O presidente do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol comunicou o día 16.5.2025 a proposta de modificación da composición do referido comité.
Antecedentes:
1. Mediante a Resolución do 11 de abril de 2022, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 22.4.2022, concedeuse a renovación da acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no anexo, entre as cales figuraba Carlos Rodríguez Moreno, facultativo especialista da Área de Farmacoloxía Clínica da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.
2. A presidenta do devandito comité comunicou a proposta de nomeamento como novo membro de Antonio Fernández García, médico especialista en medicina familiar e comunitaria, e o cesamento por causa da súa xubilación de Carlos Rodríguez Moreno.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Decreto 63/2013, do 11 de abril, polo que se regulan os comités de ética da investigación en Galicia, recolle no capítulo III a regulamentación correspondente aos comités territoriais.
No que atinxe á súa composición, os comités territoriais de ética da investigación terán, segundo dispón o punto 1 do artigo 9, unha composición multidisciplinar e estarán formados por un mínimo de nove e un máximo de quince membros de xeito que se asegure a súa independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións.
Na actualidade, coa referida proposta a composición do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol axústase ao tope numérico indicado no parágrafo anterior.
2. O punto 5 do artigo 9 do Decreto establece que os membros destes comités serán designados e nomeados pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, e garantirase en todo caso a representación equilibrada de homes e mulleres. O/a presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a e vicesecretario/a serán elixidos/as polo propio comité de entre os seus membros.
3. O punto 6 do artigo 9 dispón que o nomeamento efectuarase por un período coincidente co de vixencia da acreditación do Comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se modificaren as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o Comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, a criterio do Comité, e logo de audiencia do/da interesado/a.
Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta do 24.6.2025 que efectuou a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade,
RESOLVO:
O cesamento de Carlos Rodríguez Moreno como membro do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol.
O nomeamento de Antonio Fernández García como membro do referido comité.
Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2025
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
