En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, na sesión que tivo lugar o 2 de xuño de 2025, adoptou a seguinte resolución:
Unha vez examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado O Campo, no concello de Maceda, resultan os seguintes feitos:
Primeiro. O 29 de novembro de 2023 tivo entrada no Rexistro da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural un escrito dirixido ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da CMVMC Tiora e O Batán no cal se solicitaba a clasificación como veciñal en man común de varias parcelas denominadas O Campo.
Segundo. O 4 de novembro de 2024, o Xurado Provincial acorda iniciar o expediente de clasificación como veciñal en man común do referido monte, designa instrutor e realiza as comunicacións e publicacións a que fan referencia os artigos 20, 21 e 23 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e ábrese un período dun mes para efectuar alegacións.
Terceiro. No prazo concedido para efectuar alegacións non consta que se presentase ningunha.
Cuarto. O monte obxecto de clasificación, de acordo coa documentación que consta no expediente, descríbese así:
Nome do monte: O Campo.
Superficie: 0,71 ha.
Pertenza: CMVMC de Tioira e O Batán.
Parroquia: Tioira (Santa María).
Concello: Maceda.
Descrición dos predios que constitúen o monte:
Predio único:
Os terreos incluídos neste predio constitúen un único couto redondo, segundo a definición que figura no artigo 8 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ben que están atravesados polo camiño correspondente á parcela coa referencia catastral (RC) 32044A50209011 e mais polo río Tioira no seu tramo correspondente á RC 32044A50209095.
|
Parcelas obxecto de clasificación |
Parcelas estremeiras |
|
|
Referencia catastral |
Lindeiros |
Referencia catastral |
|
32044A50205050 (parte) 32044A50205051 32044A50205052 32044A50205053 32044A50205128 |
Norte |
32044A50200638 DI0708500PG18A 32044A50200967 DI0708600PG17G 32044A50200969 32044A50205050 (resto) 32044A50201062 32044A50200971 32044A50200972 32044A50200634 32044A50200355 32044A50200358 32044A50209033 32044A50200362 32044A50200361 |
|
Leste |
32044A50200361 32044A50200363 32044A50209095 32044A50209096 |
|
|
Sur |
32044A50209096 32044A50200354 32044A50209095 32044A50209011 32044A50209093 |
|
|
Oeste |
32044A50200636 |
|
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.
Segundo. De conformidade co disposto no artigo 1 da devandita lei, «son montes veciñais en man común (...) os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».
Terceiro. É reiterada doutrina da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo que son dúas as notas características dos montes veciñais en man común: unha, o aproveitamento consuetudinario en man común, e outra, a atribución da titularidade dese aproveitamento aos veciños integrantes dun grupo social determinado, independentemente da súa cualificación ou non como entidade administrativa. Correspóndelle constatar o aproveitamento e atribuír a titularidade a favor do grupo social que o veña gozando ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense.
Cuarto. O carácter de monte veciñal en man común acredita mediante os testemuños dos veciños solicitantes, as actuacións realizadas polo Servizo de Montes e a documentación que consta no expediente.
En consecuencia co que antecede, unha vez examinada a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común; o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro; o Decreto 223/2022, do 22 de decembro, que establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, e a demais normativa legal e regulamentaria, o Xurado Provincial, por unanimidade dos seus membros,
RESOLVE:
Clasificar como monte veciñal en man común o monte denominado O Campo, no concello de Maceda, de acordo coa descrición realizada no feito cuarto.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989; nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 24 de xuño de 2025
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
