DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Luns, 7 de xullo de 2025 Páx. 37491

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 18 de xuño de 2025 pola que se aproba a modificación dos estatutos da Federación Galega de Tenis.

Antecedentes:

Primeiro. O 26 de febreiro de 2025, a Federación Galega de Tenis solicitou a ratificación da modificación dos seus estatutos, así como a súa inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia (expediente PR946A/2025/1123).

Segundo. A Asemblea Xeral da federación aprobou a modificación dos artigos 1 e 71, na sesión ordinaria de data 21 de febreiro de 2025.

Terceiro. Os días 11 e 24 de marzo de 2025 requiríuselle para que achegara, entre outra documentación, os estatutos asinados e para que adaptase o seu articulado ao establecido na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia. A federación emendou os requirimentos o 13 de marzo e o 25 de abril de 2025, respectivamente.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. Corresponde á Administración deportiva autonómica, segundo o artigo 54.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, autorizar e revogar a autorización da constitución das federacións deportivas galegas e a aprobación dos seus estatutos e regulamentos de réxime interno, así como as súas modificacións.

Segunda. O artigo 54.7 da dita lei establece que os estatutos das federacións deportivas galegas e as súas modificacións publicaranse no Diario Oficial de Galicia, logo da aprobación destes pola Administración autonómica no prazo máximo de tres meses desde a súa presentación no rexistro.

Terceira. A solicitude presentouse no rexistro dentro do prazo de dous meses desde a aprobación da modificación estatutaria, tal e como exixe o artigo 20.2 do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Cuarta. Vista a proposta de resolución do secretario xeral para o Deporte, do 28 de maio de 2025, que aproba a modificación dos estatutos da Federación Galega de Tenis e propón a publicación no Diario Oficial de Galicia e a súa inscrición e depósito no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar a modificación dos estatutos da Federación Galega de Tenis.

Segundo. Ordenar a publicación dos estatutos, que se anexan a esta orde, no Diario Oficial de Galicia e a súa inscrición e depósito no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

Estatutos da Federación Galega de Tenis

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Definición e obxecto

A Federación Galega de Tenis (en adiante, FGT) é unha entidade privada, sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, cuxo ámbito de actuación se estende ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que ten por obxectivo promover, practicar e, en xeral, contribuír ao desenvolvemento do deporte do tenis, no que se inclúe expresamente o tenis adaptado en todas as súas modalidades, o tenis-praia e o pickleball. Está integrada polos clubs deportivos, seccións deportivas, deportistas, técnicas e técnicos-adestradoras e adestradores, xuíces-árbitros e árbitras da devandita modalidade especificados no artigo 6.

Artigo 2. Réxime xurídico

A FGT ten personalidade xurídica, plena capacidade de obrar, e un patrimonio propio e independente daquel dos seus asociados e asociadas, e réxese polo disposto na Lei /2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia; polas demais disposicións legais que lle sexan aplicables, e polo establecido nos presentes estatutos e nos seus regulamentos.

A FGT é unha entidade de utilidade pública, cos beneficios que o ordenamento xurídico outorga para este tipo de entidades.

Artigo 3. Funcións e competencias

Son funcións da FGT as que derivan do seu propio obxecto, tal e como ven definido no artigo 1 dos presentes estatutos. A FGT exercerá as súas funcións públicas delegadas de forma directa, sen que poidan ser obxecto de delegación o exercicio por ningunha substitución, sen autorización da administración deportiva.

Ademais das funcións propias do seu ámbito de actuación privada, exerce, en virtude da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, as funcións delegadas que se recollen no artigo 56.4 da citada cei, actuando neste caso como axente colaborador da Administración baixo a súa tutela e coordinación.

A FGT exerce de forma específica as seguintes funcións:

a) Promoción e desenvolvemento da práctica do tenis.

b) Elaboración das normas técnicas da modalidade deportiva do tenis e dirección e regulamento das actividades propias desta.

c) Ditame de normas de aplicación específica dos e das deportistas, podendo establecer listas e clasificacións destes e destas.

d) Desenvolvemento de programas de especialización do deporte do tenis.

e) Deseño, elaboración e execución dos plans de preparación de tenistas de alto nivel e as listas destas e destes en colaboración coa Administración deportiva de Galicia e, se é o caso, coa Real Federación Española de Tenis (RFET).

f) Colaboración coa Administración autonómica e cooperación coa RFET, se é o caso, na formación de técnicos deportivos.

g) Organización e dirección das competicións tenísticas de carácter oficial que se desenvolvan no ámbito da Comunidade Autónoma, ao abeiro das normas e dos regulamentos autonómicos, nacionais e internacionais que sexan aplicables. Expedirá, para estes efectos, as correspondentes licenzas deportivas.

h) A tutela, control e supervisión que sobre os seus propios asociados e asociadas lle recoñece o ordenamento xurídico deportivo.

i) Exercicio da potestade disciplinaria nos termos establecidos na lexislación vixente, así como nos seus propios estatutos e regulamentos.

j) Resolución en vía de recurso as impugnacións contra os acordos dos órganos dos clubs de tenis adscritos á FGT.

k) Designación das e dos tenistas que integrarán a selección galega, para a cal os clubs deberán poñer a disposición da FGT as e os deportistas elixidas ou elixidos.

l) Representación de Galicia en actividades e competicións tenísticas de carácter estatal ou supraestatal, celebradas dentro e fóra de Galicia, organizando a selección galega de tenis.

m) Colaboración coa Administración deportiva de Galicia, os entes locais e as agrupacións deportivas escolares na organización e no desenvolvemento dos programas xerais do deporte do tenis na idade escolar.

n) Poderá, ademais das súas propias atribucións, executar por delegación da Administración autonómica programas de promoción do tenis.

o) Aqueloutras funcións que poida encomendarlle a Administración deportiva da Comunidade Autónoma.

Son funcións delegadas:

a) A potestade para determina a súa propia organización interna e para ditar regulamentos no ámbito da súa competencia, conforme os seus estatutos e disposicións legais vixentes.

b) Exercer o control das subvencións oficiais que se lles asignen ós clubs de tenis a ela afiliados.

c) Executar as resolucións do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

d) Colaborar coa Administración deportiva de Galicia e outros órganos competentes da Administración autonómica na prevención, no control e na represión do uso de substancias e grupos farmacolóxicos prohibidos no deporte e na prevención e no control da violencia no deporte.

Artigo 4. Ámbito territorial

A FGT é a única Federación Galega existente para a modalidade deportiva do tenis e, polo tanto, exerce as súas competencias con carácter exclusivo no conxunto do territorio galego.

A FGT poderá establecer unha estrutura territorial propia, axustada á organización territorial da Comunidade Autónoma Galega cando con iso se poida acadar unha mellor forma de cumprimento dos seus fins.

Cando as circunstancias económicas, administrativas, deportivas ou de organización así o requiran, poderanse constituír ou suprimir delegacións, adecuándose en todo caso á estrutura territorial da Comunidade Autónoma, e sendo comunicada a decisión ao órgano da Xunta de Galicia con competencias no ámbito deportivo.

As delegacións axustaranse ás normas ditadas pola FGT a través dos órganos competentes, e directamente do seu presidente ou presidenta, non terán personalidade xurídica propia diferenciada da FGT. As e os titulares das delegacións serán nomeadas ou nomeados e cesadas ou cesado polo presidente ou presidenta da FGT.

As competicións ou actividades da FGT entenderase autorizadas pola Administración autonómica, conforme o establecido nos artigos 19 e seguintes da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Terán o carácter de oficiais aquelas competicións de tenis organizadas pola FGT no ámbito autonómico, agás denegación expresa da Administración deportiva de Galicia, que deberá ser motivada.

A FGT forma parte da Real Federación Española de Tenis, quen pola súa banda está integrada na ITF (Federación Internacional de Tenis) e na ETA. (Asociación Europea de Tenis), polo que acata e acepta as normativas e regulamentos destas institucións.

Artigo 5. Domicilio

A FGT ten o seu domicilio en Vigo, rúa Fotógrafo Luis Ksado, nº 17, baixo, oficina 1.

A decisión de cambio do domicilio a outra localidade da Comunidade Autónoma de Galicia corresponderá á Asemblea Xeral a proposta motivada da Xunta Directiva.

A Xunta Directiva poderá acordar o establecemento, modificación e supresión de cantas outras oficinas, representacións, locais, delegacións ou instalacións sexan necesarias dando conta das actuacións realizadas á seguinte Asemblea Xeral.

TÍTULO II

Estrutura participativa

Artigo 6. Estamentos

A FGT está integrada polos seguintes estamentos:

1. Deportistas.

2. Clubs Deportivos e Seccións Deportivas.

3. Técnicas e técnicos-adestradoras e adestradoras.

4. Xuíces-arbitros e árbitras.

Artigo 7. Composición dos estamentos

Pertencen ao Estamento de deportistas da FGT todas aquelas persoas físicas que no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia posúan a correspondente licenza deportiva, emitida e homologada pola FGT e Real Federación Española de Tenis, respectivamente, e estean ao día no seu pagamento.

Pertencen ao estamento de clubs deportivos e seccións deportivas da FGT aqueles clubs ou seccións deportivas constituídas e rexistradas conforme a lexislación vixente e que estean integrados nela, debendo estalo tamén, se é o caso, na correspondente federación de ámbito estatal. Deberán estar ao día no pagamento das súas obrigas federativas.

Estarán integradas neste estamento as sección deportivas cuxo obxecto sexa o deporte do tenis, constituídas conforme o disposto na Lei 3/2012, do deporte de Galicia, inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia e adscritas á FGT sempre e cando cumpran con todos os requisitos legais e estatutarios requiridos.

As e os representantes das seccións deportivas que designen as entidades que creen as seccións poderán participar nas asembleas xerais da FGT cos mesmos dereitos e coas mesmas obrigas que as e os representantes dos clubs.

Pertencen ao estamento de técnicas e técnicos-adestradoras e adestradores da FGT, aquelas persoas físicas tituladas como tales pola RFET ou calquera órgano oficialmente recoñecido, conforme áas fórmulas que se establezan en cada momento, e que posúan a licenza correspondente, e estean ao día no pagamento desta.

Pertencen ao estamento de xuíces-árbitros e xuízas-árbitras da FGT aquelas persoas físicas tituladas como tales pola RFET ou calquera outro órgano oficialmente recoñecido, conforme ás fórmulas que se establezan en cada momento e que posúan a licenza correspondente, e estean ao corrente de pagamento desta.

Artigo 8. As licenzas

Para participar nas competicións oficiais de tenis de ámbito autonómico e estatal, será preciso posuír a correspondente licenza federativa en vigor expedida pola FGT.

A expedición de licenzas deportivas é unha función pública delegada que a FGT exerce baixo a tutela da Administración deportiva e será expedida nos termos establecidos na Lei 3/2012, do deporte de Galicia.

A licenza producirá efectos nos ámbitos autonómico e estatal desde o momento no que se inscriba no Rexistro da FGT.

A FGT determinará o importe exixible para obter a licenza, que será fixado e aprobado pola Asemblea Xeral, así como o procedemento para a tramitación e a expedición desta.

A expedición e renovación das licenzas efectuaranse no prazo dun mes desde a súa solicitude. No caso de producirse a denegación, esta deberá ser motivada polo órgano competente da FGT.

A licenza federativa deberá expresar cando menos:

a) Os datos da persoa física ou entidade federada.

b) Os dereitos federativos.

c) Seguro obrigatorio de asistencia sanitaria cando se trate de persoas físicas.

d) Período de vixencia.

As causas de perda da licenza federativa serán:

a) Por vontade expresa da federada ou federado.

b) Por sanción disciplinaria.

c) Por falta de pagamento das cotas establecidas, previa advertencia ao federado o federada, notificado de forma fidedigna, e concedéndolle un prazo de 10 días para a liquidación do débito.

d) Por incumprimento de calquera outra causa das establecidas como obrigas da federada o federado.

Os datos de carácter persoal contidos nas licenzas federativas serán comunicados nos termos previstos no artigo 58.5 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, en relación, exclusivamente, á elaboración do censo dos correspondentes procesos electorais, respectando en todo caso, o procedemento que ao respecto se determine regulamentariamente.

Artigo 9. Dereitos e deberes básicos dos membros da FGT

Son dereitos básicos dos e das compoñentes dos estamentos integrados na FGT os seguintes:

a) Participar como electoras ou electores e elixibles aos órganos de representación e goberno da FGT dentro das condicións establecidas nos presentes estatutos.

b) Expresar libremente as súas opinións no seo da FGT, ao abeiro da lexislación vixente.

c) Participar nas competicións oficiais de tenis, conforme o disposto nos presentes estatutos e nos correspondentes regulamentos.

d) Figurar nas clasificacións oficiais editadas pola RFET, sempre que reúnan os requisitos deportivos necesarios para iso.

e) Os demais dereitos derivados da lei e dos presentes estatutos.

Son deberes básicos das e dos devanditas e devanditos compoñentes os seguintes:

a) Cumprir e facer cumprir as disposicións legais, os presentes estatutos e demais regulamentacións da FGT e as normas propias polas que se rexan.

b) Someterse á autoridade dos organismos federativos dos que dependan, e, no caso de entidades e clubs deportivos, ceder as súas instalacións cando sexan necesarias para celebrar actos ou competicións organizados por aqueles e sempre que o permitan as súas propias actividades.

c) Contribuír aos orzamentos da FGT pagando cotas e outras obrigas pecuniarias aprobadas pola Asemblea Xeral, así como as multas nas que puidesen incorrer por sanción federativa. A Xunta Directiva da FGT poderá acordar dar de baixa nesta a aquelas persoas ou entidades que incumpran as obrigas previstas neste parágrafo, o que se comunicará, para o seu referendo, á Asemblea Xeral na primeira reunión que esta celebre con posterioridade ao acordo da Xunta Directiva.

d) Non quebrantar a disciplina federativa en ningún dos seus ámbitos nin crear directa ou indirectamente situacións que poidan derivar en agravio ou molestia, e neutralizar polos medios máis eficaces as que eventualmente aparezan.

e) Contestar puntualmente as comunicacións dos órganos superiores, facilitando a estes cantos datos e informes soliciten.

f) En canto aos clubs e entidades deportivas, fomentar o deporte federado entre as socias e socios que practiquen tenis, a través da obtención de licenza de xogador e xogadora.

g) Calquera outra fixada polas disposicións legais, estatutos e regulamentos.

Sen prexuízo do previsto na anterior alínea c), e do que se dispoña en materia disciplinaria deportiva, as persoas ou entidades integradas na FGT que incumpran o previsto nos presentes estatutos ou incorran en causas graves e obxectivas para iso, poderán ser dadas de baixa naquela por acordo da Asemblea Xeral, adoptado por maioría simple dos seus asistentes, sempre previa a instrución dun expediente disciplinario, no que se dará audiencia á persoa interesade e que se axustará, no que cumpra, ás normas xerais administrativas nesta materia.

TÍTULO III

Estrutura orgánica xeral

CAPÍTULO I

Definición, funcións e réxime dos órganos da FGT

Artigo 10. Órganos da FGT

Son os seguintes:

– A Asemblea Xeral.

– A Comisión Delegada da Asemblea Xeral.

– Presidencia.

– A Xunta Directiva.

– Os comités.

– Secretaría.

Son órganos colexiados a Asemblea Xeral, a Comisión Delegada da Asemblea Xeral, a Xunta Directiva e os comités. Son órganos individuais os restantes.

A Presidencia da FGT e as e os compoñentes da Asemblea Xeral e da Comisión Delegada desta serán elixidas/os conforme o que se indica na parte correspondente destes estatutos. Os demais órganos serán designados e revocados libremente pola Presidencia.

Artigo 11. Disposicións comúns dos órganos colexiados

A convocatoria dos órganos federativos colexiados corresponderalle á Presidencia e a Secretaría levantará a correspondente acta dos acordos, especificando o nome das persoas que interviñesen e as demais circunstancias que se consideren convenientes, así como o resultado da votación e, se é o caso, os votos particulares contrarios ao acordo adoptado.

Os votos contrarios ao acordo adoptado ou as abstencións motivadas eximirán das responsabilidades que eventualmente se puidesen derivar dos acordos dos órganos colexiados.

Quedará validamente constituído o órgano colexiado aínda que non se cumprisen os requisitos de convocatoria se concorren todos os seus membros e así o acordan por unanimidade, ou se con posterioridade manifestan a súa adhesión incondicional aos acordos tomados a totalidade dos que non asistiron.

Impugnación dos acordos dos órganos colexiados:

a) Os acordos e actuacións dos órganos da FGT poderán ser impugnados por calquera federada o federado ou persoa que acredite un interese lexítimo, se os considerase contrarios ao ordenamento xurídico, polos trámites do xuízo que corresponda.

b) Os acordos e actuacións dos órganos da FGT que por razón da materia correspondan á xurisdición deportiva, poderán ser impugnados por calquera federado ou federada.

c) As federadas e federados poderán impugnar os acordos e actuacións da FGT que consideren contrarios aos estatutos dentro do prazo de corenta días, a partir da data de adopción destes, instando á súa rectificación ou anulación e a suspensión preventiva se é o caso, ou acumulando ambas as pretensións polos trámites establecidos na Lei de Axuizamento Civil.

d) A orde xurisdicional contencioso-administrativa será competente en todas as cuestións que se susciten nos procedementos administrativos instruídos en aplicación da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, de conformidade coas regras establecidas na Lei orgánica do poder xudicial e na Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 12. Incompatibilidades

Son causas de inelixibilidade para o desempeño dos cargos de membro da Asemblea Xeral, da Comisión Delegada da Asemblea, de Presidencia, e de membro da Xunta Directiva da FGT as seguintes:

a) Ser condenada ou condenado mediante sentencia xudicial firme que comporte a pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para cargo público.

b) Ser declarada ou declarado incapaz por decisión xudicial firme.

c) Atoparse inhabilitada o inhabilitado para o exercicio de cargos federativos por sanción firme.

A presidenta ou presidente da FGT deberá ser cidadá ou cidadán de Galicia, segundo o disposto no Estatuto de autonomía. O cargo da Presidencia da FGT é incompatible cos cargos de presidenta ou presidente doutra federación, de presidenta ou presidente ou vicepresidenta ou vicepresidente dun club de tenis e con calquera actividade directiva ou de representación dentro da propia estrutura da FGT.

Cando sobreveña unha causa de incompatibilidade inicialmente non existente, a persoa afectada deberá cesar automaticamente no cargo que ocupe.

Artigo 13. Sistema de responsabilidade dos órganos de representación da FGT

Polas responsabilidades federativas nas que poidan incorrer no desempeño das súas funcións, os membros da Asemblea Xeral e da súa Comisión Delegada, así coma a presidenta ou presidente da FGT, responderán perante a propia Asemblea Xeral. Os restantes órganos responderán ante a presidenta ou presidente da FGT. Todo isto sen prexuízo das demais accións legais e xudiciais de calquera tipo que se poidan derivar das condutas individuais ou colectivas dos órganos da FGT. Para estes efectos, a presidenta ou presidente da FGT estará facultada ou facultado, no nome desta, para interpoñer e seguir tales accións.

Así mesmo, a presidenta ou presidente, os membros da Xunta Directiva e os membros dos órganos de representación da FGT establecidos estatutariamente serán persoalmente responsables, fronte á propia federación, fronte aos seus membros ou fronte a terceiros:

a) Das obrigas que contraese a Federación e que non teñan, ou tivesen, o adecuado apoio contable, non figuren nas contas presentadas e aprobadas, ou sexan obxecto dunha contabilización que non reflicta a natureza e o alcance da obriga en cuestión, e que distorsionen a imaxe fiel que debe producir aquela.

b) Das obrigas que contraese contra a prohibición expresa doutros órganos federativos competentes ou da Administración autonómica, así como das obrigas que impliquen un déficit non autorizado ou fóra dos límites da autorización.

c) En xeral, dos actos ou das omisións que supoñan un prexuízo para a Federación cando sexan realizados vulnerando normas de obrigado cumprimento.

A responsabilidade descrita na alínea anterior poderase exixir no caso de existencia de dolo ou culpa na actuación dos suxeitos responsables. En todo caso, quedarán exentos de responsabilidade aquelas persoas que votasen en contra do acordo ou non interviñesen na súa adopción ou execución, ou aquelas que o descoñecesen ou, coñecéndoo, se opuxesen expresamente a aquel.

A responsabilidade regulada neste artigo é independente da responsabilidade disciplinaria na que se puidese incorrer, e que se exixirá consonte as disposicións da Lei 3/2012, do deporte de Galicia.

Artigo 14. A Asemblea Xeral da FGT. Composición

A Asemblea Xeral é o órgano superior da FGT e estará integrada por un número máximo de 60 membros.

A convocatoria de eleccións deberá indicar expresamente o número de membros da Asemblea Xeral en cada un dos seus estamentos.

Os membros da Asemblea serán elixidos, conforme o disposto na parte correspondente destes estatutos, cada catro anos, coincidindo cos Xogos Olímpicos de Inverno, por sufraxio libre, secreto, igual e directo, por e entre os integrantes maiores de idade de cada estamento incluídos no censo electoral, de conformidade co Regulamento electoral aprobado e coa normativa electoral que aprobe a Administración deportiva.

As eleccións á Asemblea Xeral serán acordadas por esta, que aprobará a convocatoria con todos os Requisitos que se establezan no Regulamento electoral.

A Asemblea Xeral estará constituída pola presidenta ou presidente da Federación Galega e por representantes dos clubs deportivos, deportistas, técnicas e técnicos-adestradoras e adestradores e xuíces-árbitros e árbitras.

Representantes do estamento de clubs deportivos:

Total: 42 membros 70 %.

Representantes do estamento de deportistas:

Total: 12 membros 20 %.

Representantes do estamento de técnicas e técnicos-adestradoras e adestradores:

Total: 3 membros 5 %.

Representantes do estamento de xuíces-árbitros e árbitras:

Total: 3 membros 5 %.

Os clubs deportivos non poderán ser membros da Asemblea Xeral se no momento da convocatoria de eleccións non figuran inscritos no Rexistro de Entidades Deportivas da Xunta de Galicia.

As e os representantes dos estamentos de técnicas e técnicos -adestradoras e adestradores e de xuíces-árbitros e árbitras pertencerán a unha circunscrición única, correspondente á totalidade do territorio galego.

As e os representantes dos estamentos de clubs deportivos e deportistas distribuiranse, para cada elección a membros da Asemblea Xeral, entre as circunscricións provinciais constituídas polos distintos clubs galegos.

A distribución provincial efectuarase automaticamente tomando como base as proporcionalidades existentes, entre o total autonómico de electoras e electores e elixibles e o correspondente a cada provincia.

Se un membro electo da Asemblea perdese a condición pola que foi elixida ou elixido, causará baixa automaticamente na devandita, procedendo a súa substitución da forma que marque o correspondente Regulamento eectoral.

Os membros da Asemblea Xeral cesarán polas seguintes causas:

a) Defunción.

b) Disolución do club ou entidade á que representen.

c) Expiración do prazo do mandato para o que foron elixidos ou elixidas.

d) Renuncia ou dimisión.

e) Por sanción disciplinaria imposta en forma regulamentaria que implique o cesamento no cargo que exerce.

f) Incapacidade ou inhabilitación absoluta ou especial declarada en sentencia xudicial firme.

Ás sesións da Asemblea poderá asistir, con voz pero sen voto, a presidenta ou presidente saínte do último mandato.

Artigo 15. A Asemblea Xeral da FGT. Funcións

Correspóndelle á Asemblea Xeral, en reunión plenaria:

a) Aprobación do orzamento anual e a súa liquidación.

b) Aprobación do calendario deportivo.

c) Aprobación e modificación dos estatutos da FGT.

d) Elección da presidenta ou presidente da FGT, así como o seu cesamento a través da correspondente moción de censura.

e) Control e aprobación, se é o caso, da xestión económica e deportiva da FGT.

f) Aprobación, se é o caso, por maioría de dous terzos das e dos asistentes, do alleamento e gravame dos bens inmobles da FGT, cando o importe da operación sexa inferior ao 25 por cento do seu orzamento.

g) Establecemento, modificación e regulación das cotas de afiliación e demais cargas de carácter económico que se poidan establecer sobre as e os integrantes da FGT.

h) Disolución da FGT.

i) Concesión de honores e distincións, á proposta da Xunta Directiva e segundo o que regulamentariamente se estableza.

j) Cantas outras resulten da lei ou destes estatutos.

Artigo 16. Réxime de funcionamento da Asemblea Xeral da FGT

A Asemblea Xeral reunirase necesariamente 2 veces ao ano para os fins da súa competencia. Unha preferentemente no último trimestre do exercicio para aprobar o orzamento correspondente ao seguinte exercicio e demais competencias, e outra antes do 30 de xuño para aprobar as contas anuais e a memoria descritiva das actividades realizadas.

Tamén se poderá reunir a Asemblea Xeral, con carácter extraordinario, e así mesmo convocada pola presidenta ou presidente, nos seguintes casos:

a) A iniciativa da propia presidenta ou presidente.

b) A iniciativa dun número de membros da propia Asemblea non inferior ao 25 %.

No caso b) precedente, a presidenta ou presidente deberá convocar a Asemblea dentro dun prazo máximo de dez días naturais desde a recepción da petición que os membros da Asemblea lle deberán dirixir, de forma fidedigna e mediante escrito no que conste inequivocamente a adhesión á petición do número de membros requirido. Desde a convocatoria ata a data da celebración da Asemblea non poderán transcorrer máis de vinte días.

O réxime das reunións da Asemblea Xeral, tanto ordinarias como extraordinarias, axustarase ao disposto nos parágrafos seguintes, que tamén serán de aplicación, no que proceda, á Asemblea Xeral que para a elección da/do presidenta/e da FGT e membros da Comisión Delegada está previsto no capítulo II do presente título.

A convocatoria da Asemblea Xeral, con detalle de lugar e hora da súa celebración, en primeira e segunda convocatoria, e a orde do día, notificarase por correo electrónico aos compoñentes daquela, debendo mediar un prazo mínimo de 48 horas entre o envío desta documentación e a celebración da Asemblea, e expoñerase no taboleiro da páxina web da FGT con 10 días de antelación.

Actuará como presidenta ou presidente da Asemblea Xeral, con voz e voto, quen o sexa da FGT e como Secretaria ou Secretario, só con voz, quen o sexa da propia Federación.

A Asemblea Xeral entenderase constituída en primeira convocatoria cando concorran a metade máis un das e dos seus compoñentes e, en segunda, calquera que sexa o número de asistentes; entre a primeira e segunda convocatoria deberá mediar un prazo non inferior a media hora. Alcanzado o quórum suficiente en calquera das dúas convocatorias, a presidenta ou presidente declarará constituída a Asemblea e manifestará cal sexa o número de asistentes. Os membros da Asemblea que se incorporen a esta con posterioridade ao devandito momento só poderán votar se aínda non foran chamados a depositar o voto, e, neste caso, a súa asistencia terase en conta para efectos de quórum nas votacións.

A presidenta ou presidente dirixirá a Asemblea e os debates, concederá a palabra a quen lla solicite e poderá retirala cando concorran circunstancias que o xustifiquen.

Co fin de garantir o cumprimento efectivo das funcións encomendadas ás federacións deportivas galegas, o órgano competente da Administración deportiva de Galicia convocará Asemblea Xeral ou a Comisión Delegada, para o debate e resolución, se procede, de asuntos ou cuestións determinadas, cando aquelas non fosen convocadas por quen ten a obriga estatutaria ou legal de facelo no tempo regulamentario.

O desenvolvemento das reunións da Asemblea Xeral axustarase á orde do día previamente establecida e comunicada. Calquera membro da Asemblea poderá tomar a palabra, que se deberá utilizar ordenadamente e por tempos prudenciais en función das circunstancias da reunión.

Cada membro da Asemblea terá un voto, que será igual, libre, secreto e directo para todos. A Presidencia arbitrará sistemas de votación que respecten estes principios. As e os compoñentes da Asemblea serán chamadas ou chamadas de xeito persoal a depositar o seu voto, incluso aos ausentes. Máis, cando ninguén se opuxese a este sistema, poderanse aprobar acordos por aclamación, co asentimento unánime das e dos presentes.

As cuestións sobre as que verse o voto presentaranse de forma clara e concreta pola Presidencia ou por calquera membro da Asemblea en forma de moción, debéndose votar conxunta e alternativamente as que foron opostas.

Non se poderán presentar mocións nin efectuar votacións sobre asuntos que non fosen previamente incluídos na orde do día. Se neste figurase a epígrafede «Rogos e preguntas» ou outro similar, deixarase constancia en acta, simplemente, das manifestacións que se poidan producir sobre temas presentados neste capítulo.

Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos entre das e dos asistentes á reunión, a non ser que nestes estatutos se especifiquen maiorías cualificadas para asuntos concretos.

Non se admitirá o voto por correo. Só se admitirá a delegación de voto aos clubs deportivos que sexan membros da Asemblea, e poderá exercelo quen ocupe o cargo na Presidencia ou a persoa, non membro da Asemblea, en quen o club delegue, conforme os seus propios estatutos, con carácter expreso e escrito para cada reunión. Ninguén poderá ter máis dunha delegación de voto das que se veñen de expresar.

Os acordos da Asemblea Xeral poderán versar sobre calquera materia da súa competencia e serán inmediatamente executivos, coidando da súa posta en práctica a presidenta ou presidente e a Xunta Directiva, sen prexuízo dos recursos que correspondan ante a xurisdición competente.

Non se poderán adoptar acordos contrarios aos presentes estatutos sen a súa previa modificación, a cal se deberá efectuar, en todo caso, conforme o procedemento especial previsto no título IX.

Artigo 17. A Comisión Delegada da Asemblea Xeral. Composición

No seo da Asemblea Xeral constituirase unha comisión delegada.

A Comisión Delegada será elixida por e entre os membros da Asemblea Xeral na primeira reunión posterior á súa constitución, mediante o sufraxio entre os membros desta, e o seu mandato coincidirá co da Asemblea Xeral.

A presidenta ou presidente da FGT exercerá de presidenta ou presidente da comisión delegada, e estará composta por un máximo de 9 membros, que serán elixidos por e de entre os da Asemblea Xeral, na primeira reunión que esta celebre ao iniciar o seu mandato e segundo o seguinte detalle:

• 5 correspondentes aos clubs deportivos, elixida esta representación por e entre os mesmos clubs, sen que os correspondentes a unha mesma provincia poidan ter máis de dous/dúas representantes. A representación do club na Comisión Delegada estará exercida necesariamente polo seu presidente ou presidenta, quen só poderá delegar, expresamente e por escrito para cada reunión, nun mesmo membro.

• 4 correspondentes ao resto dos estamentos, distribuídos da seguinte forma: 2 membros representantes de deportistas, 1 membro representante de técnicas e técnicos-adestradoras e adestradores e 1 membro representante dos xuíces-árbitros e árbitras. Todos eles elixidos por e de entre os seus respectivos estamentos na Asemblea Xeral. Os así elixidos manterán os seus cargos na Comisión Delegada en tanto sigan sendo membros da Asemblea Xeral dentro do período do seu mandato. Non poderán delegar a súa representación.

A representación máxima por provincia será de 3 membros, excluídos os estamentos de técnicas e técnicos e árbitros e árbitras.

No caso de que, unha vez elixida a Comisión Delegada, se produzan baixas ou vacantes entre os seus membros, estas substituiranse anualmente, por elección entre os grupos correspondentes.

As causas de cesamento dos membros da Comisión Delegada, rexeranse polo disposto no artigo 14 deste estatuto.

Artigo 18. A Comisión Delegada da Asemblea Xeral. Funcións

Corresponden á Comisión Delegada da Asemblea Xeral, as seguintes funcións:

a) Elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) A modificación do calendario deportivo.

c) A modificación dos orzamentos e dos regulamentos de desenvolvemento destes estatutos.

d) O seguimento da xestión deportiva e económica da FGT.

As modificacións non poderán exceder os límites e criterios que a propia Asemblea Xeral estableza.

A proposta sobre os temas que se van tratar na Comisión corresponde exclusivamente á Presidencia ou aos dous terzos dos membros da Comisión Delegada.

Artigo 19. Réxime de funcionamento da Comisión Delegada da Asemblea Xeral

A Comisión Delegada reunirase, como mínimo, tres veces ao ano, a convocatoria da Presidencia.

Tamén se poderá reunir a Comisión Delegada, con carácter extraordinario, e así mesmo convocada pola Presidencia, nos seguintes casos:

a) A iniciativa da presidenta ou presidente.

b) A iniciativa dun número de membros da propia Comisión Delegada non inferior a 6.

No caso b) precedente, a presidenta ou presidente deberá convocar a Comisión Delegada dentro dun prazo máximo de dez días desde a recepción da petición que os membros da Comisión lle deberán dirixir, de forma fidedigna e mediante escrito no que conste inequivocamente a adhesión á petición do número de membros requirido.

A convocatoria da reunión da Comisión Delegada, con detalle de lugar e hora da súa celebración, en primeira e segunda convocatoria, e a orde do día, serán notificados por correo electrónico aos compoñentes daquela, debendo mediar un prazo mínimo de sete días e máximo de quince entre o envío desta documentación e a celebración da reunión.

Actuará como presidenta ou presidente da Comisión Delegada, con voz e voto, quen o sexa da FGT e como secretaria ou secretario, só con voz, quen o sexa da propia Federación.

A Comisión Delegada entenderase constituída en primeira convocatoria cando concorran polo menos a metade máis un dos seus e súas compoñentes, e en segunda, cando concorran calquera que sexa o seu número; entre a primeira e segunda convocatoria deberá mediar un prazo non inferior a media hora.

Poderán asistir tamén ás reunións da comisión delegada as asesoras ou asesores que, oportunamente estime a Presidencia e farano con voz pero sen voto. Polo demais, será de aplicación analóxica e supletoria o establecido no precedente artigo 16 en materia de réxime de reunións e toma de acordos da Asemblea Xeral.

O mando da Comisión Delegada coincidirá co da Asemblea Xeral.

Artigo 20. A Presidencia da FGT. Réxime e funcións

A Presidencia da FGT é o órgano executivo desta, ten a súa representación legal, convoca e preside os órganos de goberno e representación e executa os seus acordos.

A Presidencia da FGT serao tamén da Asemblea Xeral e da Comisión Delegada, con voto de calidade no caso de empate na adopción de acordos da Asemblea Xeral Plenaria e da Comisión Delegada.

A Presidencia da FGT desempeñará o seu cargo coa máxima dedicación posible.

Para poder ser candidata ou candidato á Presidencia ou membro da Xunta Directiva da FGT terá que reunir as seguintes condicións:

a) Ter cidadanía galega, segundo o disposto no Estatuto da autonomía.

b) Ser maior de idade.

c) Estar en pleno uso dos dereitos civís.

d) Non incorrer no pasado en ningunha sanción deportiva que a/o inhabilite.

Artigo 21. Elección da Presidencia da FGT

A Presidencia da FGT elixirase cada catro anos, coincidindo cos anos de Xogos Olímpicos de Inverno, mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto, polos membros da Asemblea Xeral, que se debe elixir previamente para o mesmo período, sen que teña que ser membro desta.

O procedemento de elección do presidente regularase segundo o disposto no artigo 58.5 da Lei 3/2012, do deporte de Galicia, en canto aos procesos electorais, axustándose ao disposto na normativa que para tal efecto estableza a Administración autonómica e deberán ser aprobados por esta con anterioridade á realización efectiva do proceso electoral.

A presidenta ou presidente da Federación Galega de tenis poderá como máximo ser reelixida ou reelixido nunha ocasión, cumprindo polo tanto como máximo dúas lexislaturas consecutivas.

Artigo 22. Cesamento da Presidencia da FGT. Moción de censura

A presidenta ou presidente da FGT cesará no seu cargo, antes de expirar o período do seu mandato, por calquera das causas seguintes:

a) Falecemento ou incapacidade física permanente que impida o desenvolvemento das súas funcións.

b) Dimisión.

c) Causas legais ou estatutarias de incapacidade, sobrevidas con posterioridade ao seu nomeamento.

d) Aprobación dunha moción de censura, que deberá ser construtiva, debendo presentar quen a propoña un candidato ou candidata, e que de aprobarse quedará elixido o elixida polos mecanismos regulares, debéndose tratar nunha asemblea xeral extraordinaria, a convocatoria da cal deberase solicitar, en todo caso e como mínimo, por un terzo das o dos compoñentes da Asemblea. Para que prospere, será preciso que voten ao seu favor os dous terzos das o dos asistentes á Asemblea Xeral Extraordinaria, que deberán representar, como mínimo, a metade máis un da totalidade dos seus e das súas compoñentes. Se a moción de censura é rexeitada, ningún das persoas propoñentes poderá intentar outra contra a mesma presidenta ou presidente ata pasados seis meses da votación daquela. A sesión da Asemblea Xeral Extraordinaria na que se debata a moción de censura será presidida polo membro asistente de maior idade, podendo asistir e intervir na Asemblea, en todo caso, a presidenta ou presidente sometido á moción de censura. Se esta é aprobada, a presidenta ou presidente da FGT cesará inmediatamente do seu cargo.

No caso de dimisión, a presidenta ou presidente continuará transitoriamente en funcións e convocará unha asemblea xeral extraordinaria, que se celebrará no prazo máximo de dous meses a partir da presentación da dimisión, na que se elixirá a quen o suceda.

Nos demais casos, as funcións da presidenta ou presidente serán asumidas, colexiadamente, pola Xunta Directiva que constituirá un órgano denominado Comisión Xestora, con igualdade de voto entre os seus membros, e que será presidida por quen fose ata ese momento vicepresidenta ou vicepresidente daquela, e, na súa falta, por quen elixan os seus e as súas compoñentes. A Comisión Xestora convocará unha asemblea xeral extraordinaria para a elección da nova presidenta ou presidente, no prazo máximo de dous meses contados desde que se producise a vacante.

En todos estes supostos, ao tempo de convocarse á Asemblea Xeral Extraordinaria electiva, reunirase a Xunta Electoral en funcións para actuar no proceso electoral, o cal se desenvolverá de conformidade cos artigos correspondentes ao capítulo II do presente título.

A presidenta ou presidente que resulte elixido en substitución do que cesase por calquera das causas previstas neste artigo completará o mandato só polo tempo que restase de cumprir a este último o última.

Artigo 23. A Xunta Directiva

A Xunta Directiva da FGT é o seu órgano colexiado, e estará composta por un mínimo de 5 membros e un máximo de 15, e todos eles serán nomeados e revogados libremente pola Presidencia da Federación, que a presidirá.

Os membros da Xunta Directiva que non o sexan da Asemblea Xeral terán acceso ás sesión desta con dereito a voz, pero sen voto.

A Xunta Directiva contará cunha Vicepresidencia Primeira, que substituirá a Presidencia en caso de ausencia. A súa designación e revogación corresponde tamén, libremente, á Presidencia da FGT, quen poderá designar, así mesmo dentro da Xunta Directiva, cantas outras Vicepresidencias teña por conveniente, coa orde que estableza, as cales substituirán, pola súa orde, a Vicepresidencia Primeira nos casos de ausencia ou incapacidade desta.

A Presidencia poderá atribuír as funcións e responsabilidades concretas a todos ou parte dos membros da Xunta Directiva, dentro das funcións propias desta. Neste sentido, poderá designar a un membro da Xunta Directiva, como Vicepresidencia Económica ou Tesouraría da FGT coas facultades que concretamente lle asigne e en todo caso as de exercer, por delegación da Presidencia, a autoridade máxima en materia de control e supervisión económica da Federación, así mesmo nomeará un/ha delegado/a provincial nas provincias que non sexan sede da FGT.

O sistema de convocatorias, reunións, debates e adopción de acordos no seo da Xunta Directiva fixarao libremente a Presidencia.

Exercerá a Secretaría da Xunta Directiva, á elección de Presidencia, quen o faga na propia FGT ou un membro daquela.

Todos os cargos son honoríficos e, en caso extraordinario, cando se estableza unha compensación económica xustificada a favor dalgún dos membros da Xunta Directiva terá que ser expresamente acordada por maioría absoluta da Asemblea Xeral e constar de maneira diferenciada no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser retribuída con cargo ás subvencións públicas que reciba a Federación.

Artigo 24. Os comités

A Xunta Directiva da FGT poderá acordar a constitución de cantos comités sexan necesarios.

As súas competencias e réxime de funcionamento serán os que se establezan por vía regulamentaria ou no acordo da súa creación, debidamente referendado pola Comisión Delegada da Asemblea.

As presidentas ou presidentes e demais membros dos comités serán designados pola Presidencia da FGT agás as Presidentas ou Presidentes dos comités de modalidades deportivas, cando estes existisen, que serán elixidas ou elixidos polo colectivo interesado na forma que regulamentariamente se estableza.

En todo caso, existirá no seo da FGT un Comité Técnico de xuíces-árbitros e árbitras, do que a presidenta ou presidente e demais membros serán tamén designados pola Presidencia da FGT, sendo as súas funcións:

a) Establecer os niveis de formación arbitral.

b) Clasificar tecnicamente, en función dos criterios prefixados pola Asemblea Xeral as xuíces-árbitros e árbitras, propoñendo á Xunta Directiva a adscrición ás categorías correspondentes. Estas clasificacións comunicaranse á Asemblea Xeral.

c) Propoñer as candidatas e candidatos a xuíces-árbitros e árbitras nacionais e internacionais.

d) Propoñerlle á Xunta Directiva as normas administrativas reguladoras da arbitraxe, para a súa posterior aprobación pola Asemblea Xeral.

e) Designar as colexiadas e colexiados nas competicións oficiais de ámbito galego.

f) Colaborar cos órganos competentes da Federación, na formación de xuíces e árbitros e árbitras.

Artigo 25. A Secretaría

Consonte o artigo 59 da Lei 3/2012, do deporte de Galicia, para o desempeño das función administrativas na FGT haberá un secretario ou secretaria, que será designado ou designada e separado ou separada pola Presidencia.

O secretario ou secretaria, que poderá ser membro da Xunta Directiva, exercerá as funcións de feudatario ou feudataria e asesor ou asesora, e máis especificamente:

a) Levantar actas das reunións dos órganos de goberno e representación nos casos legal e estatutariamente previstos, con indicación de asistencia, temas tratados, o resultado das votacións e, se é o caso, os votos particulares contrarios ao acordo adoptado. Os votos contrarios ao acordo adoptado, ou as abstencións motivadas eximirán das responsabilidades que se puidesen derivar, se é o caso, dos acordos dos órganos colexiados unha vez aprobadas, asinalas co visto e prace da Presidencia.

b) Custodiar as actas das reunión dos órganos de goberno e representación e dos arquivos da Federación.

c) Expedir as certificacións oportunas dos actos dos órganos de goberno e representación da FGT.

d) Levar o control e fiscalización da xestión económico-administrativa e orzamentaria, así como o da contabilidade e tesourería, no caso de non existir a figura da Tesouraría.

e) Cantas funcións lle encomenden os regulamentos da Federación ou lle sexan delegadas pola Presidencia.

Artigo 26. A Tesouraría

A Tesouraría da Federación é o seu órgano de administración.

Exercerá como funcións propias:

a) Levar a contabilidade da Federación.

b) Exercer a inspección económica de todos os órganos da Federación.

c) Elaborar e presentar informes á Comisión Delegada do estado contable da FGT.

d) Calquera outra función que lle encomenden os estatutos e regulamentos da FGT.

No caso de non existir tesoureiro ou tesoureira as súas funcións serían asumidas polo secretario ou secretaria de acordo co artigo 59 da Lei 3/2012. Neste caso serán funcións da persoa titular da secretaría a redacción e control das actas e dos arquivos da FGT, e o control e a fiscalidade interna da xestión económico-financeira e orzamentaria, así como a de contabilidade e tesouraría.

TÍTULO IV

Réxime económico

Artigo 27. Orzamento

A Asemblea Xeral da FGT aprobará durante o último trimestre do seu exercicio económico o orzamento correspondente ao seguinte exercicio. O devandito orzamento debe ser equilibrado e non deficitario e enténdese condicionado, no que ás subvencións públicas se refire, ás condicións de aprobación dos orzamentos de Galicia. O citado orzamento será remitido á Administración deportiva no prazo dun mes desde a súa aprobación.

A FGT non poderá aprobar orzamentos deficitarios sen a autorización expresa da Administración deportiva autonómica.

Tampouco poderá repartir beneficios entre os membros da FGT.

Artigo 28. Xestión económica

A Federación Galega ten o seu propio réxime de administración e xestión de orzamento e patrimonio, e somete a súa contabilidade e estado económico ou financeiro ás prescricións legais, sendo de aplicación, en todo caso, as seguintes regras:

a) Pode promover e organizar actividades e competicións deportivas dirixidas ao público, debendo aplicar os beneficios económicos, se os houbese, ao desenvolvemento do seu obxecto social.

b) Pode gravar e allear os seus bens mobles ou inmobles, tomar diñeiro a préstamo e emitir títulos representativos da débeda ou de parte alícuota patrimonial, sempre que os devanditos negocios xurídicos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da entidade ou do seu obxecto social. No caso de venta ou gravame dos bens inmobles cuxa titularidade corresponda á FGT e que fosen financiados en todo ou en parte con fondos públicos, será necesaria a autorización da Administración autonómica.

c) Pode exercer, complementariamente, actividades de carácter industrial, comercial, profesional ou de servizos e destinar os seus bens e recursos aos mesmos obxectivos deportivos, pero en ningún caso poderá repartir beneficios entre os seus membros.

d) Non poderá comprometer gastos de carácter plurianual, no seu período de mandato, ou cando superen o período de mandato da Presidencia sen autorización previa da Administración deportiva de Galicia. Será preceptiva tamén esta autorización previa cando a natureza do gasto, ou a porcentaxe deste en relación co seu orzamento, vulnere os criterios que se determinen regulamentariamente.

e) Correspóndelle á Presidencia da FGT a sinatura, no nome desta, de todo tipo de contratos, convenios e documentos de contido económico e en especial, a apertura de contas bancarias e a formalización de operacións de préstamos, crédito ou hipoteca, dentro dos límites anteriormente sinalados.

f) Para a disposición de todo tipo de contas e imposicións bancarias, á vista, de aforro, de crédito ou a prazo, así como para establecer e retirar depósitos en efectivo ou valores, emisión de cheques, libramento e aceptación de letras de cambio e/ou obrigas de pagamento, abondará coa sinatura da presidenta ou presidente mancomunada coa da tesoureira ou tesoureiro, se é o caso.

Artigo 29. Memoria económica

A FGT elaborará unha memoria na que se incluirá a liquidación do orzamento que analizará fidedignamente a actividade económica da Federación, a súa adecuada actuación orzamentaria, o cumprimento dos obxectivos e os proxectos que se van desenvolver, e informar separadamente como mínimo sobre os seguintes aspectos:

1.- Diferenciación dos ingresos e contribucións segundo:

a) Subvencións públicas.

b) Subvencións, donativos ou contribucións privadas.

c) Vendas de activos.

d) Ingresos procedentes de competicións organizadas.

e) Ingresos para servizos prestados pola Federación, permisos, licenzas, e outros.

f) Ingresos financeiros.

2. Tamén constará o destino da totalidade dos recursos, distinguindo como mínimo os grupos de custo ou investimentos seguintes:

a) Administración da Federación.

b) Dirección e servizos da directiva, entre eles viaxes.

c) Competicións.

d) Axudas a clubs e outras entidades.

e) Axudas para actos deportivos.

f) Construcións e outros inmobilizados.

g) Formación de deportistas e técnicas ou técnicas.

h) Deporte de elite e profesional.

i) Árbitros e árbitras.

j) Órganos xurisdicionais.

3. O importe das obrigas de pagamento que é preciso satisfacer noutros exercicios que non estean previstos no balance e o importe das garantías e os avais comprometidos.

4. A liquidación do orzamento, que explique as variacións na relación co orzamento aprobado na asemblea anterior.

Artigo 30. Control contable

A FGT debe someter anualmente a súa contabilidade e mais o seu estado económico a unha auditoría ou verificación contable, nos casos en que así o dispoña a Administración Autonómica.

Artigo 31. Publicidade

As contas anuais e os orzamentos teñen que estar no domicilio social da FGT e delegacións cunha antelación mínima de 15 días á celebración da Asemblea, á disposición das persoas ou entidades con dereito a voto, as cales poderán pedir copia que se lles entregará antes da celebración da Asemblea.

Artigo 32. Ingresos da FGT

Constitúen os ingresos da FGT os seguintes:

a) As subvencións que poida recibir do Estado, Xunta de Galicia, Real Federación Española de Tenis, deputacións, concellos ou calquera outra entidade pública ou privada.

b) Os ingresos obtidos por afiliacións, licenzas, servizos e outros ingresos que se establezan, tras a aprobación previa dos órganos correspondentes.

c) A participación que se poida fixar nos ingresos de toda orde que teñan as asociacións, agrupacións, clubs e resto de entidades, logo da aprobación previa da Asemblea Xeral.

d) O importe das sancións e das multas que se produzan a consecuencia das competicións que a Federación organice, e con ocasión do exercicio da potestade disciplinaria.

e) O beneficio que se obteña por calquera concepto e se produza en actos, e competicións que se organicen.

f) Os donativos, subvencións e outros ingresos que se deriven do exercicio da actividade propia da FGT.

g) Os préstamos ou créditos que lle sexan concedidos.

h) Os procedentes de calquera actividade legal que a título lucrativo ou por explotación ou arrendamento dos seus bens se produzan a favor da FGT. Estas actividades poderán ser desenvoltas por sociedades mercantís participadas pola FGT.

i) Calquera outro recurso que poida adquirir por calquera medio válido en dereito.

No caso de disolución da FGT, o seu patrimonio neto, se o houber, aplicarase a realización de actividades semellantes, e a Administración deportiva de Galicia determinará o seu destino concreto.

TÍTULO V

Réxime documental

Artigo 33. Disposición única

A FGT levará como mínimo os seguintes libros debidamente dilixenciados polo Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia:

a) Libro de rexistro de membros afiliados a FGT, sendo estes deportistas, clubs e sección deportivas. No rexistro de clubs e sección deportivas constará a súa denominación, o seu domicilio social, e o seu número de inscrición no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas da Xunta de Galicia.

b) Libro de actas, un ou varios, nos que se reflectirán as reunións e acordos tomados pola Asemblea Xeral, a Comisión Delegada da Asemblea e a Xunta Directiva. Poderanse incluír tamén, se así se considera oportuno, as deliberacións e acordos dos diversos comités.

Nas actas estarán especificados o nome das persoas intervenientes e demais circunstancias que se consideren oportunas: contido dos acordos adoptados, resultados das votacións e, se é o caso, os votos particulares contrarios ao acordo adoptado.

As actas serán remitidas a todos os membros do correspondente órgano colexiado nun prazo de trinta días, a partir dos cales comezará a contar o prazo de impugnación. Se transcorridos trinta días desde a súa remisión non foron impugnadas, consideraranse aprobadas.

As actas poderán ser aprobadas ao finalizar as sesións dos órganos colexiados da FGT, sen prexuízo da remisión posterior aos membros destas.

A impugnación das actas non suspenderá a eficacia dos acordos adoptados. Os votos contrarios ao acordo adoptado ou as abstencións motivadas eximirán a quen os emita de calquera responsabilidade derivada de tales acordos.

Os acordos dos órganos colexiados da FGT poderán ser impugnados polas persoas interesadas ante os organismos competentes, segundo o disposto neste estatuto.

c) Os libros de contabilidade.

d) Libro inventario dos bens mobles e inmobles.

e) Aqueles libros oficiais que por imperativo legal, de índole laboral, administrativo ou de calquera outra orde sexan obrigatorios para a Federación.

En consonancia co previsto no artigo 25, o réxime documental da FGT estará a cargo da Secretaría, a quen lle corresponde a custodia dos libros da Federación; redactar as actas das reunión dos órganos colexiados e, unha vez aprobadas, asinalas co visto e prace da Presidencia; expedir certificacións; remitir as certificacións e acordos que procedan ao órgano da Xunta con competencias no ámbito deportivo e, en xeral, preparar a resolución e despacho de todos os asuntos.

No caso de ausencia ou imposibilidade física da propia Secretaria ou Secretario, as súas función serán desempeñadas pola propia presidenta ou presidente da FGT, ou pola persoa en quen esta o este delegue.

A FGT someterá o seu réxime documental ás auditorías que se establecesen por aplicación das disposicións legais.

Calquera membro da asemblea poderá solicitar información e examinar os libros federativos, agás os que conteñan datos relativos á intimidade das persoas. Neste caso elevará escrito á Presidencia da FGT especificando claramente que libro ou libros desexa examinar e o motivo da súa solicitude. A Presidencia contestará á persoa interesada no prazo de 10 días, comunicándolle, se é o caso, o lugar, o día, e a hora para facer efectivo o exame do libro ou libros solicitados.

O exame dos libros producirase sempre no domicilio social da Federación, e en presenza dun membro da Xunta Directiva ou dun empregado ou empregada federativa.

Cando se trate de documentación relativa á orde do día dunha Asemblea Xeral xa convocada, a solicitude deberase cursar antes dos dez días anteriores á súa celebración e a Federación deberá posibilitar a consulta cando menos con cinco días de antelación.

TÍTULO VI

Réxime disciplinario

CAPÍTULO I

Dos principios xerais do réxime disciplinarios da FGT

Artigo 34. Normativa aplicable

O réxime disciplinario da FGT réxese polo previsto na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia; en cantas outras disposicións legais existan agora ou no futuro nesta materia; e polo regulado no presente título destes estatutos.

Tamén serán de aplicación os principios xerais do dereito sancionador.

Artigo 35. Ámbito obxectivo de aplicación

O ámbito disciplinario da FGT esténdese ás infraccións das regras do xogo do tenis e das normas xerais deportivas.

Son infraccións ás regras do xogo do tenis as acción ou omisións que, durante o curso do xogo, vulneren, impidan ou perturben o seu normal desenvolvemento.

Son infraccións ás normas xerais deportivas as demais accións ou omisións que sexan contrarias ás devanditas normas.

O réxime disciplinario da FGT e independente da responsabilidade civil ou penal, así como do réxime derivado das relacións laborais, que se rexerá pola lexislación que en cada caso corresponda.

Artigo 36. Ámbito subxectivo de aplicación

A potestade disciplinaria da FGT exércese:

a) Sobre as persoas que forman parte da súa estrutura orgánica, definida no art. 10, sendo a FGT o órgano competente, en única instancia federativa, para coñecer as infraccións disciplinarias de calquera tipo cometidas polas devanditas persoas no exercicio das súas funcións federativas.

b) Sobre as persoas que estean en posesión de licenza expedida e homologada pola FGT e RFET respectivamente que cometan infraccións disciplinarias ás regras do xogo con motivo de torneos ou competicións tal como se definen no art. 3º destes estatutos. Neste caso, a competencia da FGT exercerase, cando proceda en primeira e, en todo caso, en única ou última instancia federativa.

c) Sobre o persoal directivo e presidentas ou presidentes de clubs, asociacións deportivas ou seccións deportivas incardinadas na FGT, que cometesen calquera das infraccións previstas no regulamento disciplinario.

d) A FGT será competente en segunda ou ulterior, e última, instancia federativa para coñecer as restantes infraccións non recollidas nas epígrafes precedentes, cando as normas contidas ao respecto neste título e con aplicación, en todo caso, dos seus principios xerais.

A potestade disciplinaria atribúelle á FGT a facultade de investigar e, se é o caso, sancionar ou corrixir as persoas ou entidades sometidas a aquela.

Os conflitos positivos ou negativos de competencia en materia disciplinaria e nos que sexa parte a FGT serán resoltos polo Comité Galego de Xustiza Deportiva.

As responsabilidades disciplinarias da FGT como tal ente, e as do seu presidente ou presidenta, rexeranse polo disposto nas leis e regulamentos.

Artigo 37. Ámbito territorial de aplicación

Son sancionables, conforme a este título, as infraccións cometidas en Galicia; tamén se poderán sancionar as cometidas fóra do territorio galego cando se dean algunhas das seguintes circunstancias:

a) Que as infractoras ou infractores sexan persoas que estean representando oficialmente, como persoal directivo, técnicas ou técnicos, xogadoras ou xogadores, ou por calquera outro concepto, á FGT ou a unha entidade deportiva galega.

b) Que as infractoras ou infractores estean en posesión de licenza federativa por Galicia.

Artigo 38. Principio de retroactividade favorable

As normas disciplinarias só terán efecto retroactivo cando beneficien as persoas responsables da comisión dunha infracción.

A retroactividade das disposicións favorables deberá ser declarada, de oficio ou a instancia da parte interesada, polo órgano que tivese coñecemento da infracción de que se trate, ou por aquel que ditase a resolución en última instancia. Os devanditos órganos serán tamén os competentes para ditar as medidas necesarias para facer efectiva a retroactividade favorable.

Contra a negativa a declarar a retroactividade ou a adoptar as correspondentes medidas, caberán os recursos establecidos neste título.

Artigo 39. Principio de garantía procesual

Non se poderán impoñer sancións senón en virtude do correspondente procedemento previsto na normativa disciplinaria, e segundo ao que nela se dispoña.

No dito procedemento garánteselles ás persoas interesadas o dereito de asistencia pola persoa que designen e a audiencia previa á resolución do expediente.

CAPÍTULO II

Dos principios informadores

Artigo 40. Suxeición ós principios informadores do dereito sancionador

Na determinación da responsabilidade derivada das infraccións deportivas, os órganos disciplinarios federativos deberán aterse ós principios informadores do dereito sancionador.

Artigo 41. Tipicidade

Non se poderá impoñer sanción algunha por accións ou omisións non tipificadas como infracción con anterioridade ó momento de producirse; nin tampouco se poderán impoñer sancións que non estean establecidas por una norma anterior á perpetración da falta.

Artigo 42. Non bis in idem

Non se poderán impoñer máis dunha sanción por un mesmo feito, salvo as que se determinen como accesorias e soamente nos casos en que así se especifique.

Artigo 43. Retroactividade

A retroactividade das disposición favorables deberá ser declarada, de oficio ou a instancia de parte interesada, polo órgano que estivese coñecendo da infracción de que se trate, ou por aquel que ditase a resolución en última instancia. Os devanditos órganos serán tamén os competentes para ditar as medidas necesarias para facer efectiva a retroactividade favorable.

Contra a negativa a declarar a retroactividade ou a adopta as correspondentes medidas, caberán os recursos establecidos neste título.

Artigo 44. Procedemento

Non se poderán impoñer sancións senón en virtude do correspondente procedemento previsto na normativa disciplinaria e conforme o que nela se dispoña.

No dito procedemento garántase ós interesados o dereito de asistencia pola persoa que designen á audiencia previa á resolución do expediente.

Artigo 45. Prescrición

As infraccións prescribirán aos tres anos, ao ano ou ao mes, segundo sexan moi graves, graves ou leves, e comezará a contar o prazo de prescrición o día en que se cometeron os feitos.

O prazo de prescrición interromperase no momento no que se acorda iniciar o procedemento sancionador, pero se este permanecese paralizado durante un mes, por causa non imputable á persoa ou entidade suxeita ao dito procedemento, volverá a correr o prazo correspondente, interrompéndose de novo a prescrición ao proseguir a tramitación do expediente.

Para estes efectos, só se entenderá paralizado un procedemento cando se esgota calquera dos prazos previstos, non houbese outros en curso, e non se adoptara providencia de ningún tipo dentro dos quince días hábiles seguintes:

As sancións prescribirán aos tres anos, ao ano ou ao mes, segundo se trate das que correspondan a infraccións moi graves, graves ou leves, e comezará a contar o prazo de prescrición desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a resolución pola que se impuxo a sanción, ou desde que se quebrántase o seu cumprimento se este xa se iniciase.

Artigo 46. Cumprimento das sancións

Os órganos disciplinarios competentes en calquera instancia poderán adoptar e ordena-las medidas que estimen oportunas que conduzan a asegurar e vixiar o cumprimento das sancións.

Artigo 47. Réxime de suspensión das sancións

A simple interposición de reclamacións ou recursos contra as sancións non paralizará ou suspenderá a súa execución. Non obstante, os órganos disciplinarios que estivesen coñecendo da reclamación ou recursos poderán acordar potestativamente a dita suspensión, por petición fundada, expresa e razoada do interesado.

O outorgamento da suspensión avaliarase se o cumprimento da sanción pode supor prexuízos de imposible ou difícil reparación.

Por excepción ó anterior, cando a sanción consista na clausura dun recinto deportivo, producirase a súa suspensión pola simple presentación en forma legal do correspondente recurso, sen necesidade de ningún outro trámite ou manifestación por parte do interesado.

CAPÍTULO III

Da responsabilidade

Artigo 48. Persoas responsables

Serán persoas responsables disciplinariamente, e poderán ser sancionadas conforme a este Regulamento, todas aquelas que cometan calquera das infraccións nel previstas.

A circunstancia de ser o autor da infracción menor de dezaseis anos non lle eximirá da responsabilidade, pero poderá ser considerada polo órgano sancionador como circunstancia atenuante.

A responsabilidade disciplinaria poderá recaer sobre unha persoa xurídica, club deportivo ou asociación cando a infracción derive de accións ou omisións cometidas ou ordenadas polos seus órganos representativos no exercicio das súas funcións, ou cando este colaborasen na comisión de calquera infracción, o permitisen canto tivesen obriga e ocasión de impedila.

Nestes casos serán tamén responsables e, polo tanto, sancionables con total independencia, as persoas físicas que tomasen o acordo determinante da infracción, ou que a ordenasen, cometesen ou permitisen. Se houbese dúbida, esta responsabilidade afectará ós compoñentes do órgano de dirección da entidade infractora.

Se é o caso, quedarán exentos de responsabilidade os membros dun órgano colexiado que salvasen o seu voto, ou non participasen, descoñecéndoa, na comisión da infracción.

Artigo 49. Graos de responsabilidade

En canto os graos de responsabilidade estarase analoxicamente ao disposto no dereito xeral sancionador.

Artigo 50. Atenuantes

Consideraranse circunstancias atenuantes da responsabilidade disciplinaria, sen prexuízo de cantas outras se poidan establecer no presente título:

a) O arrepentimento espontáneo.

b) Que precedese, inmediatamente á infracción, unha provocación suficiente.

c) Que o infractor non fose sancionado con anterioridade no decurso da súa vida deportiva.

Artigo 51. Agravantes

Son circunstancias agravantes da responsabilidade disciplinaria:

a) A reincidencia, que existirá cando o autor fose sancionado anteriormente por calquera infracción de igual ou maior gravidade, ou por dúas infraccións ou máis de inferior gravidade da que neste suposto se trate. A reincidencia entenderase producida no transcurso dun ano, a partir do momento no que se cometese a infracción.

b) Causar coa infracción prexuízos graves á boa imaxe do tenis galego, ou do deporte en xeral.

c) O prezo e o prexuízo económico ocasionado coa infracción.

Artigo 52. Valoración das circunstancias modificativas da responsabilidade

Na determinación da responsabilidade derivada das infraccións previstas no presente título, os órganos deberanse ater ós principios xerais do dereito sancionador.

A apreciación de circunstancias atenuantes ou agravantes obrigará, cando a natureza da posible sanción así o permita, á congruente gradación desta.

Con independencia do anterior, para a determinación da sanción que resulte aplicable, os órganos disciplinarios poderán avaliar o resto das circunstancias que concorran na falta e que non estean anteriormente tipificadas, tales como as consecuencias da infracción, a natureza dos feitos ou a concorrencia no inculpado de singulares responsabilidades na orde deportiva.

Artigo 53. Extinción da responsabilidade

A responsabilidade disciplinaria extínguese por:

a) O cumprimento da sanción.

b) A prescrición da infracción ou da sanción imposta.

c) O falecemento do inculpado.

d) A disolución en forma legal do club deportivo, entidade ou persoa xurídica sancionada. Isto enténdese sen prexuízo, se é o caso, da subsistencia da responsabilidade disciplinaria dos seus directivos e/ou compoñentes.

e) A perda da condición de deportista federado ou de membro da asociación ou club deportivo de que se trate. Neste caso, cando a perda da dita condición sexa voluntaria, este suposto de extinción terá efectos meramente suspensivos. Cando se producise, dentro do prazo de tres anos, a recuperación da condición baixo a cal se estivese suxeito á disciplina deportiva, o tempo de suspensión da responsabilidade non se computará para os efectos da prescrición das infraccións nin das sancións. O mesmo aplicarase cando a persoa ou entidade inculpada cause baixa na FGT polo non pagamento da licenza e/ou de cotas ou doutras obrigacións de contido económico.

CAPÍTULO IV

Dos órganos disciplinarios e do seu réxime de funcionamento

Artigo 54. Órganos disciplinarios de primeira instancia

1. Xuíces árbitros e árbitras e xuíces e xuízas de cadeira.

O xuíz árbitro ou árbitra e o xuíz ou xuíza de cadeira dun partido será competente para impoñer sancións por infraccións leves ás regras do xogo ou competición durante o seu desenvolvemento, actuando neste caso como órgano disciplinario da FGT.

Estas sancións poderanse impoñer in situs en necesidade de ningún trámite e serán inmediatamente executivas, sen prexuízo do recurso establecido neste capítulo. En calquera caso, as actas subscritas polos xuíces árbitros e árbitras ou xuíces e xuízas de cadeira e as declaracións destes, presúmense certas, salvo erro manifesto, que se poderá acreditar por calquera dos medios admitidos en dereito.

No caso de infraccións graves ou moi graves ás regras do xogo ou competición, o xuíz árbitro ou árbitra e ou xuíz ou xuíza de cadeira poderá aplicar as sancións técnicas previstas no número 2 do artigo 58, pero deberá dar conta inmediatamente ó órgano competente para coñecer da infracción cometida.

2. Comité de competición

Resolverá en primeira instancia:

a) As reclamacións e incidencias que teñan lugar con motivo das competicións de carácter galego.

b) Os litixios que se susciten entre xogadores ou xogadoras e clubs con motivo da subscrición e expedición de licenzas, que se considerará como materia disciplinaria cando se aprecie inobservancia das normas, o cal será obxecto da sanción correspondente.

c) Estará composto preferentemente por catro membros, e secretario ou secretaria.

Artigo 55. Órganos disciplinarios de segunda instancia

Contra os acordos e resolución ditados polo Comité de Competición e polos xuíces árbitros e árbitras e ou xuíces o xuízas de cadeira caberá interpoñer recurso ante o Comité de Apelación.

O Comité de Apelación estará composto por tres membros.

As resolución do órgano de apelación serán susceptibles de recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva.

Artigo 56. Designación de membros

Todos os membros do Comité de Apelación e o xuíz único ou xuíza única de competición que integren os órganos de Xustiza federativa, tanto de instancia como de apelación, serán preferentemente licenciados en Dereito, ou con acreditada experiencia no manexo de regulamentos federativos nacionais e internacionais e serán designados, logo de resolución do presidente ou presidenta da FGT.

Tratándose de órganos disciplinarios competentes para coñecer sucesivamente, das materias que lle son propias, poderá formar parte de ambos una mesma persoa.

Tanto os membros dos comités como o xuíz único de competición serán designados polo presidente da FGT, o cal determinará, ademais, o que de eles desempeñe a presidencia no caso dos órganos colexiados.

CAPÍTULO V

Do procedemento disciplinario

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 57. Rexistro de sancións

A FGT por medio do seu comité correspondente, levará un rexistro de sancións para os efectos, entre outros, da determinación da posible existencia de causas modificativas de responsabilidade e prescrición de infraccións e sancións.

Os diversos órganos disciplinarios deberán comunicar á FGT as sancións que impoñan, para os efectos previstos no parágrafo anterior.

Artigo 58. Normativa aplicable

O procedemento para a imposición de sancións por todo tipo de infraccións disciplinarias rexerase polo disposto no presente capítulo, na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, e demais disposicións legais aplicables na materia e, supletoriamente, polas normas e principios xerais do dereito administrativo sancionador.

Artigo 59. Concorrencia de responsabilidades penais

Os órganos disciplinarios competentes deberán, de oficio ou por instancia do Instrutor do expediente, comunicar ó Ministerio Fiscal aquelas infraccións que puidesen revestilos caracteres de delito ou falta penal.

En tal caso, os órganos disciplinarios deportivos acordarán a suspensión do procedemento, segundo as circunstancias concorrentes, ata que recaia a correspondente resolución xudicial.

En cada suposto concreto os órganos disciplinarios avaliarán as circunstancias que concorran nel, co fin de acordar motivadamente a suspensión ou a continuación do expediente disciplinario ata a súa resolución e imposición de sancións, se procedese.

En caso de que se acorde a suspensión do procedemento, poderanse adoptar medidas cautelares mediante providencia notificada a todas as partes interesadas.

Durante o tempo en que estea suspendido o procedemento disciplinario polas causas previstas neste artigo non correrá a prescrición respecto á infracción de que se trate. Aquela só volverá a correr se o expediente disciplinario non se continúa dentro dos dous meses seguintes a que recaese resolución xudicial firme que poña fin ao procedemento penal correspondente.

Artigo 60. Concorrencia de responsabilidades administrativas

No suposto de que un mesmo feito puidese dar lugar á responsabilidade administrativa prevista no artigo 5.2 do Real decreto 1591/1992 e á responsabilidade de índole deportiva, os órganos disciplinarios comunicarán á autoridade correspondente os antecedentes de que dispuxesen, con independencia da tramitación do procedemento disciplinario deportivo.

Cando os órganos disciplinarios tivesen coñecemento de feitos que puidesen dar lugar, exclusivamente, á responsabilidade administrativa, darán traslado, sen máis, dos antecedentes de que dispoñan á autoridade competente.

Artigo 61. Clases de procedementos

Os procedementos para a imposición de sancións serán o abreviado e o ordinario.

O procedemento abreviado é aplicable para a imposición das sancións por infracción das regras do xogo ou da competición.

O procedemento ordinario será aplicable para as sancións correspondentes ás infraccións das normas xerais de conduta deportiva.

Artigo 62. Regras comúns aos procedementos

No non previsto nestes estatutos, serán de aplicación supletoria as normas contidas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas.

Os procedementos sancionadores respectarán a presunción de inexistencia de responsabilidade administrativa mentres non se demostre o contrario.

As sancións impostas a través do correspondente procedemento disciplinario serán inmediatamente executivas, agás que o órgano encargado da resolución do recurso acorde a suspensión.

As actas subscritas polos xuíces ou árbitros o árbitras do encontro, da proba ou da competición constituirán medio documental necesario en conxunto da proba das infraccións ás regras e normas deportivas. Igual natureza terán as ampliacións ou aclaracións a aquelas.

As manifestacións do árbitro ou árbitro ou xuíz ou xuíza plasmadas nas citadas actas presúmense certas, agás proba en contrario.

Artigo 63. Silencio

As peticións ou reclamacións formuladas ante os órganos disciplinarios ou de competición deberán resolverse de maneira expresa nun prazo de quince días hábiles. Transcorrido o dito prazo, entenderanse desestimadas.

Artigo 64. Medidas provisionais

Iniciado o procedemento e con suxeición ó principio de proporcionalidade, o órgano competente para a súa incoación poderá adoitar as medidas provisionais que estime oportunas para asegurar a eficacia da resolución que puidera recaer. A adopción de medidas provisionais poderá producirse en calquera momento do procedemento, ben de oficio, ben por moción razoada do instrutor, non podendo ser ditadas medidas provisionais que poidan causar prexuízos irreparables.

Artigo 65. Acumulación de expedientes

Os órganos disciplinarios poderán, de oficio ou a solicitude do interesado, acordar a acumulación de expedientes cando se produzan as circunstancias de identidade ou analoxía razoable e suficiente, de carácter subxectivo ou obxectivo, que aconsellen a tramitación e resolución únicas.

O acordo de acumulación será comunicado ós interesados no procedemento, ben mediante providencia, ben facéndose constar como antecedente da tesolución que dite.

Sección 2ª. Do procedemento abreviado

Artigo 66. Procedemento abreviado. Iniciación

Iniciación:

a) O procedemento abreviado iníciase coa notificación da acta da proba ou competición, que reflicta os feitos que poden dar lugar a sanción, subscrita polo xuíz árbitro ou árbitra e polos competidores ou competidoras ou polos delegados o delegadas dos clubs.

b) No suposto de que os feitos susceptibles de ser sancionados non estean reflectidos na acta, senón mediante anexo, o procedemento iníciase no momento no que teña entrada na correspondente federación o anexo da acta do partido ou documento no que queden reflectidos os feitos obxecto de axuizamento. Ademais, designarase unha persoa instrutora que exercerá as funcións de impulso na ordenación do expediente e de secretaria ou secretario, e serán aplicables as causas de abstención e recusación reguladas nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro do réxime xurídico do sector público.

c) Tamén se pode iniciar por instancia da parte interesada, sempre que a denuncia se presente nas dependencias da federación correspondente dentro do segundo día hábil seguinte ao día no que se realizase a proba ou competición.

Artigo 67. Procedemento abreviado. Tramitación e resolución

a) No prazo de dous días, que se contarán desde a notificación prevista na liña anterior, as persoas interesadas poderán formular alegacións en relación cos feitos consignados na acta, no anexo ou na denuncia. Poderán propoñer ou achegar tamén, se é o caso, as probas pertinentes.

A proba deberá practicarse no prazo máximo dos dous días hábiles seguintes ao da súa admisión.

b) O órgano instrutor trasladaralle, no prazo máximo de dous días que se contarán a partir da presentación de alegacións ou da práctica da proba ou da súa denegación, ao órgano competente para resolver a proposta de resolución, para que, dentro do día seguinte, se dite resolución na cal se deben expresar os feitos imputados, os preceptos infrinxidos e os que habilitan a sanción que se impoña. Así mesmo, deben expresarse na mesma resolución os motivos de denegación das probas non admitidas se non se realizase con anterioridade.

A resolución deberáselles notificar ás persoas interesadas, con expresión dos recursos que se poidan formular contra ela e do prazo para a súa interposición.

Sección 3ª. Do procedemento ordinario

Artigo 68. Procedemento ordinario. Iniciación

Iniciación:

a) O procedemento iníciase por acordo do órgano competente, de oficio ou por instancia de persoa interesada.

b) O acordo que inicie o procedemento conterá a identidade do instrutor ou instrutora, se é o caso do secretario o secretaria, da autoridade competente para impoñer a sanción e a norma que lle atribúa tal competencia, o prego de cargos que conterá a determinación dos feitos imputados, a identificación da persoa ou das persoas presuntamente responsables, así como as posibles sancións aplicables. Este acordo deberáselle notificar á persoa interesada.

Serán aplicables ao instrutor e ao secretario as causas de abstención e recusación e procedemento establecidas.

As causas de abstención e recusación están reguladas nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xeral do sector público.

Artigo 69. Procedemento ordinario. Tramitación

a) Durante a tramitación do procedemento, o órgano competente para incoalo, de oficio ou por instancia do instrutor ou instrutora, poderá acordar en resolución motivada as medidas que considere oportunas para asegurar a eficacia da resolución que poida recaer.

b) O acordo de iniciación notificaráselles ás persoas interesadas e concederáselles un prazo de dez días para contestar os feitos e propoñer a práctica das probas que conveña á defensa dos seus dereitos e intereses.

c) Practicaranse de oficio ou admitiranse por proposta da persoa interesada cantas probas sexan adecuadas para a determinación de feitos e posibles responsabilidades. Só se poderán declarar improcedentes aquelas probas que pola súa relación cos feitos non poidan alterar a resolución final a favor do presunto responsable.

d) Contestado o prego de cargos ou transcorrido o prazo para facelo, ou concluída a fase probatoria, o instrutor redactará a proposta de resolución ben apreciando a existencia dalgunha infracción imputable e, neste caso, conterá necesariamente os feitos declarados probados, as infraccións que constitúan e as disposicións que as tipifiquen, as persoas que resulten presuntamente responsables e as sancións que procede impoñer, ou ben propoñendo a declaración de inexistencia de infracción ou responsabilidade e o sobresemento con arquivamento das actuacións.

A proposta de resolución notificaráselles ás persoas interesadas e concederáselles un prazo de dez días para formular alegacións e presentar os documentos que consideren pertinentes.

Artigo 70. Procedemento ordinario. Resolución

Recibidas polo instrutor ou instrutora as alegacións ou transcorrido o prazo de audiencia, remitiralle o expediente ao órgano competente para resolver.

A resolución do órgano competente pon fin ao procedemento común e ditarase no prazo máximo de dez días hábiles.

Sección 4ª. Da instrución

Artigo 71. Nomeamento do instrutor ou instrutora

A providencia que inicie o expediente disciplinario conterá o nomeamento do instrutor ou instrutora, sendo o encargado ou encargada da súa tramitación.

Nos casos que se estime oportuno, a providencia conterá tamén o nomeamento de un secretario o secretaria que asista ao instrutor ou instrutora na tramitación do expediente.

Ao instrutor ou instrutora e, se é o caso, ao secretario ou secretaria, sonlles de aplicación as causas de abstención e recusación previstas na lexislación do Estado para o procedemento administrativo común.

O dereito de recusación poderá exercerse polos interesados no prazo de tres días hábiles, contado desde o seguinte ao que teñan coñecemento da correspondente providencia de nomeamento, ante o mesmo órgano que a ditou, quen deberá resolver no termo doutros tres.

Contra as resolución adoptadas non se dará recurso, sen prexuízo da posibilidade de alegar a recusación ao interpoñer o recurso administrativo ou xurisdicional, segundo proceda, contra o acto que poña fin ao procedemento.

Artigo 72. Dilixencias

O instrutor ou instrutora ordenará a práctica de cantas dilixencias sexan adecuadas para a determinación e comprobación dos feitos, así como para a fixación das infraccións susceptibles de sanción.

Artigo 73. Probas

1. Os feitos relevantes para o procedemento poderán acreditarse po calquera medio de proba, una vez que o instrutor dicía a apertura da fase probatoria, a cal terá una duración non superior a quince días hábiles nin inferior a cinco, comunicando ós interesados con suficiente antelación o lugar e momento da práctica.

2. Os interesados ou interesadas poderán propoñer, en calquera momento anterior ó inicio da fase probatoria, a práctica de calquera proba ou aportar directamente as que resulten de interese para a adecuada e correcta resolución do expediente.

3. Contra a denegación expresa ou tácita da proba proposta polos interesados, estes poderán formular reclamación, no prazo de tres días hábiles, ante o órgano competente para resolver o expediente, quen deberá pronunciarse no termo doutros tres días. En ningún caso, a interposición da reclamación paralizará a tramitación do expediente.

Artigo 74. Sobresemento

Á vista das actuacións practicadas, nun prazo non superior a un mes contado a partir da iniciación do procedemento, o instrutor ou instrutora poderá propoñer o sobresemento.

Artigo 75. Prego de cargos

O correspondente prego de cargos comprenderá os feitos imputados, as circunstancias concorrentes e as supostas infraccións, así como as sancións que puideran ser de aplicación. O instrutor ou instrutora poderá, por causas xustificadas, solicitar a ampliación do prazo referido ó órgano competente para resolver.

No prego de cargos, o instrutor presentará una proposta de resolución que será notificada aos interesados para que, no prazo de dez días hábiles, manifesten cantas alegacións consideren convenientes en defensa dos seus dereitos ou intereses.

Así mesmo, no prego de cargos, o instrutor ou instrutora deberá propor o mantemento ou levantamento das medidas provisionais que, se é o caso, se houberan adoitado.

Transcorrido o prazo sinalado no punto anterior, o instrutor, sen máis trámite, elevará o expediente ao órgano competente para resolver, ao que se unirán, se é o caso, as alegacións presentadas.

Sección 5ª. Das resolucións

Artigo 76. Notificacións

Toda providencia ou resolución que afecte ós interesados no procedemento disciplinario será notificada a aqueles no máis breve prazo posible, co límite máximo de dez días hábiles.

As notificacións realizaranse conforme ás normas previstas na lexislación do procedemento administrativo común.

As notificacións deberán conter o texto íntegro da resolución, coa indicación de se é ou non definitiva, a expresión das reclamacións ou recursos que procedan, órgano perante o que tivesen que comparecer e prazo para interpoñelas.

Artigo 77. Motivación

As providencias e resolucións deberán ser motivadas nos casos previstos na lexislación do organismo autonómico sobre procedemento administrativo común e cando así se dispoña nas demais leis aplicables, estatutos e regulamentos.

Artigo 78. Obriga de resolver

As peticións ou reclamacións presentadas perante os órganos disciplinarios deberanse resolver de xeito expreso nun prazo non superior a quince días hábiles. Transcorrido o dito prazo, entenderanse desestimadas.

CAPÍTULO VI

Dos recursos

Artigo 79. Cómputo de prazos de recursos e reclamacións

O prazo para formular recursos ou reclamacións contarase a partir do día seguinte hábil ao da notificación da resolución ou providencia, se estas fosen expresas.

Se non o fosen, o prazo será de quince días hábiles contados desde o seguinte ao que se deban entender desestimadas as reclamacións ou recursos conforme ó disposto no artigo 63 destes estatutos.

Artigo 80. Contido das resolución que decidan sobre recursos

A resolución dun recurso confirmará, revocará ou modificará a resolución recorrida, non podendo, no caso de modificación, derivarse maior prexuízo para o interesado ou interesada, cando este sexa o único ou única recorrente.

Se o órgano competente para resolver estimase a existencia de vicio formal, poderá ordenar a retroacción do procedemento ata o momento no que se produciu a irregularidade, coa indicación expresa da fórmula para resolvela.

Artigo 81. Desestimación presunta de recursos

A resolución expresa dos recursos deberase producir nun prazo non superior a trinta días.

En todo caso, e sen que iso supoña a exención do deber de ditar resolución expresa, transcorridos trinta días hábiles sen que se dite e notifique a resolución do recurso interposto, enténdese que este foi desestimado, quedando expedita a vía procedente.

Artigo 82. Recursos contra resolución dos xuíces árbitros ou árbitras e ou xuíces ou xuízas de cadeira en materia de infraccións leves

Nestes casos os interesados poderán recorrer no prazo improrrogable de dous días hábiles a partir daquel no que se impuxo a sanción.

O recurso poderase presentar por escrito debidamente motivado perante o órgano competente para coñecer del, que será o Comité de Apelación.

Este, de oficio ou por instancia do interesado, poderá establecer un período probatorio por prazo non superior a quince días hábiles.

O órgano competente ditará resolución, sen máis trámites no prazo máximo de trinta días hábiles desde a interposición do recurso ou desde o remate do prazo probatorio, se o acordase.

Esta resolución esgotará a vía federativa.

Artigo 83. Recursos perante o Comité de Apelación da FGT

Nos casos nos que sexa competente para coñecer en segunda instancia dunha cuestión disciplinaria, o recurso e o seu trámite axustaranse ao previsto nos anteriores artigos e ao procedemento regulado no capítulo V destes estatutos, coas únicas salvedades previstas nos parágrafos seguintes:

a) Poderá presentar o recurso calquera interesado ou interesada, aínda distinto ou distinta do infractor ou infractora que se constituíse en parte no expediente de orixe.

b) Ao se o iniciar o expediente de recurso, o instrutor ou instrutora comunicará o contido do escrito de recurso ao órgano que impuxese a sanción na instancia inmediatamente anterior, e solicitará o seu informe, que este debe emitir no prazo máximo de quince días hábiles. O instrutor ou instrutora tamén efectuará igual comunicación, para os efectos informativos, ás demais partes, distintas do recorrente, que comparecesen no expediente de orixe.

c) Tanto o órgano disciplinario de primeira instancia sen prexuízo do informe que debe emitir, como os demais interesados ou interesadas non recorrentes, poderán comparecer no recurso no prazo de quince días hábiles a partir da notificación á que se refire o artigo anterior, para os efectos de ser parte no expediente de recurso e instar e manifestar nel o que entendan pertinente conforme as normas procedementais.

d) Rematados os prazos de comparecencia e de emisión do informe do órgano de 1ª instancia que serán comúns para este, e se recibise ou non o devandito informe, iniciaranse os demais prazos e actuacións previstos para o procedemento ordinario.

As resolucións da FGT que esgoten a vía federativa poderán ser recorridas no prazo máximo dun mes ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

CAPÍTULO VII

Infraccións e sancións

Sección 1º. Disposicións xerais

Artigo 84. Faltas disciplinarias

Son faltas disciplinarias as infraccións das regras do xogo ou da competición e as infraccións das normas xerais de conduta deportiva tipificadas nos presentes estatutos.

Artigo 85. Natureza e clasificación das infraccións pola súa gravidade e a súa tipificación

As infraccións previstas nestes estatutos clasifícanse, pola súa gravidade, en moi graves, graves e leves, e son as que se tipifican nos artigos seguintes, sen prexuízo daquelas outras que poidan estar establecidas con carácter de observancia obrigatoria nas disposicións legais vixentes en cada momento.

Queda ben entendido que ao desenvolvemento do xogo lle serán de aplicación as regras do xogo do tenis e casos e decisións aprobadas pola Federación Internacional de Tenis, e publicadas pola RFET, sendo soamente sancionables como infraccións disciplinarias as condutas tipificadas neste regulamento e na lei como tales.

Artigo 86. Grao de consumación

Son punibles a infracción consumada e a tentativa.

Hai tentativa cando o culpable dá principio á execución do feito que constitúe a infracción e non se produce o resultado por causa ou accidente que non sexa a súa propia e voluntaria desistencia. A tentativa castigarase coa sanción inferior á prevista para a falta infracción consumada.

Sección 2ª. Infraccións

Artigo 87. Infraccións moi graves

Consideraranse infraccións moi graves as seguintes:

a) As actuacións dirixidas a predeterminar, mediante prezo, intimidación ou simple acordo ou decisión, o resultado dunha proba ou competición.

b) Os comportamentos, as actitudes e os xestos agresivos e antideportivos dos xogadores, cando se dirixan ao árbitro, aos outros xogadores, ao público, ou aos membros do servizo de pistas.

c) Os quebrantamentos de sancións impostas.

d) A manipulación ou alteración, xa sexa persoalmente ou a través de persoa interposta, do material ou equipamento deportivo en contra das regras técnicas do tenis cando poidan alterar a seguridade da proba ou competición ou poñan en perigo a integridade das persoas.

e) A utilización, a incitación ou o favorecemento do uso de substancias ou fármacos prohibidos e a negativa a someterse aos controis deles establecidos regulamentariamente.

f) A aliñación indebida e a incomparecencia ou retirada inxustificada das probas, dos encontros ou das competicións.

g) A participación en competicións organizadas por países que promovan a discriminación racial ou sobre os que pesen sancións deportivas impostas por organizacións internacionais ou con deportistas que representen a estes.

h) As protestas, intimidacións ou coaccións, individuais ou colectivas ou tumultuarias, que impidan a celebración dun encontro, proba ou competición, ou que obriguen á súa suspensión.

i) As manifestacións públicas, ou realizadas a través de medios de comunicación social, que supoñan insulto ou menosprezo ás autoridades deportivas ou federativas.

j) A conduta gravemente atentatoria para a dignidade do tenis galego ou dos seus representantes.

k) Os actos notorios e públicos que atenten contra a dignidade ou decoro deportivos, cando revistan unha especial gravidade. Así mesmo, considerarase falta moi grave a reincidencia en infraccións graves por feitos desta natureza.

l) As declaracións públicas de directivos ou directivas, técnicos e técnicas, árbitros e árbitras e deportistas ou socios ou socias que inciten aos seus xogadores ou xogadoras, equipos ou espectadores á violencia.

m) Os actos de rebeldía contra os acordos de Federación, agrupacións, asociación ou clubs.

n) A violación de segredos nos asuntos de que se coñeza por razón do cargo desempeñado no club, asociación ou Federación.

o) Os abusos de autoridade e a usurpación de funcións ou de atribucións.

p) A participación en probas ou competicións non autorizadas pola Administración deportiva de Galicia.

q) A inasistencia sen xusta causa dos deportistas ás convocatorias da selección galega ou a negativa da entidade deportiva a facilitar a súa asistencia.

r) Ser sancionado mediante resolución firme pola comisión de tres ou máis infraccións graves no período de un ano.

Artigo 88. Infraccións moi graves dos presidentes e directivos

Ademais das infraccións comúns tipificadas no artigo anterior e das previstas na lexislación vixente que resulte aplicable, son infraccións específicas moi graves do presidente ou presidenta e directivos ou directivas da propia FGT e, se é o caso, dos presidentes ou presidentas e directivos ou directivas das entidades incardinadas nela, as seguintes:

a) A non execución das resolucións do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

b) Incumprimento de acordos da Asemblea Xeral e dos regulamentos federativos.

c) A non convocatoria dos órganos colexiados federativos nos prazos e nas condicións legais.

d) A incorrecta utilización dos fondos privados ou das subvencións, créditos, avais e demais axudas de carácter público. Para estes efectos, a apreciación da incorrecta utilización dos fondos públicos rexerase polos criterios que para o uso de axudas e subvencións públicas se conteñen na lexislación específica da Xunta de Galicia.

e) En canto ós fondos privados, aplicarase ó carácter neglixente ou doloso das condutas.

f) A organización de actividades distintas ás competicións oficiais sen a preceptiva autorización da Administración deportiva de Galicia.

g) A denegación inxustificada da licenza.

h) O incumprimento dos convenios subscritos coa Administración deportiva de Galicia.

A exixencia das responsabilidades derivadas das infraccións tipificadas neste artigo, e a competencia para coñecelas, rexerase polo que estea legalmente establecido, seguíndose, polo que atinxe ao non previsto na lei de normas que se especifican de seguido.

Se as infraccións son cometidas polos directivos ou directivas da FGT será esta competente en única instancia para coñecer sobre elas.

Respecto ás infraccións cometidas por presidentes ou presidentas ou directivos ou directivas de entidades incardinadas na FGT, esta só será competente en única instancia, cando se trate das infraccións tipificadas no anterior alínea d), salvo no relativo á incorrecta utilización de fondos privados.

Artigo 89. Infraccións graves

Consideraranse infraccións graves as seguintes:

a) O incumprimento de ordes e instrucións emanadas de xuíces, xuízas, árbitros e árbitras, directivos ou directivas e demais autoridades deportivas.

b) Os actos notorios e públicos que atenten contra a dignidade ou decoro deportivos, e en xeral a conduta contraria ás normas deportivas, sempre que todo iso non revista o carácter de falta moi grave.

c) O exercicio de actividades públicas ou privadas declaradas incompatibles coas actividades ou función deportiva desempeñada.

d) A manipulación ou alteración, ben sexa persoalmente ou a través de persoa interposta, do material ou equipamento deportivo en contra das regras técnicas do tenis.

e) As protestas, intimidacións ou coaccións, individuais ou colectivas ou tumultuarias que alteren o normal desenvolvemento do xogo, proba ou competición.

f) As protestas, individuais iradas e ostensibles, feitas publicamente contra árbitros ou árbitras, xuíces ou xuízas, técnicos ou técnicas, directivos ou directivas e demais autoridades deportivas.

g) O incumprimento das regras de administración e xestión do orzamento e patrimonio.

h) A reiteración de faltas leves.

Das infraccións ás que se refiren as alíneas a) e g) anteriores, poderá ser responsable o presidente ou presidenta da FGT, sen prexuízo das responsabilidades nas que puidesen incorrer outras persoas físicas integrantes dos órganos federativos.

Artigo 90. Infraccións leves

Consideraranse infraccións leves as seguintes:

a) As condutas contrarias ás normas deportivas que non estean incursas na cualificación de moi graves ou graves.

b) As observacións formuladas ós xuíces ou xuízas, árbitros ou árbitras, técnicos ou técnicas e directivos ou directivas e demais autoridades deportivas no exercicio das súas funcións de xeito que signifiquen unha lixeira incorrección.

c) A incorrección co público, contrarios, compañeiros ou compañeiras, subordinados ou subordinadas e persoal de pista.

d) A adopción dunha actitude pasiva no cumprimento das ordes e instrucións recibidas de xuíces, xuízas, árbitros, árbitras e autoridades deportivas no exercicio das súas funcións.

e) O descoido na conservación e coidado dos locais sociais, instalacións deportivas e outros medios materiais.

f) As accións ou omisións que supoñan incumprimento das normas ou ordes deportivas por descoido ou neglixencia escusables.

Aplicarase WO (perda do partido por non comparecencia) a aquel xogador ou xogadora que non estea disposto a xogar na pista transcorrido o tempo sinalado na normativa técnica desde a hora fixada para o comezo do partido. Todo iso agás causa de forza maior debidamente xustificada a xuízo do xuíz-árbitro ou árbitra e ou xuíz ou xuíza de cadeira.

g) Presentarse a xogar un partido con equipo e ou vestimenta incorrecta. A sanción consistirá na perda do partido, a non ser que a incorrección sexa reparada nun tempo razoable a xuízo do xuíz-árbitro ou árbitra e/ou xuíz ou xuíza de cadeira.

h) O xuíz-árbitro o árbitra e/ou xuíz ou xuíza de cadeira decidirá previamente ó comezo do partido nos casos de dúbida sobre a aceptación das roupas que vistan os xogadores conforme á normativa nacional e internacional ao respecto.

i) O xogador ou xogadora que non se incorpore ó xogo tralo descanso, non comparecendo transcorrido o tempo sinalado na normativa técnica desde a hora fixada para a continuación do xogo, será descualificado.

j) O xogador ou xogadora que abandone a pista sen permiso do xuíz-árbitro ou árbitra e/ou xuíz o xuíza de cadeira, será descualificado ou descualificada con perda do partido.

k) O atraso deliberado no xogo, incluíndo o comezar a xogar despois do período de quentamento, por requirimento do xuíz-árbitro ou árbitra e/ou xuíz ou xuíza de cadeira; o atraso no cambio de lado, e entre punto e punto.

l) Recibir consellos ou comunicarse con calquera persoa e por calquera medio durante o decurso do partido, a excepción do disposto no regulamentado das competicións por equipos.

Sección 3ª. Sancións

Artigo 91. Sancións por infraccións moi graves

Ás infraccións tipificadas neste título corresponderán as seguintes sancións:

a) Multas en contía non superior a 600 Euros. As multas soamente se lles poderán impoñer ás asociacións deportivas.

b) Perda de puntos ou postos na clasificación, ou descualificación ou perda do partido.

c) Perda ou descenso de categoría ou división

d) Celebración da proba ou competición deportiva a porta pechada.

e) Prohibición de acceso ás pistas ou lugares de desenvolvemento das probas ou competicións, por tempo non superior a cinco anos.

f) Perda definitiva dos dereitos que como socio ou socia da respectiva asociación deportiva correspondan ao infractor ou infractora, coas excepcións que poidan estar previstas na lei nesta materia.

g) Clausura dun recinto deportivo por un período que abarque de catro partidos ou encontros a unha tempada.

h) Inhabilitación para ocupar cargos na organización deportiva, ou suspensión ou privación de licenza federativa, con carácter temporal, por un prazo de dous a cinco anos, en adecuada proporción á infracción cometida.

i) Inhabilitación a perpetuidade para ocupar cargos na organización deportiva, ou privación de licenza federativa a perpetuidade. Estas sancións unicamente poderán acordarse de modo excepcional, pola reincidencia en infraccións de extraordinaria gravidade.

Artigo 92. Sancións por infraccións moi graves dos directivos

Son as seguintes:

a) Amoestación pública.

b) Inhabilitación temporal por un período de dous a catro anos.

c) Destitución do cargo.

Artigo 93. Sancións por infraccións graves

Son as seguintes:

a) Amoestación pública.

b) Multa en contía non superior a 300 euros. A sanción de multa soamente se lles poderá impoñer ás asociacións deportivas.

c) Perda de puntos ou postos na clasificación, ou descualificación ou perda do partido.

d) Clausura do recinto deportivo, de ata catro partidos ou encontros, ou tres meses.

e) Privación dos dereitos de asociado ou asociada, ata un máximo dun ano, coa limitación das accións ou omisións que supoñan incumprimento das normas ou ordes deportivas por descoido ou neglixencia escusables.

f) Inhabilitación para ocupar cargos, suspensión ou privación de licenza federativa, dun mes a dous anos.

Artigo 94. Sancións por infraccións leves

As infraccións previstas nas alíneas g), h), i) e j) do artigo 90, serán sancionadas conforme o previsto neles.

As restantes infraccións tipificadas no artigo 90 e cometidas por un xogador ou xogadora no decurso dun partido sancionaranse conforme á seguinte escala:

a) Primeira infracción: amoestación.

b) Segunda infracción: perda do punto seguinte.

c) Terceira infracción: descualificación: perda do partido.

Os demais casos de infraccións leves sancionaranse con:

a) Apercibimento.

b) Multa non superior a 150 euros.

c) Inhabilitación para ocupar cargos ou suspensión de ata un mes, ou dun a tres encontros ou probas.

Artigo 95. Sancións técnicas acumulables

Nos casos de infraccións moi graves ou graves cometidas por un xogador ou xogadora no decurso dun partido, ademais da sanción que corresponda por tal tipo de infracción, o xuíz árbitro ou árbitra e/ou xuíz o xuíza de cadeira poderá aplicar, en forma inmediata, a escala de sancións técnicas previstas no número 2 do artigo precedente, no grao que coide conveniente conforme a gravidade da infracción. O trámite posterior destas sancións en materia de recursos será o que lles corresponda segundo a súa natureza.

Artigo 96. Regras común para a determinación e imposición de sancións

Os órganos disciplinarios poderán impoñer a sanción que consideren xusta de entre as previstas para o tipo de infracción que se cometese, graduándose en función da natureza dos feitos, a personalidade do responsable, as consecuencias da infracción e a concorrencia de circunstancias atenuantes ou agravantes, conforme o tamén establecido nos artigos 50 e 51 destes estatutos.

A concorrencia de dúas ou mais circunstancias agravantes e ningunha atenuante determinará a aplicación da sanción no seu grao máximo, igualmente, a concorrencia de dúas atenuantes, ou dunha moi cualificada, e ningunha agravante, determinará a aplicación da sanción no seu grao mínimo.

Artigo 97. Multas

A sanción de multa poderase impoñer de forma simultánea a calquera outra que os órganos disciplinarios consideren congruente ao tipo de infracción cometido. A súa contía, dentro dos límites máximos establecidos para cada caso, determinaraa o órgano sancionador conforme as circunstancias concorrentes.

As multas aboaranse, salvo que por disposición legal se establecera o contrario, no prazo máximo de dez días hábiles, a partir da imposición da sanción e deberanse facer efectivas á FGT, que destinará o seu importe aos seus fins deportivos.

O pagamento das multas deberase acreditar mediante o correspondente recibo, e o non pagamento delas terá a consideración de quebrantamento de sanción.

Artigo 98. Alteración de resultados

Con independencia das sancións disciplinarias que puidesen corresponder, os órganos disciplinarios terán a facultade de alterar o resultado de encontros, probas ou competicións por causa de predeterminación mediante prezo, intimidación ou simples acordos, do resultado da proba ou competición; e, en xeral, en todos os supostos nos que a infracción supoña unha grave alteración da orde do encontro, proba ou competición.

TÍTULO VII

Procedementos de elección da Asemblea Xeral, da Presidencia, da Comisión Delegada e da Xunta Electoral

Artigo 99. Regulamento electoral

Os procesos electorais para a designación dos membros da Asemblea Xeral da FGT así como do seu presidente ou presidenta, e dos membros da Comisión Delegada polo correspondente regulamento electoral aprobado pola Asemblea Xeral.

Artigo 100. A Xunta electoral

O mesmo día da convocatoria de eleccións, constituirase a Xunta Electoral do que se levantará a correspondente acta, e o seu domicilio será, para todos os efectos, o mesmo que o da Federación Galega de Tenis.

A Xunta Electoral estará integrada por tres membros titulares e tres suplentes, elixidos por sorteo na Asemblea Xeral, entre as persoas que presenten a súa candidatura a membros da Xunta Electoral. As candidaturas deberanse presentar na mesma asemblea na que se celebre a súa elección, podendo estar os candidatos presentes na mesma, e debendo acreditar estes o cumprimento dos requisitos sinalados ao efecto.

Os membros da Xunta Electoral deberán reunir os requisitos seguintes:

• Ser maior de 18 anos. Ter o título de bacharelato superior ou equivalente.

• Non presentarse como candidato a membro da Asemblea Xeral.

• Non ter relación contractual ou profesional coa Federación Galega de Tenis.

• Non estar cumprindo sanción disciplinaria firme ou sanción administrativa firme en materia deportiva que implique sanción de inhabilitación para ocupar cargos nunha organización deportiva.

No caso de non presentación de candidatos a membros da Xunta Electoral, o presidente ou presidenta da federación proporalle á Asemblea os membros necesarios para completar a mesma, os cales deberán así mesmo reunir os requisitos definidos no apartado anterior.

Actuará como presidente ou presidenta e secretario ou secretaria da Xunta Electoral o membro de maior e menor idade, respectivamente. As decisións da Xunta Electoral tomaranse por maioría de votos. A asistencia á Xunta Electoral é obrigatoria salvo causa xustificada.

A Xunta Electoral reunirase cantas veces sexa preciso e será convocada polo secretario ou secretaria de orde do presidente ou presidenta ou a petición de calquera dos seus membros. Para que a Xunta Electoral se poida constituír validamente e tomar acordos, será preciso que concorra cando menos un dos seus membros de pleno dereito. Non obstante, entenderase validamente constituída, para todos os efectos e sen necesidade de convocatoria previa, cando estean presentes a totalidade dos seus membros e acepten por unanimidade celebrar a sesión.

Artigo 101. Causas de extinción e disolución. Disposición única

A FGT disolverase por decisión da Asemblea Xeral, adoptada polas tres cuartas partes das persoas asistentes, que deberán representar, como mínimo, os dous terzos dos seus totais compoñentes, e requirirá a súa ratificación pola Administración deportiva de Galicia.

Tamén procederá a extinción da FGT nos demais casos previstos polas Leis.

En caso de disolución da FGT, o seu patrimonio neto, se o houbese, utilizarase para a realización de actividades análogas, cuestión que determinará a Administración deportiva de Galicia.

TÍTULO VIII

Procedemento para a aprobación e reforma de estatutos e regulamentos

Artigo 102. Disposición única

A reforma dos Estatutos da FGT é competencia da Asemblea Xeral. Poderán propor á Presidencia da Asemblea que representen polo menos a terceira parte dos seus totais compoñentes. En calquera caso, a proposta deberá ir acompañada do novo texto que se pretenda, que se engadirá á orde do día e será notificada aos membros da Asemblea na mesma forma que esta.

A reforma dos estatutos deberá ser aprobada polas dúas terceiras partes dos o das asistentes á Asemblea Xeral de que se trate, que representen polo menos a maioría dos seus totais compoñentes.

A aprobación e modificación dos regulamentos de desenvolvemento dos Estatutos da FGT é competencia da Comisión Delegada da Asemblea e, para prosperar, necesitará o voto favorable, en calquera caso, dos dous terzos dos seus compoñentes.

Os estatutos da FGT e as súas modificacións serán publicados no Diario Oficial de Galicia, previa aprobación destes pola Administración Autonómica no prazo máximo de tres meses desde a súa presentación no Rexistro.

TÍTULO IX

Fórmulas de conciliación extraxudicial

Artigo 103. Disposición única

As fórmulas de conciliación extraxudicial para resolver as cuestións que se presenten no seo da FGT axustaranse ao previsto na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, e demais disposicións legais que resulten aplicables, sen prexuízo de que a FGT, por vía regulamentaria, poida establecer normas específicas, supletorias ou complementarias, das contidas nas ditas disposicións.

Disposición adicional

A responsabilidade disciplinaria na que poida incorrer a propia FGT rexerase polo disposto na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Disposición transitoria primeira

O mandato do actual presidente, Asemblea Xeral e Comisión Delegada da Asemblea durará ata que se celebren novas eleccións no Ano Olímpico de inverno correspondente, conforme os prazos previstos nestes estatutos.

Disposición transitoria segunda

Seguirán en vigor os convenios actualmente existentes entre a FGT e a RFET en materia de licenzas.

Disposición transitoria terceira

Os clubs actualmente integrados na FGT seguirano estando, nos termos previstos no artigo 7.2 dos presentes estatutos.

Disposición derradeira primeira

Estes Estatutos entrarán en vigor o día seguinte ao da notificación da súa aprobación pola Administración deportiva autonómica sen prexuízo da súa publicación no DOG.

Disposición derradeira segunda

Os presentes estatutos serán sometidos previamente á Asemblea Xeral da FGT, da que a Xunta Directiva queda facultada, en virtude desta disposición, para establecer neles as modificacións e concordancias que indique a Administración deportiva de Galicia e que sexan necesarias para a súa aprobación pola devandita administración.