Mediante a Orde do 27 de decembro de 2019 declarouse de xeito provisional, como espazo natural de interese local, o espazo denominado Torre de Hércules, no concello da Coruña (DOG núm. 7, do 13 de xaneiro de 2020).
No momento da aprobación desta declaración estaba en vigor a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza. Esta lei recoñece os espazos naturais de interese local (en diante, ENIL) como unha das categorías en que se clasifican os espazos naturais protexidos. O seu artigo 17 establece que, por petición dun concello e logo dos informes preceptivos pertinentes, a consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural poderá declarar como ENIL aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecentes dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.
A declaración dun ENIL é competencia da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, mentres que a responsabilidade e competencia na súa xestión é municipal. Así mesmo, a declaración dun ENIL non comporta a súa inclusión na Rede galega de espazos protexidos, nin implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.
A declaración provisional condiciona a súa declaración definitiva á presentación, por parte do concello, ante a consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, dunha proposta de plan de conservación. Esta foi presentada o día 9 de setembro de 2021.
A Lei 9/2001, do 21 de agosto, foi derrogada pola Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia que, igualmente, recolle a figura de ENIL entre as categorías de espazo protexido, establecendo como instrumento de planificación para estes espazos as «normas de xestión e de conservación», aprobadas mediante orde xuntamente coa declaración do espazo.
Non obstante esta lei, na súa disposición transitoria sétima, punto 2, recolle que os procedementos administrativos en tramitación no momento da súa entrada en vigor seguirán a tramitarse pola normativa vixente no momento do seu inicio.
Ademais, segundo o recollido na disposición transitoria segunda da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, a tramitación das normas de xestión e de conservación en espazos naturais protexidos declarados ao abeiro da Lei 9/2001, do 21 de agosto, que carezan de instrumentos de planificación e non iniciasen a súa tramitación con anterioridade á entrada en vigor desta lei realizarase, tras o acordo de inicio da persoa titular da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, mediante o procedemento sinalado no artigo 40.5 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, axustándose o contido ao previsto no artigo 64.
Por tal motivo, o plan de conservación deste ENIL tramítase ao abeiro da Lei 9/2001, do 21 de agosto, respectando a terminoloxía do dito instrumento de planificación, tendo en conta que a súa tramitación se iniciou coa solicitude de declaración do espazo á Xunta de Galicia o 18 de maio de 2017, tras ser aprobada a proposta no pleno municipal ese mesmo día, tendo entrada o seu instrumento de planificación no Rexistro da Xunta de Galicia o 9 de setembro de 2021, polo tanto antes da entrada en vigor da Lei 7/2022, do 27 de decembro.
O plan de conservación cumpre cos contidos mínimos requiridos no artigo 38 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, desenvolvidos polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, que establece o réxime de usos e as actividades permitidas, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo. En consecuencia e tras a realización dos trámites oportunos, o plan foi elevado ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación mediante decreto, en cumprimento do artigo 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto.
Esta orde ten por obxecto declarar, de xeito definitivo como ENIL, o espazo denominado Torre de Hércules, no concello da Coruña, unha vez constatadas as singularidades deste espazo natural que o fan merecente de protección e tras a presentación do correspondente plan de conservación.
Durante a elaboración do plan de conservación púxose de manifesto a existencia dunha incongruencia cartográfica, en relación co límite da baixa mar, entre o establecido na orde de declaración provisional, a cartografía publicada e a realidade.
Na orde de declaración provisional do espazo figura que «O límite exterior sería o mar, considerando a liña do deslindamento DL-181-LC (aprobado pola Orde ministerial do 28 de xaneiro de 2004) e DL-106-LC (aprobado pola Orde ministerial do 11 de marzo de 2004), así como a franxa intermareal e os cantís que emerxen na máxima baixamar. O ámbito do ENIL inclúe terreos de dominio público marítimo-terrestre, estando parcialmente afectado polas servidumes de tránsito e de protección e totalmente afectado pola zona de influencia de 500 metros de anchura».
Nesta descrición dos límites do espazo faise referencia á baixamar. Porén, a liña de baixamar e o linde aprobado provisionalmente non son coincidentes, e tampouco se axusta nalgúns puntos á realidade do terreo, aínda que si inclúe parcialmente a franxa intermareal.
Segundo a liña da baixamar, a superficie protexida sería moi superior ás 39,48 ha declaradas provisionalmente, polo que se decidiu axustar a cartografía e adoptar como límite costeiro a liña de preamar elaborada polo Instituto Hidrográfico da Mariña, con mellor axuste aos límites reais do espazo. Con este axuste cartográfico a superficie protexida é de 41,04 ha (mapa do anexo).
Este trámite púxose en coñecemento da cidadanía, xunto co plan de conservación, mediante o Anuncio do 5 de decembro de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se acorda someter ao tramite de información pública o proxecto de decreto polo que se aproba o plan de conservación do espazo natural de interese local Torre de Hércules (A Coruña). Sobre este axuste cartográfico non se presentou ningunha alegación.
Polo exposto, no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Primeiro. Declaración definitiva da Torre de Hércules como espazo natural de interese local
Declárase como ENIL o espazo denominado Torre de Hércules, no municipio da Coruña, por proposta do seu concello.
Segundo. Límites
A extensión e límites do ENIL Torre de Hércules son os sinalados no anexo desta orde.
Terceiro. Xestión
Será responsabilidade e competencia do Concello da Coruña a xestión do espazo natural Torre de Hércules, de acordo co plan de conservación aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.
Cuarto. Efectos
1. A declaración definitiva da Torre de Hércules como ENIL non comporta a súa inclusión na Rede galega de espazos protexidos.
2. A declaración definitiva da Torre de Hércules como ENIL non implica a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.
3. Con posterioridade á aprobación desta orde procederase á aprobación do correspondente plan de conservación, aprobación que deberá ser realizada polo Consello da Xunta de Galicia, en cumprimento do artigo 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto.
Quinto. Extinción
1. Mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural poderase poñer fin para os efectos da declaración definitiva da Torre de Hércules como ENIL se desaparecen as causas que motivaron a protección deste espazo protexido e non son susceptibles de recuperación ou restauración.
2. A consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural poderá iniciar expediente para retirar a condición de espazo protexido no caso de que non se cumpran as finalidades de conservación recollidas na declaración do espazo ou se detecten desviacións importantes con respecto ao plan de conservación aprobado.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2025
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático
ANEXO
Límites do ENIL Torre de Hércules
1. O ámbito que se declara como ENIL localízase na contorna da Torre de Hércules, no concello da Coruña, como se recolle na folla 21.III da cartografía 1:25.000 do Instituto Xeográfico Nacional, ocupando unha superficie de 41,04 ha.
A delimitación, de oeste a leste, abrangue desde a marxe esquerda da praia das Lapas, pasando pola contorna da Torre de Hércules, punta Herminia e Campo da Rata, ata a marxe dereita da cala de Durmideiras:
a) O límite interior é o determinado polo paseo marítimo e a senda que vai desde a antiga cárcere provincial ata a rotonda da Torre de Hércules.
b) O límite exterior é o mar, considerando a liña de preamar que forma parte da liña de costa elaborada polo Instituto Hidrográfico da Mariña.
2. Os valores naturais máis salientables do espazo e que xustifican a súa declaración son de tipo ecolóxico e paisaxístico. A pesar da pequena extensión da área, é salientable a biodiversidade que acolle. Ademais, e dentro do contexto da cidade da Coruña, é un espazo natural moi relevante e apreciado como lugar de paseo e observación da natureza.

Mapa 1: Límites do ENIL Torre de Hércules e liñas do dominio público marítimo-terrestre.
