Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Touza, pertencente á CMVMC de Alixo e San Martiño, no concello do Barco de Valdeorras, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 18.12.2024 a CMVMC de Alixo e San Martiño presentou unha solicitude (Rexel núm. 2024/3543841) de revisión de esbozo do MVMC Touza, no concello do Barco de Valdeorras.
Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:
– Certificación do acordo da asemblea xeral do 10.2.2024.
– Memoria e planos.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 15 de xaneiro de 2025 en relación coa citada solicitude. O expediente de revisión de esbozo inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares, así como tamén un pequeno tramo que pasaría a ser estremeiro co MVMC Baldaios, Paradela e Touza pertencente á CMVMC de Raxoá, As Carreiras, Millarouso e Santurxo.
En relación con esta última veciñanza, cómpre sinalar que deriva da regularización dunha franxa de terreo duns 700 m de longo por 100-150 m de largo que conecta o MVMC Touza co MVMC Baldaios, Paradela e Touza, e que se corresponde groso modo coas porcións das RR.CC. 32010A03201900, 32010A03201901 e 32010A03201902 incluídas na proposta.
O Xurado Provincial considera que a inclusión destes terreos excede o ámbito do procedemento de revisión de esbozo e resulta máis procedente tramitala a través dun novo procedemento de clasificación.
A superficie do MVMC Touza queda en 110,97 ha, o que supón un incremento dun 26,1 %.
Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Touza.
Consideracións legais e técnicas:
Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con esta, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión, axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 15 de xaneiro de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 2 de xuño de 2025:
Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Touza, pertencente á CMVMC de Alixo e San Martiño, no concello do Barco de Valdeorras.
Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 16 de xuño de 2025
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
