BDNS (Identif.): 844534.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/844534
Primeiro. Beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases reguladoras, as pemes legalmente constituídas e os empresarios autónomos, titulares de estacións de servizo situadas nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia de menos de 20.000 habitantes, de acordo cos últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística, que realicen investimentos de acordo co obxecto desta orde para a modernización tecnolóxica e dixital das estacións de servizo sempre e cando cumpran os seguintes requisitos:
a) Que a empresa figure de alta na clase 47.30, Comercio polo miúdo de combustible para automóbiles, do Real decreto 10/2025, do 14 de xaneiro, polo que se aproba a Clasificación nacional de actividades económicas 2025 (CNAE-2025).
b) Ter como mínimo dous empregados contratados por conta allea e dados de alta con contratos indefinidos. Para as estacións de servizo situadas en concellos cunha poboación inferior a 2.000 habitantes, será suficiente con ter un empregado contratado por conta allea con contrato indefinido ou que o titular sexa un empresario autónomo.
c) Que a estación de servizo figure inscrita no Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo de Produtos Petrolíferos Líquidos.
Os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.
Segundo. Obxecto
Regular a concesión de subvencións para a realización de actuacións de modernización tecnolóxica e dixital nas estacións de servizo de ámbito rural da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o desenvolvemento de actuacións dirixidas a mellorar a súa seguridade, para o ano 2025, promovendo a mellora da eficiencia operativa, o acceso a servizos financeiros por parte da poboación e o desenvolvemento económico mediante a incorporación de tecnoloxías innovadoras.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 30 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á modernización tecnolóxica e dixital nas estacións de servizo de ámbito rural da Comunidade Autónoma de Galicia, así como ao desenvolvemento de actuacións dirixidas a mellorar a súa seguridade, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento IN519F).
Publicadas no Diario Oficial de Galicia.
Cuarto. Contía
Importe total da convocatoria: 800.000 euros.
Intensidade das axudas: 50 % do importe total do custo elixible da actuación e cun máximo de 30.000,00 euros por beneficiario. Para aquelas actuacións de tipoloxía e.2), de acordo coa clasificación establecida no artigo 3.1 destas bases reguladoras, a intensidade das axudas será dun 80 % do importe total do custo elixible das actuacións desa tipoloxía cun máximo de 5.000 euros por beneficiario, sempre que se respecte o máximo de 30.000 euros establecido para o conxunto da subvención.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
45 días naturais contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2025
María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria
