A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 5 de xuño de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan a autorización de desmantelamento das instalacións actuais do parque eólico Castelo, a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Castelo (repotenciación).
a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:
Primeiro. Outorgar a autorización de desmantelamento das instalacións actuais do parque eólico Castelo.
Segundo. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do modificado parque eólico Castelo, sito nos concellos de Coristanco, Santa Comba, Tordoia e Val do Dubra (A Coruña) e promovido por Energías Especiales del Alto Ulla, S.A., para unha potencia de 16,8 MW.
Terceiro. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Castelo (repotenciación), composto polo documento Proxecto de execución modificado parque eólico castelo (renovación tecnolóxica, con visado núm. 20251177, do 16 de maio de 2025, e asinado por Alberto Izquierdo Belmonte, enxeñeiro industrial, colexiado número 1151 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.
Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:
1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Energías Especiales del Alto Ulla, S.A. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras e na fase de desmantelamento. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, en 159.538 e 238.522 euros, respectivamente.
A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.
2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.
3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).
4. As actuacións de desmantelamento das instalacións iniciais do parque eólico realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como as consideracións dos puntos 5.1.3 e 5.2.4 da DIA.
En todo caso, a retirada dos cables existentes deberá xestionarse a través dun xestor autorizado.
Tamén deberán ter en conta as consideracións indicadas polo Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Rural no seu informe do 13 de marzo de 2025, ao cal Energías Especiales del Alto Ulla, S.A. deu a súa conformidade o 8 de maio de 2025.
5. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 30 de decembro de 2024, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras de construción, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co punto 5.1.2 da DIA.
6. A promotora deberá comunicar o inicio das obras, con anterioridade ao prazo de dez (10) días, á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático achegando toda a documentación necesaria establecida nesta resolución e na declaración de impacto ambiental.
7. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 6 da declaración de impacto ambiental.
8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.
No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.
Con carácter previo á comunicación de inicio de obras, a promotora deberá acreditar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático que conta cos títulos habilitantes municipais de natureza urbanística, dos terreos de implantación do parque e as súas infraestruturas de evacuación recollidos na presente autorización administrativa, de acordo co artigo 40.2 da Lei 8/2009.
9. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante o departamento territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.
10. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.
11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.
12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.
13. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 30 de xaneiro de 2025, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.
14. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.
15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
16. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:
1. Pola Resolución do 14 de abril de 2000, da Dirección Xeral de Industria, autorizáronse a Unión Fenosa Energías Especiales S.A. as instalacións electromecánicas e aprobouse o proxecto de execución do parque eólico de Castelo (expediente 3/1999) (DOG núm. 81, do 27 de abril de 2000).
2. O 14 de xuño de 2001, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña autorizou a posta en servizo do parque eólico.
3. Pola Resolución do 27 de agosto de 2001, a Dirección Xeral de Industria autorizou o cambio de titularidade e subrogación dos dereitos e obrigas asumidos en virtude das autorizacións administrativas outorgadas ao parque eólico Castelo da empresa Unión Fenosa Energías Especiales, S.A. a favor da sociedade mercantil Energías Especiales de Castelo, S.A.
4. Pola Resolución do 30 de setembro de 2009, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou o cambio de titularidade e subrogación dos dereitos e obrigas asumidos en virtude das autorizacións administrativas outorgadas ao parque eólico Castelo da empresa Energías Especiales de Castelo, S.A. a favor da sociedade mercantil Energías Especiales del Alto Ulla, S.A.
5. Con data do 24 de xullo de 2023, a promotora, Energías Especiales del Alto Ulla, S.A., presentou a solicitude de autorización administrativa da modificación das instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación do proxecto denominado parque eólico Castelo, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, consistente, de forma xeral, na retirada das actuais infraestruturas (cunha potencia total de 16,5 MW repartida en 25 aeroxeradores de 600 kW de potencia unitaria) e a instalación de novas máquinas e infraestruturas de conexión entre elas, reducindo o número de aeroxeradores a 3 unidades, aumentando a dimensión e a potencia unitaria de cada un e modificando a actual subestación transformadora, mantendo a mesma potencia total evacuada. O 20 de outubro de 2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle a promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.
6. O 23 de outubro de 2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou o informe a que fai referencia o artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.
7. O 27 de novembro de 2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33 da Lei 8/2009 onde se indica que «comprobado o planeamento vixente nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) do Concello de Coristanco aprobado definitivamente o 3.12.2015; PXOM do Concello de Tordoia aprobado definitivamente o 7.12.2018 e PXOM do Concello de Santa Comba aprobado definitivamente o 5.4.2001), e as coordenadas dos 3 aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren as referidas distancias mínimas de 500 e 1.000 m a núcleos de poboación».
A disposición adicional quinta da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, indica:
«Como medio para asegurar a compatibilidade do desenvolvemento eólico coa ordenación do territorio e o urbanismo, a distancia dos aeroxeradores ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado será a maior destas dúas: 500 metros ou 5 veces a altura total do aeroxerador (buxa máis pa).
Estes requisitos de distancias serán aplicables ás solicitudes de autorización administrativa previa e de construción de parques eólicos cuxa implantación se proxecte no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Non serán aplicables estes requisitos de distancia aos proxectos de modificacións substanciais (repotenciacións) de parques que estean en funcionamento antes da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro (LG 2021, 1105), de medidas fiscais e administrativas, en que, para manter a súa potencia total en funcionamento, exista imposibilidade técnica xustificada da súa implantación. En todo caso, os aeroxeradores deberán situarse á máxima distancia posible, cun mínimo de 500 metros, ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado».
De acordo co establecido na dita disposición adicional quinta da Lei 8/2009, a distancia mínima á núcleos rurais, urbanos e urbanizables delimitado para a modificación da repotenciación do parque eólico Castelo será a maior destas dúas: 500 metros ou 5 veces a altura total do aeroxerador (buxeiro máis pa).
8. O 5 de decembro de 2023, a entón Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Castelo repotenciación á Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña para a continuación da tramitación, de acordo co indicado no artigo 33.9 da Lei 8/2009.
9. Mediante o Acordo do 15 de febreiro de 2024, da Xefatura Territorial da Coruña, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental (EIA) do proxecto do parque eólico Castelo (renovación tecnolóxica) nos concellos de Coristanco, Tordoia, Santa Comba e Val do Dubra (A Coruña) (expediente IN408A 2023/017).
O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 56, do 19 de marzo de 2024. Así mesmo, foi remitido para a exposición ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados (Coristanco, Tordoia, Santa Comba e Val do Dubra), e nas dependencias da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña. Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da Consellería de Economía, Industria e Innovación.
Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.
10. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Coristanco, Concello de Santa Comba, Concello de Tordoia, Concello do Val do Dubra, Deputación Provincial da Coruña, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación do Servizo de Comunicación Audiovisual, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet).
A continuación se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa o 18.4.2024, Axencia Galega de Infraestruturas o 6.5.2024 e o 23.5.2024, Concello de Coristanco o 26.8.2024, Concello de Tordoia o 2.4.2024, Deputación Provincial da Coruña o 10.4.2024, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación do Servixo de Comunicación Audiovisual o 4.4.2024, Dirección Xeral de Defensa do Monte o 4.7.2024, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 26.4.2024 e o 30.8.2024 e Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) o 15.3.2024, o 24.5.2024, o 15.7.2024 e o 27.8.2024.
A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.
Respecto do resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.
11. Pola Resolución do 11 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Castelo repotenciación (expediente IN408A/2023/017), promovido por Energías Especiales del Alto Ulla, S.A., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.
12. O 29 de novembro de 2024, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
13. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Concello de Coristanco, Concello de Santa Comba, Concello de Tordoia, Concello do Val do Dubra, Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.
Cumprida a tramitación ambiental, o 30 de decembro de 2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 30 de decembro de 2024, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de renovación tecnolóxica do parque eólico Castelo, nos concellos de Coristanco, San Comba, Tordoia e Val do Dubra (A Coruña) (expediente 2024/0291) (DOG núm. 8, do 14 de xaneiro de 2025).
14. Con datas do 14 de febreiro de 2025 e do 24 de febreiro de 2025, Energías Especiales del Alto Ulla, S.A. achegou documentación técnica de modificación do proxecto como consecuencia dos informes emitidos pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet).
Os cambios máis significativos, respecto ao proxecto que obtivo a declaración de impacto ambiental do 30 de decembro de 2024 son os seguintes:
• Modificación do número e modelo de aeroxerador, que pasa de 3 a 4 posicións cun modelo de menor diámetro de rotor e altura de buxeiro. Modificación da potencia unitaria, así como da potencia instalada pero mantendo a potencia que se evacuará.
• Modificación da posición da torre meteorolóxica.
• Modificación do nivel de tensión da rede colectora, dos 30 kV en tramitación a 20 kV.
• Modificación da subestación, para manter a configuración da subestación en explotación con modificacións na aparellaxe interior de media tensión de 20 kV.
15. Con data do 19 de febreiro de 2025, esta dirección xeral solicitoulle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade a emisión do informe previsto no artigo 52.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
16. De acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, esta dirección xeral remitiulle, para a emisión do correspondente condicionado técnico, a separata do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Coristanco, Subdirección Xeral de inspección das Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), Retegal, S.A. e Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión).
A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa o 13.3.2025, Axencia Galega de Infraestruturas o 17.3.2025, Concello de Coristanco o 5.3.2025, Dirección Xeral de Defensa do Monte o 26.2.2025, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 13.3.2025, Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) o 7.3.2025 e Retegal, S.A. o 11.3.2025.
A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.
Respecto ao resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.
17. Con data do 3 de marzo de 2025, esta dirección xeral solicitoulle á Dirección Xeral de Urbanismo a emisión do informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, sobre o cumprimento dos requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado.
Con data do 12 de marzo de 2025 a Dirección Xeral de Urbanismo emitiu un informe en que indica que «comprobados os planeamentos vixentes nos concellos afectados (Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) do Concello de Coristanco do 3.2.2015; PXOM do Concello de Santa Comba do 5.4.2001 e PXOM do Concello de Tordoia do 7.12.2018), e as coordenadas dos 4 aeroxeradores especificadas no apartado 5 do documento achegado, conclúese que todos eles cumpren a citada distancia mínima».
18. Con data do 28 de marzo de 2025, Energías Especiales del Alto Ulla, S.A. achegou a autorización do 25 de marzo de 2025, da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), para a modificación do proxecto do parque eólico Castelo repotenciación, mencionada no antecedente de feito décimo cuarto.
19. O 30 de abril de 2025, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitiu o informe previsto no artigo 52.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, mencionado no antecedente de feito décimo quinto, onde conclúe indicando que «á vista do exposto e unha vez examinado o expediente, considérase que non existen obxeccións ás modificacións propostas pola promotora, sempre que se cumpra co recollido na documentación elaborada por este e sen prexuízo do cumprimento das condicións que figuran na DIA».
20. Con data do 19 de maio de 2025, Energías Especiales del Alto Ulla, S.A., tras requirimento desta dirección xeral, presentou a documentación técnica refundida, composta polo documento Proxecto de execución modificado parque eólico castelo (renovación tecnolóxica), con visado núm. 20251177, do 16 de maio de 2025, asinado por Alberto Izquierdo Belmonte, enxeñeiro industrial, colexiado número 1151 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, o arquivo shape e declaración responsable de cumprimento da normativa.
21. Con data do 20 de maio de 2025, a documentación presentada pola promotora remitiuse ao Departamento Territorial da Coruña. O 3 de xuño 2025, o Servizo de Enerxías Renovables e Infraestruturas emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.
22. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 16,5 MW. Segundo o establecido no artigo 53.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, as autorizacións administrativas de instalacións de xeración poderanse outorgar por unha potencia instalada superior á capacidade de acceso que figure no permiso de acceso.
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2025
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
