aos datos de paro rexistrado, A Coruña cidade conta con 13.857 persoas en situación de desemprego, e o paro feminino é superior ao masculino (56,71 % e 43,29 %, respectivamente). A nivel provincial os datos son similares: 58,81 % de mulleres en paro e 41,19 % de homes.
En canto ao rexistro de empresas por actividade, a cidade conta cun total de 21.139, das cales o 85,66 % pertence ao sector servizos, o 9,91 % correspóndense co sector da construción, o 3,51 % son industria e tan só o 0,93 % pertence ao sector da pesca. Nos datos para a provincia, sobre un total de 98.095 empresas rexistradas as porcentaxes dos sectores anteriores son, respectivamente, 68,52 %, 12,10 %, 5,19 % e 14,20 %.
Por último, en canto á renda dispoñible bruta por habitante, as persoas residentes da Coruña contan con 20.451 €/ano (últimos datos dispoñibles, ano 2021), ingresos superiores ao ingreso medio da provincia de 17.145 €/ano.
Artigo 9. Patrimonio cultural
A zona destaca por posuír un interesante conxunto de bens arqueolóxicos, entre os cales destaca, indubidablemente, a Torre de Hércules. Acompáñaa unha ampla serie de elementos escultóricos.
1. Bens arqueolóxicos.
a) Torre de Hércules: trátase do faro romano máis antigo do mundo e o único que se conserva en servizo. A torre foi construída a finais do século I ou comezos do século II, durante o imperio romano, por un arquitecto de Coímbra de nome Caio Sevio Lupo, como sinal de axuda marítima. Foi remodelado no século XVIII, por Eustaqui Giannini, que o dotou do revestimento exterior co que permanece no día de hoxe. Así, a obra romana quedou «enmascarada»: a estrutura orixinal contaba cunha altura de 31 metros e unha planta cadrada de 9 metros de lado.
O Concello da Coruña conta cun Plan especial para a península da Torre no seu PXOM, no que se recolle que:
1º. A Torre de Hércules figura na Zona segunda e na Zona de respecto desta Zona segunda do Conxunto Histórico Artístico da Coruña (DOG núm. 57, do 22 de marzo de 1984).
2º. A Torre de Hércules foi declarada Monumento Histórico-Artístico no ano 1931 (Decreto do 3 de xuño de 1931) e desde o 27 de xuño de 2009 está declarada como Patrimonio Mundial da Humanidade.
3º. O ámbito do ENIL está na Zona Core de protección do Ben do Patrimonio Mundial-Torre de Hércules (ficha CH do Catálogo do PXOM 2013) xunto con outros elementos das fichas 004, 007 e 008.
Como elemento BIC (Ben de interese cultural; BIC.000.020) conta cunha área de protección integral practicamente coincidente coa superficie ocupada polo ENIL.
Forma parte, ademais, do Conxunto Histórico da Cidade Vella da Coruña, considerada como o «núcleo de formación» da cidade, declarada Conxunto Histórico Artístico polo Decreto do 9 de novembro de 1944.
Xunto coa Torre de Hércules, a zona conta cun conxunto de sistemas defensivos da Época Moderna en forma de muros perimetrais, vestixios do antigo fortín pertencente á Batería de Pradarías (GA15030020), situado hoxe en día baixo o Cemiterio Mouro ou as trincheiras do bordo costeiro. Este tipo de construcións están ligadas ao sistema defensivo contemporáneo do século XX e máis á Guerra Civil, como é precisamente o caso do Cemiterio Mouro. Os cemiterios xudeus adoitaban estar fóra da xudaría e sobre terreo elevado, preto de cursos de auga e en terras que non foran previamente cultivadas. Estas condicións cumpríanse no extremo leste do ENIL, onde durante o último terzo do século XIX apareceron tres lápidas xudías. Estas, depositadas no Museo Arqueolóxico Nacional en Madrid desde o ano 1894, foron atopadas durante un desmonte realizado na zona. Durante a Guerra Civil foron soterrados alí soldados procedentes do norte de África. Hoxe atópase na zona como un recinto cerrado, de estética musulmá e cunha pequena cúpula, coñecido como Casa das Palabras.
b) Petróglifos: na zona de punta Herminia hai dous gravados catalogados. O primeiro, denominado como petróglifo de punta Herminia-Monte dos Bicos (GA15030008), foi descuberto no ano 1895 e atópase en mal estado de conservación por ter sufrido impactos de bala, ao estar situado na que foi zona militar.
O segundo, a uns 25 metros ao sueste, coñécese como petróglifo de Pena da Brúxula (GA15030007) e conta con nove figuras cruciformes gravadas, dúas delas inscritas nunha especie de óvalo e case todas con base circular.
Ambos os dous están considerados BIC.
2. Elementos escultóricos: Parque Escultórico da Torre de Hércules.
No espazo natural distribúense, de forma espallada, dezaoito elementos escultóricos. Dada a relevancia arqueolóxica e cultural, as actuacións encamiñadas á preservación, á conservación e á percepción dos xacementos delimitados e da súa contorna figuran nun Plan especial do PXOM no que se establecen diferentes directrices de xestión.
CAPÍTULO III
Valores naturais do espazo
Artigo 10. Identificación dos valores naturais
A contorna da Torre de Hércules ten unha grande importancia paisaxística e ecolóxica. Alberga unha notable biodiversidade, tanto a nivel de flora e fauna, como de hábitats que hai que protexer.
1. Hábitats.
Dentro da área protexida identificáronse dous hábitats de interese comunitario (ver anexo II, mapa 3):
a) Hábitat 1230 cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas: inclúe os acantilados atlánticos situados en primeira liña de costa, de topografía abrupta e vertical, influenciados directamente polos ventos cargados de sal e polas salpicaduras e aerosois mariños. A vexetación ocupa gretas e pequenas repisas ata cumios e chanzos sobre rocha nos cales hai un maior espesor do solo. A especies aerohalófilas típicas deste hábitat e presentes no ENIL son Crithmum maritimum, Armeria spp. ou Matricaria maritima. Cara ao interior estas especies deixan paso a formacións de Daucus carota, Festuca rubra, Dactylis glomerata, Rumex acetosa ou Silene spp.
b) Hábitat 4030 breixeiras secas europeas: constitúe a seguinte cintura de vexetación a continuación do hábitat 1230. Trátase de formacións arbustivas de talle baixo, influenciadas polos ventos marítimos, onde se cita un conxunto denso de Erica sp. e Ulex europaeus. Desafortunadamente, en moitos puntos desta breixeira hai importantes manchas da especie invasora Carpobrotus sp.
2. Outros ecosistemas de interese.
a) Charcas permanentes e/ou estacionais: na zona coñecida como Parque da Torre de Hércules, ao leste desta, hai dúas charcas asociadas aos rochedos silíceos nunha zona achaiada que capta o fluxo de escorreduras pluviais. Nestas pequenas zonas húmidas hai presenza de vexetación higrófila de escaso porte como algúns exemplares de Carex sp. O valor destas zonas de auga doce ven dado por ser hábitat de anfibios estreitamente ligados a este tipo de ambientes, como o sapiño pintado (Discoglossus galganoi), a ra verde (Pelophylax perezi), o sapo cunqueiro (Bufo spinosus), o tritón verde (Triturus marmoratus) ou o tritón ibérico (Lissotriton boscai).
b) Rego da Lagoa e a súa contorna máis inmediata: o rego da Lagoa é un pequeno curso fluvial natural que desauga na praia das Lapas, ao oeste do ENIL. Descende canalizado desde a parte baixa do aparcadoiro e, nas súas beiras, predomina a vexetación ripícola e higrófila vencellada á presenza de auga en movemento e ao asolagamento estacional. No estrato arbóreo predominan as especies Alnus lusitanica e Salix spp. Serve de hábitat para diversas especies, principalmente anfibios e aves que atopan acubillo e mesmo aniñan no lugar.
3. Flora.
Entre a flora destaca a Armeria maritima ou herba de namorar, que forma parte de tres comunidades vexetais (asociacións) sintaxonómicas relacionadas con hábitats de interese comunitario: 123010 Crithmo-Armerion maritimae Géhu 1968 (cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas) 123012 Crithmo maritimi-Armerietum pubigerae Rivas-Martínez 1978 (cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas) e 303049 Ulici europaei-Ericetum cinereae Bellot 1949 (breixeiras secas europeas).
No espazo cítanse as seguintes especies:
|
FLORA (ningunha especie catalogada) |
|
Nome científico |
Nome común |
Nome científico |
Nome común |
|
Alnus lusitanica |
Amieiro |
Lavatera arborea |
Malva arbórea |
|
Anthyllis vulneraria |
Vulneraria |
Lysimachia arvensis |
Herba do garrotillo |
|
Armeria maritima |
Herba de namorar |
Malva sylvestris |
Malva |
|
Armeria pubigera |
Herba de namorar penuxenta |
Matricaria maritima subsp maritima |
Macela mariña |
|
Asparagus aphyllus |
Corruda |
Papaver rhoeas |
Papoula |
|
Asplenium marinum |
Fento mariño |
Plantago coronopus |
Herba estrela |
|
Beta maritima |
Acelga brava |
Plantago lanceolata |
Chantaxe lanceolada |
|
Carex sp. |
Carrizo |
Pteridium aquilinum |
Fento común |
|
Carlina hispanica |
Carlina hispánica |
Quercus pyrenaica |
Cerquiño |
|
Colchicum montanum |
Tollemerendas |
Reseda media |
Reseda intermedia |
|
Cochlearia danica |
Coclearia dinamarquesa |
Romulea bulbocodium |
Abeirota |
|
Crithmum maritimum |
Fiúncho do mar |
Rosa canina |
Roseira de can |
|
Crocus serotinus |
Azafrán bravo |
Rubus ulmifolius |
Silva de folla de olmo |
|
Cuscuta epithymum |
Liño do raposo |
Rumex acetosa subsp biformis |
Aceda |
|
Dactylis glomerata |
Panasco |
Rumex crispus |
Labaza crespa |
|
Daphne gnidium |
Trobisco |
Salix sp. |
Salgueiro |
|
Daucus carota |
Cenoira brava |
Sedum anglicum |
Piñeiriña inglesa |
|
Echium rosulatum |
Soaxe rosulada |
Silene uniflora |
Silene mariña |
|
Erica cinerea |
Queiroga de tres follas |
Spergularia marina |
Espergularia mariña |
|
Festuca rubra |
Festuca encarnada |
Spergularia media |
Espergularia marxinada |
|
Ficus carica |
Figueira |
Tolpis barbata |
Tólpide barbado |
|
Foeniculum vulgare |
Fiúncho |
Trifolium pratense |
Trevo dos prados |
|
Fumaria capreolata |
Fumaria maior |
Trifolium repens |
Trevo branco |
|
Galactites tomentosa |
Cardota |
Ulex europaeus |
Toxo arnal |
|
Helminthotheca echioides |
Rompesaias ourizada |
Urtica dioica |
Ortigón |
|
Hordeum murinum |
Orxo dos ratos |
Verbena officinalis |
Verbena |
|
Lagurus ovatus |
Rabo de lebre |
A comunidade vexetal presente no ENIL divídese en tres grandes grupos en función da súa composición e posición en gradiente altitudinal:
a) En primeiro lugar, sitúase a vexetación asociada aos cantís, que ocupa o total do perímetro exterior costeiro onde se sitúan as comunidades aerohalófilas asociadas á salpicadura salina e ás pendentes abruptas. Varía desde a zona máis próxima á liña da marea, ocupada por unha cintura de especies halófilas como Matricaria maritima subsp maritima; pasando pola zona media, con presenza de fentos e de Armeria maritima, ata a zona superior do cantil; tamén hai presenza de matogueiras de toxos e queirogas, na parte superior do cantil.
b) En segundo lugar, obsérvanse especies de porte arbóreo, como amieiros e salgueiros, cuxa presenza se limita á contorna do rego da Lagoa, xunto con matogueira baixa formada por silveiras, gramíneas e vexetación arbustiva.
c) En terceiro lugar atópanse as pradarías ou zonas de matogueira baixa, predominantes no ENIL e non asociadas aos cantís. Está comunidade vexetal confórmase de gramíneas, herbáceas de distintos portes e algúns arbustos como Atriplex halimus, especie alóctona.
Por outra banda, nas áreas máis próximas ás zonas de praia e calas, a apertura de camiños ocasionados polo tránsito das persoas visitantes, con firme de terra espida, favorece a proliferación de especies ruderais, como poden ser Lavatera arborea e Sedum anglicum, estas últimas vencelladas ás fendas dos rochedos.
A comunidade de maior relevancia é a asociación Armeria pubigera/maritima-Crithmo maritima polo seu estado de conservación e o seu rango de distribución dependente dos cantís.
4. Fungos e liques.
|
FUNGOS E LIQUES (ningunha especie catalogada) |
|
Nome científico |
Nome común |
Nome científico |
Nome común |
|
Agaricus sp. (F) |
Agáricos |
Lecanora sp. (L) |
|
|
Evernia sp. (L) |
Parasola sp. (F) |
Pucho pregado |
|
|
Hypogymnia sp. (L) |
Ramalina sp. (L) |
||
|
Laccaria sp. (F) |
Lacaria |
Xanthoria sp. (L) |
|
|
(F): fungo; (L): lique |
|||
5. Fauna.
|
AVES |
|
Nome científico |
Nome común |
Presenza no ENIL |
Directiva 2009/147/CE |
LESRPE |
CEEA |
CGEA |
|
Accipiter nisus |
Gabián euroasiático |
Residente reprodutora |
Si |
|||
|
Actitis hypoleucos |
Bilurico das rochas |
Invernante |
Si |
|||
|
Anthus pratensis |
Pica dos prados |
Invernante |
Si |
|||
|
Arenaria interpres |
Virapedras común |
Invernante |
Si |
|||
|
Buteo buteo |
Buxato común |
Residente reprodutora |
Si |
|||
|
Calidris alpina |
Pilro común |
Invernante |
Anexo I |
Si |
||
|
Carduelis carduelis |
Xílgaro europeo |
Residente reprodutora |
||||
|
Chloris chloris |
Verderolo europeo |
Residente reprodutora |
||||
|
Cisticola juncidis |
Carriza dos xuncos |
Residente reprodutora |
Si |
|||
|
Columba livia |
Pomba dos penedos |
Residente reprodutora |
Anexo II |
|||
|
Columba palumbus |
Pombo torcaz |
Residente reprodutora |
Anexo II |
|||
|
Corvus corone |
Corvo viaraz |
Residente reprodutora |
Anexo II |
|||
|
Curruca communis |
Papuxa común |
Residente reprodutora |
||||
|
Curruca melanocephala |
Papuxa de cabeza negra |
Residente reprodutora |
||||
|
Curruca undata |
Papuxa do mato |
Residente reprodutora |
||||
|
Erithacus rubecula |
Paporrubio |
Residente reprodutora |
Si |
|||
|
Falco peregrinus |
Falcón peregrino |
Residente reprodutora |
Anexo I |
Si |
||
|
Falco tinnunculus |
Lagarteiro euroasiático |
Residente reprodutora |
Si |
|||
|
Haematopus ostralegus |
Lampareiro euroasiático |
Invernante |
Si |
Vulnerable1 |
||
|
Hirundo rustica |
Anduriña común |
Estival |
Si |
|||
|
Larus argentatus |
Gaivota arxéntea europea |
Ocasional |
||||
|
Larus canus |
Gaivota cana |
Ocasional |
Si |
|||
|
Larus fuscus |
Gaivota escura |
Ocasional |
||||
|
Larus marinus |
Gaivotón atlántico |
Ocasional |
Si |
|||
|
Larus melanocephalus |
Gaivota de cabeza negra |
Invernante |
Anexo I |
|||
|
Larus michaellis |
Gaivota patiamarela |
Residente reprodutora |
||||
|
Chroicocephalus ridibundus |
Gaivota chorona |
Invernante |
Anexo II |
|||
|
Linaria cannabina |
Liñaceiro de bico escuro |
Residente reprodutora |
||||
|
Motacilla alba |
Lavandeira branca |
Residente reprodutora |
Si |
|||
|
Motacilla flava |
Lavandeira real |
Residente reprodutora |
Si |
|||
|
Numenius phaeopus |
Mazarico chiador |
Invernante |
Si |
|||
|
Oenanthe oenanthe |
Pedreiro cincento |
Estival |
Si |
|||
|
Passer domesticus |
Pardal común |
Residente reprodutora |
||||
|
Gulosus aristotelis |
Corvo mariño cristado |
Invernante |
Si |
Vulnerable |
Vulnerable |
|
|
Phalacrocorax carbo |
Corvo mariño grande |
Invernante |
||||
|
Phalaropus fulicarius |
Falaropo de bico groso |
Ocasional |
||||
|
Phoenicurus ochruros |
Rabirrubio tizón |
Residente reprodutora |
Si |
|||
|
Phylloscopus trochilus |
Picafollas musical |
Paso migratorio |
Si |
|||
|
Pica pica |
Pega rabilonga |
Residente reprodutora |
Anexo II |
|||
|
Pluvialis apricaria |
Píldora dourada europea |
Ocasional |
Anexo I |
Si |
||
|
Prunella modularis |
Azulenta común |
Residente reprodutora |
Si |
|||
|
Pyrrhocorax pyrrhocorax |
Choia de bico vermello |
Residente reprodutora |
Anexo I |
Si |
||
|
Rissa tridactyla |
Gaivota tridáctila |
Ocasional |
Si |
Vulnerable |
||
|
Saxicola rubicola |
Chasco europeo |
Residente reprodutora |
Si |
|||
|
Stercorarius pomarinus |
Palleira pomarina |
Paso migratorio |
Si |
|||
|
Sternula albifrons |
Carranciño común |
Ocasional |
Anexo I |
Si |
||
|
Sterna hirundo |
Carrán común |
Paso migratorio |
Anexo I |
Si |
||
|
Sterna paradisaea |
Carrán ártico |
Paso migratorio |
Anexo I |
Si |
||
|
Thalasseus sandvicensis |
Carrán cristado |
Paso migratorio |
Anexo I |
Si |
||
|
Sturnus unicolor |
Estorniño negro |
Residente reprodutora |
||||
|
Sturnus vulgaris |
Estorniño pinto |
Invernante |
Anexo II |
|||
|
Troglodytes troglodytes |
Carriza euroasiática |
Residente reprodutora |
Si |
|||
|
Turdus merula |
Merlo negro |
Residente reprodutora |
||||
|
Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de novembro de 2009, relativa á conservación das aves silvestres; LESRPE: Listado de especies silvestres en réxime de protección especial; CEEA: Catálogo español de especies ameazadas; CGEA: Catálogo galego de especies ameazadas. 1 A poboación referida no Catálogo galego de especies ameazadas (CGEA) é a poboación nidificante. |
||||||
|
MAMÍFEROS |
|
Nome científico |
Nome común |
Directiva 92/43/CEE |
LESRPE |
CEEA |
CGEA |
|
Erinaceus europaeus |
Ourizo común |
||||
|
Pipistrellus pipistrellus |
Morcego común |
Anexo IV |
Si |
||
|
Rattus norvegicus |
Rata |
||||
|
Talpa occidentalis |
Toupa |
||||
|
Directiva 92/43/CEE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres; LESRPE: Listado de especies silvestres en réxime de protección especial; CEEA: Catálogo español de especies ameazadas; CGEA: Catálogo galego de especies ameazadas. |
|||||
|
ANFIBIOS E RÉPTILES |
|
Nome científico |
Nome común |
Directiva 92/43/CEE |
LESRPE |
CEEA |
CGEA |
|
Alytes obstetricans (A) |
Sapo parteiro |
Anexo IV |
Si |
||
|
Anguis fragilis (R) |
Liscanzo |
Si |
|||
|
Bufo spinosus (A) |
Sapo cunqueiro |
||||
|
Chalcides striatus (R) |
Esgonzo común |
Si |
|||
|
Discoglossus galganoi (A) |
Sapiño pintado |
Anexo II, anexo IV |
Si |
||
|
Epidalea calamita (A) |
Sapo corriqueiro |
Anexo IV |
|||
|
Lacerta schreiberi (R) |
Lagarto ferreño |
Anexo II, anexo IV |
Si |
||
|
Lissotriton boscai (A) |
Tritón ibérico |
Si |
|||
|
Natrix astreptophora (R) |
Cobra de colar |
||||
|
Pelophylax perezi (A) |
Ra verde |
Anexo V |
|||
|
Podarcis bocagei (R) |
Lagartixa galega |
||||
|
Timon lepidus (R) |
Lagarto arnal |
Si |
|||
|
Triturus marmoratus (A) |
Tritón verde |
Anexo IV |
Si |
||
|
Vipera seoanei (R) |
Vívora de Seoane |
||||
|
(A): anfibio; (R): réptil Directiva 92/43/CEE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres; LESRPE: Listado de especies silvestres en réxime de protección especial; CEEA: Catálogo español de especies ameazadas; CGEA: Catálogo galego de especies ameazadas. |
|||||
|
INVERTEBRADOS (ningunha especie catalogada) |
|
Nome científico |
Nome común |
Nome científico |
Nome común |
|
Agrotis exclamationis |
Mythimna vitellina |
||
|
Autographa gamma |
Noctua pronuba |
||
|
Cornu aspersum |
Caracol de xardín |
Oligia strigilis |
|
|
Eilema caniola |
Papilio machaon |
Macaón |
|
|
Epirrhoe alternata |
Pararge aegeria |
Apincharada común |
|
|
Euproctis chrysorrhoea |
Peribatodes rhomboidaria |
||
|
Lampides boeticus |
Rabeira común |
Pyronia tithonus |
|
|
Macrothylacia rubi |
Pyrrhocoris apterus |
Rubico |
|
|
Maniola jurtina |
Bailadora dos prados |
Synaphe punctalis |
|
|
Meganola albula |
Theba pisana |
||
|
Mythimna unipuncta |
Vanessa cardui |
Feiticeira dos cardos |
Artigo 11. Paisaxe
Segundo o Plan de ordenación do litoral (en diante, POL), un 93 % do ENIL atópase dentro da Área Paisaxística Golfo Ártabro e da Comarca Paisaxística Golfo Ártabro Litoral, con referencia 03_03_135. Dentro desta área atópase o Espazo de Interese Paisaxístico Torre de Hércules, que inclúe o faro e a súa contorna, cunha superficie aproximada de 7,5 ha (ver anexo II, mapa 4).
Por outra banda, o visor do Catálogo das paisaxes de Galicia identifica dentro do ámbito do ENIL o miradoiro Torre de Hércules, con código 240, que conta con potenciais vistas sobre as áreas de especial interese paisaxístico AEIP_10_05-As Fragas do Eume e AEIP_10_09-Monte do Xalo. Así, trátase dun miradoiro con impoñentes vistas cara ao Atlántico e ás rías do Golfo Ártabro. Desde este espazo pódese ollar a ría da Coruña e parte das rías de Betanzos e Ferrol.
Ademais, a imaxe cultural da Torre de Hércules depende tanto da súa estrutura como da localización en que se sitúa, polo que os valores culturais do ámbito beben en gran medida da saúde da paisaxe natural da contorna.
CAPÍTULO IV
Usos e aproveitamentos
Artigo 12. Usos tradicionais. Aproveitamento dos recursos naturais
O ENIL Torre de Hércules está despoboado. Non obstante, por mor da súa proximidade á cidade da Coruña, trátase dun lugar cunha grande afluencia de persoas. Por tal motivo, na actualidade o principal uso que ten o espazo é a realización de actividades recreativas libres, tales coma pasear ou practicar deporte de xeito individual, mentres se desfruta da natureza.
Ademais das rutas a pé ou en bicicleta, desenvólvese unha notable actividade de carácter deportivo, lecer e naturalista, como, por exemplo: «Carreira Popular Torre de Hércules», «Marcha nórdica», «Merendiñas na Torre» (Asociación cultural Airiños da Torre), «Limpeza dos coídos da Torre» (Crearte-Mar de Mares), «Cross dos Menhires» (Club Atletismo Riazor Coruña), «Limpeza da praia das Lapas» (Sea Shepherd España), «Retirada de especies exóticas invasoras» (Grupo Naturalista Hábitat), entre moitas outras.
Nas proximidades de punta Herminia, pero fóra dos límites do ENIL, existe un aproveitamento de mexilla por parte dos/das concesionarios/as dos viveiros. Esta actividade é autorizada polo Departamento Territorial da Consellería do Mar na Coruña.
Infraestruturas de uso público
Artigo 13. Accesos e rede de sendas e camiños
Ao lindar coa propia cidade da Coruña, o ENIL está moi ben comunicado, tanto para o tráfico rodado como para bicicletas e viandantes (existencia de carrís para bicicletas e sendeiros peonís).
O xeito máis sinxelo de acceder ao espazo é desde o aparcadoiro da Torre de Hércules, ben que tamén é doado desde o Aquarium Finisterrae ou desde a área residencial de Durmideiras. En calquera dos casos, hai numerosos sendeiros peonís e de bicicleta que permiten percorrer o ENIL en toda a súa extensión.
Artigo 14. Mobiliario, sinais e outros elementos
Constátase unha presenza excesiva de mobiliario urbano no ámbito do ENIL, parte do cal xa se foi retirando nos últimos anos, xa que non responde a criterios estéticos ou integradores. Inventariáronse 139 bancos, 14 varandas, 3 casetas, 6 escaleiras, 8 fontes, 10 focos, 53 papeleiras, 48 sinais diversos e outros elementos varios ata chegar a un total de 301.
Artigo 15. Aparcadoiros
Ben que se atopa fóra do ENIL, existe unha área habilitada como aparcadoiro que linda con el. Consta de 7 prazas para autobuses e 153 prazas para coches, das cales 5 están reservadas para persoas con mobilidade reducida.
CAPÍTULO V
Presións e ameazas
Artigo 16. Factores de risco e ameazas
a) Presión antrópica: a proximidade do ENIL á cidade da Coruña fai que sexa un lugar onde a presión antrópica é un factor de risco relevante que afecta os seus valores naturais. Por unha banda, a presenza da Torre de Hércules produce un efecto chamada, que fai desta zona un dos puntos de atracción turística máis importantes de Galicia. Adóitase acceder á Torre pola rampla de acceso, o que amortece notablemente o impacto na contorna natural.
A maiores, é un espazo moi visitado pola veciñanza como lugar de lecer, de paseo ou deportivo. Como resultado, o intenso fluxo de persoas deu lugar á aparición de sendas secundarias, provocando descontinuidades e fragmentación nos hábitats. Asociada á apertura de novas vías ven aparellada tamén a entrada e a colonización de especies exóticas invasoras.
Polo tanto, os principais riscos vincúlanse á erosión xerada polo paso frecuente e constante de persoas, así como, aínda que en menor medida, pola celebración de carreiras populares.
b) Presenza de especies exóticas: no relativo á flora, detectouse un notable impacto da flora exótica invasora na flora autóctona. Entre as especies exóticas invasoras é especialmente preocupante a colonización por parte de Carpobrotus spp. das áreas de distribución natural dos dous hábitats de interese comunitario presentes no espazo, 1230 cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas e 4030 breixeiras secas europeas. Na zona de cantís, a uña de gato descende polas paredes verticais ata case tocar o mar. Nas zonas cubertas por breixeiras, forma xa importantes e grandes tapices que afogan os toxos e as carrascas. Esta colonización é preocupante na contorna da Torre de Hércules, desde a praia das Lapas, bordeando toda a liña de costa ata punta Herminia.
Outra zona onde a colonización por unha especie exótica invasora é intensa é o leste do espazo, cara á zona das Durmideiras, onde tamén hai unha importante poboación de Cortaderia selloana no noiro sur da cala. Constátase, ademais, a presenza de C. selloana na zona leste e sur da praia das Lapas.
En relación coas especies de flora exótica alóctona, destaca a presenza de Arctotheca calendula en todo o espazo, pero especialmente na zona dos Menhires.
As especies de flora exótica invasora e de flora exótica alóctona recóllense na seguinte táboa:
|
Nome científico |
Nome común |
Especie exótica invasora incluída no CEEEI |
Especie exótica alóctona* |
|
Amaranthus retroflexus |
Bredo retroflexo |
Si |
|
|
Arctotheca calendula |
Mexacán do Cabo |
Si |
|
|
Bidens aurea |
Té da horta |
Si |
|
|
Bromus catharticus |
Bromo catártico |
Si |
|
|
Atriplex halimus |
Salgueira |
Si |
|
|
Carpobrotus edulis |
Uña de gato |
Si |
Si |
|
Erigeron canadensis |
Coniza do Canadá |
Si |
|
|
Cortaderia selloana |
Herba das pampas |
Si |
|
|
Crocosmia x crocosmiiflora |
Estrela de fogo |
Si |
|
|
Gleditsia triacanthos |
Acacia de tres espiños |
Si |
|
|
Metrosideros excelsa |
Árbore das bruxas |
Si |
|
|
Oxalis pes-caprae |
Acediña do Cabo |
Si |
Si |
|
Paspalum dilatatum |
Páspalo de espigas anchas |
Si |
|
|
Paspalum vaginatum |
Páspalo envaiñado |
Si |
|
|
Pittosporum tobira |
Pitósporo da China |
Si |
|
|
Populus x canadensis |
Álamo do Canadá |
Si |
|
|
Senecio mikanoides |
Hedra do Cabo |
Si |
|
|
Stenotaphrum secundatum |
Gramón |
Si |
|
|
Symphyotrichum squamatum |
Aster escamoso |
Si |
|
|
Tamarix gallica |
Tamargueira gálica |
Si |
|
|
Tropaeolum majus |
Capuchina |
Si |
|
|
Zantedeschia aethiopica |
Cala da Etiopía |
Si |
|
|
CEEEI: Catálogo español de especies exóticas invasoras. Real decreto 630/2013, do 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras. *Especie exótica alóctona: especie incluída no Listado de especies alóctonas susceptibles de competir coas especies silvestres autóctonas, alterar a súa pureza xenética ou os equilibrios ecolóxicos, publicada na web do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (actualizado en agosto de 2023). |
|||
No espazo protexido tamén están presentes especies de flora, que, aínda que se atopan fóra da súa área de distribución natural, non están incluídas no CEEEI, nin no Listado de especies alóctonas susceptibles de competir coas especies silvestres autóctonas, alterar a súa pureza xenética ou os equilibrios ecolóxicos. Entre estas especies estarían a datileira do Senegal (Phoenix reclinata), a antuca chinesa (Cyperus alternifolius) ou a coniza de Sumatra (Conyza sumatrensis). Tamén existen exemplares de especies empregadas con finalidade ornamental como o buxo (Buxus sempervivens), algunhas delas híbridas como o plátano (Platanus x hispanica).
Cabe destacar tamén que no ENIL se efectuou unha actuación destinada á eliminación da perpetua peciolada (Helichrysum petiolare), para a que se continúa vixiando o posible abrocho.
No referente á fauna exótica invasora, rexístrase no espazo a presenza da avespa asiática (Vespa velutina), e tamén do fungo alóctono Clathrus ruber, ou ovo das meigas.
c) Lixo e verteduras: a presenza de lixo vén ligada aos refugallos xerados polas persoas visitantes e mais aos cascallos de obra. Nos últimos anos foron retiradas a maioría das papeleiras, xa que representaban un problema, especialmente na zona de cantís, xa que co forte vento se baleiraban e o lixo esparexíase pola contorna. Ademais, moitas aves acudían a elas buscando alimento, provocando o mesmo efecto. O cambio de formato destas papeleiras non resolveu o problema nas zonas máis ventosas e, ademais de crear un impacto negativo na paisaxe, o lixo esparexido foi en detrimento do valor natural da zona, motivo polo cal se optou pola súa retirada.
Por outra banda, na zona do Campo da Rata atópanse, baixo a capa de solo máis superficial, restos de cascallos resultado da construción do barrio das Durmideiras, visibles cara ao cantil.
En relación ás verteduras da rede de pluviais, na zona da praia das Lapas hai un importante aliviadoiro. Hai outro pequeno aliviadoiro no noiro sur da cala das Durmideiras. En períodos de choivas fortes prodúcense verteduras puntuais a través deles, arrastrando sucidade desde a vía pública que se deposita na propia rede de pluviais.
O plan inclúe a elaboración do estudo para a mellora da calidade físico-química e biolóxica das charcas, regatos, intermareal, calas e praias; así como para a erradicación dos potenciais focos de emisión de verteduras a través da execución das propostas resultantes do estudo.
d) Cans soltos: aínda que na maioría das veces os cans transitan polo ENIL suxeitos con correa, é habitual atopalos ceibos polas zonas de prado, o que pode causar molestias á fauna local.
e) Colonias felinas: na contorna do espazo protexido atópase censada unha colonia felina coa denominación de Cárcere-Durmideiras. Segundo o artigo 3 da Lei 7/2023, do 28 de marzo, de protección dos dereitos e o benestar dos animais, considérase colonia felina un grupo de individuos da especie Felis catus que viven en estado de liberdade ou semiliberdade, que non poden ser abordados ou mantidos con facilidade polos seres humanos debido ao seu baixo ou nulo grao de socialización, pero que desenvolven a súa vida arredor destes para a súa supervivencia.
O Concello da Coruña, coa colaboración de diferentes asociacións protectoras, aplica o método CER, método de xestión que inclúe a captura, a esterilización e o retorno de gatos comunitarios, a través de medios non lesivos para os animais. O obxecto deste programa é o control da poboación das colonias felinas promovendo tamén a protección destes animais.
Os gatos que integran estas colonias felinas son alimentados por persoas coidadoras voluntarias, debidamente autorizadas pola Administración local; atópanse censados e sometidos ao seu control sanitario.
Un dos puntos de alimentación autorizados da colonia felina de Cárcere-Durmideiras sitúase nas proximidades da Torre de Hércules, dentro do espazo protexido. A presenza de gatos e gatas comunitarios dentro dos límites do espazo protexido constitúe un factor de risco para a conservación da biodiversidade do propio espazo, polo que se considera necesario o traslado deste punto de alimentación fóra do ENIL. Esta decisión fundaméntase no feito, documentado globalmente, de que esta especie impacta na vida silvestre por depredación (son cazadores/as oportunistas cunha ampla gama de presas, entre as que se inclúen paxaros, mamíferos, réptiles, anfibios, peixes e invertebrados), competencia, perturbación, hibridación e transmisión de enfermidades; na que é posiblemente a forma máis directa de influencia na vida silvestre, a depredación, diferentes estudos científicos avalan que, incluso sendo alimentados, estes félidos domésticos non perden o seu instinto de caza.
f) Risco de fragmentación dos hábitats de interese comunitario por apertura de camiños secundarios: prodúcese fragmentación por destrución directa do hábitat preexistente e a súa ocupación por outro tipo de hábitat completamente diferente. Estas novas aperturas implican un novo risco, o da introdución de especies alleas ao hábitat en cuestión. O risco increméntase cando as novas especies introducidas teñen carácter invasor.
g) Risco de incendios: na zona do ENIL o risco de incendios é moi baixo, aínda que non descartable. O mantemento periódico da vexetación do espazo diminúe o risco potencial de incendio. Os restos de sega xerados son sempre eliminados, polo que non queda materia vexetal seca no espazo. Ademais, a zona é obxecto de vixilancia continua por diferentes forzas de seguridade.
h) Riscos sobre a calidade ambiental: aire, ruído e contaminación luminosa.
No ENIL non hai focos emisores relevantes que afecten a calidade do aire; non obstante, convén incluír este factor como de risco potencial pola presenza da vía que transcorre polo perímetro exterior do espazo, desde a rotonda da Torre ata Durmideiras. Con carácter xeral non está permitida a circulación de vehículos de motor, ben que hai momentos nos que si se permite na zona de punta Herminia debido á celebración de actividades na Cidade Deportiva Arsenio Iglesias e no campo de golf da Torre. A presenza de vehículos con motor de explosión prexudica a calidade do aire, implica a xeración de ruído e contaminación luminosa, así como o probable atropelo de fauna asociada a este ecosistema.
Respecto do ruído, os focos de emisión máis frecuentes e de impacto negativo están vencellados á presenza antes descrita de vehículos de motor. De xeito infrecuente poden aparecer helicópteros ou ben realizarse algunha exhibición militar.
Máis salientable é a contaminación luminosa. As fontes principais de emisión de luz que afectan o ENIL proceden da Cidade Deportiva Arsenio Iglesias. Tamén hai un exceso de iluminación no paseo que discorre desde a rotonda da Torre de Hércules ata Durmideiras, ao longo do límite interior do ENIL, así como na propia rampla de acceso á Torre. Dentro do ENIL ficaban algúns puntos illados de luz asociados a determinados tipos de bancos que xa foron retirados.
i) Presión urbanística: os desenvolvementos urbanísticos na contorna do ENIL, ben que se atopan fóra do espazo protexido, se afectan negativamente a paisaxe percibida dentro del.
j) Impactos do cambio climático: para analizar os posibles efectos do cambio climático no ENIL, empregáronse os resultados derivados da análise desenvolvida por MeteoGalicia con modelos rexionais executados no marco da iniciativa europea EURO-CODEX.
A través dos modelos nos que se analiza a temperatura conclúese que, a pesar de tomar medidas de mitigación (escenario RCP 4.5), o valor medio das temperaturas máxima, media e mínima aumentarían todas elas en 1,2 ºC no horizonte 2031-2060 e en 1,5 ºC no horizonte 2061-2090.
Os días de verán, aqueles nos as temperaturas sobrepasan os 25 ºC, poderían aumentar para o mesmo escenario en 21 días no horizonte 2031-2060 e en 30 días no horizonte 2061-2090. Os días de xeadas, aqueles nos que a temperatura baixa dos 0 ºC, non sufrirían variacións. En canto ás precipitacións, o valor medio diminuiría nun 3 % no horizonte 2031-2060 e nun 2 % no horizonte 2061-2090. Igualmente, o número de días con precipitacións maiores ou igual a 1 mm diminuirían en 8 no período 2031-2060 e en 10 días de 2061 a 2090.
CAPÍTULO VI
Obxectivos do plan de conservación
Artigo 17. Obxectivos xerais do plan de conservación
Establécense os seguintes obxectivos xerais:
1. OX1. Conservación do patrimonio natural.
2. OX2. Conservación do patrimonio cultural.
3. OX3. Sensibilización e divulgación ambiental e fomento do coñecemento.
4. OX4. Infraestruturas e uso público.
Artigo 18. Obxectivos específicos do plan de conservación
Os obxectivos xerais desenvólvense nos seguintes obxectivos específicos:
1. OX1. Conservación do patrimonio natural:
– OE 1.1. Conservación dos hábitats, da fauna, da flora e da paisaxe.
– OE 1.2. Eliminación de especies exóticas invasoras e alóctonas.
– OE 1.3. Xestión da presenza de colonias felinas.
– OE 1.4. Mellora do medio físico:
2. OX2. Conservación do patrimonio cultural.
– OE 2.1. Mantemento do patrimonio cultural.
3. OX3. Sensibilización e divulgación ambiental e fomento do coñecemento:
– OE 3.1. Participación da cidadanía.
– OE 3.2. Fomento do coñecemento.
4. OX4. Adaptación e mellora das infraestruturas de uso público:
– OE 4.1. Mellora da accesibilidade universal.
CAPÍTULO VII
Directrices para a xestión do espazo natural
Artigo 19. Disposicións xerais
As directrices son vinculantes en canto aos seus fins. Corresponde aos distintos departamentos das administracións públicas, segundo o ámbito das súas competencias, establecer e aplicar medidas concretas para a conservación do espazo. Tamén son vinculantes para a realización dos informes e autorizacións por parte da concellería con competencias en materia de ambiente.
Buscan, en todo caso, que a conservación do medio sexa compatible cos distintos usos que se lle dá ao espazo protexido, garantindo ao mesmo tempo o cumprimento dos obxectivos que se vai acadar. De feito, recollen tamén cuestións específicas que dan resposta á problemática derivada deses usos.
Artigo 20. Directrices sobre os valores naturais
1. As medidas de xestión dos valores naturais estarán orientadas a protexer a fauna, a flora, os hábitats e a paisaxe do ENIL, así como a garantir os procesos naturais e promover a conectividade ecolóxica.
2. Adoptaranse medidas de renaturalización progresiva dos espazos deturpados, procurando a recuperación das especies autóctonas.
3. En calquera actuación no ENIL, así como na súa zona de influencia, darase prioridade á protección dos valores naturais e á integración das actividades no ambiente.
4. Planificaranse actuacións específicas encamiñadas a loitar contra as especies exóticas invasoras e as alóctonas con potencial invasor.
5. Adoptaranse as medidas necesarias para a eliminación do lixo e dos cascallos de obra, así como para a erradicación dos puntos de vertedura que se detecten.
6. Ademais do valor ecolóxico, a paisaxe constitúe o outro gran valor deste espazo, polo que se deberá preservar, conservar e renaturalizar, procurando sempre a máxima integración ambiental daqueles elementos artificiais que deban permanecer de xeito motivado.
7. Preservaranse a calma e os sons naturais asociados aos recursos físicos e biolóxicos (sons do vento, das aves, dos anfibios,...) suprimindo as fontes de ruídos artificiais, incluídas aquelas que se xeren fóra do ENIL pero que repercutan nel.
Artigo 21. Directrices sobre a xestión
1. A xestión e dirección do ENIL asegurará a participación das mulleres na xestión de base, técnica, de coordinación ou directiva, procurando o equilibrio representativo destas e a integración da perspectiva de xénero en materia de igualdade.
2. Na xestión do ENIL terase presente a existencia dun importante patrimonio cultural, con elementos de especial relevancia arqueolóxica declarados bens de interese cultural.
Artigo 22. Directrices sobre o uso público
1. Compatibilizarase o uso público do espazo natural coa conservación e mantemento dos valores naturais que motivaron a súa declaración. O ENIL seguirá acollendo os seus usos habituais, respectuosos coa protección do espazo: paseo, sendeirismo, correr ou usar a bicicleta de maneira individual, uso das praias.
2. Velarase para que non se abran novas vías secundarias que ocasionen unha dinámica de fragmentación dos hábitats, especialmente dos de interese comunitario.
Artigo 23. Directrices sobre o mobiliario, sinais e outros elementos
1. Dotarase das infraestruturas, instalacións e equipamentos necesarios para a protección dos valores do ENIL e para facilitar un uso público compatible. Todos os elementos serán harmoniosos coa contorna e respectuosos cos valores naturais que hai que protexer, debendo integrarse o mellor posible no espazo natural.
2. Facilitarase a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida alí onde sexa factible.
3. Procurarase unha mellor integración paisaxística a través do acondicionamento das sendas, tanto no seu deseño (trazado, ancho, firme...), como no uso de materiais que as doten dun aspecto natural.
4. Eliminarase e/ou recolocarase calquera estrutura artificial que dificulte a renaturalización da zona que ocupa. Cando non sexa posible a súa eliminación ou traslado, estudaranse medidas alternativas para a súa integración ambiental.
5. A concellería con competencias en materia de ambiente coordinarase con outros departamentos coa finalidade de reducir o tránsito de vehículos privados, sobre todo na contorna da Cidade Deportiva Arsenio Iglesias.
6. Procurarase que a sinalización interpretativa no ENIL, sempre que sexa posible, cumpra con criterios de accesibilidade universal: condicións visuais, acústicas, táctiles, de manexo, de comprensión e instalación física que permitan a percepción e o entendemento da contorna de xeito elocuente e intuitivo a todas as persoas, con ou sen discapacidade física, cognitiva ou sensorial. Atenderase aos aspectos de accesibilidade de tipo cognitivo (lectura sinxela e comprensible); de tipo visual (tipografía, percepción, símbolos, frechas, pictogramas…); de tipo háptico (altorrelevo, Braille e outros aspectos tiflotécnicos); de tipo auditivo (códigos QR, espazo para NaviLens ou similar…); e os relativos á accesibilidade física ao sinal interpretativo. Para facilitar o seu cumprimento terase como referencia o disposto no Manual de sinalización interpretativa para os espazos verdes da Coruña (Sievac). Procurarase o uso de linguaxe inclusiva.
7. Avaliarase a posibilidade de non permitir ou limitar o uso do faro para celebracións de efemérides baseadas en proxeccións de luz.
Artigo 24. Directrices sobre as actividades científicas
1. Priorizarase a realización de estudos que contribúan á mellora do coñecemento e conservación dos valores naturais do ENIL.
2. Promoveranse convenios de investigación coa Universidade da Coruña, así como con outras institucións científicas, culturais, centros educativos, asociacións e organizacións sen ánimo de lucro.
3. Promoverase a realización de estudos sobre a conservación do patrimonio cultural.
Artigo 25. Directrices sobre as actividades culturais, educativas e/ou relacionadas co patrimonio cultural
1. Fomentaranse as actividades de educación ambiental que enriquezan a experiencia da visita, desenvolvendo actividades específicas cos centros educativos, culturais, colectivos e cidadanía en xeral, para concienciar e sensibilizar sobre os valores presentes no ENIL.
2. Coa finalidade de promover a participación e o debate construtivo, organizaranse conferencias, charlas, visitas, exposicións, etc.
3. Promoverase a realización de actividades relacionadas co voluntariado ambiental.
4. Realizaranse campañas de divulgación ambiental por diversos medios, tales como colocación de sinais interpretativos con códigos QR (ou semellantes) para facilitar e ampliar a información dada.
5. Priorizarase a difusión dixital ou electrónica da información medioambiental. Non obstante, poderase editar material impreso (folletos, libros...) cando teña sentido e como vía de divulgación complementaria. Neste caso, usarase preferiblemente papel 100 % reciclado ou papel non reciclado cun contido mínimo de fibras de xestión forestal sustentable e/ou recicladas do 20 %, impresos a dobre cara e en branco e negro. A impresión a cor só se utilizará en casos necesarios, como en mapas e fotografías.
6. Procurarase manter unha coordinación permanente co persoal dependente do Servizo Municipal de Cultura para así evitar calquera posible afección ao patrimonio cultural.
7. De cara á futura implantación da estrutura verde da cidade da Coruña, estudaranse medidas para conectar ecoloxicamente o espazo con outros espazos naturais próximos ou zonas verdes.
CAPÍTULO VIII
Regulación de usos e actividades
Artigo 26. Réxime xeral de usos
1. Os usos e actividades clasificaranse en permitidos, autorizables ou prohibidos en función da súa incidencia sobre os valores que motivaron a declaración do ENIL e segundo os seguintes criterios:
a) Usos permitidos: son aqueles que resultan compatibles cos obxectivos da declaración do espazo e que poden desenvolverse sen limitacións especiais. Con carácter xeral, serán aqueles usos de carácter tradicional que non causen unha afección apreciable.
Estes usos non requiren dunha autorización específica da administración municipal, salvo que pola normativa sectorial requiran dun título habilitante.
b) Usos autorizables: son os sometidos a un réxime de intervención administrativa co fin de evitar posibles efectos apreciables na conservación dos valores do espazo. Son aqueles que requiran dunha autorización expresa ou dun informe no caso dos procedementos de autorización sectorial.
c) Usos prohibidos: aqueles susceptibles de causar prexuízo á integridade do lugar ou sobre o estado de conservación dos compoñentes clave para a biodiversidade e que, por conseguinte, resulten incompatibles cos obxectivos de conservación do espazo.
2. Todas aquelas actividades ou actuacións nas que o órgano promotor sexa o Concello da Coruña non precisarán de autorización expresa do propio concello, pero si se solicitarán os informes correspondentes ás outras concellerías con competencias no ámbito. Do mesmo xeito, calquera actividade ou actuación promovida desde unha concellería distinta á que ten competencias en materia de ambiente solicitará a esta un informe favorable para poder desenvolver a dita actividade. En todo caso, deberase contar tamén con informe favorable preceptivo ou autorización segundo normativa sectorial vixente, en caso de ser de aplicación.
3. No caso de que se prevexa un uso ou actividade non considerado no instrumento de planificación, consultarase coa consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural a compatibilidade cos obxectivos da declaración do espazo e deberá someterse a un réxime de intervención administrativo para evitar posibles efectos apreciables nos valores relevantes do espazo.
4. En relación á flora e fauna silvestres ou ás especies exóticas invasoras, a normativa que se vai aplicar será a recollida na Lei 5/2019, do 2 de agosto, así como na Lei 42/2007, do 13 de decembro, e no Real decreto 630/2013, do 2 de agosto.
Artigo 27. Tramitación das solicitudes de autorización
1. No caso dos usos e actividades que requiran de autorización do concello, a solicitude presentarase ante a concellería con competencias en materia de ambiente como mínimo un mes antes da celebración da actividade. A solicitude deberá achegar a seguinte información:
a) Unha memoria cos seguintes contidos mínimos: identificación da persoa física ou xurídica solicitante, organización e contacto (enderezo, teléfono e correo electrónico), finalidade, descrición da actividade, número de participantes, afluencia de público estimada (de ser o caso), situación, planos da zona onde se desexe facer a actividade ou evento, seguro de responsabilidade civil se procede, días previstos e rango horario ou calendario.
b) Se procede, achegarase a resolución favorable de ocupación do dominio público marítimo-terrestre ou da autoridade competente nas zonas de servidume de protección. Non se poderá outorgar autorización municipal se non queda acreditado o outorgamento previo da autorización de usos ou ocupación do dominio público.
c) Do mesmo xeito, no caso de que o uso ou actividade requira autorización por normativa sectorial, presentarase a dita autorización xunto coa solicitude.
2. Despois de emitirse o informe técnico, a concellería con competencias en materia de ambiente resolverá de forma motivada. No caso de ser favorable, a resolución incluirá unha relación de pautas obrigatorias e medidas de protección acordes coa actividade prevista. No caso de ser desfavorable, a resolución motivará as razóns polas que se rexeitou a solicitude. No caso de que a persoa solicitante non obtivese resposta expresa, considerarase que se desestimou a súa solicitude.
3. A organización daquelas actividades ou eventos autorizados é a responsable de informar as persoas participantes e o público dos usos non permitidos no ENIL, en función das características concretas do evento.
4. O Concello da Coruña poderá suspender calquera uso ou actividade autorizado se non se está desenvolvendo conforme a documentación presentada na solicitude e conforme as pautas obrigatorias que figuren na autorización. Así mesmo, poderá reclamarlles ás persoas organizadoras, se fose pertinente, unha compensación económica de existir danos aos valores naturais ou patrimoniais do ENIL, sen prexuízo da aplicación do réxime sancionador vixente.
5. Poderase requirir unha garantía financeira, seguro e/ou aval para a concesión da autorización administrativa das actividades autorizables.
6. No caso de actividades que formen parte dunha única programación con varias datas, poderase presentar ante a concellería con competencias en materia de ambiente unha única memoria que describa polo miúdo cada unha delas de forma individual e con planos. A resolución, debidamente motivada, poderá afectar en diferente sentido toda ou parte da programación.
Artigo 28. Exclusión de actividades
a) Realizar calquera actividade que destrúa, deteriore ou transforme os valores naturais, vivos ou inertes, deste espazo.
b) Molestar, danar, capturar ou dar morte a exemplares da fauna ou da flora, ou ben danar os seus hábitats.
c) Introducir sementes, transplantes ou partes de plantas que poidan orixinar vexetativamente outros individuos de especies de plantas alóctonas; ou crías, larvas ou ovos de animais alóctonos.
d) O uso de deterxentes, xabóns, lixivias e outras substancias que poidan deturpar o estado ecolóxico, especialmente no caso das zonas húmidas.
e) Realizar verteduras directas ou indirectas que contaminen as augas, acumular residuos sólidos, lixo, cascallos de obra, materiais vexetais e derivados do mantemento do ENIL, entullos ou substancias, calquera que sexa a súa natureza e o sitio onde se depositen.
f) Actuacións de alteración do relevo do terreo mediante escavacións, soterramentos ou outras accións semellantes non asociadas ao uso público ou á conservación dos elementos clave de conservación.
g) A instalación de antenas, pantallas e outros aparellos similares.
h) Recoller, destruír ou alterar elementos de interese biolóxico, xeolóxico, arqueolóxico ou histórico.
CAPÍTULO IX
Normativa de usos e aproveitamentos
Artigo 29. Actividades de uso público
1. Son usos e actividades permitidos:
a) As actividades recreativas de paseo, descanso, sendeirismo e ciclismo exercidos a título persoal, e o acceso aos areais e á costa, para o que se empregará libremente a rede de sendeiros existentes no ENIL.
b) A presenza de animais de compañía na rede de sendeiros do ENIL, sempre que as persoas propietarias adopten as medidas necesarias, acordes coa normativa de aplicación, para que o animal non provoque alteracións sobre as especies de interese para a conservación, así como sobre o resto de actividades de uso público desenvolvidas no espazo natural. Os animais de compañía deberán dispor de bozo, no caso de ser preceptivo o seu uso, e sistemas de suxeición adecuados.
c) As actividades non profesionais de filmación, gravación sonora e fotografía, sempre e cando non impliquen o emprego de equipos auxiliares como acochos ou hides, focos ou pantallas.
d) A circulación de bicicletas a velocidade inferior a 10 km/h e de cabalos a paso e trote (nunca a galope) na rede de sendeiros.
e) O uso de megafonía nas praias por parte do persoal do servizo de socorrismo, só para esta finalidade e durante a tempada de baño, en cumprimento das competencias municipais sobre salvamento e seguridade das vidas humanas.
f) As intervencións de rescate e emerxencias, así como o uso de vehículos de vixilancia, emerxencias, mantemento e cadeiras de rodas con motor.
2. Son usos e actividades sometidos a autorización:
a) As actividades recreativas e/ou lúdicas alleas ao concello, como visitas guiadas, xogos, festas, eventos ou outras actividades na natureza, na rede de sendeiros e camiños, ou ben nas áreas habilitadas para o uso público.
b) As actividades educativas alleas ao concello ou de voluntariado para fomentar o coñecemento e a conservación do espazo.
c) As actividades non profesionais de filmación, gravación sonora e fotografía que impliquen o emprego de equipos auxiliares como acochos ou hides, focos ou pantallas.
d) As actividades profesionais de filmación, gravación sonora e fotografía con fins comerciais, así como de comunicación ou difusión pública para medios escritos, de televisión, radio ou internet. As ditas actividades deberán especificar o uso de equipamentos auxiliares como focos, pantallas reflectoras, xeradores eléctricos ou outros similares.
e) O uso do faro para a celebración de eventos con luz.
f) A instalación de pancartas ou anuncios publicitarios.
g) O voo de papaventos e/ou artefactos similares.
h) Facer fogueiras nas festas de celebración do día de San Xoán. Está actividade será obxecto de comunicación previa.
3. Son usos e actividades prohibidos:
a) Transitar fóra das sendas e accesos establecidos no ENIL.
b) Transitar con animais domésticos soltos dentro do ENIL, así como a circulación ou permanencia de cans ou outros animais nas calas e praias. Exceptúanse desta prohibición os cans de servizos de emerxencia.
c) A acampada, o acendido de bengalas ou as actividades pirotécnicas de calquera tipo en todo o ámbito do ENIL, calas e praias incluídas.
d) Prender lume fóra das zonas habilitadas, agás no día de San Xoán no que a realización de fogueiras se considerará unha actividade autorizable.
e) A realización de pintadas e/ou gravados na vexetación, infraestruturas de uso público, formacións rochosas e, en xeral, calquera práctica vandálica.
f) As prácticas de supervivencia e o paintball.
g) O uso de vehículos de motor. Quedan excluídos desta limitación os vehículos de vixilancia, emerxencias, mantemento e as cadeiras de rodas con motor.
h) A circulación de patinetes e carruaxes.
i) Aparcar vehículos, caravanas ou remolques, así como instalar casetas, cadeiras, mesas ou calquera outro artefacto.
k) O emprego de megafonía, altofalantes ou emitir ruído de calquera fonte (bucinas, instrumentos musicais, vociferar...). Exceptúase desta prohibición o uso da megafonía nas praias nas que haxa servizo de socorrismo ou emerxencias.
Artigo 30. Infraestruturas e obras
1. Son usos e actividades permitidos:
a) A reposición da cartelaría por parte do xestor do espazo protexido.
2. Son usos e actividades sometidos a autorización:
a) A instalación de novos sinais con obxectivo informativo ou interpretativo ou a reposición da cartelaría existente cando o promotor non sexa o xestor do espazo protexido.
3. Son usos e actividades prohibidos:
a) A realización de novas infraestruturas non asociadas ao uso público ou á conservación dos elementos clave de conservación.
b) A instalación de liñas eléctricas.
c) A instalación de fontes de emisións luminosas ou electromagnéticas que poidan ocasionar molestias nos valores naturais que hai que protexer.
Artigo 31. Actividades científicas
1. Son usos e actividades sometidos a autorización:
a) Toda actividade e/ou proxecto de corte científico no que deberá motivarse suficientemente as razóns, se é o caso, polas cales se deben desenvolver fóra da rede de sendeiros e camiños do ENIL.
As solicitudes presentaranse, como mínimo, cun mes de antelación ante a concellería con competencias en materia medio ambiente, segundo o indicado no artigo 28. Tramitación das solicitudes de autorización deste plan.
CAPÍTULO X
Programación
Artigo 32 Programa de actuacións
O plan de conservación establece catro obxectivos xerais que integran os obxectivos específicos que aparecen a continuación. Para acadar estes obxectivos específicos establécese unha serie de liñas de actuación, co seguinte calendario e previsión orzamentaria calculados para 6 anos:
|
OBXECTIVO XERAL 1: CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO NATURAL |
|||||||
|
Obxectivo específico 1.1. Conservación dos hábitats, da fauna, da flora e da paisaxe LIÑAS DE ACTUACIÓN: |
|||||||
|
1.1.a. Elaboración do proxecto de restauración ambiental do rego da Lagoa e do seu bosque de ribeira, con ampliación deste último. Obxectivo: restauración ambiental e ampliación do bosque ripario do rego da Lagoa, na área que lle corresponde de xeito natural polo seu caudal ecolóxico e pola topografía existente. |
|||||||
|
A restauración e ampliación levarase a cabo na área de influencia hidrolóxica, desde as marxes da canle encaixada, ata a parte orográfica de fondo plano inundable ante os desbordamentos eventuais. |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 2.000 € |
|||||
|
Ano 1 X |
Ano 2 |
Ano 3 |
Ano 4 |
Ano 5 |
Ano 6 |
||
|
1.1.b. Execución do proxecto de restauración ambiental do rego da Lagoa e do seu bosque de ribeira, con ampliación deste último. |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 100.000 € |
|||||
|
Ano 1 |
Ano 2 X |
Ano 3 |
Ano 4 |
Ano 5 |
Ano 6 |
||
|
1.1.c. Elaboración do proxecto de restauración ambiental das comunidades de toxo e breixo Obxectivo: recuperar a integridade e a distribución orixinal das comunidades de toxo e breixo na contorna da Torre e no bordo litoral. As comunidades de toxo e breixo conformarán unha zona prioritaria de conservación co fin de que a biocenose ligada a este hábitat acade o seu equilibrio e a súa área de distribución orixinal sen as perturbacións vencelladas aos usos humanos. |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 1.000 € |
|||||
|
Ano 1 X |
Ano 2 |
Ano 3 |
Ano 4 |
Ano 5 |
Ano 6 |
||
|
1.1.d. Execución do proxecto de restauración ambiental e ampliación das comunidades de toxo e breixo |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 15.000 € |
|||||
|
Ano 1 |
Ano 2 X |
Ano 3 |
Ano 4 |
Ano 5 |
Ano 6 |
||
|
1.1.e. Elaboración do proxecto de restauración ambiental e protección das charcas para anfibios Obxectivo: recuperar e protexer as charcas presentes no ENIL para promover a restauración das comunidades higrófilas asociadas, especialmente de anfibios, conforme a súa área de distribución orixinal. Adoptaranse medidas específicas coa finalidade de protexer as charcas ou pozas, tanto permanentes como estacionais, incluíndo a contorna inmediata, por mor da súa influencia ecolóxica funcional. |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 1.000 € |
|||||
|
Ano 1 X |
Ano 2 |
Ano 3 |
Ano 4 |
Ano 5 |
Ano 6 |
||
|
1.1.f. Execución do proxecto de restauración ambiental e protección das charcas para anfibios |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 15.000 € |
|||||
|
Ano 1 |
Ano 2 X |
Ano 3 |
Ano 4 |
Ano 5 |
Ano 6 |
||
|
1.1.g. Elaboración do proxecto de restauración ambiental e protección dos cantís costeiros con vexetación Obxectivo: recuperar a integridade e a distribución orixinal das comunidades presentes nos cantís con vexetación da zona costeira do ENIL. |
|||||||
|
A finalidade desta actuación é que a biocenose ligada a este hábitat acade o seu equilibrio, así como recuperar a súa área de distribución orixinal. |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 1.000 € |
|||||
|
Ano 1 X |
Ano 2 |
Ano 3 |
Ano 4 |
Ano 5 |
Ano 6 |
||
|
1.1.h. Execución do proxecto de restauración ambiental e protección dos cantís costeiros con vexetación |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 15.000 € |
|||||
|
Ano 1 |
Ano 2 X |
Ano 3 |
Ano 4 |
Ano 5 |
Ano 6 |
||
|
1.1.i. Seguimento e continuación dos proxectos de restauración ambiental e ampliación do bosque de ribeira do rego da Lagoa, da comunidade de toxo e breixo, das charcas para anfibios e dos cantís con vexetación |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: media |
Orzamento: 3.000 € anuais |
|||||
|
Ano 1 |
Ano 2 |
Ano 3 X |
Ano 4 X |
Ano 5 X |
Ano 6 X |
||
|
1.1.j. Mantemento ecolóxico, sincronizado cos ciclos naturais da fauna e da flora, das zonas de prado e mato Obxectivo: desenvolver un modelo de xestión baseado no mantemento ecolóxico, sincronizado cos ciclos naturais da flora e da fauna que habita e se reproduce no ENIL. Este modelo xa se vén aplicando cun notable éxito nas pradarías, promovendo a sucesión ecolóxica natural, dando ademais moi bos resultados na loita contra flora exótica invasora grazas á presenza das propias herbáceas autóctonas, maiormente gramíneas e malváceas. As segas nestas zonas realizaranse de acordo co Plan de sega descrito no anexo III deste plan de conservación. |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 10.000 € anuais |
|||||
|
Ano 1 X |
Ano 2 X |
Ano 3 X |
Ano 4 X |
Ano 5 X |
Ano 6 X |
||
|
1.1.k. Deseño e execución do programa de fomento para a captación de biodiversidade autóctona, coordinado coa restauración ambiental dos hábitats Obxectivo: promover a recolonización por parte da fauna local, facilitando o seu asentamento no ENIL. A medida que se vaia executando a restauración ambiental dos hábitats antes citados, desenvolverase un plan de fomento da biodiversidade mediante a instalación de comedeiros, refuxios, niños, estruturas –hoteis– para insectos e outras accións e infraestruturas que faciliten o asentamento e a reprodución de diversas especies autóctonas. |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 3.000 € |
|||||
|
Ano 1 |
Ano 2 X |
Ano 3 |
Ano 4 |
Ano 5 |
Ano 6 |
||
|
1.1.l. Actualización do inventario de fauna, flora e hábitats. Evolución respecto da situación de partida e dos estudos previos Obxectivo: obter información necesaria para poder adoptar as medidas máis oportunas en cada momento de cara á conservación da fauna, flora e hábitats. |
|||||||
|
Farase especial énfase naquelas especies e hábitats amparadas con algún grao de protección, así como na investigación orientada á loita contra as especies exóticas invasoras. |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: baixa |
Orzamento: 5.000 € |
|||||
|
Ano 1 |
Ano 2 |
Ano 3 |
Ano 4 |
Ano 5 X |
Ano 6 |
||
|
Obxectivo específico 1.2. Eliminación de especies exóticas invasoras e alóctonas LIÑAS DE ACTUACIÓN: |
|||||||
|
1.2.a. Deseño e execución do Plan de loita contra as especies exóticas invasoras e alóctonas. Identificación xeorreferenciada e cartografado completo Obxectivo: eliminar as plantas exóticas invasoras e exótica alóctonas alí onde sexa posible, e establecer mecanismos de control poboacional cando non sexa viable acometer a súa erradicación. Elaboración dun plan integral de loita contra as plantas exóticas invasoras e alóctonas partindo dun cartografado xeorreferenciado e actualizado para, de seguido, proceder á súa erradicación ou control. Calquera actuación destinada á eliminación de especies exóticas deberá contar coa autorización expresa da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, de acordo co disposto no artigo 7 do Real decreto 630/2013, do 2 de agosto. |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 15.000 € |
|||||
|
Ano 1 X |
Ano 2 |
Ano 3 |
Ano 4 |
Ano 5 |
Ano 6 |
||
|
1.2.b. Seguimento e continuación do Plan de loita contra as especies exóticas invasoras |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 5.000 € anuais |
|||||
|
Ano 1 |
Ano 2 X |
Ano 3 X |
Ano 4 X |
Ano 5 X |
Ano 6 X |
||
|
Obxectivo específico 1.3. Xestión ética da colonia felina localizada na contorna do ENIL (colonia Cárcere-Durmideiras) LIÑAS DE ACTUACIÓN: |
|||||||
|
1.3.a. Execución do Programa de xestión responsable das colonias felinas no termo municipal da Coruña e, en concreto, daquelas actuacións relativas á colonia denominada Cárcere-Durmideiras pola súa afección ao ENIL. Obxectivo: minimizar a incidencia negativa dos gatos e gatas comunitarios sobre a fauna silvestre do ENIL a través da diminución progresiva dos individuos que integran a colonia existente na contorna do espazo protexido, aplicando un programa de xestión baseado no método CER (captura, esterilización e retorno). O dito programa asegurará unhas condicións sanitarias axeitadas aos animais e manterá un control do número de gatos e gatas esterilizados, así como dos novos individuos, mediante un censo actualizado que permita realizar un seguimento da efectividade deste programa. Coa finalidade de compatibilizar o programa de xestión da colonia felina coa protección da fauna silvestre do ENIL, iniciarase o procedemento para o traslado, fóra do espazo protexido, do punto de alimentación da colonia situado actualmente dentro dos seus límites. O dito traslado afectará os posibles refuxios, depósitos ou calquera outro elemento instalado no espazo protexido no marco do programa de xestión da colonia, e axustarase ao disposto no artigo 42 da Lei 7/2023, do 28 marzo. |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 5.000 € anuais |
|||||
|
Ano 1 X |
Ano 2 X |
Ano 3 X |
Ano 4 X |
Ano 5 X |
Ano 6 X |
||
|
Obxectivo específico 1.4. Mellora do medio físico LIÑAS DE ACTUACIÓN |
|||||||
|
1.4.a. Elaboración dun estudo para a mellora da calidade ambiental Obxectivo: desenvolvemento dun plan de calidade ambiental. Como medida para minimizar o impacto negativo aos valores naturais que poida causar a deturpación da calidade do aire, ruído e contaminación luminosa, desenvolverase un Plan de calidade ambiental que, como mínimo, recolle aspectos como: – Medidas para diminuír o tráfico na contorna do ENIL. – Localización alternativa para as prácticas de helicóptero de Salvamento Marítimo. – Redución da iluminación na contorna exterior do ENIL. – Solicitude da declaración do ENIL como unha Reserva de Son Natural conforme o artigo 21 da Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído. |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 3.000 € |
|||||
|
Ano 1 X |
Ano 2 |
Ano 3 |
Ano 4 |
Ano 5 |
Ano 6 |
||
|
1.4.b. Execución dos resultados do estudo para a mellora da calidade ambiental (aire e ruído) |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 3.000 € |
|||||
|
Ano 1 |
Ano 2 X |
Ano 3 |
Ano 4 |
Ano 5 |
Ano 6 |
||
|
1.4.c. Elaboración do proxecto de restauración dos espazos deturpados pola presenza de cascallos de obra e lixo Obxectivo: eliminar a presenza de lixo no ámbito do ENIL e acometer a restauración ambiental das áreas con cascallos de obra localizados na zona do Campo da Rata co fin de reducir a perturbación dos valores naturais existentes mediante a restauración ambiental deses espazos. Promoveranse campañas de sensibilización que teñan por finalidade informar e concienciar as persoas visitantes para que leven de volta con elas os envases e demais refugallos que poidan xerar dentro do ámbito de conservación, depositándoos nos contedores situados nos principais accesos ao ENIL. Tamén se levará a cabo a restauración ambiental do espazo mediante a eliminación progresiva dos cascallos de obra situados baixo a capa edáfica superficial na zona do Campo da Rata, así como rexenerando o solo. |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 2.000 € |
|||||
|
Ano 1 X |
Ano 2 |
Ano 3 |
Ano 4 |
Ano 5 |
Ano 6 |
||
|
1.4.d. Elaboración dun estudo para a mellora da calidade das zonas húmidas e erradicación de verteduras Obxectivo: mellora da calidade físico-química e biolóxica das charcas, regatos, calas e praias, e erradicación dos potenciais focos de emisión de verteduras. Elaborarase un estudo das zonas húmidas do ENIL, así como da rede de saneamento e de pluviais da contorna exterior que poidan xerar impacto negativo ante eventos episódicos como fortes choivas e verteduras ilegais nos sumidoiros de pluviais. A obtención de datos actualizados permitirá mellorar o control da calidade das augas, así como identificar edificios que puidesen estar mal conectados á rede de saneamento. Tamén se acometerán os estudos e obras necesarios que permitan suprimir os aliviadoiros que rematan no ENIL ou ben desvialos fóra deste. Deste xeito, o espazo quedará libre de riscos por verteduras incontroladas aínda que se xeren fóra. |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 2.000 € |
|||||
|
Ano 1 X |
Ano 2 |
Ano 3 |
Ano 4 |
Ano 5 |
Ano 6 |
||
|
1.4.e. Execución das propostas resultantes do estudo para a mellora da calidade das zonas húmidas e erradicación de verteduras |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 3.000 € |
|||||
|
Ano 1 |
Ano 2 X |
Ano 3 |
Ano 4 |
Ano 5 |
Ano 6 |
||
|
OBXECTIVO XERAL 2: CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL |
|||||||
|
Obxectivo específico 2.1. Mantemento do patrimonio cultural LIÑAS DE ACTUACIÓN: |
|||||||
|
2.1.a. Mantemento do patrimonio cultural Obxectivo: protección e coidado do patrimonio cultural presente no ENIL. De acordo coas indicacións da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, permitiranse as tarefas de mantemento dos elementos do patrimonio cultural existente no ENIL, incluído o control da vexetación (excepto herba), empregando medios mecánicos e produtos naturais que non sexan prexudiciais para o ambiente. O uso de calquera produto deberá será aprobado previamente pola Concellería de Medio Ambiente. Considerando o alto potencial arqueolóxico no ENIL, procurarase ampliar a cautela existente no plan especial, que xa prevé a realización dun control arqueolóxico nas actuacións que se realicen. Por outra banda, considérase necesario velar pola conservación dos afloramentos graníticos e pedras visibles na zona para evitar posibles afeccións. Por todo isto, teranse en conta as determinacións establecidas polo Plan director da Torre de Hércules e procurarase que a conservación de especies non afecte os espazos de interese arqueolóxico, histórico e etnográfico da península da Torre. Retirarase vexetación de xeito que contribúa á conservación destes, dada a potencialidade arqueolóxica e o valor patrimonial e universal da zona. |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 1.000 € anuais |
|||||
|
Ano 1 X |
Ano 2 X |
Ano 3 X |
Ano 4 X |
Ano 5 X |
Ano 6 X |
||
|
OBXECTIVO XERAL 3: SENSIBILIZACIÓN E DIVULGACIÓN AMBIENTAL E FOMENTO DO COÑECEMENTO |
|||||||
|
Obxectivo específico 3.1. Participación da cidadanía LIÑAS DE ACTUACIÓN: |
|||||||
|
3.1.a. Promover acordos con colectivos de voluntariado ambiental Obxectivo: realización de actividades de voluntariado para sensibilizar a poboación no que ao medio natural respecta. |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 1.000 € anuais |
|||||
|
Ano 1 |
Ano 2 X |
Ano 3 X |
Ano 4 X |
Ano 5 X |
Ano 6 X |
||
|
3.1.b. Realización de campañas de divulgación e educación ambiental e visitas guiadas Obxectivo: informar e concienciar sobre os valores naturais do espazo. Realizaranse todos os anos campañas de sensibilización, divulgación e educación ambiental. Terán lugar en centros educativos, entidades culturais, asociacións, espazos públicos e in situ mediante rutas guiadas dentro do propio ENIL. Aínda que xa se veñen desenvolvendo desde Hai anos, reforzaranse os contidos específicos sobre as accións de restauración ambiental e protección dos valores naturais. |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 3.000 € anuais |
|||||
|
Ano 1 X |
Ano 2 X |
Ano 3 X |
Ano 4 X |
Ano 5 X |
Ano 6 X |
||
|
Obxectivo específico 3.2. Fomento do coñecemento LIÑAS DE ACTUACIÓN: |
|||||||
|
3.2.a. Realización de estudos focalizados na conservación ambiental do ENIL Obxectivo: promover a realización de calquera estudo que achegue nova información de valor sobre o ENIL, especialmente se está focalizado na conservación do medio natural. |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 2.000 € anuais |
|||||
|
Ano 1 |
Ano 2 X |
Ano 3 X |
Ano 4 |
Ano 5 |
Ano 6 |
||
|
OBXECTIVO XERAL 4: ADAPTACIÓN E MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS E USO PÚBLICO |
|||||||
|
Obxectivo específico 4.1. Mellora da accesibilidade universal LIÑAS DE ACTUACIÓN: |
|||||||
|
4.1.a. Instalación de cartelaría interpretativa e nova sinalización no ámbito do ENIL Obxectivo: actualizar e normalizar a cartelaría e sinalización interpretativa do ENIL e substituír aquela danada. |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 3.000 € anuais |
|||||
|
Ano 1 |
Ano 2 X |
Ano 3 X |
Ano 4 X |
Ano 5 X |
Ano 6 X |
||
|
4.1.b. Elaboración do proxecto técnico de redución da presión antrópica mediante a reordenación das sendas principais, supresión das sendas secundarias e melloras na accesibilidade Obxectivo: mellorar a conservación dos valores naturais reducindo a presión antrópica mediante a restauración ambiental das sendas principais, supresión das sendas secundarias e fomento da accesibilidade onde sexa razoable. Cómpre elaborar un estudo, en profundidade, sobre as sendas principais, as sendas secundarias a suprimir e tamén para analizar os condicionantes de accesibilidade do ENIL. O perímetro exterior, no límite co paseo marítimo, constitúe unha zona de uso peonil, para os efectos do artigo 4 da Orde TM1/851/2021, do 23 de xullo, pola que se desenvolve o documento técnico de condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos espazos públicos urbanizados. Nesta zona de contacto cumpriranse as condicións de accesibilidade da dita orde. Non obstante, esta disposición non é aplicable dentro do ENIL ao non ser un espazo urbanizado, ben que se intentará mellorar a accesibilidade interior na medida do posible, sempre que non sexa incompatible coa protección dos valores que motivaron a declaración do ENIL. Para reducir a presión antrópica débese intervir na confusa rede actual de sendas. Redactarase un proxecto técnico de reordenación e executarase establecendo sendas principais, de ancho homoxéneo e tipo de pavimento adecuado; suprimiranse as sendas secundarias que xurdiron por mor da ausencia de regulación e mellorarase, no posible, as condicións de accesibilidade básicas alí onde poidan existir pendentes lonxitudinais iguais ou menores ao 6 %, implantando un ancho de 1,80 m e un tipo de pavimento firme de orixe natural e integrado na contorna. Ademais, coa supresión das sendas secundarias que fragmentan os hábitats presentes no espazo agárdase que, de xeito colateral, estes hábitats se recuperen e desapareza a conformación en «parches» existente hoxe en día. |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 3.000 € |
|||||
|
Ano 1 X |
Ano 2 |
Ano 3 |
Ano 4 |
Ano 5 |
Ano 6 |
||
|
4.1.c. Execución do proxecto técnico de redución da presión antrópica mediante a reordenación das sendas principais, supresión das sendas secundarias e melloras na accesibilidade |
|||||||
|
Calendario: previsión execución/ano |
Prioridade: alta |
Orzamento: 3.000 € anuais |
|||||
|
Ano 1 |
Ano 2 X |
Ano 3 X |
Ano 4 X |
Ano 5 X |
Ano 6 X |
||
CAPÍTULO X
Seguimento do plan
Artigo 33. Seguimento: Indicadores de cumprimento do Plan de conservación
Para avaliar o cumprimento do plan de conservación e a evolución do estado de conservación do ENIL establécense unha serie de indicadores vinculados aos obxectivos de conservación.
Os indicadores estrutúranse con base nas seguintes categorías:
|
1. Indicadores para acadar o Obxectivo xeral 1: Conservación do patrimonio natural |
|
a) Actuacións de seguimento e eliminación de especies exóticas invasoras e alóctonas: – Unidade de medida: número de actuacións executadas – Actualización: quinquenal |
|
b) Seguimento do número de queixas recibidas ou denuncias interpostas por infraccións cometidas no espazo: – Unidade de medida: número de escritos de queixas ou número de actas de inspección – Actualización: quinquenal |
|
c) Realización de estudos encamiñados á posta en valor do patrimonio natural vinculado ao ENIL: – Unidade de medida: número de estudos realizados – Actualización: puntual |
|
d) Execución de actuacións encamiñadas á restauración e protección do bosque de ribeira, das comunidades de toxo e breixo, das charcas e dos cantís dentro do ENIL: – Unidade de medida: número de actuacións executadas – Actualización: quinquenal |
|
e) Actuacións de mellora da calidade paisaxística: – Unidade de medida: número de actuacións executadas – Actualización: quinquenal |
|
2. Indicadores para acadar o Obxectivo xeral 2: Conservación do patrimonio cultural |
|
a) Realización de estudos encamiñados á posta en valor do patrimonio cultural vinculado ao ENIL: – Unidade de medida: número de estudos realizados – Actualización: puntual |
|
b) Mantemento do patrimonio cultural: – Unidade de medida: número de actuacións executadas – Actualización: quinquenal |
|
3. Indicadores para acadar o Obxectivo xeral 3: Sensibilización e divulgación ambiental e fomento do coñecemento |
|
a) Realización de estudos científicos centrados no espazo protexido e os seus valores naturais; elaboración de material divulgativo: – Unidade de medida: número de estudos ou de novos materiais elaborados – Actualización: quinquenal |
|
b) Realización de actividades e campañas de divulgación e educación ambiental: – Unidade de medida: número de actividades realizadas/ano – Actualización: quinquenal |
|
c) Establecemento de convenios de investigación e de voluntariado: – Unidade de medida: número de actividades realizadas/quinquenio – Actualización: quinquenal |
|
4. Indicadores para acadar o Obxectivo xeral 4: Infraestruturas e uso público |
|
a) Execución de actuacións ou autorizacións encamiñadas á renovación da sinalización do espazo protexido: – Unidade de medida: número de actuacións realizadas/ano – Actualización: quinquenal |
|
b) Expedición de autorizacións de uso público: – Unidade de medida: número de autorizacións/ano emitidas – Actualización: quinquenal |
5. A concellería con competencias en materia de ambiente realizará, antes de finalizar o sexenio, un informe relativo ás medidas propostas que, ademais da valoración dos indicadores, incluirá unha análise da efectividade das ditas medidas e a súa participación na consecución dos obxectivos. Esta análise incluirá información relativa ás distintas autorizacións outorgadas durante o período e estudará os efectos dos usos e actividades autorizados, se estes produciron presións e ameazas non previstas no plan ou se é necesario establecer no espazo novas actuacións.
Este informe remitirase á dirección xeral con competencias en materia de conservación do patrimonio natural, xunto cunha proposta dun novo instrumento de planificación para o ENIL co contido mínimo establecido na normativa vixente no momento da entrega.
Ademais, con periodicidade bianual o xestor do espazo emitirá unha avaliación sobre a execución do plan de conservación analizando os seguintes aspectos:
a) A eficacia e eficiencia na execución das diversas actuacións.
b) O progreso na consecución dos obxectivos propostos.
Este informe tamén será remitido á dirección xeral con competencias en materia de conservación do patrimonio natural.
ANEXO II
Cartografía
