DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Xoves, 10 de xullo de 2025 Páx. 38551

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 30 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á modernización tecnolóxica e dixital nas estacións de servizo de ámbito rural da Comunidade Autónoma de Galicia, así como ao desenvolvemento de actuacións dirixidas a mellorar a súa seguridade, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento IN519F).

As estacións de servizo foron concibidas, na súa orixe, como instalacións de subministración de produtos petrolíferos polo miúdo e, como tales, son establecementos industriais sometidos aos regulamentos de seguridade industrial. Non obstante, nos últimos anos a maior parte destes establecementos foron diversificando a súa oferta, incluíndo a posibilidade de que a poboación poida adquirir outro tipo de produtos, entre os que adoitan estar distintos consumibles para os automóbiles, produtos de alimentación e consumo ou mesmo artigos do fogar, así como intercambiar bombonas de gases licuados do petróleo ou empregar as súas instalacións para o lavado e limpeza de vehículos.

Por outra parte, especialmente no ámbito rural, a presenza de estacións de servizo é clave para seguir proporcionando servizos á poboación, o que contribúe a manter o seu benestar e, polo tanto, á loita contra o despoboamento rural.

Por esta razón, e no marco das actuacións que a Xunta de Galicia leva a cabo para loitar contra o despoboamento rural, a Consellería de Economía e Industria considera necesario garantir a supervivencia das estacións de servizo, para o que é imprescindible que poidan manter un elevado número de servizos que garanta a súa competitividade e o seu futuro. Entre estes servizos non só se atopan os que actualmente prestan, senón outros innovadores que poden ser de grande utilidade para a poboación. Entre eles, como novidade de especial interese, atópase un novo servizo de entrega física de pequenas cantidades de diñeiro a clientes de entidades financeiras que teñan subscrito o corresponden acordo coa estación de servizo.

Para garantir a idoneidade dos servizos que actualmente prestan as estacións, ou de servizos que poidan prestar no futuro, e así garantir a viabilidade futura destes establecementos, cómpre manter e mellorar a aplicación de tecnoloxías innovadoras e dixitais aos distintos procesos que se levan a cabo neles.

Igualmente, nas estacións de servizo, como establecementos en que se almacenan produtos petrolíferos e tamén dispoñen doutras instalacións suxeitas a regulamentos de seguridade industrial, como as estacións de recarga de vehículos eléctricos, é necesario garantir a súa seguridade, non só desde un punto de vista de cumprimento de regulamentacións, senón tamén previndo accesos non controlados, co fin de conseguir o obxectivo último, compartido cos regulamentos de seguridade industrial, de protexer as persoas, os bens e o medio natural.

Polo exposto, como medio e instrumento para favorecer as actuacións indicadas, a Consellería de Economía e Industria considera necesario establecer un programa de axudas encamiñadas á modernización tecnolóxica, dixital e ao desenvolvemento de actuacións dirixidas a mellorar a súa seguridade en estacións de servizo situadas na Comunidade Autónoma de Galicia. Igualmente, procederase á convocatoria destas axudas para o ano 2025.

O desenvolvemento desta orde axustarase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Economía e Industria, en réxime de concorrencia competitiva, encamiñadas á modernización tecnolóxica e dixital nas estacións de servizo de ámbito rural da Comunidade Autónoma de Galicia, así como ao desenvolvemento de actuacións dirixidas a mellorar a súa seguridade, que se inclúen como anexo I a esta orde.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións conforme as bases reguladoras aprobadas nesta orde para o ano 2025.

3. Este procedemento administrativo ten asignado o código IN519F.

Artigo 2. Crédito orzamentario

1. As subvencións outórganse con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.732A.770.0, proxecto contable 2025-00074, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, de acordo coa seguinte distribución:

Aplicación

Denominación

Importe en euros

09.03.732A.770.0

Apoio á dixitalización e modernización das estacións de servizo rurais

800.000 €

2. Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitudes.

4. Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Solicitudes

Para poder ser persoa beneficiaria das subvencións deberá presentarse a solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican nas bases reguladoras.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 45 días naturais contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde.

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 5 meses.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal.

Este sistema remitirá ás persoas interesadas os avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico.

En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Artigo 8. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN519F, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (https://cei.xunta.gal).

b) No teléfono 981 54 55 72 de servizos centrais.

c) Presencialmente.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 981 90 06 43).

3. Guía de procedementos e servizos da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos), onde se recolle a información sobre este procedemento (código de procedemento IN519F).

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2025

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á modernización tecnolóxica e dixital nas estacións de servizo de ámbito rural da Comunidade Autónoma de Galicia, así como ao desenvolvemento de actuacións dirixidas a mellorar a súa seguridade, para o ano 2025

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a realización de actuacións de modernización tecnolóxica e dixital nas estacións de servizo de ámbito rural da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o desenvolvemento de actuacións dirixidas a mellorar a súa seguridade, para o ano 2025, promovendo a mellora da eficiencia operativa, o acceso a servizos financeiros por parte da poboación e o desenvolvemento económico mediante a incorporación de tecnoloxías innovadoras.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

3. Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 2831, do 15 de decembro de 2023). Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 300.000 euros durante o período dos tres anos previos. Para o cómputo do límite deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases reguladoras, as pemes legalmente constituídas e os empresarios autónomos, titulares de estacións de servizo situadas nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia de menos de 20.000 habitantes, de acordo cos últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística, que realicen investimentos de acordo co obxecto desta orde para a modernización tecnolóxica e dixital das estacións de servizo, sempre e cando cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a empresa figure de alta na clase 47.30 Comercio polo miudo de combustible para automóbiles do Real decreto 10/2025, do 14 de xaneiro, polo que se aproba a Clasificación nacional de actividades económicas 2025 (CNAE-2025).

b) Ter como mínimo dous empregados contratados por conta allea e dados de alta con contratos indefinidos. Para as estacións de servizo situadas en concellos cunha poboación inferior a 2.000 habitantes, será suficiente con ter un empregado contratado por conta allea con contrato indefinido ou que o titular sexa un empresario autónomo.

c) Que a estación de servizo figure inscrita no Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo de Produtos Petrolíferos Líquidos.

Os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

2. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias as empresas en que concorra algunha das causas de exclusión previstas no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 3. Actuacións e gastos subvencionables

1. Constitúen o obxecto destas axudas as seguintes tipoloxías de actuacións:

a) A adquisición e/ou instalación de sistemas e equipamentos dixitais para a mellora da xestión operativa da estación de servizo.

b) A implantación de sistemas e equipamentos asociados ao pagamento na estación de servizo, así como servizo de retirada de diñeiro en efectivo.

b.1) Sistemas e equipamentos dixitais para a mellora do pagamento.

b.2) Servizo de retirada de diñeiro en efectivo.

c) A integración de plataformas dixitais para a optimización da operativa de adquisición de produtos e servizos ofrecidos no establecemento.

d) A adquisición e/ou implantación de sistemas e equipamentos dirixidos a mellorar a seguridade da estación de servizo.

e) A adquisición e/ou implantación de sistemas e equipamentos dirixidos a garantir os servizos ofrecidos pola estación de servizo en caso interrupción da subministración de enerxía eléctrica a través da rede de distribución.

e.1) Sistemas de alimentación ininterrompida asociados aos equipamentos dixitais.

e.2) Grupos electróxenos destinados a garantir a subministración de enerxía eléctrica.

2. Período de gasto subvencionable admitido: consideraranse subvencionables todos os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2025 ata a data de xustificación do investimento.

3. Serán subvencionables os custos directamente relacionados coa execución das actuacións indicadas, incluíndo os seguintes:

a) Custos de adquisición de equipamentos tecnolóxicos e de software.

b) Custos de adquisición dos sistemas de alimentación ininterrompida e grupos electróxenos.

c) Custos de instalación, configuración e posta en marcha dos sistemas tecnolóxicos, dixitais, ou as actuacións dirixidas a mellorar a seguridade da estación de servizo.

d) Gastos de formación do persoal no uso de novas tecnoloxías.

e) Obras necesarias e asociadas á implantación dos sistemas anteriores.

4. Non se consideran custos subvencionables:

a) Os gastos de legalización.

b) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

c) Os gastos que se realicen en pagamento de taxas, licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Para seren subvencionables, as actuacións deberán estar en condicións de ser utilizadas unha vez finalizado o prazo de xustificación, sen prexuízo dos permisos, licenzas ou autorizacións que puidesen precisar.

6. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable. Do mesmo xeito, consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto nas bases reguladoras.

Artigo 4. Contía das axudas

1. As axudas reguladas por esta orde teñen a natureza xurídica de subvencións.

2. Con carácter xeral, a intensidade das axudas será dun 50 % do importe total do custo elixible da actuación e cun máximo de 30.000,00 euros por beneficiario. Para aquelas actuacións de tipoloxía e.2), de acordo coa clasificación establecida no artigo 3.1 destas bases reguladoras, a intensidade das axudas será dun 80 % do importe total do custo elixible das actuacións desa tipoloxía cun máximo de 5.000 euros por beneficiario, sempre que se respecte o máximo de 30.000 euros establecido para o conxunto da subvención.

3. O importe total das axudas de minimis concedidas a unha única empresa non excederá os 300.000 euros durante o período dos tres anos previos.

Artigo 5. Compatibilidade con outras axudas ou subvencións públicas

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación.

2. A persoa beneficiaria deberá declarar as axudas que solicitase ou obtivese, tanto ao presentar a solicitude da axuda como en calquera momento posterior do procedemento en que isto se produza.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 6. Solicitude e documentación complementaria

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e no prazo que se indique na convocatoria. As solicitudes (anexo II) subscribiranas directamente os interesados ou unha persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. Cada solicitante poderá presentar unha única solicitude por cada estación de servizo. No caso de que un solicitante presente para unha mesma estación de servizo máis dunha solicitude, unicamente sería admisible a trámite a presentada en primeiro lugar no rexistro de entrada.

Cada solicitude poderá recoller unha ou varias actuacións de distinta tipoloxía dentro das consideradas no artigo 3.1 destas bases reguladoras.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Autorización para a representación segundo o anexo III, cando proceda.

b) Documento oficial en que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa, tal como declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas, etc.

c) Para a acreditación da condición de pequena ou mediana empresa, deberanse achegar:

1º. Contas anuais da empresa solicitante e das empresas asociadas ou vinculadas, correspondentes ao último exercicio contable pechado, co xustificante de seren depositadas no rexistro correspondente.

2º. Relación nominal de traballadores (RNT) expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

d) Memoria descritiva das actuacións que se pretenden desenvolver, detallando as adquisicións previstas e incluíndo un orzamento desagregado por partidas.

e) Características técnicas dos equipamentos para os cales se solicita a axuda, subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante), onde se inclúan datos da potencia dos equipamentos.

f) Cando o investimento sen IVE da actuación sexa inferior a 15.000 €, o beneficiario deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto.

Cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €, deberán solicitarse como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación, e presentalas xunto coa solicitude de axuda.

As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir cos seguintes requisitos:

1º. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta. Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante. Para estes efectos, considérase que existe vinculación entre empresas segundo o recollido no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do Decreto 11/2009, que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831.

2º. Deberán incluír, como mínimo, o NIF, o nome e o enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír, no caso de obra civil e instalacións, a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúa, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos, a súa marca, o modelo, así como as características técnicas, e no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes.

3º. Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que parezan de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

4º. O solicitante da axuda deberá achegar unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

5º. Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que, polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe acreditativo desta circunstancia asinado por un experto independente.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polas persoas interesadas, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia.

h) Imposto de actividades económicas (IAE) da persoa ou entidade solicitante.

i) Consulta de vida laboral dos últimos 12 meses.

j) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

l) Concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ao solicitante a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 10. Órgano competente

A Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión de subvencións e corresponde á persoa titular da Consellería de Economía e Industria ditar a resolución da concesión.

Artigo 11. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os mencionados requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG, que producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 12. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidente: a persoa titular da Subdirección Xeral de Administración e Seguridade Industrial ou persoa en que delegue.

b) Vogais: as persoas responsables de cada un dos departamentos territoriais da Consellería de Economía e Industria ou unha persoa funcionaria designada por elas.

c) Secretaría: a persoa titular do Servizo de Seguridade Industrial ou unha persoa funcionaria designada pola persoa titular da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial.

Poderá estar asistida polo persoal técnico que se considere necesario.

3. Na relación valorada de solicitudes figurará a avaliación que lle corresponde a cada proxecto segundo os criterios recollidos no artigo seguinte.

Artigo 13. Criterios de valoración

Os proxectos que se presenten serán técnica e economicamente viables, ademais o procedemento de concesión será o de concorrencia competitiva. Establécense os seguintes criterios de valoración das solicitudes:

1. Impacto das tipoloxías de actuación na mellora dos servizos ofrecidos (ata un máximo de 60 puntos).

– Sistemas e equipamentos dixitais para a mellora da xestión operativa: 7,5 puntos.

– Sistemas e equipamentos dixitais para a mellora do pagamento: 7,5 puntos.

– Implantación de sistemas de retirada de diñeiro en efectivo: 10 puntos.

– Integración de plataformas dixitais para optimizar a adquisición de produtos e servizos: 7,5 puntos.

– Sistemas e equipamentos dirixidos a mellorar a seguridade da estación de servizo: 10 puntos.

– Sistemas de alimentación ininterrompida asociados aos equipamentos dixitais: 7,5 puntos.

– Grupos electróxenos destinados a garantir a subministración de enerxía eléctrica, en función das súas características (ata 10 puntos):

• Dotado de sistema de arranque automático (ATS): 3 puntos.

• Insonorizado: 3 puntos.

• Adecuación da potencia do grupo electróxeno á potencia da estación de servizo: (ata 4 puntos):

◦ Potencia do grupo electróxeno igual ou superior á potencia máxima instalada da estación de servizo (4 puntos).

◦ Potencia do grupo electróxeno igual ou superior ao 75 % da potencia máxima instalada da estación de servizo (3 puntos).

◦ Potencia do grupo electróxeno igual ou superior ao 50 % da potencia máxima instalada da estación de servizo (2 puntos).

- Potencia do grupo electróxeno igual ou superior ao 25 % da potencia máxima instalada da estación de servizo (1 punto).

2. Contribución ao desenvolvemento económico e social de zonas rurais (ata un máximo de 30 puntos).

– Estación de servizo situada nun concello con poboación igual ou inferior a 2.000 habitantes: 30 puntos.

– Estación de servizo situada nun concello con poboación superior a 2.000 habitantes e inferior a 10.000 habitantes: 20 puntos.

– Estación de servizo situada nun concello con poboación igual ou superior a 10.000 habitantes: 10 puntos.

Para as cifras de poboación dos concellos tomaranse os valores máis recentes que figuren publicados na web do Instituto Galego de Estatística (IGE).

3. Viabilidade do proxecto (ata 10 puntos).

Valorarase o menor custo subvencionable en relación cos custos subvencionables das solicitudes admitidas para a súa valoración (máximo 10 puntos). A asignación de puntos farase do seguinte modo: a solicitude co maior custo subvencionable será valorada con cero puntos e a de menor custo coa máxima puntuación (10 puntos); as solicitudes de custo intermedio valoraranse de xeito lineal tendo como extremos os valores anteriores.

No caso de empates na puntuación terán preferencia os proxectos presentados segundo a seguinte orde: 1º) solicitudes con maior puntuación no número 1 dos criterios; 2º) solicitudes presentadas en que a estación de servizo estea situada nun concello con menor número de habitantes, e 3º) menor custo subvencionable do proxecto. No caso de persistir o empate, a orde de prelación será a de presentación no rexistro de entrada.

Artigo 14. Resolución e notificación

1. Á vista da relación valorada das solicitudes e da relación de expedientes que derive do disposto no artigo 11.4, o órgano instrutor emitirá a proposta de resolución que elevará á conselleira de Economía e Industria.

2. Os expedientes que, formando parte da listaxe de valoración, non resulten propostos para o seu financiamento por esgotamento do crédito dispoñible proporanse para a súa incorporación nunha listaxe de agarda para seren atendidos ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co posible incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

3. A persoa titular da Consellería Economía e Industria, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos a identificación da persoa beneficiaria, a actuación que se subvenciona, o custo elixible da actuación, a contía da axuda e o carácter de minimis da subvención facendo referencia ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. Ademais, terase en conta o establecido no artigo 34.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, que se contará a partir do seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 da Lei 39/2015, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios da Consellería Economía e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderán remitirse os beneficiarios para que consulten información detallada da resolución no taboleiro de anuncios antes citado.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas de desestimación. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que os non beneficiarios consulten a información detallada da súa resolución no taboleiro da Consellería Economía e Industria.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

A persoa beneficiaria deberá achegar toda a documentación que se vexa modificada en relación coa validada ao ditar a resolución de concesión, de forma que a nova documentación achegada será validada polo órgano instrutor co obxecto de verificar o cumprimento do establecido nestas bases reguladoras.

2. Poderase acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, debendo cumprirse os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A modificación debe solicitarse cunha antelación mínima dun mes á data de finalización do prazo de realización da actuación subvencionable.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Economía e Industria, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou, se non for expresa, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses que se contarán a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 17. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015.

Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o órgano concedente a realización da actividade, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinan a concesión e o desfrute da subvención. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os equipamentos subvencionados deberán permanecer destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención por un período non inferior a dous anos, tal como recollen o artigo 31.4.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

5. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Subministrar toda a información necesaria para que a consellería poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

7. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda e conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de dous anos.

8. En cumprimento do artigo 15.3 da Lei de 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberán constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia.

9. En relación coa publicidade do financiamento, o beneficiario deberá, durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego, informar o público do apoio obtido da Xunta de Galicia colocando nun lugar ben visible para o público un cartel informativo sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), conforme o modelo indicado no anexo IV.

10. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Subcontratación polos beneficiarios das actividades subvencionadas

Permítese a subcontratación total ou parcial ata o 100 % das actuacións, suxeita ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao disposto no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención as persoas beneficiarias terán ata o 31 de outubro de 2025 para presentar electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá do beneficiario, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a seguinte documentación:

a) Facturas orixinais das actuacións realizadas, nas cales os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra. Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegar unha copia auténtica electrónica da factura orixinal en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa reguladora do procedemento administrativo común.

b) Xustificantes de pagamento das facturas nos cales deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento.

Non se admitirán os pagamentos en efectivo, así como os xustificantes obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

1º. Xustificante bancario (transferencia bancaria ou certificación bancaria) en que conste: o titular da conta desde a cal se realiza a operación que debe coincidir, en todo caso, coa persoa beneficiaria da subvención, receptor do pagamento (empresa ou autónomo) e número da factura obxecto de pagamento.

2º. Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, nota promisoria, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta da persoa beneficiaria, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria dentro do prazo de xustificación.

Tanto no caso do cheque nominativo como de nota promisoria, para os efectos de data de pagamento, considerarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se considerará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

No suposto de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase anexar unha relación delas, asinada polo representante legal da persoa beneficiaria.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

c) Informe técnico da actuación realizada en que se describa a realización total do proxecto ou actuación e os datos e incidencias máis significativas na súa execución.

d) Nos casos en que proceda, xustificante de solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria, no cal se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación, se for necesario.

e) Fotografía do cartel informativo a que se refire o artigo 18.9 destas bases reguladoras.

f) Fotografías dos equipamentos principais instalados no lugar, incluíndo cando proceda fotografías das placas de características técnicas dos equipamentos.

g) Anexo V: declaración actualizada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía.

2. Transcorrido o prazo establecido para a xustificación da subvención sen ter sido esta presentada pola persoa beneficiaria perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días hábiles a presente.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

3. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación das subvencións aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas persoas beneficiarias, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección

4. Os órganos competentes da Consellería de Economía e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á subvención.

Artigo 21. Comprobación e pagamento das axudas

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión ou desfrute da subvención.

2. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, manténdose constante a porcentaxe da axuda respecto ao custo total do investimento.

3. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

Artigo 22. Incumprimentos, reintegros e sancións

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial poderá apreciar un incumprimento parcial, polo que deberá propoñer a resolución sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, de ser o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos de base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, e beberán, de ser o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida de acordo coa seguinte graduación:

1º) Non comunicar á Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actuacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontando o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

2º) Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 18 destas bases, así como non axustarse os carteis ao formato e ás dimensións mínimas establecidas no anexo IV, suporá a perda dun 5 % da subvención concedida.

3. Incumprimento total, coa revogación da axuda concedida e reintegro, se é o caso, das cantidades percibidas, nos seguintes casos:

– Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

– Cando non se xustifique ante a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

– Cando non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, así coma calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Control

1. A Consellería de Economía e Industria poderá facer as actividades de control que considere oportunas para verificar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas ao labor interventor e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, coa obriga por parte dos beneficiarios de achegar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das anteriores actuacións.

Artigo 24. Remisión normativa

As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

a) Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 2831, do 15 de decembro de 2023).

b) Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

Para todo o non disposto nestas bases observarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

(Anexo Informativo-Cartel)

Modelo de cartel informativo

missing image file

Características:

1. Tamaño mínimo A3.

2. O material deberá ser resistente: aluminio, metacrilato ou similar.

3. Texto: empregarase a tipografía Xunta Sans en cor branca con referencia pantone white/RGB 255,255,255 sobre un fondo azul, pantone 7461 C / RGB 0,123,196.

4. Logos e marxes:

• O logo Xunta de Galicia ocupará o ancho do soporte cunha marxe ao seu redor da metade do ancho do escudo.

• A altura do logo da entidade solicitante será como máximo o 60 % da altura do logo Xunta de Galicia.

missing image file
missing image file