DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Xoves, 3 de xullo de 2025 Páx. 37143

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan a autorización de desmantelamento das instalacións actuais do parque eólico Castelo, a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Castelo (repotenciación), sito nos concellos de Coristanco, Tordoia, Santa Comba e Val do Dubra (A Coruña) e promovido por Energías Especiales del Alto Ulla, S.A. (expediente IN408A/2023/017).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Energías Especiales del Alto Ulla, S.A, en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Castelo (repotenciación), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Pola Resolución do 14 de abril de 2000, da Dirección Xeral de Industria, autorizáronse a Unión Fenosa Energías Especiales S.A as instalacións electromecánicas e aprobouse o proxecto de execución do parque eólico de Castelo (expediente 3/1999) (DOG núm. 81, do 27 de abril de 2000).

Segundo. O 14 de xuño de 2001, a delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña autorizou a posta en servizo do parque eólico.

Terceiro. Pola Resolución do 27 de agosto de 2001, a Dirección Xeral de Industria autorizou o cambio de titularidade e subrogación dos dereitos e obrigas asumidos en virtude das autorizacións administrativas outorgadas ao parque eólico Castelo da empresa Unión Fenosa Energías Especiales, S.A a favor da sociedade mercantil Energías Especiales de Castelo, S.A.

Cuarto. Pola Resolución do 30 de setembro de 2009, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou o cambio de titularidade e subrogación dos dereitos e obrigas asumidos en virtude das autorizacións administrativas outorgadas ao parque eólico Castelo da empresa Energías Especiales de Castelo, S.A a favor da sociedade mercantil Energías Especiales del Alto Ulla, S.A.

Quinto. O 24 de xullo de 2023, o promotor, Energías Especiales del Alto Ulla, S.A., presentou a solicitude de autorización administrativa da modificación das instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación do proxecto denominado parque eólico Castelo, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación Ambiental, consistente, de forma xeral, na retirada das actuais infraestruturas (cunha potencia total de 16,5 MW repartida en 25 aeroxeradores de 600 kW de potencia unitaria) e a instalación de novas máquinas e infraestruturas de conexión entre elas, reducindo o número de aeroxeradores a 3 unidades, aumentando a dimensión e a potencia unitaria de cada un e modificando a actual subestación transformadora, mantendo a mesma potencia total evacuada. O 20 de outubro de 2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao promotor o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

Sexto. O 23 de outubro de 2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou o informe a que fai referencia o artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Sétimo. O 27 de novembro de 2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33 da Lei 8/2009, onde se indica que «comprobado o planeamento vixente nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) do Concello de Coristanco aprobado definitivamente o 3.12.2015; PXOM do Concello de Tordoia, aprobado definitivamente o 7.12.2018, e PXOM do Concello de Santa Comba, aprobado definitivamente o 5.4.2001), e as coordenadas dos 3 aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren as referidas distancias mínimas de 500 e 1.000 m a núcleos de poboación».

A disposición adicional quinta da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, indica:

«Como medio para asegurar a compatibilidade do desenvolvemento eólico coa ordenación do territorio e o urbanismo, a distancia dos aeroxeradores ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado será a maior destas dúas: 500 metros ou 5 veces a altura total do aeroxerador (buxa máis pa).

Estes requisitos de distancias serán aplicables ás solicitudes de autorización administrativa previa e de construción de parques eólicos cuxa implantación se proxecte no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non serán aplicables estes requisitos de distancia aos proxectos de modificacións substanciais (repotenciacións) de parques que estean en funcionamento antes da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro (LG 2021, 1105), de medidas fiscais e administrativas, en que, para manter a súa potencia total en funcionamento, exista imposibilidade técnica xustificada da súa implantación. En todo caso, os aeroxeradores deberán situarse á máxima distancia posible, cun mínimo de 500 metros, ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado».

De acordo co establecido na dita disposición adicional quinta da Lei 8/2009, a distancia mínima a núcleos rurais, urbanos e urbanizables delimitada para a modificación da repotenciación do parque eólico Castelo será a maior destas dúas: 500 metros ou 5 veces a altura total do aeroxerador (buxeiro máis pa).

Oitavo. O 5 de decembro de 2023, a entón Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Castelo repotenciación á Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña para a continuación da tramitación, de acordo co indicado no artigo 33.9 da Lei 8/2009.

Noveno. Mediante o Acordo do 15 de febreiro de 2024, da Xefatura Territorial da Coruña, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental (EIA) do proxecto do parque eólico Castelo (renovación tecnolóxica) nos concellos de Coristanco, Tordoia, Santa Comba e Val do Dubra (A Coruña) (expediente IN408A 2023/017).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 56, do 19 de marzo de 2024. Así mesmo, foi remitido para a exposición ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados (Coristanco, Tordoia, Santa Comba e Val do Dubra), e nas dependencias da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña. Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

Décimo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Coristanco, Concello de Santa Comba, Concello de Tordoia, Concello do Val do Dubra, Deputación Provincial da Coruña, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación do Servizo de Comunicación Audiovisual, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet).

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa o 18.4.2024, Axencia Galega de Infraestruturas o 6.5.2024 e o 23.5.2024, Concello de Coristanco o 26.8.2024, Concello de Tordoia o 2.4.2024, Deputación Provincial da Coruña o 10.4.2024, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación do Servizo de Comunicación Audiovisual o 4.4.2024, Dirección Xeral de Defensa do Monte o 4.7.2024, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 26.4.2024 e o 30.8.2024 e Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) o 15.3.2024, o 24.5.2024, o 15.7.2024 e o 27.8.2024.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Respecto ao resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo primeiro. Pola Resolución do 11 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Castelo repotenciación (IN408A/2023/017), promovido por Energías Especiales del Alto Ulla, S.A., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Décimo segundo. O 29 de novembro de 2024, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo terceiro. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Concello de Coristanco, Concello de Santa Comba, Concello de Tordoia, Concello do Val do Dubra, Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.

Cumprida a tramitación ambiental, o 30 de decembro de 2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 30 de decembro de 2024, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de renovación tecnolóxica do parque eólico Castelo, nos concellos de Coristanco, San Comba, Tordoia e Val do Dubra (A Coruña) (expediente 2024/0291) (DOG núm. 8, do 14 de xaneiro de 2025).

Décimo cuarto. Con datas do 14 de febreiro de 2025 e do 24 de febreiro de 2025, Energías Especiales del Alto Ulla, S.A achegou a documentación técnica de modificación do proxecto como consecuencia dos informes emitidos pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet).

Os cambios máis significativos, respecto ao proxecto que obtivo a declaración de impacto ambiental do 30 de decembro de 2024 son os seguintes:

• Modificación do número e modelo de aeroxerador, que pasa de 3 a 4 posicións cun modelo de menor diámetro de rotor e altura de buxeiro. Modificación da potencia unitaria, así como da potencia instalada pero mantendo a potencia que se evacuará.

• Modificación da posición da torre meteorolóxica.

• Modificación do nivel de tensión da rede colectora, dos 30 kV en tramitación a 20 kV.

• Modificación da subestación, para manter a configuración da subestación en explotación con modificacións na aparellaxe interior de media tensión de 20 kV.

Décimo quinto. Con data do 19 de febreiro de 2025, esta dirección xeral solicitoulle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade a emisión do informe previsto no artigo 52.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Décimo sexto. De acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, esta dirección xeral remitiulle, para a emisión do correspondente condicionado técnico, a separata do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia -Demarcación Galicia Costa, Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Coristanco, Subdirección Xeral de Inspección das Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), Retegal, S.A. e Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión).

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa o 13.3.2025, Axencia Galega de Infraestruturas o 17.3.2025, Concello de Coristanco o 5.3.2025, Dirección Xeral de Defensa do Monte o 26.2.2025, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 13.3.2025, Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) o 7.3.2025 e Retegal, S.A. o 11.3.2025.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Respecto ao resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo sétimo. O 3 de marzo de 2025, esta dirección xeral solicitoulle á Dirección Xeral de Urbanismo a emisión do informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, sobre o cumprimento dos requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado.

O 12 de marzo de 2025, a Dirección Xeral de Urbanismo emitiu un informe en que indica que «comprobados os planeamentos vixentes nos concellos afectados (Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) do Concello de Coristanco do 3.2.2015; PXOM do Concello de Santa Comba do 5.4.2001 e PXOM do Concello de Tordoia do 7.12.2018), e as coordenadas dos 4 aeroxeradores especificadas no punto 5 do documento achegado, conclúese que todos eles cumpren a citada distancia mínima».

Décimo oitavo. Con data do 28 de marzo de 2025 Energías Especiales del Alto Ulla, S.A., achegou a Autorización do 25 de marzo de 2025, da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), para a modificación do proxecto do parque eólico Castelo repotenciación, mencionada no antecedente de feito décimo cuarto.

Décimo noveno O 30 de abril de 2025, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitiu o informe previsto no artigo 52.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia mencionado no antecedente de feito décimo quinto, onde conclúe indicando que «á vista do exposto e unha vez examinado o expediente, considérase que non existen obxeccións ás modificacións propostas polo promotor, sempre que se cumpra co recollido na documentación elaborada por este e sen prexuízo do cumprimento das condicións que figuran na DIA».

Vixésimo. O 19 de maio de 2025, Energías Especiales del Alto Ulla, S.A., tras o requirimento desta dirección xeral, presentou a documentación técnica refundida, composta polo documento Proxecto de execución modificado parque eólico Castelo (renovación tecnolóxica), visado núm. 20251177, do 16 de maio de 2025, asinado por Alberto Izquierdo Belmonte, enxeñeiro industrial, colexiado número 1151 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, o arquivo shape e a declaración responsable de cumprimento da normativa.

Vixésimo primeiro. O 20 de maio de 2025, a documentación presentada polo promotor remitiuse ao Departamento Territorial da Coruña. O 3 de xuño de 2025, o Servizo de Enerxías Renovables e Infraestruturas da Coruña emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

Vixésimo segundo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 16,5 MW. Segundo o establecido no artigo 53.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, as autorizacións administrativas de instalacións de xeración poderanse outorgar por unha potencia instalada superior á capacidade de acceso que figure no permiso de acceso.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, no Decreto 192/2024, do 9 de decembro, polo que se modifica o Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido, as respostas efectuadas polo promotor e o resto de documentación que consta no expediente, cómpre manifestar o seguinte:

O PE Castelo foi autorizado por resolución da Dirección Xeral de Industria o 14.4.2000, o que esixiu a declaración de efectos ambientais de conformidade cos criterios do Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais de Galicia, de aplicación nese momento. E foron avaliados os efectos de impactos causados pola ocupación do terreo, impacto sobre a flora e a fauna, impacto paisaxístico e xeración de residuos.

O obxecto do presente proceso de alegacións é o proxecto de repotenciación do PE Castelo, para dar cumprimento á Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental. Aplícase a todos os plans, programas e proxectos cuxa avaliación ambiental estratéxica ou avaliación de impacto ambiental comezase a partir do día da entrada en vigor da presente lei, polo que non proceden as alegacións respecto das obras anteriores á entrada en vigor da normativa vixente actualmente.

No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas cuestións se tiveron en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 30.12.2024, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia Turismo de Galicia e Augas de Galicia.

As metodoloxías de seguimento e recomendacións para reducir o impacto ambiental recollidas no proxecto están adaptadas ao contexto específico.

En canto aos informes:

No expediente constan informes da Dirección Xeral de Saúde Pública do 7.5.2021 e 18.4.2022, que consideran satisfeitos os requisitos exixibles sobre os posibles impactos que puidesen ter unha repercusión na saúde humana.

O organismo Augas de Galicia emitiu, o 18.4.2024 e o 13.3.2025, informe favorable.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Castelo repotenciación, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 30 de decembro de 2024:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do proxecto de renovación tecnolóxica do parque eólico Castelo, nos concellos de Coristanco, Tordoia, Santa Comba e Val do Dubra (A Coruña), promovido por Energías Especiales del Alto Ulla, SA, en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, concluíndo que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado e programa de vixilancia e seguimento ambiental que figuran ao longo deste documento, que prevalecerán sobre todo o anterior».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Castelo.

Nos epígrafes 5 e 6 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

5. Condicións ambientais.

5.1. Condicións particulares.

5.2. Condicións xerais.

5.2.1 Protección da atmosfera.

5.2.2 Protección das augas e leitos fluviais.

5.2.3 Protección do solo e infraestruturas.

5.2.4 Xestión de residuos.

5.2.5 Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

5.2.6 Integración paisaxística e restauración.

5.3. Outras condicións.

6. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

6.1. Aspectos xerais.

6.2. Aspectos específicos.

6.3. Informes do programa de vixilancia ambiental.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro Outorgar a autorización de desmantelamento das instalacións actuais do parque eólico Castelo, coas características principais seguintes:

Solicitante: Energías Especiales del Alto Ulla, S.A.

Enderezo: rúa Ribera del Loira 60, 28042 Madrid.

Denominación do proxecto: parque eólico Castelo.

Potencia instalada: 16,5 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 16,5 MW.

Concellos afectados: Coristanco, Santa Comba, Tordoia e Val do Dubra (A Coruña).

Orzamento de execución material (sen IVE): 790.623,29 €.

Instalacións que se desmantelarán:

• 25 aeroxeradores G-47 de 660 kW de potencia nominal unitaria e cunha altura da buxa de 45 m e cun diámetro de rotor de 23 m.

• Cimentacións, plataformas de montaxe e canalizacións eléctricas subterráneas de media tensión que queden sen uso.

• 1 torre meteorolóxica.

• Aparellaxe na subestación, estruturas metálicas e cimentacións.

• Desmantelamento e restauración dos vieiros que queden sen uso.

Segundo. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do modificado parque eólico Castelo, sito nos concellos de Coristanco, Santa Comba, Tordoia e Val do Dubra (A Coruña), promovido por Energías Especiales del Alto Ulla, S.A., para unha potencia de 16,5 MW.

Terceiro. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Castelo (repotenciación), composto polo documento Proxecto de execución modificado parque eólico Castelo (renovación tecnolóxica), con visado núm. 20251177, do 16 de maio de 2025, e asinado por Alberto Izquierdo Belmonte, enxeñeiro industrial, colexiado número 1151 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Energías Especiales del Alto Ulla, S.A.

Enderezo: rúa Ribera del Loira 60, 28042 Madrid.

Denominación do proxecto: parque eólico Castelo.

Potencia instalada: 16,8 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 16,5 MW.

Concellos afectados: Coristanco, Santa Comba, Tordoia e Val do Dubra (A Coruña).

Produción neta: 52.328 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 2.420 h.

Orzamento de execución material (sen IVE): 22.716.465,24 €.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico a que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

523.770

4.772.385

2

524.785

4.771.900

3

525.655

4.772.179

4

525.848

4.772.090

5

526.045

4.771.490

6

525.605

4.771.240

7

525.840

4.769.960

8

525.610

4.769.680

9

524.740

4.770.465

10

524.740

4.770.910

11

523.760

4.771.620

12

523.100

4.771.415

13

522.620

4.771.750

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

CA01

524.003,00

4.772.001,00

CA02

524.227,00

4.771.730,00

CA03

524.478,00

4.771.483,00

CA04

524.733,00

4.771.233,00

Coordenadas da explanada da subestación:

SE

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

CT/SUB

523.720,00

4.772.234,00

CT/SUB_ENV

523.699,00

4.772.256,00

CT/SUB_ENV

523.743,00

4.772.249,00

CT/SUB_ENV

523.741,00

4.772.226,00

CT/SUB_ENV

523.724,00

4.772.215,00

CT/SUB_ENV

523.694,00

4.772.222,00

Coordenadas da torre meteorolóxica:

Torre Met.

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

TM

524.341,00

4.771.594,00

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

• 4 aeroxeradores Vestas modelo V117-4.2 ou similar, de potencia unitaria de 4,2 MW, con rotor tripá de 117 m de diámetro, altura ata a buxa de 84 m, con velocidade e paso variable e sistema de orientación activo.

• 4 centros de transformación situados no interior do aeroxerador de relación de transformación de 0,720/20 kV, coas correspondentes celas de seccionamento, manobra e protección.

• Unha torre meteorolóxica de 85,5 metros de altura.

• Rede subterránea de media tensión a 20 kV e liña de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación transformadora existente, composta por 3 circuítos con condutores tipo RH5Z1, de 12/20 kV, de diferentes seccións.

• Rede de terra, común para todo o parque eólico, con condutor nu de Cu 50 mm2, formando un circuíto equipotencial de posta á terra.

• Rede de comunicacións, constituída por condutor de fibra óptica que interconectará os aeroxeradores e a torre meteorolóxica co centro de control situado na subestación.

• A enerxía procedente do parque eólico recollerase na subestación transformadora existente de Castelo 20/66 kV. Adecuarase o edificio principal existente da subestación, así como a reforma na cuberta do edificio.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Energías Especiales del Alto Ulla, S.A. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras e na fase de desmantelamento. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, en 159.538 e 238.522 euros, respectivamente.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. As actuacións de desmantelamento das instalacións iniciais do parque eólico realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como as consideracións dos puntos 5.1.3 e 5.2.4 da DIA.

En todo caso, a retirada dos cables existentes deberá xestionarse a través dun xestor autorizado.

Tamén deberán ter en conta as consideracións indicadas polo Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Rural no seu informe do 13 de marzo de 2025, ao cal Energías Especiales del Alto Ulla, S.A. deu á súa conformidade o 8 de maio de 2025.

5. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 30 de decembro de 2024, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras de construción, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co punto 5.1.2 da DIA.

6. O promotor deberá comunicar o inicio das obras con anterioridade ao prazo de dez (10) días á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático achegando toda a documentación necesaria establecida nesta resolución e na declaración de impacto ambiental.

7. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, o promotor deberá achegar ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 6 da declaración de impacto ambiental.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Con carácter previo á comunicación de inicio de obras, o promotor deberá acreditar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático que conta cos títulos habilitantes municipais de natureza urbanística, dos terreos de implantación do parque e as súas infraestruturas de evacuación recollidos na presente autorización administrativa, de acordo co artigo 40.2 da Lei 8/2009.

9. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante o departamento territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

10. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

13. O promotor deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 30 de xaneiro de 2025, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

14. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia da persoa interesada.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2025

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático