BDNS (Identif.): 844862.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/844862
Primeiro. Entidades beneficiarias
1. Poderán optar a estas axudas as entidades privadas que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, non accedan á bonificación a través doutras liñas de axuda da Consellería de Política Social e Igualdade, apliquen a gratuidade da atención educativa nas escolas infantís 0-3 da súa titularidade ou da súa xestión e cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar debidamente inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Igualdade, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
b) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas dispoña do permiso de inicio de actividades para a prestación do servizo de escola infantil outorgado pola Consellería de Política Social e Igualdade.
c) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas dispón da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación e están empadroados nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas ten as súas tarifas desagregadas por tipo de gasto e actualizadas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Igualdade.
2. Quedan excluídas do previsto no número anterior as entidades privadas que xestionan escolas infantís 0-3 de titularidade da Axencia Galega de Servizos Sociais, do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e de titularidade municipal.
Segundo. Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto convocar, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas a entidades privadas para promover a aplicación nas escolas infantís 0-3 anos da súa titularidade dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada aos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia entre o 1 de setembro de 2025 e o 31 de xullo de 2026 (código de procedemento BS420C).
2. Así mesmo, serán destinatarias da concesión de axudas económicas as entidades privadas xestoras destes recursos que acrediten a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada dende o inicio do dito curso.
3. Para os efectos desta orde entenderase por atención educativa o conxunto de atencións e coidados profesionais de carácter integral, prestados baixo unha perspectiva educativa, aos nenos e ás nenas durante a súa estancia nunha escola infantil, segundo a modalidade de xornada pola que opten. A opción elixida implica a asistencia regular e continuada á escola infantil durante un máximo de 8 e un mínimo de 3 horas diarias, respectivamente.
Exceptúase da actuación subvencionable o custo do servizo de comedor, cociña, as actividades extra á atención educativa, os materiais, e calquera outro tipo de servizos e conceptos que supoñan un custo adicional cuantificable para a escola infantil.
4. Para ter dereito ás axudas reguladas nesta orde os nenos e nenas deben ter a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.
5. Para os efectos desta orde, considérase que as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo multiplicarase por dous.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 2 de xullo de 2025 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3 para o curso 2025/26 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420C).
Cuarto. Financiamento
1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 47.097.512 euros coa seguinte desagregación:
|
Aplicación orzamentaria |
Código proxecto |
Ano 2025 |
Ano 2026 |
Total |
|
08.02.312B.470.2 |
2020.00052 |
12.837.990 € |
22.466.483 € |
35.304.473 € |
|
08.02.312B.481.3 |
2020.00052 |
4.288.377 € |
7.504.662 € |
11.793.039 € |
|
Total |
17.126.367 € |
29.971.145 € |
47.097.512 € |
|
2. O artigo 7.un.s) da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, establece que terán excepcionalmente a consideración de ampliables os créditos incluídos na aplicación 08.02.312B.470.2 que financien a gratuidade na educación infantil de 0 a 3 anos e os créditos incluídos na aplicación orzamentaria 08.02.312B.481.3 destinados a financiar a gratuidade da atención educativa nas escolas infantís de 0 a 3 anos.
3. O incremento dos créditos sinalados nos números anteriores queda condicionado á declaración da súa dispoñibilidade previa aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
Quinto. Tipos de axuda e contía
1. A convocatoria comprende unha liña de axudas destinada a compensar a aplicación da bonificación do 100 % do prezo da atención educativa na contía do prezo mensual que lle correspondera aboar á familia segundo as tarifas establecidas polas horas de asistencia do neno ou nena ata un máximo de 350 euros/mes por praza a xornada completa, excluído o mes de vacacións do neno ou nena.
2. As axudas calcularanse en función das tarifas da escola infantil no curso 2025/26, as cales poderán incrementarse, respecto das do curso anterior, ata un 4 % sen superar o tope de 350 euros por atención educativa no cal está incluída a parte proporcional da matrícula. No caso de escolas infantís cuxo prezo por xornada completa unha vez realizado o incremento do 4 % indicado resultase inferior a 300 euros, poderán realizar un incremento de ata o dito prezo de 300 euros. O cálculo deste importe obterase multiplicando 11 mensualidades, como máximo, polo número de prazas ocupadas na escola infantil a data 1 de marzo de 2025 e polas tarifas correspondentes.
No caso de escolas infantís que obteñan o permiso de inicio de actividades transcorrido o prazo ordinario de presentación de solicitudes, o cálculo da axuda obterase multiplicando 11 mensualidades, como máximo, polo número de prazas autorizadas no permiso de inicio de actividades ou polo número de nenos/as matriculados na escola infantil no momento de presentación da solicitude e polas tarifas correspondentes.
3. Para os efectos do previsto nos números anteriores, durante todo o período subvencionable a entidade entregará ás familias os xustificantes mensuais de pagamento en que conste o número de horas ao día de asistencia e o importe que lle correspondería aboar coa lenda prezo bonificado 100 % pola Xunta de Galicia.
Nos supostos nos que as axudas non acaden o 100 % do custo da atención educativa será a cargo das entidades beneficiarias a contía da bonificación no que exceda da contía da subvención outorgada pola Administración autonómica.
4. As entidades beneficiarias destas axudas poderán cobrar ás familias ata a contía establecida para unha mensualidade do prezo pola xornada solicitada en concepto de reserva de praza. Unha vez realizada a inscrición e constatada a asistencia á escola infantil durante un mínimo dun mes o pagamento efectuado será compensado pola entidade beneficiaria ao longo do curso escolar por partes proporcionais a partir do mes de outubro segundo os meses que resten para finalizar o curso vixente, con outros servizos e conceptos distintos da atención educativa que preste no centro.
5. En ningún caso as entidades beneficiarias titulares ou xestoras de escolas infantís poderán cobrar ás familias por conceptos diferentes aos xa establecidos na tarifa de prezos dos cursos anteriores, agás que se ofrezan novos produtos ou servizos de contratación voluntaria. Tampouco poderán cobrar polo desenvolvemento do proxecto educativo nin pedagoxías alternativas.
6. A falta de asistencia á escola infantil 0-3 durante un período de 5 días consecutivos sen xustificar dará lugar á baixa do alumno/a no programa da gratuidade.
7. No caso de traslados de centro unha vez comezado o mes, a axuda correspondente ao dito mes aboarase de xeito proporcional a cada un dos centros en que se cause a baixa e se produza a alta.
8. As entidades beneficiarias titulares ou xestoras das escolas ofertarán o servizo de atención educativa durante un mínimo de 8 horas diarias.
9. As axudas polas altas, que non respondan a un traslado, que se produzan na escola infantil despois do día 1 do mes de ingreso no centro serán aboadas na parte proporcional que corresponda desde o día de alta.
10. As baixas, que non respondan a un traslado de centro, que se produzan na escola infantil despois do día 1 do mes correspondente serán aboadas na parte proporcional que corresponda ata o día da baixa.
11. A asistencia á escola infantil por un período igual ou inferior a un mes, agás que se trate dun traslado efectivo de centro, non se considera asistencia regular e continuada e non xera dereito ao pagamento da cota correspondente nin a devolución da contía aboada en concepto de reserva de praza.
Sexto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. No caso de escolas infantís que obteñan o permiso de inicio de actividades con posterioridade á publicación desta convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de notificación do dito permiso finalizando en todo caso o 28 de novembro de 2025.
No caso de escolas infantís en que se producise un cambio de titularidade e a entidade cesante non solicitara esta subvención, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de notificación do dito permiso finalizando en todo caso o 28 de novembro de 2025.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación ou, de ser o caso, do día da notificación do permiso de inicio de actividades. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2025
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
