A presidenta do Comité de Ética da Investigación con medicamentos de Galicia comunicou o día 19.6.2025 a proposta de modificación da composición do referido comité.
Antecedentes:
1. Mediante a Resolución do 17 de decembro de 2021, que se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 31.12.2021, concedeuse a renovación da acreditación do Comité de Ética da Investigación con medicamentos de Galicia (CEIm-G) e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no seu anexo, no cal figuraba Martina Lema Oreiro na condición de vicesecretaria
2. A presidenta do devandito comité comunicou a proposta de nomeamento como novo membro e vicesecretario do CEIm-G de Santiago Pérez Cachafeiro, médico de admisión e documentación clínica da Área Sanitaria da Coruña-Cee, e o cesamento por petición propia de Martina Lema Oreiro na condición de vicesecretaria, mantendo a súa condición de membro.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Decreto 63/2013, do 11 de abril, regula os comités de ética de investigación clínica de Galicia. No relativo á súa composición, o artigo 5.4 sinala que as persoas membros deste comité serán designados/as e nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada entre homes e mulleres.
O punto 7 do artigo 5 dispón que o nomeamento efectuarase por un período coincidente co de vixencia da acreditación do comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se teren modificado as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, a criterio do comité, e logo de audiencia do/da interesado/a.
Acerca da composición numérica, en concreto, o punto 1 do mesmo artigo sinala que estará formado por un mínimo de nove e un máximo de vinte e cinco membros, de maneira que se asegure a independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións. Coa proposta de nomeamento dun novo membro, o comité axústase na súa composición aos citados topes numéricos.
Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta do 24.6.2025 que efectuou a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade,
RESOLVO:
O cesamento por petición propia de Martina Lema Oreiro na condición de vicesecretaria do CEIm-G, mantendo a súa condición de membro.
O nomeamento de Santiago Pérez Cachafeiro, como novo membro e vicesecretario do Comité de Ética da Investigación con Medicamentos de Galicia (CEIm-G).
Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2025
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
